Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 132 Martes, 12 de xullo de 2022 Páx. 39618

III. Outras disposicións

Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde

RESOLUCIÓN do 30 de xuño de 2022 pola que se ordena a publicación das tarifas para o desenvolvemento de actividades de consultoría e asistencia técnica aprobadas polo Consello Reitor do 13 de marzo de 2022.

A Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde, creada en virtude do Decreto 112/2015, do 31 de xullo, polo que se crea a Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde e se aproban os seus estatutos, é unha axencia pública autonómica adscrita á Consellería de Sanidade a través do Servizo Galego de Saúde, que se constitúe como un ente publico instrumental da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia co obxecto de garantir unha maior eficiencia e eficacia na xestión da docencia, a formación, a investigación, a innovación e a avaliación de tecnoloxías e servizos sanitarios.

A Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde ten, consonte o disposto no artigo 5 dos seus estatutos, aprobados polo Decreto 112/2015, do 31 de xullo, a condición de medio propio e servizo técnico da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e dos poderes adxudicadores dependentes dela, polo que está obrigada a realizar os traballos que aquela ou estes lle encomenden.

De conformidade co artigo 9 dos seus estatutos, a Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde ten atribuídas entre as súas competencias a tarefa de planificar, promover, coordinar, executar e avaliar a investigación e innovación sanitaria de calidade en función dos criterios e obxectivos definidos polo Servizo Galego de Saúde e a Consellería de Sanidade, e de acordo coa política xeral da Xunta de Galicia en materia de I+D+i. Así mesmo, de acordo co artigo 18, correspóndenlle á Axencia a execución e xestión de proxectos de investigación e innovación sanitaria e o deseño e execución da estratexia de valorización da innovación sanitaria desenvolvida no Sistema público de saúde de Galicia. No mesmo artigo tamén se lle asigna o traballo de xestionar e executar proxectos e programas de investigación e innovación financiados con fondos europeos ou doutros organismos.

Por todo o anterior, de conformidade co disposto no artigo 5.2 do Decreto 112/2015, do 31 de xullo, nos artigos 8 e 9 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e no artigo 13 da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico, pódenselle realizar encomendas. Cómpre, pois, establecer as tarifas para actividades de consultoría e asistencia técnica para facturación a terceiros que se detallan a seguir:

1.1. Tarifas hora para o desenvolvemento de actividades de consultoría e asistencia técnica.

Categoría

Tarifa/hora

Xerente

57,14 €

Director

48,31 €

Técnico

37,36 €

Estas tarifas inclúen o custo por hora de cada unha das categorías reflectidas na táboa anterior incorporando un 10 % (é dicir, os custos directos e indirectos asignables ás horas de traballo das diferentes categorías, así como gastos xerais).

1.2. Tarifas para servizos específicos.

Para todos aqueles servizos e proxectos específicos que se lle encomenden á Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde aos cales non sexan aplicables as categorías e tarifas/hora anteriores, a tarifa ou retribución corresponderase co orzamento do custo deles, aprobado polo órgano encomendante, incrementados nun 10 % (correspondente a actividades de xestión).

1.3. Gastos que xustificar.

Serán reembolsables os custos directos correspondentes a gastos de viaxe e desprazamentos ocasionados polos traballos encomendados, xa que estes custos non se atopan incluídos nos considerados para o cálculo das tarifas horarias. Estes gastos compénsanse polo valor contable do custo en que se incorra, logo de xustificalo.

1.4. Custos de aprovisionamento.

Os custos dos materiais, a subcontratación de traballos a terceiros e os demais custos de aprovisionamento directamente requiridos pola encomenda non están incluídos no cálculo das tarifas horarias. Estes custos compensaranse polo valor contable do custo incorrido e xustificado, incrementados cun 10 %.

2. Certificación do gasto e período de pagamento.

A certificación do gasto polos traballos realizados terá periodicidade mensual e o seu pagamento corresponderase cos prazos establecidos para a Administración pública.

3. Entrada en vigor e ámbito de aplicación das tarifas.

As tarifas propostas entrarán en vigor ao día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, aplicaranse para valorar os traballos realizados a partir desa data e requiriran a encomenda por parte de órganos ou entidades respecto dos cales a Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde ten a consideración de medio propio e servizo técnico. Estas tarifas aplicaranse para orzar os expedientes de gasto de novas encomendas que se lle confiran á Axencia a partir da dita data.

4. Vixencia das tarifas.

As tarifas manteranse vixentes ata a data en que se aproben outras diferentes.

Santiago de Compostela, 30 de xuño de 2022

Antonio Fernández-Campa García-Bernardo
Xerente da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde