Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 153 Xoves, 11 de agosto de 2022 Páx. 43720

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ACORDO do 18 de xullo de 2022 polo que se inicia o procedemento para a elaboración do Plan de xestión da paisaxe protexida Os Penedos de Pasarela e Traba.

O macizo de Pasarela e Traba está constituído por un conxunto de elevacións graníticas situadas no noroeste da Comunidade Autónoma de Galicia, en plena Costa da Morte, entre os concellos de Vimianzo e Laxe (provincia da Coruña), que suma unha superficie total de 212 ha aproximadamente.

A combinación de formas rochosas conforma unha paisaxe singular. A dorsal que se estende desde A Cachucha ata a Torre de Moa, pasando por Pena Forcada, forma un impresionante pano de fondo visible tanto dende a localidade de Pasarela como, de maneira especial, desde a área de Traba.

Os penedos estannos a indicar, por unha banda, a súa relación con longos procesos de tipo tectónico durante os cales as rochas foron fracturadas, erguidas ou afundidas e, por outra, o papel que na súa xénese tiveron os climas do pasado, as condicións climáticas máis quentes e húmidas que facilitaron a formación de profundas camadas de alteración.

A existencia destas formas está a indicar, igualmente, a sucesión dun balance edafoxénese-morfoxénese con momentos en que dominaba a estabilidade das abas, a carón doutros en que o fundamental era a morfoxénese, é dicir, a exhumación motivada polos procesos de erosión ao longo de miles de millóns de anos. Este feito introduce outro elemento de análise importante: o coñecemento do comportamento das rochas ante diferentes ambientes climáticos froito dunha longa e complexa evolución xeodinámica.

Polo tanto, á parte do seu valor estético e paisaxístico, tamén ten un enorme valor científico que permite coñecer a evolución da paisaxe, razón pola que este espazo foi declarado paisaxe protexida mediante o Decreto 294/2008, do 11 de decembro.

O artigo 27 da Lei 5/2019, do 2 de agosto, do patrimonio natural e da biodiversidade de Galicia, establece que as paisaxes protexidas son espazos que, polos seus valores naturais, estéticos e culturais e de acordo co Convenio da paisaxe do Consello de Europa, son merecedoras dunha protección especial. Nelas procurarase manter as prácticas tradicionais que contribúan á preservación dos seus valores e recursos naturais e mais á conservación das relacións e dos procesos, tanto naturais coma socioeconómicos, que contribuíron á súa formación e fan posible o seu mantemento.

Cada figura de protección, e segundo indica o artigo 59 da mesma lei, contará cun plan de xestión propio, que será o instrumento de planificación específico de monumentos naturais, zonas húmidas protexidas, paisaxes protexidas e espazos protexidos Rede Natura 2000 cuxa competencia pertence á Comunidade Autónoma de Galicia. Os plans de xestión establecerán o réxime de usos e actividades permisibles, así como as limitacións que se consideren necesarias para a conservación destes espazos, xunto coas medidas para a conservación dos hábitats e das especies.

O artigo 61 establece que a tramitación do plan de xestión corresponde á consellería competente en materia de conservación do patrimonio natural e a súa aprobación realizarase consonte o disposto nos artigos 40 e 41.

Dado que estes dous artigos prevén a tramitación conxunta da declaración do espazo natural protexido e do instrumento de planificación, e que este espazo xa foi declarado paisaxe protexida mediante o Decreto 294/2008, do 11 de decembro, unicamente corresponde desenvolver a tramitación e aprobación do instrumento de planificación específico.

En virtude do establecido anteriormente,

ACORDO:

Primeiro. Iniciar o procedemento para a elaboración do Plan de xestión da paisaxe protexida Os Penedos de Pasarela e Traba e do anteproxecto de decreto para a súa aprobación.

Segundo. Encomendar a súa tramitación á Dirección Xeral de Patrimonio Natural.

Terceiro. Acordar a súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de acordo co establecido no artigo 39 da Lei 5/2019, do 2 de agosto.

Santiago de Compostela, 18 de xullo de 2022

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda