Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 133 Mércores, 13 de xullo de 2022 Páx. 39727

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social e Xuventude

ORDE do 4 de xullo de 2022 pola que se modifica a Orde do 16 de xullo de 2019 pola que se establecen as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para a posta en marcha de casas niño, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria para os anos 2019, 2020, 2021 e 2022 (código de procedemento BS403C).

O 29 de xullo de 2019 publicouse no Diario Oficial de Galicia número 142 a Orde do 16 de xullo de 2019 pola que se establecen as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para a posta en marcha de casas niño, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria para os anos 2019, 2020, 2021 e 2022 (código de procedemento BS403C).

Esta convocatoria de axudas está dirixida á posta en marcha, a partir do ano 2019 ao 2022, de experiencias piloto destinadas á atención de nenas e nenos de ata tres anos de idade, mediante o establecemento dunha casa niño nos núcleos rurais do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia en que non exista ningún outro recurso de atención continuada á infancia de ata tres anos de idade.

Dentro do marco do compromiso económico da Orde do 16 de xullo de 2019, a presente modificación ten por obxecto incrementar a contía da prima destinada a apoiar estas iniciativas, establecida no número 2 do artigo 7 referido ao tipo de axudas e contías, nun 10 % na anualidade 2022, co obxecto de promover que as persoas titulares destes proxectos poidan continuar mantendo a viabilidade das casas niño e manter o servizo nunhas condicións óptimas que permitan compensar o incremento experimentado polos prezos das subministracións e outros gastos correntes que repercuten nos custos das prazas.

En consecuencia, facendo uso das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta de Galicia e da súa Presidencia,

RESOLVO:

Artigo único. Modificación da Orde do 16 de xullo de 2019 pola que se establecen as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para a posta en marcha de casas niño, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria para os anos 2019, 2020, 2021 e 2022 (código de procedemento BS403C).

A Orde do 16 de xullo de 2019 pola que se establecen as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para a posta en marcha de casas niño, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria para os anos 2019, 2020, 2021 e 2022 (código de procedemento BS403C), queda modificada como segue:

O número 2 do artigo 7, referido a tipos de axudas e contías, queda redactado como segue:

«2. A axuda polo desenvolvemento do proxecto piloto consistirá nunha achega económica de 19.600 €/ano en forma de prima destinada a apoiar esta iniciativa emprendedora no inicio da súa andaina. Este importe minorarase proporcionalmente en función dos meses efectivos de desenvolvemento.

Para o exercicio 2022, a prima destinada a apoiar esta iniciativa emprendedora no inicio da súa andaina consistirá nunha achega económica de 21.560 €/ano. Este importe minorarase proporcionalmente en función dos meses efectivos de desenvolvemento».

Disposición adicional única. Prazo de presentación de solicitudes

A publicación desta orde non supón a apertura dun novo prazo de presentación de solicitudes.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de xullo de 2022

Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social e Xuventude