Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 142 Mércores, 27 de xullo de 2022 Páx. 41473

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

RESOLUCIÓN do 7 de xullo de 2022, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade, pola que se declara de interese galego e se ordena a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Stop Leucemia-Fundación contra el Cáncer Hematológico.

Examinado o expediente de declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Stop Leucemia-Fundación contra el Cáncer Hematológico, dítase a presente resolución baseada nos feitos e nos fundamentos de dereito que se expoñen a seguir:

Feitos:

Primeiro. O 25 de abril de 2022, Ramón Penide Beis, en representación do padroado da Fundación, presentou solicitude de clasificación, declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Segundo. A Fundación Stop Leucemia-Fundación contra el Cáncer Hematológico constituíuna a entidade Adrem, S.L., representada polo seu administrador único, Álvaro Concheiro Varela, mediante escritura pública outorgada en Ordes (A Coruña) o 3 de febreiro de 2022, ante o notario Jesús María Rodríguez Vázquez, co número de protocolo 119.

Terceiro. Segundo consta no artigo 5 dos seus estatutos, a Fundación ten por obxecto «promover, desenvolver, transferir, xestionar e difundir a investigación, o coñecemento científico e tecnolóxico, a docencia e a formación no ámbito da biomedicina hematolóxica».

Cuarto. Na escritura de constitución da fundación constan os aspectos relativos á identidade dos fundadores, á súa capacidade para constituíla, á súa vontade de facelo como de interese galego conforme os preceptos da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, á dotación, aos estatutos e á composición do padroado inicial.

Quinto. Nos estatutos da fundación consta a súa denominación, o seu enderezo, o seu obxecto e finalidade, as regras para a aplicación das rendas aos fins fundacionais e para a determinación dos/das beneficiarios/as, a composición e as normas de funcionamento do padroado, as causas de disolución e o destino dos bens e dereitos resultantes da súa liquidación.

Sexto. O padroado inicial da Fundación está formado pola entidade ADREM, S.L., representada por Álvaro Concheiro Varela, como presidente, María Fernanda Díaz Míguez como secretaria e como vogais, Juan Ángel Concheiro Liñares, Alejandro-Celestino Concheiro Rodríguez-Segade, Adrián Mosquera Orgueira e a Asociación Gallega de Afectados por Trasplantes Medulares (Asotrame Galicia) representada por Cristina Piñeiro Couce.

Sétimo. A comisión integrada polos secretarios xerais técnicos de todas as consellerías elevou ao vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes a proposta de clasificación como de interese sanitario da Fundación Stop Leucemia-Fundación contra el Cáncer Hematológico, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, cumprindo os requisitos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, e segundo establecen os artigos 47.2 da citada lei, 51 do Regulamento de fundacións de interese galego, aprobado polo Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, e 7 do Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, aprobado polo Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, o protectorado será exercido polo departamento da Xunta que teña atribuídas as competencias correspondentes aos fins fundacionais.

Oitavo. De conformidade coa citada proposta, por Orde da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, do 15 de xuño de 2022 (DOG núm. 126, do 4 de xullo), clasificouse de interese sanitario a Fundación Stop Leucemia-Fundación contra el Cáncer Hematológico, e adscribiuse á Consellería de Sanidade para os efectos do exercicio das funcións de protectorado.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral, consonte a lei; e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía para Galicia establece que é competencia exclusiva da Comunidade Autónoma de Galicia o réxime das fundacións de interese galego.

Segundo. De acordo co disposto no artigo 7.2 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do rexistro de fundacións de interese galego, en relación co Decreto 136/2019, do 10 de outubro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Sanidade, corresponde á dita consellería a declaración de interese galego mediante resolución publicada no Diario Oficial de Galicia e a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Stop Leucemia-Fundación contra el Cáncer Hematológico, así como o exercicio das funcións de protectorado e as demais que correspondan á Xunta de Galicia, de conformidade co indicado no dito regulamento.

Á vista do que antecede e tendo en consideración o establecido na normativa vixente en materia de fundacións de interese galego e nas demais normas de xeral e pertinente aplicación, en uso das competencias atribuídas polo Decreto 136/2019, do 10 de outubro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Sanidade,

RESOLVO:

Primeiro. Declarar de interese galego a Fundación Stop Leucemia-Fundación contra el Cáncer Hematológico.

Segundo. Ordenar a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería de Sanidade.

Terceiro. Esta fundación queda sometida ao disposto na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, no Regulamento de fundacións de interese galego, aprobado polo Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, no Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, aprobado polo Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, e na demais normativa de aplicación; e, especialmente, ás obrigas de dar publicidade suficiente dos seus obxectivos e actividades, da ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servizos, así como á de presentación anual da documentación contable e do plan de actuación ante o protectorado, que será exercido pola Consellería de Sanidade.

Contra esta resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderá interpoñerse recurso de alzada ante o conselleiro de Sanidade, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 7 de xullo de 2022

Alberto Fuentes Losada
Secretario xeral técnico da Consellería de Sanidade