Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 128 Mércores, 6 de xullo de 2022 Páx. 38702

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 17 de xuño de 2022, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, polo que se publica a Resolución do 17 de xuño de 2022 relativa ao acto de conciliación formulado polos representantes dos montes veciñais en man común Sobral ou Comunal de Queirugás, pertencente á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Queirugás, A Rasela, Vilela e Tintores, no concello de Verín, e o de Valdeguas, pertencente á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común da Trepa, no concello de Riós.

Examinada a solicitude de deslinde formulada polos representantes do MVMC Sobral ou Comunal de Queirugás, pertencente á CMVMC de Queirugás, A Rasela, Vilela e Tintores, no concello de Verín, e o de Valdeguas, pertencente á CMVMC da Trepa, no concello de Riós, resultan os seguintes

Feitos:

Primeiro. O día 21 de marzo de 2022 a CMVMC de Queirugás, A Rasela, Vilela e Tintores presentou un escrito (Rexel núm. 2022/749354) en que solicita que se tramite o deslindamento realizado entre os MVMC Sobral ou Comunal de Queirugás e o de Valdeguas.

Coa solicitude achegou a seguinte documentación:

– Acta de deslindamento.

– Memoria descritiva con planos topográficos.

– Acta de conciliación levantada no Xulgado de Primeira Instancia de Verín.

– Certificacións de aprobación das dúas comunidades.

– Arquivos shape.

Segundo. O informe do Servizo de Montes da Xefatura Territorial de Ourense do 29 de marzo de 2022 fai constar que a documentación achegada corresponde ao deslindamento dun pequeno tramo do perímetro estremeiro entre o MVMC de Valdeguas, pertencente á CMVMC da Trepa, e o MVMC Sobral ou Comunal de Queirugás, pertencente á CMVMC de Queirugás, A Rasela, Vilela e Tintores.

En concreto, trátase do subtramo comprendido aproximadamente entre os vértices número 2 e 5 dun deslindamento aprobado polo Xurado Provincial o día 29 de maio de 2018, o cal definiu con precisión a liña que deslinda ambos os dous montes (entre outros). A nova proposta simplifica a de 2018, eliminando os vértices 3 e 4 desta última.

O citado informe considera que a solicitude se axusta ao establecido no artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia.

Consideracións legais e técnicas:

Primeiro. A presente resolución dítase o abeiro do artigo 53 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Segundo. O artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, recolle o procedemento que hai que seguir no deslindamento entre montes veciñais en man común e establece que o xurado provincial de montes veciñais en man común, logo do exame da documentación presentada, ditará resolución que será publicada no Diario Oficial de Galicia e notificada ás comunidades interesadas.

De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, e tendo en conta o informe favorable do Servizo de Montes do día 29 de marzo de 2022, o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común acordou por unanimidade o día 31 de maio de 2022:

– Aprobar o acto de conciliación acadado polas xuntas reitoras dos MVMC Sobral ou Comunal de Queirugás, pertencente á CMVMC de Queirugás, A Rasela, Vilela e Tintores, no concello de Verín, e o de Valdeguas, pertencente á CMVMC da Trepa, no concello de Riós.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición perante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense no prazo dun mes, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Ourense, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao desta notificación, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Ourense, 17 de xuño de 2022

Luis Jorge Álvarez Ferro
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Ourense