Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 155 Mércores, 17 de agosto de 2022 Páx. 44125

III. Outras disposicións

Axencia Galega das Industrias Culturais

RESOLUCIÓN do 21 de xullo de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para o desenvolvemento de proxectos audiovisuais individuais que favorezan a recuperación económica do sector ao abeiro do programa Hub da industria creativa galega, financiadas ao 100 % polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) dentro do eixe REACT-UE do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, como parte da resposta da Unión Europea á pandemia da COVID-19, e se procede á súa convocatoria para a anualidade 2022 (código de procedemento CT207B).

O Estatuto de autonomía de Galicia establece no artigo 27.19 que lle «corresponde á Comunidade Autónoma galega a competencia e fomento da cultura e da investigación en Galicia», sen prexuízo do establecido no artigo 149.2 da Constitución.

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, ten a responsabilidade de promocionar e fomentar a cultura galega, sendo a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) o ente instrumental no cal centraliza os programas de apoio destinados a reforzar o papel dos creadores individuais, empresas e industrias culturais privadas.

A Axencia Galega das Industrias Culturais, creada pola Lei 4/2008, do 23 de maio, concíbese, segundo o previsto nos artigos 3, 4 e 5, como unha entidade de dereito público con personalidade xurídica propia, patrimonio propio e autonomía na súa xestión, que ten por obxecto consolidar as industrias do sector cultural galego para promover un tecido empresarial capitalizado, competitivo e innovador, fomentar a creación, potenciar a comercialización de bens e servizos culturais de calidade e favorecer a difusión da lingua e da cultura galegas como elementos singulares.

A axencia pretende fomentar a demanda de produtos culturais na sociedade galega e, ao tempo, aumentar a exportación. Os destinatarios da actividade da Axencia son as empresas culturais privadas dedicadas principalmente á produción, distribución ou comercialización de produtos culturais.

Entre eses produtos, o audiovisual é un campo no cal a Agadic vén traballando intensamente nos últimos anos, entendendo que é un dos eidos con máis potencial non só económico senon tamén como xerador dun valor engadido importante para a conservación, consolidación e difusión do acervo cultural galego e europeo.

A Axencia, no desenvolvemento do seu labor a prol do audiovisual, concorda co establecido na Lei 55/2007, do 28 de decembro, do cine, na súa exposición de motivos cando di que: «a actividade cinematográfica e audiovisual conforma un sector estratéxico da nosa cultura e da nosa economía. Como manifestación artística e expresión creativa, é un elemento básico da entidade cultural dun país. A súa contribución ao avance tecnolóxico, ao desenvolvemento económico e á creación de emprego, xunto á súa achega ao mantemento da diversidade cultural, son elementos suficientes para que o Estado estableza as medidas necesarias para o seu fomento e promoción, e determine os sistemas máis convenientes para a conservación do patrimonio cinematográfico e a súa difusión dentro e fóra das nosas fronteiras. Todo iso, considerando que a cultura audiovisual, da que sen dúbida o cinema constitúe unha parte fundamental, áchase presente en todos os ámbitos da sociedade actual».

A nova liña de subvencións encádrase no proxecto Hub audiovisual-industria cultural vinculado ao programa REACT da Unión Europea, actuación 20.1.3.2.4 de axudas para o impulso da industria cultural e creativa galega, que promove a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, co que se pretende aumentar a capacidade competitiva das empresas culturais galegas e incentivar a creación de traballos sustentables que integren a totalidade da cadea de valor desta industria.

Concretamente, esta actuación corresponde a:

Eixe Prioritario: 20. Favorecer a reparación da crise no contexto da pandemia da COVID-19 e as súas consecuencias sociais e preparar unha recuperación verde, dixital e resiliente da economía

Prioridade de Investimento 13i. Favorecer a reparación da crise no contexto da pandemia da COVID-19 e as súas consecuencias sociais, e preparar unha recuperación verde, dixital e resiliente da economía

Obxectivo Específico OE 20.1.3.2 OE REACT-UE 3.2.

Actuación CPSO 20.1.3.2.4 Axudas para o impulso da industria cultural e creativa galega.

Campo de Intervención 067-Desenvolvemento empresarial das peme, apoio ao espírito de empresa e a incubación (incluíndo o apoio a empresas incipientes e empresas derivadas)

Liña de actuación 81-Medidas de impulso do sector audiovisual.

A Estratexia Europa 2020 (EE2020) fixa o marco xeral de actuación cara ao que deben enfocarse os esforzos da política de cohesión europea, que financian os fondos estruturais e de investimento europeos, entre eles o Fondo de Desenvolvemento Rexional (Feder). A EE2020 fixa tres modelos de crecemento e desenvolvemento, así como os criterios de intervención para logralos:

1. Desenvolvemento intelixente: favorecer unha economía fundamentada no coñecemento e a innovación.

2. Desenvolvemento sustentable: promoción dunha economía máis eficiente no uso dos recursos, máis ecolóxica e competitiva.

3. Desenvolvemento integrador: fomento dunha economía con altas taxas de emprego que permita avanzar na cohesión social territorial.

Neste contexto, a UE recomenda que a intervención dos fondos Feder no ámbito da cultura deben ir dirixidos ao apoio dos sectores culturais estreitamente ligados á innovación e á creatividade. Por iso, o impulso ás industrias culturais e creativas, co fin de desenvolver a competitividade para que contribúa ao emprego e ao crecemento, resulta tan importante, e onde o sector audiovisual xoga un papel destacado e especial .

Esta resolución ten como obxecto establecer as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas ao desenvolvemento de proxectos audiovisuais individuais que favorezan o fortalecemento das empresas produtoras e a promoción do talento creativo, dentro das accións para a recuperación do sector audiovisual que se levan a cabo ao abeiro do programa hub da industria creativa galega.

Con esta convocatoria de axudas preténdense apoiar os procesos previos á produción audiovisual de cara a promover contidos sólidos, ambiciosos e competitivos no mercado global da difusión de cine e televisión. O obxectivo último é fomentar proxectos de propiedade industrial galega que contribúan á consolidación do sector nos seus distintos ámbitos.

De acordo co anterior,

RESOLVO:

Artigo 1. Convocatoria e bases reguladoras

1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases, que se inclúen como anexo I, polas que se rexerá a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas da Axencia Galega das Industrias Culturais para o desenvolvemento de proxectos audiovisuais individuais que favorezan a recuperación económica do sector ao abeiro do programa Hub da industria creativa galega financiado ao 100 % polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) dentro do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, no marco do eixe REACT-UE, actuación 20.1.3.2.4 de axudas para o impulso da industria cultural e creativa galega, e se procede á convocatoria para a anualidade 2022 (código de procedemento CT207B).

Segundo establece o Regulamento UE nº 651/2014, da Comisión, do 17 de xuño de 2014, os réximes de axuda concibidos para apoiar a elaboración de guións, o desenvolvemento, a produción, a distribución e a promoción de obras audiovisuais serán compatibles co mercado interior segundo ao artigo 107, punto 3, do Tratado, e quedarán exentos da obriga de notificación prevista no artigo 108, punto 3, do Tratado, sempre que se cumpran as condicións previstas no propio regulamento; unha das condicións exixidas é que as axudas se destinarán a un produto cultural, condición imprescindible na presente convocatoria. De conformidade co artigo 54 do Regulamento, «a fin de evitar erros manifestos á hora de cualificar un produto como cultural, cada Estado membro establecerá procesos eficaces, como a selección de propostas por unha ou varias persoas encargadas da selección, ou a verificación con respecto a unha lista predeterminada de criterios culturais».

Nesta convocatoria defínense os requisitos para obter o certificado cultural que expide o Instituto da Cinematografía e das Artes Audiovisuais (ICAA) de España, e a fórmula da declaración responsable para acreditar o seu cumprimento. A convocatoria establece tamén os criterios que permitirán seleccionar as solicitudes propostas para subvención, que estarán baseados nos seguintes aspectos: promoción do talento creativo galego, novo talento e promoción da igualdade; solvencia da entidade solicitante ou da produción executiva e dos/das autores/as en relación con obras realizadas; calidade do proxecto; viabilidade de produción e internacionalización e contribución ao fomento do audiovisual galego; adecuación do orzamento.

2. As actuacións subvencionables con cargo a estas axudas estarán financiadas ao 100 % a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), polo que deberán cumprirse as obrigas específicas e demais disposicións que se establecen ao respecto nestas bases reguladoras.

3. Estas subvencións financiaranse con cargo aos créditos orzamentarios da Axencia Galega das Industrias Culturais asignados para esta finalidade nos orzamentos 2022 e 2023 do ente a través da aplicación 10.A1.432B.770.0.código de proxecto 2021 00001.

Artigo 2. Persoas beneficiarias

Poderán optar a estas subvencións todas as persoas físicas (autónomas) ou xurídicas, constituídas como produtoras audiovisuais independentes e dadas de alta na epígrafe IAE 961.1, que conten cunha antigüidade mínima e sen interrupcións dun ano en ambos os dous casos. Ademais, deberán ter unha sucursal ou oficina permanente de polo menos un ano previo a esta convocatoria na Comunidade Autónoma de Galicia ou nun Estado membro da UE ou que forme parte do acordo que establece a Área Económica Europea, que desenvolvan a súa actividade habitual en Galicia e cumpran cos requisitos establecidos nas bases reguladoras.

Artigo 3. Solicitudes

1. Para poder ser persoa beneficiaria da subvención deberá presentarse unha solicitude axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo II desta resolución, que irá acompañada dos documentos que se especifican no artigo 10 das bases reguladoras. Aquelas solicitudes que sexan presentadas sen consignar os documentos que se consideran obrigatorios no dito artigo non serán admitidas a trámite.

2. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

3. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.

Para a presentación electrónica das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

4. O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes desde o día seguinte á publicación da correspondente convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 4. Prazo de duración do procedemento de concesión

As solicitudes serán tramitadas de acordo co procedemento establecido nas bases reguladoras e non poderá ter unha duración superior aos cinco meses contados a partir do día seguinte ao remate de presentación de solicitudes. Transcorrido o dito prazo para resolver sen que se dite resolución expresa, as persoas interesadas poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo, de conformidade co artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 5. Información ás persoas interesadas

1. Sobre este procedemento administrativo poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Axencia Galega das Industrias Culturais, a través dos seguintes medios:

a) Páxina web oficial da Axencia Galega das Industrias Culturais: http://agadic.gal

b) Os teléfonos 881 99 60 77/881 99 60 78.

c) No enderezo electrónico agadic@xunta.gal

d) Persoalmente.

e) Na guía de procedementos e servizos administrativos no enderezo http://sede.xunta.gal/guia-de-procedementos-e-servizos

2. Así mesmo, para cuestións xerais sobre este procedemento, poderá facerse uso do teléfono de información xeral da Xunta de Galicia 012.

3. De acordo co establecido no artigo 14, letra ñ) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as persoas físicas e as entidades beneficiarias quedan informadas da existencia do Rexistro Público de Subvencións.

Artigo 6. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, á que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 7. Réxime de recursos

Esta resolución pon fin á vía administrativa e contra ela poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante o presidente do Consello Reitor da Axencia Galega das Industrias Culturais, no prazo dun mes contado a partir do seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

b) Recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses contados desde o seguinte ao de publicación da resolución, de conformidade co disposto no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela.

Artigo 8. Base de datos nacional de subvencións

En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo será comunicado á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento

Facúltase a persoa titular da Dirección da Agadic para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento e a aplicación desta resolución.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 21 de xullo de 2022

Román Rodríguez González
Presidente da Axencia Galega das Industrias Culturais

ANEXO I

Bases reguladoras das axudas en concorrencia competitiva para o desenvolvemento de proxectos audiovisuais individuais que favorezan a recuperación económica do sector ao abeiro do programa Hub da industria creativa galega, financiadas ao 100 % polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) dentro do programa operativo feder Galicia 2014-2020, no marco do eixe REACT-UE (código de procedemento CT207B)

Artigo 1. Obxecto e réxime das axudas

1. Estas bases teñan por obxecto determinar as condicións polas cales se regulará a concesión de axudas, en réxime de concorrencia competitiva, da Axencia Galega das Industrias Culturais para o desenvolvemento de proxectos audiovisuais individuais que favorezan a recuperación económica do sector ao amparo do programa Hub da industria creativa galega, para o ano 2022 (código de procedemento CT207B).

2. Para os efectos das presentes bases, enténdese por proxecto audiovisual individual aquel sobre o que que se realizarán as accións e tarefas relacionadas coa fase previa á produción da obra audiovisual, dentro do período subvencionable. Entre as accións e tarefas propias da fase de desenvolvemento están a escrita ou mellora do guión, a busca de localizacións, as xestións para a obtención de recursos económicos, os plans iniciais de venda e distribución, os asesoramentos de terceiros relacionados con aspectos tecnolóxicos, a adquisición de dereitos, a investigación en arquivos, a elaboración do guión gráfico, a realización do orzamento de produción, e outras que teñan que ver cos traballos que require o propio proxecto polas súas características específicas.

3. Estas subvencións serán tramitadas e concedidas, en réxime de concorrencia competitiva, e de acordo cos seguintes principios:

a) Publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación.

b) Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Administración outorgante.

c) Eficiencia na asignación de efectivos e na utilización de recursos públicos.

4. De conformidade co artigo 54 do Regulamento UE nº 651/2014, da Comisión Europea, do 17 de xuño de 2014, os réximes de axuda concibidos para apoiar a elaboración de guións, o desenvolvemento, a produción, a distribución e a promoción de obras audiovisuais serán compatibles co mercado interior segundo o artigo 107, punto 3, do Tratado, e quedarán exentos da obriga de notificación prevista no artigo 108, punto 3, do Tratado, sempre que se cumpran as condicións previstas no propio regulamento, e unha das condicións exixidas é que as axudas se destinarán a un produto cultural, condición imprescindible nesta convocatoria. Estas bases establecen a fórmula de declaración responsable para acreditar o cumprimento dos requisitos para a obtención do certificado cultural que expide o Instituto da Cinematografía e das Artes Audiovisuais (ICAA) de España, así como os criterios que permitirán seleccionar as solicitudes propostas para subvención.

Artigo 2. Persoas beneficiarias

1. Poderán optar a estas subvencións todas as persoas físicas (traballadoras autónomas) ou xurídicas, constituídas como produtoras audiovisuais independentes dadas de alta cunha antigüidade mínima, e sen interrupcións, dun ano na epígrafe IAE 961.1, e con sucursal ou oficina permanente de polo menos un ano previo a esta convocatoria na Comunidade Autónoma de Galicia ou nun Estado membro da UE ou que forme parte do acordo que establece a Área Económica Europea, que desenvolvan a súa actividade habitual en Galicia e cumpran os requisitos establecidos nestas bases.

Por produtora audiovisual independente enténdese, para os efectos desta convocatoria, toda persoa física (autónoma) ou xurídica privada, que teña a iniciativa e asuma a responsabilidade na produción audiovisual e non sexa obxecto de influencia dominante por parte dun prestador de servizo de comunicación/difusión audiovisual nin dun titular de canal televisivo privado nin, pola súa parte, exerza unha influencia dominante, tal e como establece a Lei 55/2007, do 28 de decembro, do cinema, artigo 4.n).

Quedan excluídas desta convocatoria as agrupacións de interese económico.

2. A entidade solicitante deberá posuír, cando menos, a opción de compra sobre os dereitos de propiedade intelectual do concepto, tema, tratamento, guión ou biblia dos contidos que se presentan ou os dereitos de adaptación cando se trate de obras preexistentes. No caso de existir acordos de codesenvolvemento entre empresas produtoras aceptarase unha repartición equitativa de dereitos entre elas. A posesión dos dereitos deberá ter unha duración mínima suficiente para cubrir todo o cronograma de desenvolvemento do proxecto.

3. A entidade solicitante deberá ter un acordo ou precontrato cun director e/ou guionista para o desenvolvemento do proxecto audiovisual.

4. Así mesmo, as entidades beneficiarias deben estar comprendidas na definición de pequena e mediana empresa (peme) segundo a definición contida no Regulamento (UE) nº 651/2014, da Comisión, do 17 de xuño de 2014, sobre a definición de microempresas, pequenas e mediana empresas (DOUE-L-2014-187/1), en función dos seus efectivos, do seu volume de negocio, e do seu balance anual.

Así, microempresa é a que ocupa menos de 10 persoas, cun volume de facturación e balance xeral anual menor ou igual a dous millóns de euros; pequena empresa é aquela empresa que ocupa a menos de 50 persoas e cuxo volume de negocio anual ou cuxo balance xeral anual non supera os 10 millóns de euros; mediana empresa é unha empresa que ocupa menos de 250 persoas e cuxo volume de negocio anual non excede dos 50 millóns de euros ou cuxo balance anual non excede dos 43 millóns de euros.

O órgano xestor realizará as comprobacións necesarias para garantir que as empresas beneficiarias teñen a condición de peme.

5. A presente convocatoria non será aplicable ás empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión previa da Comisión que teña declarada unha axuda ilegal e incompatible co mercado interior.

6. De acordo co artigo 2, punto 18 do Regulamento (UE) 651/2014, da Comisión, do17 de xuño de 2014, nesta convocatoria poderán ser beneficiarias as empresas que non se atopaban en crise no momento da presentación da solicitude, circunstancia que será comprobada pola Agadic.

7. Non poderán obter a condición de beneficiarias as persoas ou entidades en que concorra algunha das prohibicións establecidas nos termos previstos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. En todo caso, os solicitantes declararán non estar incursos en tales circunstancias, consonte o establecido no anexo II desta convocatoria.

8. Sen prexuízo da posible presentación de varios proxectos, poderá ser obxecto de subvención un máximo de dous proxectos por entidade solicitante, e non poderán presentar o mesmo proxecto distintas empresas ou entidades.

9. Non poderán optar a estas subvencións aquelas entidades que teñan acadado axuda para o desenvolvemento de paquetes de propostas audiovisuais ao abeiro do programa Hub da industria creativa galega, dentro do eixe REACT-UE do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, na súa convocatoria para o ano 2022.

Artigo 3. Financiamento

1. As axudas obxecto desta resolución financiaranse cun crédito total de 300.000 euros, para as anualidades 2022 e 2023 imputables á aplicación orzamentaria 10.A1.432B.770.0, código de proxecto 2021 00001 da Axencia Galega das Industrias Culturais, coa seguinte distribución: 150.000 euros para 2022 e 150.000 euros para 2023.

2. Estas subvencións terán carácter plurianual e admitiranse aqueles gastos que fosen realizados e pagados entre a data de presentación da solicitude de axuda e o 15 de xuño de 2023. O período subvencionable, polo tanto, abrangue desde o día seguinte á presentación da solicitude ata o 15 de xuño de 2023.

3. Poderán ampliarse os créditos dedicados a esta convocatoria logo da declaración de dispoñibilidade de crédito como consecuencia das circunstancias establecidas no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e, se for o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda, de acordo coa orde de prelación de solicitudes establecida no artigo 1.3.

4. No caso de que os créditos fosen ampliados, publicarase esta circunstancia nos mesmos medios que esta convocatoria, sen que esta publicidade implique a apertura do prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio dun novo cómputo de prazo para resolver.

5. No caso de existir solicitudes que non acadan o dereito á subvención por terse esgotado o orzamento dispoñible, pasarán a unha lista de agarda formada polas entidades solicitantes que poderían ser susceptibles de recibir a axuda se se producise un incremento de crédito, ben por dispoñer de crédito por producirse algunha renuncia ou modificación nos proxectos inicialmente propostos ou ben por incremento do orzamento inicialmente destinado a esta liña de axudas.

6. Estas subvencións están suxeitas ao réxime de incompatibilidades establecido no artigo 65.11 do Regulamento (UE) 1303/2013, de forma que unha operación poderá recibir axuda dun ou varios fondos EIE ou dun ou varios programas ou doutros instrumentos da Unión, sempre e cando o gasto declarado nunha solicitude de pagamento correspondente a un dos fondos EIE non se declare para solicitar axuda doutro fondo ou instrumento da Unión ou axuda do mesmo fondo no marco dun programa distinto

7. Estas subvencións son compatibles con outras axudas do resto dos departamentos da Xunta de Galicia e organismos dependentes, así como doutras administracións públicas e entidades públicas ou privadas, e con outros ingresos ou recursos para a mesma finalidade son compatibles co mercado interior segundo o disposto no artigo 107, parágrafo 3 do Tratado de conformidade co disposto no artigo 54 do Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, de 17 de xuño, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación cos artigos 107 e 108.

8. En ningún caso a suma dos importes das axudas concedidas ao abeiro desta resolución poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas, ingresos ou recursos doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais supere o 100 % do custo do proxecto.

9. No caso de percibirse outras axudas, deberase acreditar documentalmente a súa natureza e contía, así como calquera circunstancia que poida afectar substancialmente á execución das actuacións. A comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos

10. Estas axudas están financiadas ao 100 % polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020 no eixe REACT-UE (Obxectivo específico OE 20.1.3.2-OE REACT-UE 3.2 de axudas para o impulso da industria cultural e creativa galega), como parte da resposta da Unión á pandemia da COVID-19.

11. Os indicadores de produtividade relativos a esta convocatoria son o CO01 Número de empresas que reciben axudas, o CO02 Número de empresas que reciben subvencións e o CO05 Número de novas empresas beneficiarias da axuda. Así mesmo, o indicador de resultado é o R030 a Taxa de supervivencia nacional/rexional de pemes no cuarto ano de vida.

Artigo 4. Actividades subvencionables

1. Serán obxecto de subvención aqueles proxectos audiovisuais sobre os que realizar traballos previos ao momento da produción da obra, entendendo como tales os relacionados co guión, financiamento, venda e distribución, xestión de dereitos, investigación, elaboración de materias promocionais e outros adheridos ás actividades propias da fase de desenvolvemento anterior á rodaxe. O destino último dos ditos proxectos audiovisuais será a súa produción para a distribución cinematográfica ou a difusión en televisión e/ou plataformas de servizos de vídeo baixo demanda de ámbito nacional e internacional, que deberán poderse encadrar nalgunha das tipoloxías seguintes:

‒ Proxectos de longametraxe cinematográfica previstos para ter unha duración mínima de 60 minutos, de ficción, animación ou documental de carácter creativo.

‒ Proxectos de series de ficción previstos para ter unha duración total mínima de 150 minutos.

‒ Proxectos de series de animación previstos para ter unha duración total mínima de 100 minutos.

‒ Proxectos de series documentais previstos para ter unha duración total mínima de 100 minutos.

Artigo 5. Intensidade das axudas e contías máximas

1. A intensidade da axuda é do 100 % do gasto subvencionable.

2. As cantidades máximas que se poderán conceder segundo o tipo de proxecto son as seguintes:

Finalidade da obra

Modalidade

Contía máxima

Obras cinematográficas

Proxecto de longametraxe de animación

30.000 €

Proxecto de longametraxe de ficción

25.000 €

Proxecto de longametraxe documental

15.000 €

Obras audiovisuais para TV e plataformas

Proxecto de serie de ficción ou animación

30.000 €

Proxecto de serie documental

20.000 €

Artigo 6. Concepto de gastos subvencionables

1. Serán subvencionables os traballos de desenvolvemento do proxecto desde a súa creación ata a fase de produción deste e se leven a cabo dentro do período subvencionable establecido pola presente convocatoria.

2. Terán a consideración de gastos subvencionables aqueles que respondan á natureza da actividade subvencionada e resulten estritamente necesarios para o desenvolvemento do proxecto obxecto de subvención, concedida con base na descrición realizada na memoria técnica e na solicitude. Todo gasto non xustificado polo solicitante será eliminado do orzamento elixible do proxecto. En ningún caso o custo de adquisición dos gastos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado.

3. A estes gastos seralles de aplicación o previsto na Orde HFP/1979/2016, do 29 de decembro, pola que se aproban as normas sobre os gastos subvencionables dos programas operativos do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional para o período 2014-2020 e a HAC/114/2021, do 5 de febrero, que a modifica.

4. Só se admitirán aqueles gastos que fosen realizados e pagados dentro do período de execución indicado na resolución da concesión da axuda, respectando sempre o período subvencionable incluído nesta convocatoria.

Exceptúanse desta regra xeral aqueles gastos cuxos pagamentos deban efectuarse nun momento posterior por axustárense aos calendarios de recadación, como os ingresos á conta do IRPF ou cotas de seguros sociais liquidables con posterioridade á data de xustificación. A entidade subvencionada quedará obrigada a presentar os documentos acreditativos do seu pagamento antes de finalizar o mes en que ao beneficiario lle corresponde liquidar eses gastos.

5. Co fin de cumprir co efecto incentivador do Regulamento (UE) nº 651/2014, os gastos subvencionables non poderán ter comezado antes da presentación da solicitude da axuda. Ningún dos custos alegados sobre os que se solicita subvención poderán ser incorridos con carácter previo a esta presentación; de seres así, o proxecto na súa totalidade non sería subvencionable.

6. Para os efectos desta convocatoria, considéranse gastos subvencionables os directamente relacionados cos traballos de desenvolvemento, e que se poidan encadrar nas seguintes epígrafes:

6.1. Dereitos. Son os gastos relativos á adquisición de dereitos de autor ou de propiedade intelectual, incluíndo dereitos de preferencia ou opción de compra, tanto de adaptación de obra preexistente como de obra orixinal; escritura ou reescritura do argumento ou tratamento ata a versión definitiva; deseño de personaxes e fondos (animación); dereitos de tradución sempre que non sexa do galego para o castelán e viceversa; dereitos de imaxes, musicais, documentos sonoros e outros relacionados co desenvolvemento do proxecto que se poidan xustificar.

6.2. Gastos de persoal. Consideraranse subvencionables os gastos de persoal que teñan subscrito un contrato específico, conforme a unha categoría laboral asignada para a realización da actividade subvencionada. Neste punto inclúense as tarefas de produción executiva, guionista, director/a da obra, dirección de produción, e outros que se deberán detallar e xustificar. Cando exista unha relación mercantil entre a empresa produtora e a persoa produtora executiva, deberá acompañarse o contrato correspondente e a súa factura. Se a relación é laboral, deberá achegarse, xunto ao contrato, a nómina correspondente, con expresa indicación do réxime xeral da seguridade social.

Só se recoñecerá como custo a produción executiva realizada por persoas físicas ou por persoas xurídicas cuxo obxecto social inclúa especificamente, sen prexuízo de outros, o de produción executiva. Cando exista unha relación mercantil entre a empresa produtora e a persoa produtora executiva, deberá acompañarse o contrato correspondente e a súa factura. Se a relación é laboral, deberá achegarse, xunto ao contrato, a nómina correspondente, con expresa indicación do réxime xeral da Seguridade Social.

6.3. Gastos de asesoría ou consultoría. Enténdese por gastos de asesoría ou consultoría todos os gastos externos necesarios para o desenvolvemento do proxecto, tales como asesoramento de escritura de guión, asesoramento para estratexias de promoción e comercialización de contidos audiovisuais, asesoramento legal e contable relacionado especificamente cos dereitos do proxecto e a súa estrutura de financiamento, asesoramento en traballos de investigación; outras asesorías propias das tarefas de desenvolvemento directamente vinculadas ao proxecto que se poidan xustificar. Os gastos de asesoría non consistirán en actividades permanentes ou periódicas nin estarán relacionadas cos gastos de explotación normais da empresa como son os servizos rutineiros de asesoría fiscal, os servizos xurídicos periódicos ou os de publicidade, nin calesquera outros non vencellados directamente ao obxecto do proxecto.

6.4. Gastos de elaboración de materiais. Estes gastos refírense á realización do teaser do proxecto; elaboración do storyboard; páxina Web do proxecto, elaboración de dossieres e outros materiais directamente relacionados co proxecto que se deberán especificar e xustificar. O importe da elaboración do teaser do proxecto non poderá superar o 20 % do orzamento subvencionable.

6.5. Loxística e participación en mercados e/ou foros de negocio. Baixo esta epígrafe recóllense os gastos de desprazamento, aloxamento e manutención derivados de traballos de localización de escenarios e asistencia a reunións e foros de negocio propios das tarefas de desenvolvemento que se realicen durante o período subvencionable e se xustifiquen adecuadamente. O custo de aloxamento e manutención non poderá superar o importe de 150 euros/día. Os custos de desprazamento serán os da orixe e fin da viaxe, non están admitidos os viaxes interiores en destino ou orixe. Así mesmo, serán gastos xustificables os de inscrición ou rexistro en mercados e foros de negocio cando asistan os responsables da produción executiva e/ou de dirección da obra audiovisual, limitados a dúas persoas por proxecto individual.

Quedan exentos aqueles gastos derivados da asistencia aos foros e mercados incluídos nas subvencións específicas que convoca a Agadic para este fin, que son os seguintes: Ventana Sur, Natpe, Cinemart, Marché do Court de Clermont-Ferrand, European Film Market, MIPTV, Marché du Film, Sunny Side of the Doc, MIPCOM, American Film Market.

6.6. Gastos xerais. Serán subvencionables os gastos xerais entendendo como tales aqueles que non se poden vincular directamente cunha operación determinada pero que son indubidablemente necesarios para a realización da actividade subvencionada e se poden argumentar e xustificar. Estes custos indirectos poderán ser subvencionados con base nos custos reais en que se incorra, acreditados coas facturas correspondentes e xustificante do seu pagamento.

En todo caso, de conformidade co disposto no artigo 29.9 da Lei 9/2007, do 13 de xuño de subvencións de Galicia, os costos indirectos deberán imputarse na parte que corresponda de conformidade cos principios e normas de contabilidade xeralmente aceptadas e que se correspondan co período de tempo en que efectivamente realizan as actividades, para o que deberán achegar xustificación sobre o método de imputación de tales costes indirectos.

En ningún caso a porcentaxe subvencionada por este concepto superará o 15 % do importe xeral de gastos subvencionables.

Terán a consideración de gastos xerais:

a) Gastos de persoal. Os gastos de persoal considerados dentro dos gastos xerais serán aqueles referidos aos gastos do cadro de persoal que non teñen un contrato laboral específico para o proxecto obxecto da subvención. O seu custo calcularase mediante un rateo en función da súa participación nel.

b) Alugueiro de espazos de traballo, consumos de enerxía e auga, limpeza, comunicacións cun límite de dúas liñas por proxecto individual, apoio informático e compra de material de oficina, durante o período subvencionable.

7. De conformidade co artigo 29.7 da Lei de subvencións de Galicia, non serán gastos subvencionables os impostos indirectos, en concreto o importe do imposto sobre o valor engadido e outros impostos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación, nin os impostos persoais sobre a renda, os intereses debedores de contas bancarias, os xuros e demais gastos financieros, recargas e sancións administrativas e penitenciarias, nin os gastos de procedementos xudiciais.

Artigo 7. Subcontratación

1. De acordo co establecido no artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, enténdese que un beneficiario subcontrata cando concerta con outros produtores a execución total ou parcial da actividade subvencionable. Para determinar a existencia de subcontratación, atenderase ao obxecto social do produtor co que se pretenda contratar a actividade.

2. Non se considera subcontratación a contratación de calquera actividade ou servizos con profesionais ou empresas en cuxo obxecto social non se inclúa a produción cinematográfica.

3. Admitirase a subcontratación con outras produtoras para a execución das tarefas de desenvolvemento cando exista entre ambas un acordo / contrato de codesenvolvemento ou co-producción.

4. Admitirase a subcontratación de actividades e servizos con produtores co límite máximo do 20 por cen do custo subvencionable de cada proxecto, sempre que as actividades e servizos sexan subcontratados con máis dunha empresa e sen que, en ningún caso, poidan incluírse facturas relativas a gastos de persoal.

5. En ningún caso poderá concertarse polo beneficiario a execución total ou parcial das actividades subvencionadas nos supostos comprendidos non artigo 27.7 da Lei 9/2007.

Artigo 8. Presentación das solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

2. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude de xeito presencial, será requirida, para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

3. Na solicitude (anexo II) a persoa solicitante ou representante terá que facer as seguintes declaracións responsables:

3.1. Declaración de que a obra audiovisual terá carácter cultural e poderá obter o certificado cultural por parte do Instituto da Cinematografía e das Artes Audiovisuais (ICAA) ao concorrer como mínimo dous dos requisitos que se relacionan:

a) Que teña como versión orixinal calquera das linguas oficiais en España. No caso das coproducións con empresas estranxeiras, a longametraxe poderá ter como versión orixinal algunha das linguas oficiais da Unión Europea.

b) Que o contido estea ambientado principalmente en España.

c) Que o contido teña relación directa coa literatura, a música, a danza, a arquitectura, a pintura, a escultura, e en xeral, coas expresións da creación artística.

d) Que o guión sexa adaptación dunha obra literaria preexistente.

e) Que o contido teña carácter biográfico, ou en xeral, reflicta feitos ou personaxes de carácter histórico, sen prexuízo das adaptacións libres propias dun guión cinematográfico.

f) Que o contido inclúa principalmente relatos, feitos ou personaxes mitolóxicos ou lendarios que poidan considerarse integrados en calquera patrimonio ou tradición cultural do mundo.

g) Que emita un mellor coñecemento da diversidade cultural, social, relixiosa, étnica, filosófica ou antropolóxica.

h) Que o contido estea relacionado con asuntos ou temáticas que forman parte da realidade social, cultural ou política española, ou con incidencia sobre eles.

i) Que no relato cinematográfico, un dos protagonistas ou varios dos personaxes secundarios estean directamente vinculados con esa mesma realidade social, cultural ou política española.

j) Que se dirixa especificamente a un público infantil ou xuvenil e conteña valores acordes cos principios e fins da educación recollidos na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, ou a norma que no seu caso a substitúa, modificada pola Lei orgánica 8/2013, do 9 de decembro, para a mellora da calidade educativa.

3.2. Declaración de que a entidade solicitante cumpre cos requisitos de produtor independente tal e como establece o artigo 4.n) da Lei 55/2007, do 28 de decembro, do cinema.

3.3. Que a entidade solicitante é titular dos dereitos de propiedade da obra, de acordo co establecido no artigo 24.2 da Lei 55/2007, do 28 de decembro, do cinema, de ser o caso.

3.4. Declaración en que consten as obras anteriores realizadas pola empresa solicitante ou, de ser o caso, pola persoa que exerza a produción executiva e cumpran algunha das seguintes condicións, de ser o caso: selección en festivais ou outros certames de premios nacionais relacionados no anexo V destas bases, exhibición en salas de cine con resultado igual ou superior a 5.000 espectadores, vendas internacionais e/ou repercusión en televisión ou plataformas.

3.5. Declaración en que consten as obras realizadas polo/a director/a e así figure nos títulos de crédito, indicando o tipo e o ano de produción, de ser o caso.

3.6. Declaración en que consten as obras realizadas polo/a guionista e así figure nos títulos de crédito, indicando o tipo e o ano de produción, de ser o caso.

3.7. Declaración de que o proxecto será a primeira obra realizada polo/a director/a e/ou guionista, dentro da modalidade a que se presenta, con indicación da porcentaxe de autoría correspondente, de ser o caso.

3.8. Declaración en que consten os nomes das mulleres que desempeñarán na súa integridade os postos de produtora executiva, directora e guionista, de ser o caso.

3.9. Declaración en que consten os proxectos rematados pola empresa solicitante nos últimos cinco anos e que recibisen previamente unha axuda ao desenvolvemento da Agadic ou da Xunta de Galicia.

3.10. De ser o caso, declaración responsable de que que o guión proposto tivo subvención da Agadic á creación audiovisual.

3.11. Declaración responsable de que os datos contidos nesta solicitude e nos documentos que se achegan son certos, e acepta as condicións e obrigas recollidas para cada liña de axudas nesta convocatoria.

3.12. Declaración responsable de que non está incurso en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

3.13. Declaración responsable de que non está incurso en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas nos puntos 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3.14. Declaración responsable de que está ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 9 do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e de reembolso de préstamos ou anticipos concedidos con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma.

3.15. Declaración responsable de que o solicitante coñece que os provedores non poderán estar asociados nin vinculados coa entidade solicitante ou cos seus órganos directivos ou xestores, e que non concorre neles ningunha das prohibicións recollidas no artigo 27.7 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, nin no artigo 43 do regulamento que desenvolve a citada lei, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, tendo en conta, ademais, o disposto no Regulamento (UE) nº 651/2014 sobre empresas vinculadas.

3.16. Declaración responsable de que ten capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir os obxectivos do proxecto para o que solicita a axuda.

3.17. Declaración responsable de que manterá un sistema de contabilidade separada ou un código contable adecuado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionados, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os gastos financiados con fondos Feder.

3.18. Declaración responsable de que conservará toda a documentación relativa a esta subvención durante un período de tres anos a partir do 31 de decembro seguinte á presentación das contas en que estean incluídos os gastos da operación (artigo 125.4.d e 140.1 do Regulamento 1303/2013).

3.19. Declaración responsable de que asumirá a aplicación de medidas antifraude eficaces e proporcionadas no seu ámbito de xestión, así como a obriga de comunicar ao órgano xestor os casos de sospeitas de fraude.

3.20. Declaración responsable de que cumprirá a normativa comunitaria, estatal e autonómica de aplicación.

3.21. Declaración responsable de non consideración de empresa en crise no momento da presentación da solicitude nin estar suxeita a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión previa da Comisión que teña declarada unha axuda ilegal e incompatible co mercado interior. Non obstante, a Axencia Galega das Industrias Culturais utilizará os medios que considere oportunos para a súa verificación e requiriralle ao solicitante, se fose necesario, os documentos oportunos.

3.22. Declaración responsable de que a actividade subvencionada non se iniciou antes da presentación da solicitude de axuda.

3.23. Declaración responsable de ser peme. O organismo xestor realizará as comprobacións necesarias para garantir que as empresas teñan a dita condición.

Artigo 9. Prazo para presentar as solicitudes e emenda

1. O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes desde o día seguinte ao da publicación da correspondente convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

2. Se a solicitude non estivese debidamente cuberta, non se achegase a documentación exixida ou non se reunisen os requisitos sinalados na normativa da convocatoria ou os que, con carácter xeral, se indican na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, a persoa interesada será requirida para que no prazo de 10 días hábiles, contados desde o día seguinte á notificación do requirimento, emende o defecto advertido, a falta detectada ou presente os documentos preceptivos, e indícase ademais que, de non o facer, se considerará que desiste na súa petición, logo de resolución que declarará esta circunstancia e que deberá ser ditada nos termos previstos na lei.

Artigo 10. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar xunto coa solicitude (anexo II) a seguinte documentación, que terá a consideración de obrigatoria para os efectos de admisión de solicitudes:

1.1. Certificado do acordo social da solicitude da axuda ou da autorización da persoa que a firme e nome da entidade, se a persoa solicitante é persoa xurídica.

1.2. Estatutos rexistrados e escrituras de constitución inscritos no rexistro mercantil ou o que corresponda, se a persoa solicitante é persoa xurídica.

1.3. Documentación que acredite suficientemente a representación de quen asina a solicitude.

1.4. Copia da documentación acreditativa de que cada proxecto é obra orixinal e de posuír os dereitos suficientes do guión, obra literaria ou calquera outro medio que requira a obtención de dereitos ou opción de compra sobre eles.

1.5. Acordo asinado co/coa guionista e/ou director/a para a realización das tarefas de desenvolvemento.

2. A maiores, as persoas solicitantes deberán enviar a seguinte documentación específica:

2.1. Dossier do proxecto que conteña, nun único documento e segundo o índice que se indica, a seguinte información:

2.1.1. Datos identificativos do proxecto: título, xénero, versión lingüística orixinal da obra, custo de produción estimado. Deberán constar os nomes das persoas responsables da produción executiva, guión e dirección, indicando se residen ou desenvolven a súa actividade habitual en Galicia.

2.1.2. Sinopse argumental cunha extensión máxima dunha páxina.

2.1.3. Guión ou tratamento secuencial do proxecto, cando se trate dunha longametraxe cinematográfica de ficción ou animación, de non menos de 10 páxinas; tratamento ou escaleta cando o proxecto sexa dunha longametraxe documental. Cando se trate de series de ficción, animación ou documentais haberá que achegar, xunto co tratamento secuencial do proxecto do capítulo piloto, un mapa de tramas. No caso de proxectos de longametraxe que obtivesen subvención na modalidade de escrita de guión dalgunha convocatoria de axudas á promoción do talento audiovisual galego, haberá que presentar un guión.

2.1.4. Descrición das intencións artísticas e creativas por parte do/a autor/a, así como das referencias, aspectos singulares, e outros que se consideren relevantes.

2.1.5. Descrición dos valores de produción do proxecto, orzamento de produción estimado, viabilidade de financiamento e realización, intencións en canto a coprodución e outros aspectos que consideren relevantes.

2.1.6. Descrición de audiencias, mercados obxectivo e intencións en canto a lanzamento e distribución da obra audiovisual.

2.1.7. Estratexia de desenvolvemento, cronograma de realización dos traballos, relación e currículo dos/as profesionais propostos/as para levar a cabo os traballos de desenvolvemento do proxecto.

2.2. Orzamento de gastos de desenvolvemento do proxecto segundo o modelo do anexo III.

2.3. Dossier relativo á empresa ou á persoa responsable da produción executiva, no cal deberá constar:

2.3.1. Obras realizadas que tivesen acadado algunha das condicións descritas na epígrafe C1, punto 1 do artigo 17 de criterios de valoración, facendo constar o título, o ano de produción e as condicións acadadas por orde cronolóxico.

2.3.2. Convites emitidos por festivais de cine ou documentación que acredite a participación de obras realizadas nalgún dos certames de premios que se recollen no anexo V destas bases, de ser o caso.

2.3.3. Documentación emitida polas compañías e institucións correspondentes que acredite suficientemente a distribución e/ou emisión nacional e internacional e o número de espectadores cinematográficos acadado por obras realizadas con anterioridade, de ser o caso.

2.3.4. Documentación que acredite a realización de obras anteriores en réxime de coprodución internacional, de ser o caso.

2.4. Dossier relativo aos/ás autores/as.

2.4.1. Historial profesional dos/as directores/as e guionistas propostos/as en que se detallen os traballos audiovisuais previos, priorizando aqueles que se correspondan con obras audiovisuais que cumpran algunha das condicións detalladas no artigo 17, punto 1, epígrafe C3 destas bases.

2.4.2. Documentación acreditativa de que as persoas propostas para as funcións de director/a e guionista residen ou desenvolven a súa actividade habitual en Galicia. Para os efectos das presentes bases, a acreditación de desenvolver a actividade habitual en Galicia corresponderase coa acreditación da participación do/a profesional nun mínimo de dúas obras audiovisuais de produción galega, de ser o caso.

2.5. Calquera outra documentación que a persoa solicitante xulgue conveniente para a mellor defensa do proxecto.

3. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa fosen achegados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos que serán solicitados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada. De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

4. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

6. No caso de que algún dos documentos para presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 11. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento, consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta.

‒ DNI ou NIE da persoa solicitante.

‒ NIF da entidade solicitante.

‒ DNI ou NIE da persoa representante.

‒ Certificado de estar dado de alta no imposto de actividades económicas, na epígrafe/subepígrafe que corresponda, no exercicio actual.

‒ Certificado de estar ao día nas obrigas no pagamento das débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

‒ Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

‒ Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa AEAT.

‒ Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

‒ Consulta de concesión de subvencións e axudas.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos. Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 12. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, da administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán, de oficio, crear o indicado enderezo para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, e rexeitadas cando transcorran dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 13. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 14. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016,do 18 de xaneiro, á que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquelas das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 15. Instrución do procedemento

1. A dirección da Agadic, directamente ou a través dos seus servizos administrativos, actuará como órgano instrutor do procedemento, nos termos previstos no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e correspóndelle realizar, de oficio, cantas actuacións considere necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos cales se debe pronunciar a resolución. En particular, terá atribuídas especificamente as seguintes funcións:

1.1. Examinar as solicitudes e documentación presentadas.

1.2. Requirir das persoas solicitantes a emenda ou achega da documentación que resulte de obrigado cumprimento.

1.3. Formular a proposta de resolución, debidamente motivada.

2. Co fin de facilitar unha mellor avaliación das solicitudes, poderáselles pedir información complementaria ás persoas interesadas, así como a outros servizos da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, ou aos profesionais ou expertos consultados.

En todo caso, a dirección da Agadic poderá requirir os solicitantes para que proporcionen calquera información aclaratoria que resulte necesaria para a xestión da súa solicitude.

Sen prexuízo das facultades que teñan atribuídas outros órganos da Administración do Estado ou da Comunidade Autónoma, a dirección da Agadic e as unidades administrativas encargadas da tramitación e seguimento do expediente respectivo poderán comprobar en todo momento a aplicación das subvencións concedidas para os fins programados, e levará a cabo as funcións de control, así como de avaliación e seguimento dos labores e demais actuacións que deriven destas bases.

Para estes efectos, as persoas beneficiarios deberán cumprir coas obrigas de comprobación que se establezan nesta resolución e na de adxudicación da subvención.

Artigo 16. Comisión de Valoración

1. O director da Agadic nomeará as persoas, con asignación de funcións, que formarán parte da Comisión de Valoración que se constituirá para a avaliación das solicitudes e proxectos presentados. Esta comisión terá a consideración de órgano colexiado e seralle de aplicación a sección 3º da Lei 16/20210, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

2. A Comisión de Avaliación estará formada por tres profesionais de recoñecido prestixio nos ámbitos audiovisual e/ou cultural en xeral dos cales un exercerá como presidente e terá voto de calidade en caso de empate, e un profesional pertencente ao cadro de persoal da Agadic de entre os grupos I, II e III. Actuará como responsable da secretaría, con voz pero sen voto, unha persoa do cadro de persoal da Agadic.

3. A condición de persoa membro da Comisión ten carácter persoal e non pode actuar por delegación nin ser substituído en ningún caso. As persoas que formen parte da Comisión declararán por escrito non ter relación coas persoas solicitantes ou, se é o caso, cos partícipes das persoas xurídicas solicitantes na correspondente convocatoria e absteranse se se dá algunha das circunstancias do artigo 23 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

4. Para a avaliación dos proxectos presentados a Comisión poderán solicitar das persoas solicitantes cantos datos e acreditacións xulgue necesarios para unha máis correcta avaliación dos proxectos.

5. A Comisión de Valoración Técnica, previamente á cualificación das solicitudes, elaborará unha acta concretando os criterios técnicos definidos nestas bases para aplicalos de xeito semellante e obxectivo. Así mesmo, tras a súa avaliación, deixarase constancia documental cun informe da motivación das puntuacións.

6. Finalizada a avaliación, a Comisión emitirá un informe relacionando os proxectos examinados por orde de prelación e indicarán a puntuación asignada a cada un deles.

Artigo 17. Criterios de valoración

1. A valoración total máxima establécese en 70 puntos distribuídos segundo os criterios que se establecen a continuación:

Criterios técnicos

40 puntos

A) Promoción do talento creativo galego, novo talento e contribución á igualdade

Máximo 15 puntos

A1. Autores residentes en Galicia. Non puntúa coautoría inferior ao 50 %. Cando a dirección e o guión recaen na mesma persoa a puntuación máxima será de 3 puntos.

Máximo 4 puntos

‒ Director/a residente en Galicia.

2 puntos

‒ Guionista residente en Galicia.

2 puntos

A2. Primeiro proxecto para os/as autores/as. Se a dirección e o guión recaen na mesma persoa a puntuación máxima será de 3 puntos.

Máximo 5 puntos

‒ Primeiro proxecto do/da director/a, sempre que a dirección da obra se realice íntegramente.

3 puntos

‒ Primeiro proxecto do/da guionista, sempre que a súa porcentaxe de autoría sexa como mínimo do 50 %.

2 puntos

A3. Produción executiva, dirección e guión a cargo de mulleres sempre que o traballo se realice integramente. Se dúas ou as tres funcións recaen na mesma persoa a puntuación máxima será de 4 puntos.

Máximo 6 puntos

‒ Directora.

2 puntos

‒ Guionista.

2 puntos

‒ Produtora executiva.

2 puntos

B) Solvencia da entidade solicitante e/ou da produción executiva, e dos/as autores segundo obras anteriores realizadas.

Máximo 25 puntos

B1. Historial da empresa ou da persoa responsable da produción executiva en canto a obras producidas con anterioridade, sempre que así figure nos títulos de crédito.

Poderase computar por un máximo de 3 longametraxes ou series e/ou por un máximo de 2 curtametraxes, en que se tivese dado algunha das condicións seguintes:

a) Que fosen seleccionadas ou finalistas nalgún dos festivais e outros certames de premios audiovisuais de recoñecido prestixio que se recollen no anexo V.

b) Obras realizadas en coprodución internacional.

c) Que acadasen distribución comercial cun mínimo de 5.000 espectadores en España.

d) Que tivesen distribución comercial en salas de cine en dous ou máis países estranxeiros.

e) Que tivesen repercusión en televisións e principais plataformas VOD que operen en España e/ou fosen emitidas en máis de dous países estranxeiros.

Máximo 8 puntos

2 puntos por cada longametraxe ou serie

1 punto por cada curtametraxe que cumpra as condicións a) e/ou b)

B2. Experiencia e traxectoria dos/as autores/as con base en anteriores obras realizadas sempre que así figure nos créditos.

Poderán puntuar os/as directores/as de curtametraxes sempre que se acredite a súa selección nalgún dos festivais relacionados no anexo V.

Se nunha mesma longametraxe ou serie as funcións de dirección e guión tivesen recaído na mesma persoa, só se poderá acadar un máximo de 1,5 puntos.

Máximo 8 puntos

‒ Director/a.

1 punto por cada longametraxe ou serie, computando un máximo de tres obras

0.5 puntos por cada curtametraxe, computando un máximo de catro obras.

Máximo 5 puntos

‒ Guionista.

1 punto por cada longametraxe ou serie, computando un máximo de tres obras

Máximo 3 puntos

C3. Guión subvencionado nalgunha convocatoria da Agadic de axudas á creación audiovisual.

5 puntos

C4. Proxectos da empresa ou do/da produtor/a executivo/a rematados nos últimos 6 anos que recibisen previamente unha subvención da Agadic-Xunta de Galicia ao desenvolvemento.

1 punto por cada proxecto realizado.

Máximo 4 puntos

Criterios artísticos e de viabilidade

30 puntos

C) Calidade do proxecto

Máximo 15 puntos

Calidade e orixinalidade do tratamento secuencial achegado, interese e creatividade do contido, proposta artística, contribución á diversidade audiovisual e aspectos singulares e innovadores con respecto a obras xa existentes.

Máximo 15 puntos que se outorgarán con motivación en relación cos aspectos citados.

D) Viabilidade de produción e internacionalización e contribución ao fomento do sector audiovisual galego

Máximo 10 puntos

Análise da estratexia de desenvolvemento prevista segundo os traballos e o equipo propostos; potencial de internacionalización do proxecto en canto a coprodución, difusión e comercialización; impacto potencial do proxecto en canto a localizacións galegas e utilización de recursos audiovisuais galegos na súa futura produción.

Máximo 10 puntos que se outorgarán con motivación en relación cos aspectos citados.

E) Adecuación do orzamento

Máximo 5 puntos

Análise do orzamento presesentado con relación ás tarefas de desenvolvemento previstas; adecuación e proporción entre as distintas partidas do orzamento.

Máximo 5 puntos que se outorgarán con motivación.

Artigo 18. Resolución e notificación

1. Instruído o procedemento, o órgano instrutor, á vista do expediente, da documentación requirida e unha vez entregado o informe preceptivo por parte da Comisión de Valoración, ditará a proposta de resolución, indicando o número de solicitudes subvencionadas e o importe económico da subvención correspondente a cada unha delas, que elevará á presidencia do Consello Reitor da Agadic.

2. A presidencia da Agadic deberá ditar resolución expresa no prazo de 15 días desde a data de elevación da proposta de resolución.

3. As resolucións expresarán, cando menos:

a) A relación de entidades beneficiarias da axuda.

b) O importe global da axuda para cada entidade e a desagregación do dito importe por anualidades.

c) A lista de solicitudes denegadas, xunto coa súa causa de denegación.

d) A desestimación expresa do resto das solicitudes.

4. En todo caso, deberá notificarse a cada beneficiario un documento en que deberán figurar, como mínimo, a identificación do beneficiario, a contía da subvención e obrigas que correspondan, os requisitos específicos relativos aos produtos ou servizos que deban obterse coa axuda, o plan financeiro e o calendario de execución, así como os demais requisitos previstos na normativa comunitaria para a selección de operacións que debe conter o documento polo que se establecen as condicións de axuda (DECA).

5. A aceptación da axuda implica a aceptación da inclusión da operación e os seus datos na listaxe de operacións prevista no artigo 115.2 do Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e o Consello do 17 de decembro de 2013 (RDC) e de acordo aos requisitos previstos no anexo XII do devandito regulamento, que se publicará no portal da Dirección Xeral de Fondos Comunitarios do Ministerio de Hacienda https://www.dgfc.sepg.hacienda.gob.es/sitios/dgfc/es-ES/loFEDER1420/porFEDER/Paginas/inicio.aspx

6. No expediente da subvención tamén se fará constar o informe do órgano instrutor en que conste que da información que ten no seu poder se desprende que os beneficiarios cumpren os requisitos necesarios para acceder ás axudas.

7. O prazo máximo para resolver as solicitudes presentadas ao abeiro desta convocatoria será de cinco meses, contados a partir do día seguinte á presentación das solicitudes. De non mediar resolución expresa no dito prazo mediante a publicación da correspondente resolución no Diario Oficial de Galicia, os solicitantes poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

8. Todas as resolucións serán notificadas de acordo co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Non obstante, a notificación individual de concesión da axuda poderase acompañar tamén coa publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web http://agadic.gal, con indicación da data da convocatoria, do beneficiario, da cantidade concedida e da finalidade da axuda outorgada.

Artigo 19. Modificación da resolución

1. As actuacións subvencionadas deben executarse no tempo e na forma que se determinen nas resolucións de concesión, e deberán obter a previa autorización da Axencia Galega das Industrias Culturais para realizar cambios no proxecto.

2. Cando xurdan circunstancias concretas que alteren as condicións técnicas ou económicas tidas en conta para a concesión da axuda, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión polo órgano concedente.

3. Tamén poderase acordar a modificación da resolución de concesión por instancia do beneficiario se se cumpren os seguintes requisitos:

a) Que a modificación sexa autorizada expresamente polo órgano concedente.

b) Que a modificación non afecte os obxectivos perseguidos coa axuda, os seus aspectos fundamentais ou que tivesen sido determinantes para a concesión da axuda, á determinación do beneficiario, nin dan dereitos de terceiros.

c) Que as modificacións obedezan a causas sobrevidas que non puideron preverse no momento da solicitude. Os novos elementos e circunstancias que motiven a modificación, de teren concorrido na concesión inicial, non poderían supor a denegación da subvención, nin poderán ser tidos en conta requisitos ou circunstancias que, debendo concorrer no momento en que se ditou a resolución, tivesen lugar con posterioridade a ela.

Permitiranse, sen necesidade de autorización previa polo órgano concedente, incrementos que non superen o 20 % dos conceptos subvencionables de axuda que figuren na resolución de concesión, sempre que se compensen con diminucións doutros, que non afecte custos de persoal, que non se supere o límite do 7 % para os gastos xerais e que non se altere o importe total da anualidade e da axuda no seu conxunto. O beneficiario deberá acreditar debidamente o cambio na documentación de xustificación presentada.

4. A solicitude de modificación debe ser formulada polo representante legal da entidade beneficiaria, expresando os motivos dos cambios que se propoñen e xustificando a imposibilidade de cumprir as condicións expostas na resolución de concesión.

Salvo naqueles supostos en que proceda a aplicación do establecido no artigo 59 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, non se admitirán cambios con data anterior á entrada en rexistro da solicitude de modificación.

5. O acto polo cal se acorde ou se denegue a modificación da resolución será ditado polo presidente da Axencia Galega das Industrias Culturais, logo da instrución do correspondente expediente, no cal se dará audiencia ao interesado. A autorización da modificación deberá realizarse de forma expresa, e notificaraselle ao interesado.

6. Para os efectos de facilitar a xestión do orzamento adxudicado, poderase solicitar unha redistribución entre as anualidades variando proporcionalmente a seguinte anualidade orzamentada sempre respectando as limitacións establecidas no artigo 35.5 do Decreto 11/2009.

Artigo 20. Renuncia

A renuncia á subvención poderase facer axustándose ao modelo que se publicará na páxina web da Axencia Galega das Industrias Culturais, así como por calquera outro medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 94 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. O presidente da Axencia Galega das Industrias Culturais ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 21 da dita norma.

Artigo 21. Réxime de recursos

As resolucións ditadas ao abeiro desta convocatoria poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante o presidente do Consello Reitor da Axencia Galega das Industrias Culturais. O prazo para interpor o recurso de reposición será dun mes se o acto fose expreso ou desde o día seguinte a aquel en que se tivese producido o acto presunto. Transcorrido o dito prazo, unicamente se poderá interpor recurso contencioso-administrativo, sen prexuízo, de ser o caso, da procedencia do recurso extraordinario de revisión. Se o acto non fose expreso, o solicitante e outros posibles interesados poderán interpor recurso de reposición en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

b) Recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa, ou de seis meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 22. Obrigas das persoas beneficiarias

Sen prexuízo das demais obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como daqueloutras específicas que se indican nesta convocatoria, os beneficiarios das subvencións concedidas ao abeiro desta resolución quedan obrigados a:

a) Realizar a actividade que fundamenta a concesión da subvención e a acreditalo ante o órgano concedente, así como ao cumprimento dos requisitos, prazos e condicións establecidos nas normas reguladoras, na convocatoria e na resolución de concesión, e no documento no cal se establecen as condicións da axuda.

b) Xustificar ante a Axencia Galega das Industrias Culturais, de acordo co previsto nestas bases e na normativa reguladora de subvencións, o cumprimento dos requisitos e condicións, a realización da actividade e dos gastos subvencionables e o cumprimento da finalidade que determinan a concesión e desfrute da subvención.

c) Proceder ao reintegro, total ou parcial, da subvención percibida no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión e no resto de casos previstos na Lei 9/2007.

d) Subministrar á Administración, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento das obrigas previstas na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

e) Cumprir a normativa aplicable ao Feder, en particular, o Regulamento (UE) nº 1303/2013 e ao Regulamento (UE) nº 1301/2013, así como a súa normativa comunitaria, estatal e autonómica de desenvolvemento.

f) Someterse ás actuacións de comprobación e control que deba efectuar o órgano concedente, ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma en relación coa subvención concedida, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, ás da autoridade de xestión, ás comprobacións do artigo 125 do Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Consello e, de ser o caso, ás dos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo, e achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

g) Comunicar á Axencia Galega das Industrias Culturais a obtención de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos. O incumprimento do disposto neste artigo considerarase unha alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e poderá dar lugar a un procedemento de reintegro.

h) Solicitarlle á Axencia Galega das Industrias Culturais autorización para realizar aquelas modificacións no desenvolvemento das actuacións aprobadas que estean suxeitas a autorización previa. A realización de modificacións non autorizadas no orzamento subvencionable suporá a non admisión das cantidades desviadas.

i) Dar publicidade ás axudas recibidas nos contratos de servizos, así como en calquera outro convenio ou contrato relacionado coa execución da actuación, incluída a subcontratación, e en axudas, publicacións, relatorios, equipos, material inventariable e actividades de difusión de resultados financiadas con elas, mencionando expresamente a súa orixe e o financiamento con fondos estruturais da Unión Europea. Ademais, deberán publicar a concesión da axuda na páxina web e mantela actualizada. Na páxina web deberán figurar, como mínimo, os obxectivos e os principais avances. Concretamente, na documentación, carteis, propaganda ou publicacións que se elaboren para a súa difusión pública deberá figurar o logotipo da Xunta de Galicia e a frase «Axencia Galega das Industrias Culturais» así como financiado con cargo aos fondos Feder. Así mesmo, deberá informarse que foi apoiado pola Xunta de Galicia.

As instrucións detalladas relativas ás obrigas de publicidade da axuda estarán á disposición na páxina web da Axencia Galega das Industrias Culturais (http://www.agadic.gal), na súa epígrafe de axudas.

j) Ao tratarse de subvencións financiadas con fondos estruturais da Unión Europea, en relación coa publicidade do financiamento, de conformidade co previsto no anexo XII, punto 2.2, do Regulamento (UE) nº 1303/2013 e atendendo ao sinalado no capítulo II do Regulamento de execución (UE) nº 821/2014 da Comisión, do 28 de xullo de 2014, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (UE) nº 1303/2013, o beneficiario deberá, durante a realización da operación:

1. Recoñecer o apoio do Feder á operación mostrando, en todas as medidas de información e comunicación que leve a cabo, o emblema da Unión, así como referencias á Unión Europea, ao fondo Feder e unha mención a que a operación está financiada como parte da resposta da Unión á pandemia da COVID-19. Tamén se incluirá o lema «Unha maneira de facer Europa».

2. Informar o público do apoio obtido do Feder durante a realización do proxecto facendo unha breve descrición na páxina web da entidade beneficiaria, de xeito proporcionado ao nivel de apoio prestado, cos seus obxectivos e resultados, e destacando o apoio financeiro da Unión, e colocando un cartel con información sobre o proxecto dun tamaño mínimo A3 en que se mencionará a axuda financeira da Unión, nun lugar ben visible para o público, por exemplo a entrada dun edificio. Cando se mencione o fondo Feder completarase cunha referencia relativa a que se financia como parte da resposta da Unión á pandemia da COVID-19.

k) Manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable axeitado que facilite unha pista de auditoría apropiada en relación con todos os gastos correspondentes cos investimentos realizados ao abeiro desta resolución.

l) Conservar os libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario en cada caso, así como a documentación xustificativa da realización e aboamento dos gastos e investimentos subvencionables durante un período de 3 anos a partir do 31 de decembro seguinte á presentación das contas anuais en que estean incluídos os gastos da operación (artigo 125.4.d) e 140.1 do Regulamento 1303/2013).

O órgano concedente informará o beneficiario da data de inicio a que se refire esta obriga.

m) As entidades beneficiarias deberán:

1. Na futura documentación de cada proxecto individual (materiais de promoción e distribución) e nos títulos de crédito da produción resultante deberá figurar «coa subvención da Axencia Galega das Industrias Culturais, Xunta de Galicia», utilizando as súa marcas principais:

http://www.agadic.gal/identidade

https://www.xunta.gal/identidade-corporativa/marca-principal

O cartón deberá incluir, ademáis, a referencia ao financiamento con fondos Feder como parte da resposta da Unión Europea á pandemia da COVID-19. Así mesmo, en todos os materiais de promoción, distribución e publicidade da obra (carteis, músicas, portadas ou outros materiais), farase constar que a produción foi subvencionada polo Feder e pola Xunta de Galicia, utilizando igualmente a marca principal.

2. Facer constar na súa publicidade, incluída a realizada a través de páxinas web, ou na información que xeren en relación cos proxectos individuais subvencionados, o seufinanciamento pola Xunta de Galicia e polo Feder como parte da resposta da Unión Europea á pandemia da COVID-19. Os custos correspondentes á dita publicidade serán por conta do beneficiario da subvención.

3. Entregar na Agadic o seguinte material xustificativo correspondente ao proxecto audiovisual:

3.1. Guión no caso de longametraxe e guión do capítulo piloto xunto coa biblia completa no caso das series para TV ou plataformas.

3.2. Contratos definitivos de compra de dereitos.

3.3. Xustificante de inscrición do proxecto no Rexistro de Propiedade Intelectual.

3.4. Plan de financiamento coas diferentes entradas comprometidas ou en negociación, debidamente xustificadas.

3.5. Orzamento de produción.

3.6. Calendario de produción e plan de localizacións.

3.7. Plan de promoción e comercialización.

3.8. Materiais de produción e promoción elaborados.

3.9. Memoria explicativa dos contactos realizados durante a fase de desenvolvemento, situación actual e evolución do proxecto.

3.10. A proposta de equipo técnico-artístico, que incluirá, como mínimo, a identidade do director e o produtor executivo e tamén a listaxe dos xefes do equipo técnico e unha proposta do elenco. Achegaranse, sempre que sexa posible, cartas de aceptación/interese por parte dos profesionais incluídos nestas listaxes.

4. Así mesmo, cando a Agadic o solicite, os beneficiarios estarán obrigados a facilitarlle copias da documentación empregada para a realización, promoción e difusión da obra (carteis, fotografías, músicas, portadas, trailers e outros materiais) para actividades de promoción do audiovisual galego.

Artigo 23. Pagamento

1. Para ter dereito ao pagamento da axuda deberá presentarse electronicamente, accedendo á Carpeta cidadá dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, a documentación xustificativa da subvención, ademais dos formularios establecidos para o efecto (anexo III orzamento do proxecto)

2. O pagamento das axudas farase efectivo a partir da data da resolución definitiva de concesión e realizarase sempre e cando se acreditase que a actividade foi executada de acordo co proxecto presentado e se xustifique correctamente o seu emprego e o cumprimento das obrigas establecidas na presente resolución, todo isto sen prexuízo do réxime de pagamentos anticipados ou pagamentos á conta para o que se estará ao establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e ao seu Regulamento aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Para a realización dos pagos á conta ou dos pagos anticipados, os beneficiarios estarán exonerados de constituír as garantías a que fan referencia os artigos 62.3 e 67 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2997, do 13 de xuño de subvencións de Galicia, en aplicación da excepción prevista no seu artigo 67.4.

3. Pagamentos anticipados.

As entidades beneficiarias, unha vez ditada a resolución de concesión da subvención poderán solicitar un anticipo de ata o 80 % da subvención concedida sen que se superen a cantidades previstas para cada anualidade, en virtude do disposto no artigo 63.3 do Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, aprobada polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, que prevé a excepcionalidade de modificar as porcentaxes sinaladas no artigo 63.dous, logo de autorización do Consello da Xunta de Galicia. A concesión do anticipo realizarase mediante resolución motivada.

4. Pagamentos a conta.

As entidades beneficiarias poderán solicitar pagamentos a conta ata un 80 % da subvención concedida sen que se superen as cantidades previstas para cada anualidade, respondendo ao ritmo de execución do proxecto obxecto da subvención e logo de xustificación dos gastos conforme o establecido nestas bases para a xustificación.

Artigo 24. Xustificación

1. Só serán computados para os efectos de xustificación os gastos que fosen efectivamente pagados no momento da xustificación do gasto e así se acredite documentalmente, mediante facturas ou outros documentos de valor probatorio equivalente no tráfico mercantil, que teñan como destinatario a empresa produtora e cuxo expedidor quede identificado nelas, así como mediante nóminas que estean emitidas pola empresa produtora. As facturas e documentos xustificativos similares serán expedidos conforme o disposto na normativa reguladora das obrigas de facturación que resulte aplicable. En todos os supostos deberá presentarse copia das facturas ou documentos xustificativos, acompañados da copia da documentación acreditativa do seu pagamento, en concreto os extractos e certificacións bancarias que deixen constancia do pagamento dos gastos polo beneficiario.

Así mesmo, presentarase a xustificación sobre o método de imputación dos custos indirectos.

2. Os prazos para a xustificación son os seguintes:

‒ Primeira anualidade: desde a resolución definitiva de concesión ata o 1 de novembro de 2022.

‒ Segunda anualidade: desde o 1 de xaneiro do 2023 ata o 15 de xuño de 2023.

3. O investimento xustificado ten que coincidir coa resolución de concesión da subvención, ou as modificacións autorizadas. Se a xustificación fose inferior ao investimento previsto, sempre que se manteña o cumprimento da finalidade da subvención, minorarase a concesión proporcionalmente ao investimento non xustificado. No caso de que non se xustifique a subvención no prazo, ou de que o executado non cumprise o fin para o que se concedeu a subvención, quedaría anulada na súa totalidade.

4. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido ou a concorrencia dalgunha das causas de reintegro previstas no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro das cantidades percibidas, caso de habelas, e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia. Neste caso a persoa titular da Dirección da Axencia Galega das Industrias Culturais ditará a oportuna resolución, nos termos do artigo 21.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 25. Conta xustificativa

1. A persoa beneficiara entregará unha conta xustificativa que deberá incluír a declaración das actividades realizadas que foron financiadas coa subvención e o seu custo, coa desagregación de cada un dos gastos producidos. Deberase acreditar, así mesmo, na conta xustificativa o cumprimento de todas as obrigas do artigo vixésimo segundo. A conta xustificativa deberá incluír:

a) Unha memoria de actuación xustificativa do cumprimento das condicións impostas na concesión da subvención, con indicación das actividades realizadas e dos resultados obtidos.

b) Unha memoria económica abreviada, xustificativa do custo das actividades realizadas, que incluirá unha relación clasificada dos gastos e inversións correspondentes a cada proxecto, con identificación do acredor e do documento, o seu importe, data de emisión e data de pagamento. Así mesmo, indicará as desviacións producidas nos conceptos de gasto en relación ao orzamento presentado na solicitude e no cal se basea a concesión da subvención.

c) A persoa beneficiaria presentará unha declaración complementaria do conxunto de axudas solicitadas para o mesmo proxecto, tanto das aprobadas como das pendentes de resolución, das diferentes administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades (Anexo IV)

d) Os tres orzamentos que deba ter solicitado o beneficiario, en aplicación do artigo 29.3 da Lei de subvencións de Galicia, que establece que cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas na Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, para o contrato menor, o beneficiario deberá solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, prestación do servizo ou entrega do ben, salvo que polas súas especiais características non existan no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren, ou salvo que o gasto se tivese realizado con anterioridade á solicitude da subvención.

e) Xustificación que evidencie a publicidade realizada en cumprimento das obrigas establecidas no Regulamento 1303/2013.

Artigo 26. Perda do dereito ao cobramento da subvención

1. É causa de perda do dereito ao cobramento da subvención o incumprimento do beneficiario da súa obriga de estar ao día das súas obrigas coa Facenda estatal e autonómica, e coa Seguridade Social.

2. Así mesmo, son causas de perda do dereito ao cobramento da subvención as previstas como causas de reintegro se non se tivese aboado a axuda.

3. O procedemento para declarar a perda do dereito ao cobramento da subvención é o establecido para o reintegro.

Artigo 27. Causas de reintegro

1. A entidade beneficiaria deberá cumprir cos obxectivos, actividades e comportamentos que fundamenten a concesión da axuda, así como cos compromisos asumidos durante o tempo de duración da axuda. De non ser así, perderá o dereito ao seu cobramento e/ou, de ser o caso, procederá ao reintegro da subvención.

2. Tamén deberán proceder ao reintegro total ou parcial da subvención e os xuros de demora correspondentes desde o momento do seu pagamento ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro nos supostos recollidos nos artigos 32 e seguintes da Lei 9/2007. Para facer efectiva esta devolución, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto na citada lei e no Decreto 11/2009.

3. Son causas de reintegro as seguintes:

a) O falseamento, inexactitude ou omisión dos datos fornecidos polo beneficiario que servisen de base para a concesión da axuda, ou a ocultación daqueles datos que a impedisen.

b) O incumprimento total ou parcial do obxectivo, actividade, tarefas, compromisos ou condicións do proxecto inicial ou da finalidade para a que a axuda foi concedida.

c) O incumprimento da obriga de xustificación, xustificación insuficiente, xustificación fóra do prazo establecido, falsidade, terxiversación ou ocultación nos datos ou documentos que serven de base para xustificar os investimentos subvencionables, ou outras obrigas impostas na resolución de concesión da axuda.

d) O incumprimento da obriga de adoptar as medidas de difusión contidas no artigo 30 desta resolución.

e) A resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro, así como o incumprimento das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos, cando diso se derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo, a realidade e regularidade das actividades subvencionadas, ou a concorrencia de axudas para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou entes públicos ou privados, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

f) A obtención de financiamento de distintas procedencias ou concorrencia de subvencións por riba do custo das actividades subvencionadas.

g) Calquera das demais causas previstas no artigo 33 da Lei 9/2007.

Artigo 28. Gradación dos incumprimentos

1. O incumprimento total dos fins para os cales se concedeu a axuda, determinado a través dos mecanismos de seguimento e control, da realización do proxecto ou da obriga de xustificación, será causa de perda do dereito ao cobramento ou de reintegro total da subvención.

En particular, consideraranse incumpridos os obxectivos da axuda cando non se xustifique polo menos o 60 % dos custos previstos no proxecto con respecto ao gasto para realizar en Galicia.

2. O incumprimento parcial dos obxectivos ou a non execución de actividades concretas do proxecto dará lugar á perda parcial do dereito ao cobramento da subvención nas porcentaxes que se determinen nos parágrafos seguintes ou, de ser o caso, ao reintegro parcial da subvención.

O alcance do incumprimento determinarase en proporción ao investimento deixado de efectuar ou efectuado indebidamente, e minorarase a subvención proporcionalmente.

3. Son casos de reintegro parcial os seguintes casos de incumprimento:

a) Se se incumprise a obriga de dar publicidade do financiamento do proxecto, consonte o establecido nesta resolución, ou a obriga de comunicar a obtención doutras axudas para o mesmo proxecto, aplicarase un factor de corrección do 2 %.

b) Suporá a perda dun 2 % da subvención concedida non manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable axeitado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionables, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os conceptos financiados con fondos Feder.

c) Suporá a perda dun 5 % non comunicar á Axencia Galega das Industrias Culturais a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención, unha vez recalculada a subvención e descontado o exceso obtido sobre os topes máximos legalmente establecidos.

A concorrencia de distintas causas de incumprimento dará lugar á apreciación conxunta destas, aplicando á intensidade da axuda o factor que resulte da suma de todos os factores de corrección. No caso de que algún dos factores de corrección sexa negativo, a intensidade da axuda será cero.

A aplicación do factor de corrección realizarase coa revisión da xustificación da última anualidade e, de ser o caso, requirirase a entidade beneficiaria para que proceda á devolución dos fondos percibidos indebidamente. A falta de devolución destes nos prazos requiridos dará lugar á incoación do expediente de reintegro nos termos recollidos no artigo 33 da Lei 9/2007 e no título V do Decreto 11/2009.

No caso das condicións que constitúan obrigas que o beneficiario debe acreditar na fase de xustificación (obrigas de publicidade, comunicación doutras axudas, etc), estas deberán xustificarse en todo caso para proceder ao pagamento da subvención, polo que a gradación fixada neste punto soamente resultará aplicable para supostos de reintegro, no caso de que se detecten en controis posteriores ao pagamento por algún incumprimento relativo a estas obrigas.

Artigo 29. Procedemento de reintegro

1. Se aboada parte ou a totalidade da axuda acaecesen os motivos que se indican no artigo 24 desta resolución, incoarase o correspondente expediente de reintegro, o cal se tramitará conforme o previsto nos artigos 37 e seguintes da Lei 9/2007.

2. Procederá o reintegro das cantidades percibidas, e a exixencia do xuro de demora correspondente desde o momento de pagamento da axuda ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro.

3. O procedemento de reintegro de subvencións iniciarase de oficio por acordo do órgano concedente destas, e comunicarase ao beneficiario a iniciación do procedemento de declaración de perda do dereito, ou de reintegro, e as causas que o fundamentan, seguindo o procedemento establecido para o reintegro nos artigos 37 e seguintes da Lei 9/2007, e 77 e seguintes do Decreto 11/2009.

4. A resolución do procedemento de reintegro poñerá fin á vía administrativa. Contra esta resolución de reintegro, os interesados poderán interpoñer recurso de reposición no prazo dun mes desde o día seguinte ao da notificación da resolución se esta for expresa. Se o acto non for expreso, o solicitante e outros posibles interesados poderán interpor o recurso de reposición en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo co previsto nesta resolución, se produzan os efectos do silencio administrativo. Todo isto segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015.

5. Sen prexuízo do anterior, aos beneficiarios das subvencións reguladas nesta resolución seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto nos artigos 50 e seguintes da Lei 9/2007, e no título VI do Decreto 11/2009.

Artigo 30. Control

1. A Axencia Galega das Industrias Culturais poderá facer as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento do obxectivo das subvencións.

2. A Axencia Galega das Industrias Culturais, polos medios que considere, poderá realizar en calquera momento aos beneficiarios as visitas, comprobacións e solicitudes de aclaracións que considere necesarias para o correcto desenvolvemento das actuacións financiadas, así como para acreditar o cumprimento das medidas de publicidade de orixe dos fondos. Se se constata unha incorrecta utilización dos fondos ou desvío dos obxectivos, propoñerase o reintegro da subvención concedida.

3. Así mesmo, no caso de axudas plurianuais, a Axencia Galega das Industrias Culturais poderá convocar anualmente aos beneficiarios a unha entrevista para coñecer a planificación das actividades en curso e valorar a consecución dos obxectivos e resultados do ano anterior.

4. Ademais do anterior, as subvencións estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercido pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia e a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Así mesmo, estarán sometidas ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, ás da autoridade de xestión do programa operativo Feder, así como ás verificacións do artigo 125.5 do Regulamento (UE) nº 1303/2013 e, de ser o caso, ás dos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo.

Artigo 31. Normativa aplicable

1. Será de aplicación a seguinte normativa:

1.1. Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de Subvencións, e supletoriamente á Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, así como os preceptos básicos do Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei xeral de subvencións.

1.2. Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

1.3. Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.

1.4. Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia.

1.5. Lei 55/2007, do 28 de decembro, do cinema, Real decreto 1084/2015, do 4 de decembro, que a desenvolve, e Real decreto 1090/2020, do 9 de decembro, que modifica o anterior.

2. As axudas obxecto desta convocatoria réxense polas normas comunitarias aplicables por razón do financiamento pola Unión Europea e polas normas nacionais de desenvolvemento ou transposición destas. En particular, seralles de aplicación a seguinte normativa comunitaria:

2.1. Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e polo que se establecen disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e derrógase o Regulamento (CE) nº 1083/2006 do Consello.

2.2. Regulamento (UE) nº 1301/2013, do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, sobre o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e sobre as disposicións específicas relativas ao obxectivo de investimento en crecemento e emprego e polo que se derroga o Regulamento (CE) nº 1080/2006.

2.3. Orde HFP/1979/2016, do 29 de decembro, pola que se aproban as normas sobre gastos subvencionables dos programas operativos do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional para o período 2014-2020.

2.4. Orde HAC/114/2021, do 5 de febreiro, pola que se modifica a Orde HFP/1979/2016, do 29 de decembro, pola que se aproban as normas sobre os gastos subvencionables dos Programas Operativos do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional para o período 2014-2020.

2.5. Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, pola que se transpoñen ao ordenamento xurídico español as Directivas do Parlamento Europeo e do Consello 2014/23/UE e 2014/24/UE, do 26 de febreiro de 2014.

2.6. Regulamento (UE) nº 2020/460 do Parlamento Europeo e o Consello, do 30 de marzo de 2020, polo que se modifican os Regulamentos (UE) n1 1301/2013, (UE) nº 1303/2013 e (UE) nº 508/2014, no relativo a medidas específicas para mobilizar inversións nos sistema de atención sanitaria dos Estados membros e noutros sectores das súas economías, en resposta ao gromo da COVID-19 (Iniciativa de investimento en resposta ao coronavirus).

2.7. Regulamento (UE) 2020/558 do Parlamento e o Consello, do 23 de abril de 2020, polo que se modifican os Regulamentos (UE) nº 1301/2013 e (UE) nº 1303/2013 no que respecta a medidas específicas para ofrecer unha flexibilidade excepcional no uso dos fondos estruturais e de investimento europeos en resposta ao gromo da COVID-19.

2.8. Regulamento (UE) nº 2020/2221 que establece as normas e disposicións de execución referentes aos recursos adicionais achegados en calidade de axuda á recuperación para a cohesión e os territorios de Europa (REACT-UE), a fin de prestar asistencia para favorecer a reparación da crise no contexto da pandemia da COVID-19 e as súas consecuencias sociais e para preparar unha recuperación verde, dixital e resiliente da economía.

2.9. Regulamento UE nº 651/2014, da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado e se regulan os réximes de axuda concibidos para apoiar a elaboración de guións, e o desenvolvemento, a produción, a distribución e a promoción de obras audiovisuais

Artigo 32. Publicidade

No prazo máximo de tres meses, contados desde a data de resolución da concesión, publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas con indicación da norma reguladora, beneficiario, crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención.

Artigo 33. Medidas antifraude

Calquera persoa que teña coñecemento de feitos que puidesen ser constitutivos de fraude ou irregularidade en relación con proxectos ou operacións financiados total o parcialmente con cargo a fondos procedentes da Unión Europea no marco da presente convocatoria poderá poñer os ditos feitos en coñecemento do Servizo Nacional de Coordinación Antifraude da Intervención Xeral da Administración do Estado, por medios electrónicos a través do canal habilitado para o efecto:

http://www.conselleriadefacenda.es/areas-tematicas/planificacion-e-fondos/periodo-comunitario-2014-2020/medidas-antifraude/snca-olaf

A detección de irregularidades pode implicar a aplicación de correccións financeiras e a solicitude de devolución dos importes percibidos indebidamente.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento

Facúltase o director da Axencia Galega das Industrias Culturais para que leve a cabo as actuacións que sexan precisas para o desenvolvemento e aplicación desta resolución.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file