Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 137 Martes, 19 de xullo de 2022 Páx. 40477

III. Outras disposicións

Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

ORDE do 14 de xullo de 2022 sobre delegación de competencias na Secretaría Xeral Técnica e noutros órganos da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes.

O artigo 2 do Decreto 73/2022, do 25 de maio, establece os órganos superiores e de dirección en que se estrutura a Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, así como a adscrición á Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes do organismo autónomo Academia Galega de Seguridade Pública e da Axencia Galega de Emerxencias, e a adscrición orgánica das delegacións territoriais da Xunta de Galicia.

O Decreto 117/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, regula a súa organización para afondar na mellora continua das estruturas administrativas, co fin de acadar o máximo nivel de calidade na prestación dos servizos públicos. O ámbito de competencias que abrangue esta organización fai aconsellable efectuar unha delegación de competencias que ordene a actuación administrativa co fin de acadar unha maior axilidade e eficacia na xestión, sen esquecer o debido respecto aos principios recollidos no artigo 103.1 da nosa Constitución.

A delegación de competencias permite a axilización administrativa necesaria que beneficia tanto a Administración como a cidadanía, dentro do rigoroso respecto das garantías xurídicas que a tutela dos intereses públicos exixe.

O artigo 6 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e a lexislación básica estatal contida na Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, establecen o réxime da delegación de competencias.

Na súa virtude, facendo uso das facultades que me confiren os artigos 38, 43.3 e 44 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia; o artigo 9 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, e o artigo 6 da Lei 16/2010, do 17 de decembro,

DISPOÑO:

Artigo 1. Administración de persoal

1. Delégase na persoa titular da Secretaría Xeral Técnica da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes o exercicio das facultades que lle corresponden á persoa titular da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes en materia de persoal, segundo o establecido no artigo 17 da Lei 2/2015, do 29 de abril, de emprego público de Galicia, e demais disposicións en vigor, excepto a provisión de postos de traballo clasificados como de libre designación, o nomeamento do persoal eventual e as que lles correspondan a outros órganos.

2. Así mesmo, delégase na persoa titular da Secretaría Xeral Técnica da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes o exercicio da competencia para a designación das comisións de servizo con dereito a indemnización prevista no artigo 4 do Decreto 144/2001, do 7 de xuño, das persoas titulares da Secretaría Xeral para o Deporte, das direccións xerais e das delegacións territoriais, así como do persoal dependente da Secretaría Xeral Técnica.

3. Delégase nas persoas titulares da Secretaría Xeral para o Deporte e das direccións xerais da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes o exercicio da competencia para a designación das comisións de servizo con dereito a indemnización do persoal integrado nas unidades administrativas que estean baixo a súa dependencia directa.

4. Delégase nas persoas titulares das xefaturas territoriais da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes o exercicio da competencia para a designación das comisións de servizo con dereito a indemnización do persoal da correspondente xefatura territorial.

5. Delégase nas persoas titulares das delegacións territoriais o exercicio da competencia para a designación das comisións de servizo con dereito a indemnización das persoas titulares das secretarías territoriais e xefaturas territoriais da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes.

6. Deléganse na persoa titular da Dirección Xeral de Administración Local as competencias que lle corresponden á Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes en materia de persoal funcionario con habilitación de carácter estatal, ao abeiro do artigo 15 da Lei 2/2015, do 29 de abril.

Artigo 2. Contratación

1. Delégase na persoa titular da Secretaría Xeral Técnica o exercicio das seguintes facultades en materia de contratación:

a) As atribuídas á persoa titular da Vicepresidencia Segunda e Consellería respecto dos contratos menores no ámbito de competencias da Secretaría Xeral Técnica.

b) En relación cos contratos que non teñan a consideración de contratos menores e que afecten o ámbito competencial da Vicepresidencia Segunda e Consellería, a resolución de inicio, a designación do responsable do contrato, a aprobación dos pregos de cláusulas administrativas, a aprobación do expediente de contratación e a aprobación do gasto correspondente, así como, de ser o caso, dispor a súa tramitación urxente ou adoptar as medidas pertinentes no suposto previsto no artigo 120 da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, ou norma que a substitúa.

c) A adxudicación e formalización dos contratos non cualificados como contratos menores do ámbito competencial da Vicepresidencia Segunda e Consellería; a prerrogativa da súa interpretación e resolver as dúbidas que ofreza o seu cumprimento; a aprobación das súas modificacións por razóns de interese público; acordar a súa resolución e determinar os efectos desta, así como as restantes facultades que, de acordo coa lexislación, lle corresponden ao órgano de contratación, salvo as que se deleguen expresamente no punto seguinte nos/nas directores/as xerais.

d) As facultades que a normativa vixente lle atribúe á persoa titular da Vicepresidencia Segunda e Consellería como órgano de contratación, excepto as que se deleguen expresamente noutros órganos.

2. Deléganse nas persoas titulares da Secretaría Xeral para o Deporte e das direccións xerais da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, no ámbito das súas respectivas competencias, as facultades que se enuncian a continuación:

a) En relación cos contratos menores, o exercicio das facultades que o ordenamento xurídico lle atribúe á persoa titular da Vicepresidencia Segunda e Consellería.

b) En relación cos contratos que non teñen a consideración de menores, a aprobación dos pregos de prescricións técnicas, a aprobación dos proxectos e as súas modificacións, a realización das operacións relativas á transmisión dos dereitos de cobramento, a súa dirección, inspección e control. Poderán ditar as instrucións oportunas para o fiel cumprimento do convido e exercer todas aquelas facultades que a lexislación de contratación administrativa lle atribúe ao órgano de contratación en relación coas incidencias que xurdan durante a súa execución, excepto as que supoñan a modificación do contrato e a resolución de incidencias a que se refire o artigo 120 da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, relativo á tramitación de emerxencia ou norma que o substitúa.

3. En todo caso, delégase na persoa titular da Secretaría Xeral Técnica o exercicio das facultades a que se refire o número anterior en relación cos contratos que sexan financiados con cargo ao código de proxecto 2015 00174, Gastos correntes da administración de xustiza, xestionados pola Secretaría Xeral Técnica, correspondente ás aplicacións orzamentarias do capítulo II do programa 131A do servizo 22, sección 05, así como en relación cos contratos que sexan financiados con cargo ás aplicacións orzamentarias 05.22.131A.622.0, Plans de infraestruturas xudiciais. Obras maiores, e 05.22.131A.632.0, Plans de infraestruturas xudiciais. Obras menores.

4. As delegacións previstas neste artigo entenderanse sen prexuízo das facultades atribuídas polo artigo 31.4.f) da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, ás persoas titulares das delegacións territoriais.

Artigo 3. Xestión financeira e orzamentaria

1. Deléganse na persoa titular da Secretaría Xeral Técnica, ademais das facultades de autorización e disposición dos gastos derivados do exercicio das competencias delegadas en materia de contratación, a aprobación das modificacións orzamentarias competencia da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes e o exercicio da competencia para autorizar os gastos xerais dos servizos, autorizar os actos de disposición dos créditos e de recoñecemento de obrigas e proporlle á persoa titular da consellería competente en materia de facenda a ordenación dos correspondentes pagamentos relativos:

a) Aos gastos de persoal, sen prexuízo da competencia da persoa titular da Dirección Xeral de Xustiza en materia de autorización da inclusión en nómina, referente ás retribucións dos medios persoais ao servizo da Administración de xustiza.

b) Aos gastos xerais incluídos no capítulo II dos orzamentos que afecten a Secretaría Xeral Técnica ou varias unidades de distintos centros directivos da Vicepresidencia Segunda e Consellería.

c) Aos créditos dos capítulos IV, VI, VII e VIII dos orzamentos, salvo os derivados dos contratos menores correspondentes a competencias delegadas na Secretaría Xeral para o Deporte e direccións xerais.

2. En todo caso, deléganse na persoa titular da Secretaría Xeral Técnica o exercicio da competencia para autorizar os gastos, autorizar os actos de disposición dos créditos e de recoñecemento de obrigas e proporlle á persoa titular da consellería competente en materia de facenda a ordenación dos correspondentes a pagamentos relativos ao código de proxecto 2015 00174, Gastos correntes da Administración de xustiza xestionados pola Secretaría Xeral Técnica, das aplicacións orzamentarias do capítulo II do programa 131A do servizo 22, sección 05, así como os correspondentes aos códigos de proxecto 2015 00089 e 2015 00115 da aplicación orzamentaria 05.22.131A.481.0; e os correspondentes ás aplicacións orzamentarias 05.22.131A.622.0, Plans de infraestruturas xudiciais. Obras maiores, e 05.22.131A.632.0, Plans de infraestruturas xudiciais. Obras menores.

3. Deléganse nas persoas titulares da Secretaría Xeral para o Deporte e das direccións xerais, no ámbito das súas respectivas competencias, as mesmas facultades indicadas anteriormente no número 1 deste artigo en relación:

a) Cos gastos derivados da execución das competencias delegadas en materia de contratación, agás as atribuídas á persoa titular da Secretaría Xeral Técnica no número 2 deste artigo.

b) Cos créditos correspondentes ao capítulo II dos orzamentos que correspondan a gastos específicos do seu centro directivo, agás as atribuídas a persoa titular da Secretaría Xeral Técnica no número 2 deste artigo.

4. Delégase na persoa titular da Secretaría Xeral Técnica e nas persoas titulares da Secretaría Xeral para o Deporte e das direccións xerais, no ámbito das súas respectivas competencias, o exercicio da facultade de aprobación das contas xustificativas daqueles gastos que teñan a consideración de gastos a xustificar, sen prexuízo das competencias dos órganos territoriais competentes respecto dos que correspondan a créditos que fosen desconcentrados.

5. O réxime de delegacións en materia de axudas e subvencións públicas no ámbito da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes será o que se estableza nas correspondentes ordes de convocatoria.

6. As competencias delegadas nos números anteriores inclúen a sinatura dos documentos contables en que se reflictan as correspondentes fases dos gastos; correspóndelles á persoa titular da Secretaría Xeral Técnica e ás persoas titulares da Secretaría Xeral para o Deporte e das direccións xerais, no ámbito das súas respectivas competencias, a sinatura daqueles documentos que impliquen unha mera actualización na contabilidade de actuacións xa documentadas en exercicios anteriores.

Artigo 4. Xestión patrimonial

Delégase na persoa titular da Secretaría Xeral Técnica o exercicio das facultades que a normativa en materia de patrimonio lle atribúe á persoa titular da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, sen prexuízo do que se estableza nas correspondentes convocatorias de axudas ou subvencións en especie no seu eido.

Artigo 5. Potestade sancionadora

Delégase nas persoas titulares da Secretaría Xeral para o Deporte e das direccións xerais, en función do seu ámbito competencial, a imposición ou propostas de sanción, así como o inicio do procedemento sancionador e, de ser o caso, tanto a apertura do período de información ou actuacións previas como a adopción de calquera medida de carácter provisional que lle correspondan á persoa titular da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes.

Artigo 6. Recursos e reclamacións

Delégase na persoa titular da Secretaría Xeral Técnica o exercicio das competencias seguintes:

a) Resolver os recursos administrativos de alzada, potestativo de reposición e de revisión cando a facultade de resolución lle corresponda á persoa titular da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes e, de ser o caso, suspender a execución dos actos impugnados.

b) Resolver as solicitudes de revisión de oficio, a declaración de lesividade dos actos anulables e a revogación de actos de gravame ou desfavorables que lle corresponda resolver á persoa titular da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, segundo o previsto no capítulo I do título V da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

c) Iniciar e resolver os procedementos de responsabilidade patrimonial a que se refire a Lei 39/2015, do 1 de outubro, e a Lei 40/2015, do 1 de outubro, competencia da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, incluíndo, se é o caso, a resolución das reclamacións contra as entidades de dereito público adscritas a ela.

d) Resolver e formular os requirimentos previos á vía xudicial contencioso-administrativa competencia da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, nos termos previstos no artigo 44 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 7. Criterios complementarios na aplicación das delegacións

Na aplicación das delegacións de competencias contidas nesta orde teranse en conta os seguintes criterios:

a) O exercicio das competencias que se delegan nesta orde axustarase ao disposto no artigo 6 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e na Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia.

b) En calquera momento, a persoa titular da Vicepresidencia Segunda e Consellería poderá avocar para si o exercicio das competencias que se delegan nesta orde.

c) Enténdese comprendida na delegación da persoa titular da Secretaría Xeral Técnica o exercicio da competencia para resolver os recursos de reposición que se interpoñan contra as resolucións que dite en virtude das facultades que se lle delegan nesta orde. Por outra parte, delégase na Secretaría Xeral Técnica o exercicio da competencia para resolver os recursos de reposición interpostos contra as resolucións ditadas pola persoa titular da Secretaría Xeral para o Deporte e polas persoas titulares das direccións xerais da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, no exercicio das facultades delegadas.

d) Atribúeselle á Secretaría Xeral Técnica o exercicio das competencias que, en materia de xestión financeira e orzamentaria, persoal e contratación, non están expresamente delegadas noutros órganos da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes.

e) En caso de vacante, ausencia ou enfermidade, así como nos casos en que fose declarada a abstención ou recusación da persoa titular da Secretaría Xeral Técnica, as competencias que se delegan mediante a presente orde serán exercidas, mentres persistan as ditas circunstancias, pola persoa titular da Vicesecretaría Xeral.

Respecto da persoa titular da Secretaría Xeral para o Deporte, así como das direccións xerais da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, as competencias delegadas contidas nesta orde serán exercidas, mentres persistan as ditas circunstancias, pola persoa titular da Secretaría Xeral Técnica e, na súa falta, polas persoas titulares da Secretaría Xeral para o Deporte e das direccións xerais, seguindo nesta suplencia a orde establecida no Decreto 117/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes. Neste sentido, a substitución asumiraa a persoa titular do órgano que ocupe o posto seguinte na orde correlativa establecida no decreto, correspondéndolle á primeira, se é o caso, substituír á última.

f) As resolucións administrativas que se adopten facendo uso das delegacións contidas nesta orde farán constar expresamente esta circunstancia e consideraranse ditadas polo órgano delegante.

Disposición adicional primeira. Delegación de competencias en órganos da Axencia Galega de Emerxencias

1. Delégase na persoa titular da Xerencia da Axencia Galega de Emerxencias:

a) En relación cos contratos que non teñan a consideración de contratos menores e que afecten o ámbito competencial da Axencia, a aprobación do expediente de contratación, a aprobación dos pregos de cláusulas administrativas e de prescricións técnicas, a aprobación do gasto correspondente, así como, de ser o caso, dispor a súa tramitación urxente ou adoptar as medidas pertinentes no suposto previsto no artigo 120 da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, ou norma que o substitúa.

b) A adxudicación e formalización dos contratos non cualificados como contratos menores do ámbito competencial da Axencia; a prerrogativa da súa interpretación e resolver as dúbidas que ofreza o seu cumprimento; a aprobación das súas modificación por razóns de interese público; acordar a súa resolución e determinar os efectos desta, así como as restantes facultades que, de acordo coa lexislación, lle correspondan ao órgano de contratación.

2. Delégase na persoa titular da Secretaría Xeral da Axencia Galega de Emerxencias o exercicio das facultades atribuídas á persoa titular da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes respecto dos contratos menores no ámbito de competencias da Axencia Galega de Emerxencias.

Disposición derrogatoria

Queda derrogada a Orde do 29 de decembro de 2017 sobre delegación de competencias na Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e noutros órganos da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e entidades adscritas.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 14 de xullo de 2022

Diego Calvo Pouso
Vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia,
Xustiza e Deportes