Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 130 Venres, 8 de xullo de 2022 Páx. 39270

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

EDICTO do 23 de xuño de 2022, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, polo que se publica a resolución do expediente de clasificación como veciñal en man común do monte denominado Laxa Corga, Rebordechá e Leboreiro, San Martín e Val do Santo, e Almocela, na parroquia de Porqueirós (Santo André), no concello de Muíños.

En cumprimento do disposto no artigo 28 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, faise público que o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, en sesión que tivo lugar o 22 de xuño de 2022, adoptou a seguinte resolución:

Examinado o expediente de clasificación como veciñal en man común do monte denominado Laxa Corga, Rebordechá e Leboreiro, San Martín e Val do Santo, e Almocela, na parroquia de Porqueirós (Santo André), no concello de Muíños, resultan os seguintes feitos:

Primeiro. Con data do 15 de xaneiro de 2022 tivo entrada no Rexistro da Xefatura Territorial da Consellería do Medio Rural escrito dirixido ao Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común da Comunidade de Montes de Porqueirós, en que se solicitaba a clasificación como veciñal en man común de varias parcelas denominadas Laxa Corga, Rebordechá e Leboreiro, San Martín e Val do Santo, e Almocela.

Segundo. Con data do 9 de marzo de 2022, o xurado provincial acorda iniciar o expediente de clasificación como veciñal en man común do referido monte, designando instrutor e realizando as comunicacións e publicacións a que fan referencia os artigos 20, 21 e 23 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e abre un período dun mes para a práctica de alegacións.

Terceiro. Durante a tramitación do procedemento presentáronse dous escritos de alegacións. Por unha parte, a propia CMVMC de Porqueirós alega que unha das parcelas incluídas no acordo de inicio da clasificación (32052B50100327) é un predio de concentración parcelaria adxudicada en gananciais a uns propietarios particulares, polo que solicita que se exclúa a dita parcela da clasificación. Achega o título público de propiedade.

Por outro lado, a Agader presentou un escrito en que manifesta que a parcela 32052B50100326 está incluída dentro da ZCP de Porqueirós e adxudicada á Agader. Achega xunto co escrito os respectivos títulos de propiedade expedidos ante notario, un bosquexo comparativo coa xeometría de concentración parcelaria e xeometría catastral.

Así mesmo, no expediente constan certificacións rexistrais que reflicten que a propiedade das citadas parcelas pertence efectivamente a uns propietarios particulares e á Comunidade Autónoma de Galicia.

Polo exposto, e tendo en conta que se trata dunha cuestión de propiedade que a propia comunidade solicitante recoñece, o Xurado acordou a clasificación do monte excluíndo as parcelas 32052B50100327 e 32052B50100326.

Cuarto. O monte obxecto de clasificación, de acordo coa documentación obrante no expediente, descríbese así:

Nome do monte: Laxa Corga, Rebordechá e Leboreiro, San Martín e Val do Santo, e Almocela.

Superficie: 7,90 ha.

Pertenza: CMVMC de Porqueirós.

Parroquia: Porqueirós (Santo André).

Concello: Muíños.

Descrición dos predios que constitúen o monte:

Predio único:

Parcelas obxecto de clasificación

Parcelas estremeiras

Referencia catastral

Lindeiros

Referencia catastral

32052A03000616 (parte)

32052A03009014 (parte)

Norte

32052A03000616 (resto)

Leste

32052A03000614

32052A02909003

32052A03009014 (resto)

Sur

32052B50100495

32052B50100327

32052B50100326

32052A03009014 (resto)

32052A03000616 (resto)

Oeste

32052A03000619

Fundamentos de dereito:

Primeiro. O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común é o órgano competente para coñecer os expedientes de clasificación dos montes que teñan tal carácter, de acordo co establecido no artigo 9 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común.

Segundo. De conformidade co disposto no artigo 1 da devandita lei «son montes veciñais en man común... os que, con independencia da súa orixe, as súas posibilidades produtivas, o seu aproveitamento actual e a súa vocación agraria, pertenzan a agrupacións veciñais na súa calidade de grupos sociais e non como entidades administrativas, e se veñan aproveitando consuetudinariamente en réxime de comunidade sen asignación de cotas polos membros daquelas na súa condición de veciños».

Terceiro. É reiterada doutrina da Sala Contencioso-Administrativo do Tribunal Supremo que son dúas as notas características dos montes veciñais en man común: unha, o aproveitamento consuetudinario en man común, e outra, a atribución da titularidade dese aproveitamento aos veciños integrantes dun grupo social determinado, independentemente da súa cualificación ou non como entidade administrativa, e correspóndelle constatar o aproveitamento e atribuír a titularidade a favor do grupo social que o veña gozando ao Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense.

Cuarto. O carácter de monte veciñal en man común tense acreditado mediante os testemuños dos veciños solicitantes, as actuacións realizadas polo Servizo de Montes, e a documentación que consta no expediente.

En consecuencia co que antecede, examinada a Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, o seu regulamento, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro; o Decreto 149/2018, do 5 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural e demais normativa legal e regulamentaria, o xurado provincial por unanimidade dos seus membros,

RESOLVE:

Clasificar como monte veciñal en man común o monte denominado Laxa Corga, Rebordechá e Leboreiro, San Martín e Val do Santo, e Almocela, na parroquia de Porqueirós (Santo André), no concello de Muíños, de acordo coa descrición realizada no feito cuarto.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición perante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense no prazo dun mes, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Ourense, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao desta notificación, de acordo co disposto no artigo 12 da citada Lei 13/1989, nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Ourense, 23 de xuño de 2022

Luis Jorge Álvarez Ferro
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación de
Montes Veciñais en Man Común de Ourense