Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 133 Mércores, 13 de xullo de 2022 Páx. 39719

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

DECRETO 127/2022, do 30 de xuño, polo que se aproba o cambio de titularidade a prol do Concello de Mugardos dun treito antigo da actual AC-133, situado na súa marxe esquerda, desde o punto quilométrico 9+710 ao punto quilométrico 9+840 aproximadamente, xunto co seu dominio público viario asociado.

Segundo o artigo 9.4 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, os cambios de titularidade das estradas ou treitos delas, cando non se trate de travesías urbanas ou treitos delas que estean incluídos no inventario de travesías da súa Administración titular, deberán ser aprobados por decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións afectadas.

Por outra parte, a citada lei de estradas dispón no artigo 9.7 que os cambios de titularidade poderán abranguer estradas, treitos delas, elementos funcionais e/ou espazos da zona de dominio público adxacente.

O Concello de Mugardos solicita á Axencia Galega de Infraestruturas a cesión das parcelas con referencias catastrais 1222702NJ6112S e 1222703NJ6112S expropiadas parcialmente para as obras de mellora da estrada AC-133. Non obstante, as ditas parcelas solicitadas atópanse integradas como dominio público viario asociado a un treito antigo da actual AC-133, entre os seus p.q. 9+710 ao 9+840, marxe esquerda, na zona denominada A Fonte Grande.

A superficie do dominio público viario asociado ao treito antigo é de 2.445 m². A maioría desta superficie a conforma a franxa de terreo que separa o tronco antigo co tronco actual da estrada AC-133.

A Axencia Galega de Infraestruturas, de acordo cos informes emitidos polos servizos competentes, formulou a proposta favorable á transferencia de titularidade do treito antigo da AC-133 que se define no artigo 1, xunto co seu dominio público viario asociado.

De conformidade co anteriormente exposto, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día trinta de xuño de dous mil vinte e dous,

DISPOÑO:

Artigo 1

– Aprobar o cambio de titularidade a prol do Concello de Mugardos, xunto co seu dominio público viario asociado, de:

Denominación

Pqi de conexión

Coordenadas UTM (ETRS89 fuso 29)

Pqf de conexión

Coordenadas UTM (ETRS89) fuso 29

Marxe

Lonx. aprox. (m)

Treito antigo da AC-133 na Fonte Grande

9+710

X= 561.064

Y= 4.811.977

9+840

X= 560.965

Y= 4.812.009

Esquerda

136

Artigo 2

De acordo co establecido no artigo 9.6 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o cambio de titularidade será efectivo ao día seguinte ao da publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia. A entrega dos bens formalizarase no prazo dos dous meses seguintes a esta publicación mediante a sinatura da correspondente acta de entrega.

Esta acta de entrega e os seus planos poderán consultarse na páxina web da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade:

https://infraestruturasemobilidade.xunta.gal/estradas/rede-autonomica/raega

Artigo 3

Correspóndelle ao Concello de Mugardos, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación, así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que puidese corresponderlle como nova Administración titular.

Disposición derradeira

Este decreto producirá efectos desde o día seguinte á súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, trinta de xuño de dous mil vinte e dous

Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade