Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 122 Martes, 28 de xuño de 2022 Páx. 36739

III. Outras disposicións

Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

ORDE do 9 de xuño de 2022 pola que se clasifica a Fundación Apotheca como de interese para a actividade de traballadores autónomos e pemes.

Unha vez examinado o expediente de solicitude de clasificación da Fundación Apotheca, con domicilio na praza de Ultreia, número 1, en Santiago de Compostela (A Coruña).

Feitos:

1. O 11 de marzo de 2022, María Araújo Pérez, en representación do padroado da Fundación, presentou solicitude de clasificación, declaración de interese galego e a súa correspondente inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación Apotheca constituíuna a entidade One Collective NFP, mediante escritura pública outorgada en Vigo (Pontevedra) o 15 de febreiro de 2022, ante o notario Julio Manuel Díaz Losada, co número de protocolo 270.

3. A Fundación, consonte o artigo 6 dos seus estatutos, ten por obxecto: «a promoción dos valores e condutas solidarios como parte integral e cotiá da vida das persoas, en particular, o fomento da inclusión de criterios de economía social no enfoque da actividade de autónomos e pequenas e medianas empresas».

4. O padroado inicial da Fundación está formado por Dustin James Dillon, como presidente; Nathaniel John Walter, como vicepresidente; Jordy Osmani Vallecillo Tinoco, como tesoureiro; José Marcos Glasscock Gil, como secretario; e Rubén Acuña Fernández, como vogal.

5. A comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías eleva ao vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes proposta de clasificación da Fundación Apotheca como de interese para a actividade de traballadores autónomos e pemes con base nas materias que constitúen o seu obxecto fundacional.

6. Na escritura de constitución constan a identidade dos fundadores, a dotación inicial, os estatutos e a identificación dos membros do padroado.

7. De conformidade co artigo 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e segundo proposta da Comisión de Secretarios Xerais, procede a súa clasificación como de interese para a actividade de traballadores autónomos e pemes e a súa adscrición á Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade.

Consideracións legais:

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía de Galicia establece competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. A escritura de constitución da Fundación contén os datos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

3. Segundo establece o artigo 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, correspóndenlle a esta Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes a clasificación da Fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá as funcións de protectorado.

De conformidade co exposto, e considerando que se cumpren as condicións establecidas pola normativa vixente en materia de fundacións de interese galego, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de secretarios xerais na súa reunión do día 16 de maio de 2022,

DISPOÑO:

Clasificar a Fundación Apotheca como de interese para a actividade de traballadores autónomos e pemes, e adscribila ao protectorado da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade.

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, pode interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. Previamente e con carácter potestativo poderase interpoñer recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou o acto, no prazo dun mes, segundo o disposto no artigo 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 9 de xuño de 2022

Diego Calvo Pouso
Vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia,
Xustiza e Deportes