Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 145 Luns, 1 de agosto de 2022 Páx. 42237

III. Outras disposicións

Axencia Instituto Enerxético de Galicia

RESOLUCIÓN do 21 de xullo de 2022 pola que se amplía e se redistribúe o crédito orzamentario establecido na Resolución do 28 de outubro de 2021, pola que se aproba a convocatoria do procedemento de concesión de axudas correspondente ao programa de incentivos 6 vencellado á realización de instalacións de enerxías renovables térmicas no sector residencial, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU (códigos de procedemento IN422L e IN422M), modificada previamente pola Resolución do 9 de febreiro de 2022.

O programa de axudas correspondente ao Programa de incentivos 6 vencellado á realización de instalacións de enerxías renovables térmicas no sector residencial (en diante, Programa 6) está regulado polo Real decreto 477/2021, do 29 de xuño, e foi convocado en Galicia pola Resolución do Inega do 28 de outubro de 2021, publicada no DOG número 215, do 9 de novembro.

A Resolución do Inega do 28 de outubro de 2021 pola que se convoca o programa 6 en Galicia, foi modificada pola Resolución do 9 de febreiro de 2022, coa finalidade de adaptarse ás exixencias e requisitos exixidos na Orde HFP 1030/2021, do 29 de setembro, pola que se configura o sistema de xestión do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, e na Orde HFP 1031/2021, do 29 de setembro, pola que se establece o procedemento e formato da información que deberán proporcionar as entidades do sector público estatal, autonómico e local para o seguimento do cumprimento de fitos e obxectivos e de execución orzamentaria e contable das medidas dos compoñentes do Plan de recuperación, transformación e resiliencia (BOE núm. 234, do 30 de setembro de 2021).

O Real decreto 477/2021 foi modificado polo Real decreto 377/2022, do 17 de maio, coa finalidade, entre outras, de ampliar a tipoloxía de beneficiarios das axudas dos programas de incentivos vencellados ao autoconsumo e ao almacenamento, con fontes de enerxía renovable, así como á implantación de sistemas térmicos renovables no sector residencial.

En canto á posibilidade de ampliar o orzamento previsto no Real decreto 477/2021, do 29 de xuño, o anexo V do citado real decreto distribúe o orzamento entre as diferentes comunidades autónomas e cidades de Ceuta e Melilla. Este poderá ser ampliado para as comunidades autónomas que así o soliciten e conten cun grao de execución adecuado e con solicitudes en lista de espera, como é o caso de Galicia.

De acordo con isto, a Xunta de Galicia solicitou unha ampliación do orzamento asignado aos programas previstos no Real decreto 477/2021, do 29 de xuño. Conforme o recollido no punto primeiro da Resolución do 10 de xuño de 2022, da presidenta da EPE Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía MP (IDAE), pola que se amplía o orzamento do Real decreto 477/2021, do 29 de xuño, apróbase a ampliación de 39.163.367 euros para asignar á Comunidade Autónoma de Galicia.

O artigo 4.1 da convocatoria establece: «1. As subvencións previstas nesta convocatoria con cargo aos orzamentos do Inega (...) financiaranse con fondos europeos procedentes do Plan de recuperación, transformación e resiliencia-financeiro pola Unión Europea-NextGenerationEU. O importe total asignado a esta convocatoria ascende a 5.681.671,00 euros».

O artigo 4.3 da convocatoria recolle a posibilidade de redistribuír os orzamentos entre as distintas tecnoloxías renovables, pasados tres meses desde a apertura do prazo de solicitudes para adaptarse á evolución da axuda solicitada en cada unha das epígrafes. Ademais, o artigo 4.4 da convocatoria prevé a posibilidade de ampliar o crédito como consecuencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria derivada dalgunha das circunstancias previstas no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e se for o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda. Isto podería dar lugar á concesión de máis subvencións de acordo coa orde de prelación das solicitudes que resulte da aplicación dos criterios fixados nas bases que rexen a convocatoria. Conforme o establecido no artigo 4.4, de producirse a ampliación do crédito, publicarase no DOG e na páxina web do Inega (www.inega.gal), sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo para resolver.

Por todo o anterior, sobre a base dos requisitos e condicións previstos na normativa anteriormente citada,

RESOLVO:

Primeiro. Ampliar e redistribuír por anualidades os fondos destinados ao programa de incentivos 6 vencellado á realización de instalacións de enerxías renovables térmicas no sector residencial, modificando os números 1, 2 e 3 do artigo 4 da Resolución do 28 de outubro de 2021, que quedarán redactados do seguinte xeito:

«1. As subvencións previstas nesta convocatoria con cargo aos orzamentos do Inega e coa repartición plurianual recollida na seguinte táboa financiaranse con fondos europeos procedentes do Plan de recuperación, transformación e resiliencia-financeiro pola Unión Europea-NextGenerationEU. O importe total asignado a esta convocatoria ascende a 11.363.342,00 euros.

Importe 2021 (€)

Importe 2022 (€)

Importe 2023 (€)

Importe 2024 (€)

Importe total (€)

413.775,00

4.343.356,00

4.951.298,20

1.654.912,80

11.363.342,00

2. O orzamento por partida e anualidade redistribuírase tendo en conta as solicitudes rexistradas conforme o establecido no artigo 31 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, entre as seguintes partidas: 06.A3.733A.714.2, 06.A3.733A.760.5, 06.A3.733A.760.9, 06.03.733A.770.5, 06.03.733A.770.6, 06.A3.733A.780.1, 06.A3.733A.780.2, 06.A3.733A.780.3, 06.A3.733A.781.1 e 06.A3.733A.781.6.

3. O crédito máximo segundo a tipoloxía de enerxías renovables será o seguinte:

Tecnoloxía renovable térmica

Orzamento (€)

Biomasa

1.500.000,00

Xeotermia e hidrotermia

5.181.671,00

Aerotermia

4.600.000,00

Solar térmica

81.671,00

Non obstante, poderán ser redistribuídos os orzamentos entre as distintas tecnoloxías renovables pasados tres meses desde a apertura do prazo de solicitudes para adaptarse a evolución da axuda solicitada en cada unha das epígrafes.

Durante os dous meses seguintes á finalización da vixencia da convocatoria, poderá redistribuírse o orzamento nos termos recollidos no artigo 10.12 das bases reguladoras, polo que poderán tamén incorporarse, de ser o caso, os remanentes correspondentes ao orzamento que non se puidese destinar ao financiamento de investimentos directos pola Comunidade Autónoma.»

Segundo. Publicar esta resolución no Diario Oficial de Galicia e na páxina web do Instituto Enerxético de Galicia (www.inega.gal), para os efectos previstos no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (LPACAP).

Santiago de Compostela, 21 de xullo de 2022

Pablo Fernández Vila
Director do Instituto Enerxético de Galicia