Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 141 Martes, 26 de xullo de 2022 Páx. 41263

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

ORDE do 7 de xullo de 2022 pola que se regula o réxime de axudas a centros privados concertados para a realización de probas de nivel lingüístico para o alumnado que realice os seus estudos no ano 2022 (código de procedemento ED531D).

As accións e recomendacións emanadas da Comisión Europea e do Consello de Europa nos últimos quince anos veñen configurando as políticas lingüísticas e a innovación en educación lingüística dos distintos países membros da Unión, ao considerar a competencia en linguas como un recurso económico e social indispensable dentro, e máis alá, dunha Europa cultural e lingüisticamente diversa.

As liñas estratéxicas desta consellería recollen medidas e accións enfocadas a que o alumnado adopte unha actitude positiva de cara ás linguas e ao mesmo tempo aprecie a diversidade cultural e a comunicación intercultural. A comunidade internacional considera o multilingüismo como unha ferramenta moi poderosa para o multilateralismo e a cooperación internacional, tan necesaria ante os retos globais aos cales nos enfrontamos.

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade implantou de xeito experimental os centros plurilingües en Galicia durante o curso 2010/11, como parte do proceso de fomento da diversidade lingüística e cultural da súa política educativa, e do que forman parte programas como a Anticipación da primeira lingua estranxeira, os cursos para a formación complementaria de aprendizaxe de linguas estranxeiras ou o programa de seccións bilingües. Esta implantación experimental permitiu, por unha banda, incrementar a presenza da lingua estranxeira como lingua vehicular, mediante a aplicación do disposto no Decreto 79/2010, do 20 de maio, para o plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia e, por outra, favorecer a transferencia entre as linguas que se imparten nos centros educativos galegos tanto nas destrezas comunicativas como nas destrezas académicas, mediante a concreción de medidas tendentes á impartición dun currículo integrado das linguas no proxecto lingüístico de centro.

A resposta altamente favorable dos centros educativos e das familias á participación neste proxecto de plurilingüismo da Consellería de Cultura, Educación e Universidade e o compromiso do profesorado, responsable do desenvolvemento do proxecto, coa formación do alumnado e a súa propia, levaron a Administración educativa a continuar na vía iniciada e a promover a ampliación do programa plurilingüe na educación infantil, no bacharelato e na formación profesional desde o ano 2017.

Igualmente, a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, en coherencia coa política educativa que desenvolve, convoca cada curso a Orde pola que se regula o réxime de axudas a centros privados concertados para a contratación de auxiliares de conversa coa finalidade de mellorar a competencia lingüística do alumnado en linguas estranxeiras, especialmente para aqueles que forman parte da Rede de Centros Plurilingües ou participan no Programa de seccións bilingües.

Ademais, a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades organiza anualmente actividades de formación en linguas estranxeiras para o alumnado, que se desenvolven durante o curso escolar en centros residenciais situados en Galicia en réxime de internado, para estimular a práctica do idioma e a súa utilización en contextos comunicativos diversificados e enfocados cara á mellora da comunicación oral co apoio de profesorado nativo en lingua inglesa. Igualmente, organiza actividades de inmersión lingüística no estranxeiro.

A nova liña de actuación para o fomento e desenvolvemento de programas de plurilingüismo da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, EDUlingüe2030, prevé, como un dos seus obxectivos estratéxicos, a internacionalización do sistema educativo galego creando un nuevo marco de traballo a partir das relacións internacionais e apostando por unha educación intercultural e multilingüe.

En consecuencia, de conformidade co exposto e por proposta da Dirección xeral de Ordenación e Innovación Educativa, como conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades,

ACORDO:

CAPÍTULO I

Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación

O obxecto desta orde é regular o procedemento de solicitude e concesión de axudas, en réxime de concorrencia competitiva, a centros privados concertados que impartan ensinanzas de educación secundaria, bacharelato e/ou formación profesional para a realización de probas de nivel lingüístico para o alumnado.

Esta convocatoria, para os efectos da súa identificación e acceso polas persoas interesadas, na sede electrónica da Xunta de Galicia, aos formularios de inicio, denomínase «Axudas a centros privados concertados para a contratación de probas de nivel lingüístico para o alumnado», código de procedemento ED531D.

Artigo 2. Financiamento e contía das axudas

1. O financiamento das axudas previstas nesta orde efectuarase con cargo á partida orzamentaria 10.30.423A.780.3 por un importe máximo 150.000,00 €, con cargo ao orzamento de 2022.

2. Ao abeiro do disposto no artigo 25.2 do citado Decreto 11/2009, a concesión das subvencións condiciónase á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución da concesión.

Todos os actos de trámite ditados no expediente de gasto entenderanse condicionados a que, no momento de se ditar a resolución de concesión, subsistan as mesmas circunstancias de feito e de dereito existentes no momento en que foron producidos os ditos actos.

3. As probas lingüísticas para o alumnado deberán realizarse ao longo do ano 2022, polo que o orzamento desta convocatoria pode cubrir os gastos orixinados ata decembro de 2022.

4. O custo outorgado a cada centro por proba de acreditación en lingua estranxeira e alumno/a será dun máximo de 100 € e debe incluír:

a) A realización das probas das destrezas orais e das destrezas escritas.

b) A certificación correspondente.

5. A contía da axuda para cada centro determinarase en función das prazas solicitadas no proxecto que se presente no momento da solicitude.

CAPÍTULO II

Finalidade das axudas e requisitos para poder solicitalas

Artigo 3. Finalidade das axudas

As axudas reguladas nesta orde poderán empregarse para contratar a realización de probas de nivel lingüístico para o alumnado. As probas a que se refire esta orde desenvolveranse de acordo co obxectivo e as características que se especifican a continuación:

1. O obxectivo principal destas probas é acreditar a competencia en lingua estranxeira do alumnado, nos niveis de competencia B1, B2 ou C1, descritos no Marco común europeo de referencia para as linguas do Consello de Europa (MCERL), segundo corresponda.

2. As probas que realizará o alumnado serán do nivel B1, B2 ou C1 (segundo decida o alumnado logo de orientación do seu profesorado de lingua estranxeira), e terá que ser unha das probas recollidas no anexo da Orde do 21 de xuño de 2016 pola que se modifica a Orde do 18 de febreiro de 2011, pola que se establece o procedemento de acreditación de competencia en idiomas do profesorado para impartir nunha lingua estranxeira áreas, materias ou módulos non lingüísticos nos centros docentes públicos dependentes desta consellería, ou proba análoga que conte co mesmo recoñecemento internacional e siga os mesmos estándares de calidade.

3. As probas realizaranse durante o ano 2022.

Artigo 4. Requisitos do centro

Non poderán ter a condición de beneficiarios das axudas previstas nesta orde os centros privados concertados en que se dea algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007, do 13 xuño, de subvencións de Galicia.

Para os efectos de simplificación da acreditación do cumprimento de obrigas coa consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia, coa Axencia Estatal de Administración Tributaria e coa Tesourería Xeral da Seguridade Social, a entidade beneficiaria presentará a declaración responsable prevista no artigo 11 do Regulamento da citada Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, recollida no anexo I e II.

Artigo 5. Destinatarios

Esta convocatoria está destinada a todos os centros privados concertados non universitarios dependentes da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades en que se impartan ensinanzas de educación secundaria obrigatoria, bacharelato e/ou formación profesional.

As probas están destinadas ao alumnado de bacharelato, alumnado de FP e alumnado de 4º da ESO interesado en participar nelas que estea matriculado no curso 2021/22 e a aqueles que, previsiblemente, se matriculen no curso 2022/23. En calquera caso, o alumnado deberá realizar as probas lingüísticas ao longo do ano 2022.

Na solicitude faranse constar os datos do alumnado que se relacionan a continuación, segundo se cumpran en cada caso, e o correspondente compromiso individual asinado polo alumnado/familias:

1. Alumnado que cursa ensinanzas plurilingües:

– 2º curso de bacharelato que curse o programa PluriBach.

– 2º curso dun ciclo PluriFP.

– 1º curso de bacharelato que curse o programa PluriBach.

– 1º curso dun ciclo PluriFP.

– 4º curso da ESO.

2. Alumnado que non cursa ensinanzas plurilingües:

– 2º curso de bacharelato.

– 2º curso dun ciclo de FP.

– 1º curso de bacharelato.

– 1º curso dun ciclo de FP.

– 4º curso da ESO.

Artigo 6. Organización e xestión das probas

1. As probas de nivel lingüístico deberán ser realizadas polas empresas ou institucións que figuran no anexo da Orde do 21 de xuño de 2016.

2. Os centros educativos informarán o alumnado desta convocatoria e identificarán o alumnado interesado na realización das probas (cun compromiso individual do alumnado/familias que custodiará o centro) e indicarán na súa solicitude o número de alumnado interesado por nivel.

3. Unha vez publicada a resolución definitiva de centros seleccionados, se a dotación económica que recibe o centro educativo non fose suficiente para cubrir todas as demandas de alumnado interesado, os centros educativos seleccionarán o alumnado participante nestas probas segundo criterios transparentes, públicos e obxectivos, dos cales será informado o claustro e que se aprobarán no consello escolar. Unha vez realizada a selección en acto público, levantarase acta do sorteo ou selección realizada e custodiarase no centro educativo.

4. Os centros educativos seleccionarán as probas a que se presentará o seu alumnado. Esta selección debe buscar a maior proximidade e comodidade para que o alumnado poida participar nas probas e que o custo se adecúe á dotación económica facilitada por esta consellería, para evitar o custo para as familias.

5. As familias ou, de ser o caso, os centros educativos encargaranse da organización do traslado do alumnado ao lugar de realización das probas, en caso de que estas non poidan realizarse no propio centro educativo. A Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades non asumirá os gastos derivados destes desprazamentos.

6. O alumnado será orientado polo profesorado de lingua estranxeira e deberá coñecer con antelación as características da proba a que se vai presentar.

7. Cada alumno ou alumna poderá matricularse nunha única proba dunha lingua estranxeira, que será, preferentemente, a que curse como primeira lingua estranxeira.

CAPÍTULO III

Solicitude e prazos

Artigo 7. Forma e prazo de presentación

As solicitudes presentaranse por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, de acordo co anexo I.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

O prazo de presentación de solicitudes será un mes contado a partir do día seguinte á publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento, non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

Artigo 8. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

CAPÍTULO IV

Procedemento para a adxudicación das axudas

Artigo 9. Criterios de selección dos centros

Todos os centros solicitantes que cumpran cos criterios de participación indicados nesta orde serán seleccionados. Os centros non poderán percibir unha asignación superior ao número total de alumnado interesado.

A dotación económica para cada centro resultará da distribución da dotación económica total desta convocatoria entre os centros solicitantes con alumnado interesado en participar nas probas, atendendo aos seguintes criterios:

1. Alumnado de 2º curso de bacharelato que curse o programa PluriBach.

2. De sobrar remanente, este distribuirase entre os centros con alumnado de 2º curso dun ciclo PluriFP.

3. De sobrar remanente, este distribuirase entre os centros con alumnado de 1º curso de bacharelato que curse o programa PluriBach.

4. De sobrar remanente, este distribuirase entre os centros con alumnado de 1º curso dun ciclo PluriFP.

5. De sobrar remanente, este distribuirase entre os centros con alumnado matriculado en 4º da ESO pertencente ao programa plurilingüe.

6. De sobrar remanente, este distribuirase entre os centros con alumnado de 2º curso de bacharelato non pertencente ao programa plurilingüe.

7. De sobrar remanente, este distribuirase entre os centros con alumnado de 2º curso dun ciclo de FP non pertencente ao programa plurilingüe.

8. De sobrar remanente, este distribuirase entre os centros con alumnado de 1º curso de bacharelato non pertencente ao programa plurilingüe.

9. De sobrar remanente, este distribuirase entre os centros con alumnado de 1º curso dun ciclo de FP non pertencente ao programa plurilingüe.

10. De sobrar remanente, este distribuirase entre os centros con alumnado de 4º curso da ESO non pertencente ao programa plurilingüe.

Artigo 10. Comisión de Valoración

1. A valoración das solicitudes realizaraa unha comisión, integrada polos seguintes membros:

a) Presidente/a: a persoa titular da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa ou persoa en quen delegue.

b) Vogais: dous vogais, con categoría de subdirector/a xeral, xefe/a de servizo ou membros da Inspección Educativa.

c) Unha persoa funcionaria da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, que actuará como secretario/a, con voz e sen voto.

2. A percepción de asistencias desta comisión de selección atenderá á categoría correspondente segundo o disposto no Decreto 144/2001, do 7 de xuño, sobre indemnizacións por razóns do servizo ao persoal con destino na Administración autonómica de Galicia.

CAPÍTULO V

Resolución

Artigo 11. Resolución provisional

Valoradas as solicitudes, a Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa publicará no portal educativo (http://www.edu.xunta.gal) a proposta de resolución provisional, co importe asignado a cada centro. A exposición abrirá un prazo de dez días naturais para efectuar reclamacións ou renuncias á concesión das axudas ante a persoa que exerza a presidencia da Comisión.

Artigo 12. Resolución definitiva

1. Analizadas e resoltas as reclamacións presentadas contra a resolución provisional, a directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa elevará ao conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades a proposta de resolución definitiva, na cal se sinalará a concesión ou a denegación das axudas, así como, se é o caso, a exclusión daqueles centros docentes que non reúnan algún dos requisitos da convocatoria.

2. A resolución definitiva será ditada polo conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades e publicarase no portal educativo (http://www.edu.xunta.gal) e no Diario Oficial de Galicia, no prazo máximo de tres meses, contado desde o remate do prazo de solicitude.

3. Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpor recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

4. Se transcorre o prazo máximo que se sinala no parágrafo segundo deste artigo sen que se publique a resolución definitiva, os centros solicitantes poderán entender desestimadas, por silencio administrativo, as súas solicitudes, para os efectos de interpor os recursos que proceda.

Artigo 13. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que estean vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 14. Renuncias

1. Os centros docentes poderán renunciar á axuda nos dez días naturais seguintes á publicación da resolución provisional.

2. Se un centro renunciase á axuda despois deste prazo, non poderá concorrer á concesión desta nos dous cursos seguintes ao correspondente a esta convocatoria.

Artigo 15. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento por parte das persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, e entenderase rexeitada cando transcorran dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

CAPÍTULO VI

Pagamentos

Artigo 16. Pagamento

1. O pagamento da axuda farase antes de finalizar o mes de decembro de 2022.

2. O pagamento das axudas concedidas farase de conformidade co disposto no artigo 31 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, polo que se desenvolve o procedemento de aprobación do gasto e pagamento de subvencións de Galicia.

Artigo 17. Documentación

1. Para o pagamento, o centro docente concertado terá que presentar, antes do 15 de novembro de 2022, a seguinte documentación:

a) Facturas a nome do centro.

b) Relación de alumnado inscrito nas probas, con indicación do idioma e nivel a que se presentou e o nome da proba realizada.

c) Anexo II, cuberto e asinado.

2. Os documentos acreditativos dos gastos deberán reunir todos os requisitos exixidos pola normativa vixente. Se a xustificación está incompleta ou é incorrecta, pagarase unicamente a cantidade da axuda concedida correctamente xustificada.

3. Para os efectos do artigo 31.7 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, deberá presentar a declaración responsable recollida no punto 4 do artigo 4 desta orde, no momento da solicitude e do pagamento.

Artigo 18. Seguimento da realización das probas de acreditación do nivel lingüístico do alumnado

A Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa realizará o seguimento da xestión das probas subvencionado a través dos servizos provinciais da Inspección Educativa.

Artigo 19. Fiscalización e control

1. Os centros beneficiarios quedarán obrigados a facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e de control do destino das axudas.

2. Así mesmo, a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades poderá realizar, en calquera momento e ata transcorridos tres anos a partir da resolución de concesión das axudas, as comprobacións e avaliacións que considere oportunas sobre as actuacións realizadas e a xustificación.

3. Os centros beneficiarios darán a axeitada publicidade do carácter público do financiamento das actividades que foron obxecto de subvención.

Artigo 20. Perda do dereito ao cobramento da axuda

1. O centro docente perderá o dereito ao cobramento da axuda polas seguintes causas:

a) Xustificación de forma incompleta ou fóra de prazo.

b) Incumprimento dos fins ou obxectivos para os cales se concedeu.

c) Perda da capacidade xurídica ou de obrar, ou inhabilitación para ser beneficiario de subvencións e axudas públicas, nos termos previstos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. De concedérselle outra subvención por esta mesma finalidade no prazo de vixencia desta convocatoria, a entidade terá que comunicarllo á Administración, segundo dispón artigo 11.d) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, para que, en aplicación do seu artigo 17.3, o importe da subvención se minore, co fin de que, illadamente ou en concorrencia coas subvencións concedidas por outras administracións ou entes públicos ou privados, non supere o 100 % do investimento.

3. No caso de que se revogue a axuda, o centro docente terá que reintegrar as cantidades percibidas e mais os xuros de mora xerados desde o momento do seu pagamento, nos termos que figuran nos artigos 33 a 38 da referida Lei 9/2007, do 13 de xuño.

CAPÍTULO VII

Disposicións derradeiras

Disposición derradeira primeira. Recursos

Contra esta orde, que esgota a vía administrativa, os interesados poderán interpor recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente un recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Disposición derradeira segunda. Competencias

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa para adoptar todas as actuacións e medidas que sexan necesarias para a execución e desenvolvemento do previsto nesta orde.

Disposición derradeira terceira. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 7 de xullo de 2022

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

missing image file
missing image file
missing image file