Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 147 Mércores, 3 de agosto de 2022 Páx. 42484

III. Outras disposicións

Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

ORDE do 19 de xullo de 2022 pola que se clasifica como de interese asistencial a Fundación García Chillón Orlando.

Unha vez examinado o expediente de solicitude de clasificación da Fundación García Chillón Orlando con domicilio na avenida García Barbón, número 62, en Vigo (Pontevedra).

Feitos:

1. O 7 de abril de 2022, Gabriel Baltar Giraud, en representación do padroado da Fundación, presentou solicitude de clasificación, declaración de interese galego e a súa correspondente inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación García Chillón Orlando constituína a entidade Lucasiñas, S.L.U., representada polo seu socio único Enrique Bernardo García Chillón, mediante escritura pública outorgada en Vigo (Pontevedra) o 21 de marzo de 2022, ante o notario Fernando Olmedo Castañeda, co número de protocolo 817.

3. A Fundación, consonte o artigo 6 dos seus estatutos, ten por obxecto «a colaboración e o apoio e asistencia a persoas con discapacidades físicas e/ou psíquicas e das súas familias, e a asistencia a persoas desfavorecidas para mellorar a súa inserción social».

4. O padroado inicial da Fundación está formado por Enrique Bernardo García Chillón, como presidente; María Rosario Nieves Chillón Fernández, como vicepresidenta; e Cristal Orlando Collazo, como secretaria.

5. A comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías eleva ao vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes proposta de clasificación como de interese asistencial da Fundación García Chillón Orlando, con base nas materias que constitúen o seu obxecto fundacional.

6. Na escritura de constitución constan a identidade dos fundadores, a dotación inicial, os estatutos e a identificación dos membros do padroado.

7. De conformidade co artigo 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e segundo proposta da Comisión de Secretarios Xerais, procede a súa clasificación como de interese asistencial e a súa adscrición á Consellería de Política Social e Xuventude.

Consideracións legais:

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía de Galicia establece competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. A escritura de constitución da Fundación contén os datos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

3. Consonte o artigo 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, correspóndelle a esta Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, a clasificación da Fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá as funcións de protectorado.

De conformidade co exposto, e considerando que se cumpren as condicións establecidas pola normativa vixente en materia de fundacións de interese galego, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 4 de xullo de 2022,

DISPOÑO:

Clasificar como de interese asistencial a Fundación García Chillón Orlando, e adscribila ao Protectorado da Consellería de Política Social e Xuventude.

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, pode interpoñerse, no prazo de dous meses, recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, consonte o artigo 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa; pódese interpoñer no prazo dun mes, previamente e con carácter potestativo, recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou o acto, de conformidade co artigo 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 19 de xullo de 2022

Diego Calvo Pouso
Vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia,
Xustiza e Deportes