Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 118 Martes, 21 de xuño de 2022 Páx. 35554

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ORDE do 7 de xuño de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas a entidades locais de Galicia para o financiamento de actuacións destinadas ao fomento da prevención, reutilización e recollida en proximidade de residuos municipais, cofinanciadas polos fondos do Programa de economía circular e do Plan de impulso ao ambiente-PIMA residuos, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva para os anos 2022 e 2023 (código de procedemento MT975N).

Segundo o establecido no Decreto 42/2019, do 28 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, esta consellería é o órgano da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia ao cal lle corresponden as competencias e funcións en materia de ambiente, ordenación do territorio e urbanismo, conservación do patrimonio natural, paisaxe e vivenda, conforme o establecido no Estatuto de autonomía para Galicia nos termos sinalados na Constitución española, co nivel de desenvolvemento que se indica neste decreto para cada un dos órganos integrantes deste departamento.

En particular, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático exerce as competencias e funcións en materia de avaliación e control da incidencia que sobre o ambiente provoque a actividade humana, o fomento de sistemas e estratexias de corrección da dita incidencia, a avaliación dos efectos de determinados plans e programas no ambiente, a xestión dos sistemas de observación ambiental e predición meteorolóxica de Galicia e o impulso da investigación ambiental e o desenvolvemento tecnolóxico para o logro da adecuada protección ambiental.

Inclúense aquí:

a) A elaboración e o seguimento dos programas autonómicos de prevención de residuos e dos plans autonómicos de xestión de residuos incluídos no ámbito de aplicación da Lei 6/2021, do 17 de febreiro, de residuos e solos contaminados de Galicia, e das accións de desenvolvemento destes.

b) O fomento das accións de minimización da produción de residuos, da súa reutilización e reciclaxe e dos programas de colaboración cos concellos e con outras organizacións para a aplicación das accións indicadas.

c) A realización de campañas de formación e sensibilización en materia de residuos.

d) A planificación e o fomento de accións relacionadas coa economía circular.

Pola súa banda, as entidades locais son competentes para a xestión dos residuos nos termos establecidos na Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, e na Lei 7/2022, do 8 de abril, de residuos e solos contaminados para unha economía circular.

De acordo co que se acaba de sinalar, e tal como se preceptúa no artigo 12, número 5, da mencionada lei básica, correspóndelles aos concellos como servizo obrigatorio a recollida, o transporte e o tratamento dos residuos domésticos xerados nos fogares, comercios e servizos na forma en que establezan nas súas respectivas ordenanzas, de conformidade co marco normativo aplicable.

O Plan de xestión de residuos urbanos de Galicia 2010-2022 establece as bases para impulsar a xestión de residuos urbanos en Galicia cara a un novo escenario máis sustentable e acorde coa xerarquía de residuos marcada pola normativa, facendo especial fincapé na prevención e valorización dos residuos.

O Plan recolle os obxectivos marcados pola normativa vixente e establece novas metas especialmente en materia de prevención, onde por primeira vez se establece un obxectivo cuantitativo, así como no tocante ao despregamento da recollida selectiva da fracción orgánica e ao incremento do resto de recollidas, tanto en cantidade como en calidade.

A partir da diagnose realizada con ocasión da elaboración do plan, as conclusións ou prioridades detectadas incluíron, en materia de xestión de residuos domésticos, as seguintes:

a) Potenciar a xestión/recollida en orixe da fracción orgánica dos residuos municipais.

b) Minimizar a vertedura final en depósitos controlados, especialmente de fracción biodegradable e materiais recuperables.

c) Desenvolver as infraestruturas precisas para tratar os residuos xerados e para acadar os obxectivos e potenciar desta maneira a organización territorial e a capacitación de técnicos, baixo criterios de suficiencia e proximidade, viabilidade económica e ambiental.

Para tal efecto, o Plan organízase en torno a dez grandes liñas estratéxicas que aglutinan as actuacións que se desenvolverán no actual horizonte temporal da planificación autonómica que abrangue, tras a actualización operada en decembro de 2016, ata o ano 2022.

En aplicación da xerarquía de residuos, o Plan recolle actuacións dirixidas á prevención de residuos e ao fomento da reparación e reutilización en varias das liñas estratéxicas. Concretamente, a liña estratéxica 2 inclúe un plan de prevención de residuos, mediante o cal se pretende previr a xeración de residuos e promover as posibilidades de reutilización e reparación. Así mesmo, a liña estratéxica 5 de fomento da prevención e a recollida selectiva da fracción Outros tamén incide neste aspecto, incluíndo entre os seus obxectivos o fomento da cultura do mantemento e a reparación e reutilización dalgunhas destas fraccións, como por exemplo mobles, electrodomésticos ou téxtil, o aumento da recollida selectiva destas fraccións, así como a mellora das opcións e a eficiencia da recuperación e a reciclaxe. Pola súa banda, a liña estratéxica 6 de Plan de ampliación e mellora de puntos limpos recolle a necesidade de ofrecer un servizo de recollida das fraccións minoritarias, cuxo peso vai aumentando na xeración de residuos, e prevé a instalación de puntos limpos en lugares de mellor acceso para a poboación.

A pesar de que Galicia se atopa nunha situación favorecida en cando ás ratios de xeración de residuos (por debaixo da media estatal) e de que nos últimos anos melloraron os resultados de recollida selectiva, segue a ser preciso continuar fomentando a prevención, en aplicación do principio de xerarquía de residuos. Así, a través do desenvolvemento de actividades e iniciativas de reparación e intercambio que favorezan o alongamento da vida útil dos obxectos e materiais e involucren diferentes sectores, xunto cunha recollida de proximidade, conseguirase unha mellor capacitación e sensibilización da sociedade. Para iso, o Plan establece actuacións específicas:

• 2.1. Liña de apoio técnico e axudas económicas para a realización de proxectos de prevención de residuos urbanos dirixidas a entidades locais, entidades sen ánimo de lucro e actividades económicas.

• 2.9. Fomento da reparación e a reutilización.

• 5.2. Fomento da recollida de téxtil e voluminosos para a súa reutilización e reciclaxe. Impulso de acordos con entidades sociais.

• 5.3. Impulso ao despreguamento de recollidas específicas para estas fraccións de forma complementaria aos servizos municipais de recollida habituais.

• 6.1. Ampliación da rede de puntos limpos de xestión municipal ou mancomunada.

Entre os instrumentos dispoñibles para a consecución dos obxectivos propostos, o PXRUG prevé especificamente o establecemento de liñas de subvencións dirixidas a entidades locais destinadas a impulsar medidas que contribúan á consecución dos obxectivos vixentes nesta materia tras as novidades introducidas no contexto comunitario de conformidade coa folla de ruta cara a unha Europa eficiente no uso dos recursos, no marco da Estratexia 2020, así como tendo en conta as medidas recollidas no paquete de economía circular, aprobado pola Comisión Europea en decembro de 2015, piares básicos para unha xestión eficiente dos recursos e dos residuos que se sustenta, fundamentalmente, na prevención e a reciclaxe e en reforzar o principio de xerarquía nas opcións de xestión de residuos.

En concreto, os novos obxectivos de preparación para a reutilización e reciclaxe dos residuos domésticos municipais quedaron fixados para tres novos horizontes temporais: obxectivo do 55 % en 2025, 60 % en 2030 e 65 % en 2035, que continúan coa senda marcada co existente xa vixente do 50 % en 2020. Estes residuos, ademais, teñen unha restrición máxima de vertedura do 10 % do total dos residuos municipais xerados en 2035. A estes obxectivos hai que engadir os de reciclaxe de envases e residuos de envases, globais e por materiais fixados para 2025 e 2030.

Polo que atinxe ao obxecto e finalidade da presente orde, estas axudas contribúen ao cumprimento da normativa comunitaria neste contexto e, en particular:

• Fomentan as primeiras opcións da xerarquía de residuos.

• Favorecen a redución do depósito en vertedoiro, coas medidas relativas á preparación para a reutilización e reciclaxe dos materiais recuperables.

• Reducen as emisións de gases de efecto invernadoiro, contribuíndo á loita contra o cambio climático.

• Contribúen ao alongamento da vida útil dalgúns produtos e ao incremento da dispoñibilidade de materias primas secundarias para os procesos industriais, reducindo o consumo de materias primas virxes, en definitiva, a facer un uso más eficiente dos recursos dispoñibles.

• Favorecen a separación dos residuos de características especiais, a través dunha axeitada clasificación, que facilitará as operacións de recuperación, reutilización e reciclaxe dos materiais.

Ademais da contribución en materia de xestión de residuos, de uso eficiente de recursos e da loita contra o cambio climático, súmanse outros beneficios asociados á xeración de emprego como consecuencia da promoción de actividades de recollida, preparación para a reutilización e reciclaxe.

Seguindo o principio de xerarquía de residuos, a prevención é a mellor opción de xestión seguida, nesta orde, da preparación para a reutilización, da reciclaxe, doutras formas de valorización (incluída a enerxética) e, por último, da eliminación (o depósito en vertedoiro, entre outras).

En consecuencia, tendo en conta as competencias asumidas por este departamento, a presente convocatoria vai destinada a apoiar as entidades locais na procura de respostas aos retos e oportunidades asociadas ao cumprimento do actual marco normativo vixente, así como dos obxectivos que a dita planificación persegue.

Para tal fin serán obxecto de financiamento, ao abeiro da presente convocatoria, os proxectos destinados ao fomento da prevención, reutilización e reciclaxe a través da creación de espazos públicos de autorreparación e intercambio de obxectos e utensilios diversos, co fin de potenciar a redución da cantidade de residuos xerados, o alongamento da vida útil dos obxectos e a redución da eliminación, así como a implantación de puntos limpos de proximidade, conforme o esquema de prioridades e o principio de xerarquía aplicable en materia de residuos.

O artigo 60.2 da Lei 13/2015, do 24 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, indica que as convocatorias públicas de axudas e subvencións da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e dos entes instrumentais do sector público autonómico destinadas ás entidades locais da Comunidade Autónoma deberán primar, na forma en que se estableza nas correspondentes bases reguladoras, as solicitudes presentadas conxuntamente por máis dunha entidade local baixo calquera forma.

Para tales efectos, as presentes bases reguladoras prevén a posibilidade de que as ditas agrupacións de entidades locais poidan acceder á condición de beneficiarias destas subvencións.

Esta orde enmárcase no Programa de economía circular e no Plan de impulso ao ambiente-PIMA residuos.

O financiamento máximo outorgado para as actuacións reguladas nesta orde de axudas non excederá o 90 % do custo total do proxecto e será compatible co financiamento que os beneficiarios poidan recibir doutras administracións, sempre e cando non supere o custo total do proxecto que se vaia financiar. O financiamento achegado non é compatible cos proxectos Clima, promovidos a través do Fondo de Carbono para unha Economía Sustentable (FES-CO2).

En virtude do anterior, no uso das atribucións que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e liñas de subvención

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras polas que se rexerá a concesión de subvencións, polo procedemento de concorrencia competitiva, ás entidades locais e agrupacións de entidades locais de Galicia para o financiamento de actuacións destinadas ao fomento da prevención e a reutilización, e a recollida de residuos especiais de competencia municipal en puntos de proximidade (código de procedemento MT975N), ao tempo que se fai pública a súa convocatoria para os anos 2022 e 2023.

2. Son liñas subvencionables as seguintes:

• Liña 1. Actuacións destinadas á creación de espazos públicos de autorreparación e intercambio de obxectos e utensilios diversos (mobles, roupa, pequenos electrodomésticos, xoguetes...), coa finalidade de alongar a vida útil dos materiais e obxectos, previndo a xeración de residuos domésticos e a eliminación.

• Liña 2. Actuacións destinadas á instalación de puntos limpos de proximidade para favorecer a recollida separada de distintos fluxos de residuos.

Artigo 2. Beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias as entidades locais municipais e supramunicipais e agrupacións de entidades locais de Galicia, de conformidade coas competencias que lles correspondan en materia de xestión de residuos. Se a entidade ten as competencias en materia de xestión de residuos delegadas noutra entidade, será esta última a que poderá solicitar estas axudas.

2. No caso de solicitudes presentadas por agrupacións de entidades locais, observarase o establecido no artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no tocante, en particular, á identificación dos compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, do importe de subvención que se aplicaría a cada un deles que terán, igualmente, a condición de beneficiarios, así como en relación co necesario nomeamento da entidade local que actuaría como representante da agrupación para cumprir as obrigas que, como beneficiaria, lle corresponden á agrupación.

Os concellos agrupados terán, en todo caso, a condición de entidade beneficiaria, polo que para poder conceder a subvención solicitada todos eles teñen que cumprir os requisitos, condicións, obrigas e compromisos establecidos nesta orde. A falta de acreditación do cumprimento dalgún requisito por parte dalgunha das entidades participantes suporá a inadmisión da solicitude conxunta cando afecte a entidade que ten a representación; nos outros casos, manterase a validez da solicitude sempre que se comunique por escrito a exclusión do concello afectado polo incumprimento, dentro do prazo concedido para o efecto.

3. Unha entidade local non pode concorrer á convocatoria de maneira simultánea e para a mesma actuación de maneira individual e a través da entidade supramunicipal ou agrupación en que se integre. De darse o caso, inadmitirase a solicitude que, de conformidade coa data de presentación, fose posterior no tempo.

4. Para poderen ser beneficiarias destas axudas as entidades locais deberán ter presentado as contas a que se refire o artigo 208 e seguintes do Real decreto lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei reguladora das facendas locais, do exercicio orzamentario que corresponda, no Consello de Contas de Galicia.

5. Non poderán ter a condición de beneficiarias as entidades en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 13.2 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no artigo 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 3. Actuacións subvencionables e requisitos

1. Ao abeiro desta orde de axudas serán subvencionables as actuacións que se citan a seguir para cada liña de axuda.

a) Liña 1. Actuacións destinadas á creación de espazos públicos de autorreparación e intercambio de obxectos e utensilios diversos (mobles, roupa, pequenos electrodomésticos, xoguetes...), coa finalidade de alongar a vida útil dos materiais e obxectos, previndo a xeración de residuos domésticos e a eliminación.

Serán subvencionables as actuacións destinadas á creación de espazos públicos de autorreparación e intercambio de obxectos e utensilios diversos (mobles, roupa, pequenos electrodomésticos, xoguetes...), coa finalidade de alongar a vida útil dos materiais e obxectos, previndo a xeración de residuos domésticos e a eliminación.

Este servizo municipal poderá prestarse ben nun espazo habilitado para o efecto ou ben ampliando os servizos que prestan os puntos limpos existentes na nosa Comunidade, adaptando as instalacións para que se poidan desenvolver estas actividades. Dentro destes espazos públicos pódense diferenciar tres tipos de actividades: autorreparación (nas especialidades que dispoña o servizo: electricidade, carpintaría, téxtil...) intercambio de obxectos e comunicación ambiental.

Deberá presentarse un proxecto en que se inclúan os tipos de obxectos e utensilios que se recibirán no espazo para a súa autorreparación, así como as condicións de intercambio.

En particular, serán actuacións subvencionables ao abeiro deste punto os proxectos que teñan por obxecto:

a) A adecuación de espazos para a habilitación das actividades de autorreparación e intercambio de obxectos e utensilios diversos dentro das instalacións dun punto limpo ou noutros locais municipais.

b) Os elementos de almacenamento adecuado tanto para os obxectos e utensilios recibidos como para os produtos recuperados (gaiolas, andeis ou armarios...).

c) O equipamento básico e ferramentas para o desenvolvemento das actividades de reparación e intercambio (bancos de traballo, andeis, armarios, mesas, cadeiras, contedores, básculas, ferramentas manuais, ferramentas e máquinas eléctricas portátiles ou mesmo un único equipamento informático sempre que se xustifique o seu destino á actuación subvencionable descrita neste punto).

d) A realización de traballos de adecuación da instalación eléctrica ou doutras subministracións necesarias para o correcto desenvolvemento da actuación no espazo municipal.

e) A adquisición de software e hardware para o control e a rastrexabilidade dos obxectos e utensilios recuperados e dispoñibles para o intercambio.

f) Actuacións de formación para os traballadores do espazo.

g) Actuacións de comunicación para o fomento do uso do espazo de autorreparación e intercambio unha vez creado.

h) Elementos de información (carteis, paneis ou sinalización) sobre as condicións de almacenamento dos obxectos de intercambio e as instrucións para a autorreparación de obxectos.

b) Liña 2. Actuacións destinadas á instalación de puntos limpos de proximidade para favorecer a recollida separada de distintos fluxos de residuos.

Para os efectos da presente convocatoria, teñen a consideración de residuos especiais de competencia municipal aqueles residuos que carecen de sistemas ordinarios de recollida pero que son susceptibles de recuperación ou necesitan recollerse separadamente debido ás súas especiais características (aceites vexetais usados, téxtiles, voluminosos, etcétera).

En particular, serán subvencionables accións dirixidas á implantación de puntos limpos de proximidade mediante:

a) Adquisición de puntos limpos de proximidade, con diferentes compartimentos para a recollida de distintos fluxos de residuos que carecen de sistemas ordinarios de recollida, sempre que se xustifique que cumpren os obxectivos deste servizo.

b) Adquisición de ferramentas informáticas (incluído software) para o seguimento da rastrexabilidade dos residuos recollidos.

c) Adquisición de elementos de información no propio punto limpo de proximidade sobre as condicións de entrega adecuada dos residuos, tales como carteis, paneis ou sinalización (máximo 1.000,00 €).

2. Os proxectos que se presenten para optar á presente convocatoria deberán observar os seguintes requisitos:

a) Os proxectos presentados dentro da liña 1 deberán incluír a realización de campañas de comunicación que teñan como obxectivo fomentar a participación cidadá nas actividades incluídas neles; considéranse gastos subvencionables ata un importe máximo de 5.000,00 €.

b) Os proxectos presentados deberán incorporar elementos de compra pública verde ou ecolóxica. A prestación de servizos ou a compra de materiais, ferramentas, equipamentos ou medios de recollida e transporte deberán incluír criterios ecolóxicos acordes cos obxectivos ambientais relacionados co cambio climático, a utilización dos recursos e a produción e o consumo sustentables (ecodeseño, emprego de materiais reciclados e/ou reciclables, eficiencia enerxética, redución de emisións, redución da pegada de carbono, economía circular, entre outros) que contribúan a reducir o seu impacto ambiental.

c) Para os proxectos presentados dentro da liña 1, a entidade local deberá comprometerse ao cumprimento da normativa sectorial en materia de residuos destas instalacións, así como á solicitude ou modificación da súa autorización e correspondente inscrición no Rexistro de Produtores e Xestores de Galicia, segundo sexa necesario.

d) Para subvencionar a implantación de puntos limpos de proximidade (liña 2), a entidade local deberá acreditar o destino dos residuos recollidos, ben a través dun acordo cunha instalación de punto limpo fixa autorizada ou ben directamente a través de acordos con xestores de residuos autorizados. Por outra banda, a entidade local deberá comprometerse ao cumprimento da normativa sectorial en materia de residuos.

Artigo 4. Gastos subvencionables

1. Con carácter xeral, e de acordo co establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, considéranse gastos subvencionables aqueles que de forma indubidable respondan á natureza da actividade subvencionable.

2. En particular, non serán gastos subvencionables os seguintes:

a) Os gastos non xustificados correctamente ou que non sexan obxecto de subvención, así como os gastos non imputables ao investimento.

b) O imposto sobre o valor engadido.

c) Os gastos financeiros derivados do investimento.

d) Os investimentos realizados mediante contrato de arrendamento financeiro ou leasing.

e) Os gastos de persoal.

f) Os premios ou agasallos non relacionados coa actuación e/ou innecesarios.

g) Os custos asociados aos servizos de recollida e o tratamento dos residuos municipais.

h) Os custos de asesoramento técnico, realización de pregos ou pagamento de taxas administrativas.

i) Respecto dos bens de equipamento de segunda man, estes serán subvencionables cando se cumpran os requisitos seguintes:

1º. Que conste unha declaración do vendedor sobre a orixe dos bens e sobre que non foron obxecto de ningunha subvención nacional ou comunitaria.

2º. O prezo non poderá ser superior ao valor de mercado e deberá ser inferior ao custo dos bens novos similares; estes aspectos acreditaranse mediante certificación de taxador independente.

j) Non se financiarán alugueres nin o pagamento de servizos a terceiros.

k) No caso de que o proxecto, ou determinados conceptos del, afecten fluxos de residuos cubertos pola responsabilidade ampliada do produtor, non será financiable a parte atribuíble á responsabilidade ampliada do produtor.

l) Así como todos aqueles gastos que figuren no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, como non subvencionable.

3. As entidades solicitantes poderán subcontratar a totalidade da actuación subvencionable, de conformidade co disposto no artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. O beneficiario deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a prestación do servizo ou a entrega do ben, salvo que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten.

Deberase observar o disposto na normativa aplicable en materia de contratación pública vixente na tramitación do procedemento de contratación e, se é o caso, respecto de contrato menor con adxudicación directa.

Artigo 5. Crédito e contía das axudas

1. As axudas convocadas ao abeiro desta orde financiaranse con cargo ao Programa de economía circular e o Plan de impulso ao ambiente-PIMA residuos, financiado con transferencias finalistas do Estado, segundo se indica a seguir:

a) Con cargo á aplicación orzamentaria 08.02.541D.760.1, códigos de proxecto:

• 2022 00045: Programa de implementación da economía circular: 75.944,00 €.

• 2022 00033: PIMA residuos: 121.765,00 €.

Correspondente aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2022, por un importe total de cento noventa e sete mil setecentos nove euros (197.709,00 €), procedentes do Programa de economía circular e o Plan de impulso ao ambiente-PIMA residuos, financiado con transferencias finalistas do Estado, coa seguinte distribución:

1º. Importe para a liña 1. Actuacións destinadas á creación de espazos públicos de autorreparación e intercambio de obxectos e utensilios diversos (mobles, roupa, pequenos electrodomésticos, xoguetes...), coa finalidade de alongar a vida útil dos materiais e obxectos, previndo a xeración de residuos domésticos e a eliminación: 121.765,00 €.

2º. Importe para a liña 2. Actuacións destinadas á instalación de puntos limpos de proximidade para favorecer a recollida separada de distintos fluxos de residuos: 75.944,00 €.

b) Con cargo á aplicación orzamentaria 08.02.541D.760.1, códigos de proxecto:

• 2022 00045: Programa de implementación da economía circular: 25.314,00 €.

• 2022 00033: PIMA residuos: 40.590,00 €.

Correspondente aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2023, por un importe total de sesenta e cinco mil novecentos catro euros (65.904,00 €), procedentes do Programa de economía circular e o Plan de impulso ao ambiente-PIMA residuos, financiado con transferencias finalistas do Estado, coa seguinte distribución:

1º. Importe para a liña 1. Actuacións destinadas á creación de espazos públicos de autorreparación e intercambio de obxectos e utensilios diversos (mobles, roupa, pequenos electrodomésticos, xoguetes...), coa finalidade de alongar a vida útil dos materiais e obxectos, previndo a xeración de residuos domésticos e a eliminación: 40.590,00 €.

2º. Importe para a liña 2. Actuacións destinadas á instalación de puntos limpos de proximidade para favorecer a recollida separada de distintos fluxos de residuos: 25.314,00 €.

2. O crédito máximo establecido nas liñas 1 e 2 da subvención poderá ser redistribuído dunha a outra se nalgunha delas as solicitudes beneficiarias non resultan suficientes para esgotar os fondos dispoñibles.

3. O financiamento máximo outorgado para as actuacións reguladas nesta orde de axudas non excederá o 90 % do custo total do proxecto e será compatible co financiamento que os beneficiarios poidan recibir doutras administracións, sempre e cando non supere o custo total do proxecto que se vaia financiar. O financiamento achegado non é compatible cos proxectos Clima, promovidos a través do Fondo de Carbono para unha Economía Sustentable (FES-CO2), cos seguintes importes máximos de subvención:

a) Liña 1. Actuacións destinadas á creación de espazos públicos de autorreparación e intercambio de obxectos e utensilios diversos (mobles, roupa, pequenos electrodomésticos, xoguetes...), coa finalidade de alongar a vida útil dos materiais e obxectos, previndo a xeración de residuos domésticos e a eliminación: o importe máximo da subvención acadada non poderá superar os 20.000,00 €. Non obstante, esta cantidade poderá ampliarse no caso de solicitudes presentadas conxuntamente por máis dunha entidade local en 5.000,00 € máis por cada entidade participante a maiores da que figure na solicitude, ata un máximo de 30.000,00 €.

b) Liña 2. Actuacións destinadas á instalación de puntos limpos de proximidade para favorecer a recollida separada de distintos fluxos de residuos. O importe máximo da subvención acadada non poderá superar os 10.000,00 € por entidade. En caso de agrupación, o importe poderase incrementar a razón de 10.000,00 € máis por cada entidade que forme parte da agrupación ata un máximo de 30.000,00 €.

4. De acordo co previsto no artigo 26.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a modificación da distribución inicialmente aprobada requirirá a tramitación do correspondente reaxuste de anualidades no expediente de gasto.

Artigo 6. Solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, http://sede.xunta.gal (código de procedemento MT975N). Este formulario xúntase como anexo I a estas bases.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

2. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

3. As solicitudes poderan ser presentadas individualmente por un concello, no exercicio da competencia que ten asumida na materia, ou conxuntamente por máis dunha entidade local, ben sexa por medio de entidades de carácter supramunicipal que pola súa vez teñen a consideración de entidade local, ben baixo a modalidade de agrupación de entidades locais.

No caso de solicitudes conxuntas presentadas baixo a modalidade de agrupación, farase constar na propia solicitude, no parágrafo destinado á identificación do solicitante, a referencia a «Agrupación de» seguida da identificación das entidades de que se trate.

4. Unha entidade local deberá presentar tantas solicitudes como actuacións desexe realizar; polo tanto, se desexa concorrer ás dúas liñas, deberá presentar dúas solicitudes independentes, unha solicitude por cada liña de actuación.

5. As solicitudes (anexo I) serán subscritas directamente polas persoas que exerzan a súa representación. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras.

No caso de solicitudes formuladas por agrupacións de entidades locais, a entidade local designada para actuar como representante deberá xuntar, ademais da documentación requirida ao abeiro do artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, un documento en que se deixe constancia de que as persoas representantes das entidades locais participantes autorizan a presentación da solicitude.

6. O prazo de presentación de solicitudes será dun (1) mes, contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo finaliza o último día do mes.

7. Para o caso de dificultades técnicas ou no caso de requirir máis información, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda pon á disposición dos interesados o seguinte enderezo de correo electrónico: axudas.cmaot@xunta.gal

Artigo 7. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar xunto coa solicitude a documentación que se sinala:

a) Acreditación do nomeamento do representante da entidade solicitante.

b) Certificación do acordo adoptado polo órgano competente en que conste a decisión da entidade ou entidades locais de solicitar a subvención ao abeiro destas bases reguladoras (anexo II).

c) Certificación de que a entidade solicitante remitiu ao Consello de Contas de Galicia as contas do último exercicio orzamentario a que legalmente está obrigada. Nesta certificación deberá quedar acreditado que a remisión das contas se efectuou antes do vencemento do prazo de presentación de solicitudes (anexo II).

d) No suposto de que a entidade local achegue fondos ao proxecto/actividade/actuación para a que se solicita subvención, para os efectos do establecido en relación cos criterios de valoración, achegarase tamén declaración responsable en que se faga constar que se dispón de crédito suficiente no orzamento da entidade local para o pagamento da parte proposta para o cofinanciamento pola súa banda.

e) No caso de solicitudes presentadas por agrupacións de entidades locais, deberán xuntar:

1º. Documentación xustificativa da persoa ou entidade local designada para actuar como representante para formular a solicitude presentada.

2º. Identificar a relación de entidades locais participantes.

3º. Xustificación, de ser o caso, de que as persoas representantes das entidades locais participantes autorizan a presentación da solicitude, así como no relativo á remisión das contas do último exercicio orzamentario a que legalmente están obrigadas ao Consello de Contas (anexo II).

4º. Os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación.

5º. O importe de subvención que se vai aplicar por cada entidade membro da agrupación.

f) No caso de solicitudes relativas á liña 1, de Actuacións destinadas á creación de espazos públicos de autorreparación e intercambio de obxectos e utensilios diversos, deberán presentar:

1. Anexo I.a. Documentación específica do procedemento. Liña 1-creación de espazos públicos de autorreparación e intercambio de obxectos e utensilios diversos, debidamente cuberto.

2. Memoria técnica liña 1, de Actuacións destinadas á creación de espazos públicos de autorreparación e intercambio de obxectos e utensilios diversos. Un único arquivo co contido establecido no número 2 do artigo 7 das bases reguladoras.

3. Documentación acreditativa que xustifique o cumprimento dos requisitos establecidos no artigo 3, número 2, para a liña 1-creación de espazos públicos de autorreparación e intercambio de obxectos e utensilios diversos.

4. Documentación que considere oportuna para os efectos do establecido no artigo 14 desta orde para a liña 1 de Actuacións destinadas á creación de espazos públicos de autorreparación e intercambio de obxectos e utensilios diversos, co fin de que a Comisión de Avaliación poida avaliar o cumprimento ou non dos criterios fixados para a valoración e relación das solicitudes presentadas ou declaración responsable, de ser o caso, que permita deixar constancia do seu cumprimento.

g) No caso de solicitudes relativas á liña 2, de Actuacións destinadas á instalación de puntos limpos de proximidade para favorecer a recollida separada de distintos fluxos de residuos, deberán presentar:

1. Anexo I.b. Documentación específica do procedemento. Liña 2-Puntos limpos de proximidade, debidamente cuberto.

2. Memoria técnica liña 2, de Puntos limpos de proximidade. Un único arquivo co contido establecido no número 2 do artigo 7 das bases reguladoras.

3. Acreditación do destino dos residuos recollidos no punto limpo de proximidade, ben a través dun acordo cunha instalación de punto limpo fixa ou ben directamente a través de acordos con xestores de residuos autorizados. De ser o caso, o punto limpo deberá dispor da autorización de xestor de residuos ou, polo menos, ter realizado a solicitude de autorización.

4. Compromiso de cumprimento da normativa sectorial sectorial en materia de residuos.

5. Documentación acreditativa que xustifique o cumprimento dos requisitos establecidos no artigo 3, número 2, para a liña 2, de Puntos limpos de proximidade.

6. Documentación que considere oportuna para os efectos do establecido no artigo 14 desta orde para a liña 2, de Puntos limpos de proximidade, co fin de que a Comisión de Avaliación poida avaliar o cumprimento ou non dos criterios fixados para a valoración e relación das solicitudes presentadas ou declaración responsable, de ser o caso, que permita deixar constancia do seu cumprimento.

2. Xunto coa solicitude deberase presentar unha memoria do proxecto ou actuación para a que solicita a subvención, que deberá conter unha descrición clara das actividades que se vaian desenvolver, tanto desde o punto de vista técnico como económico, así como os datos e a información requirida para o tipo de actuación ou actuacións para as que se solicita a axuda e segundo o que se sinala a seguir.

A memoria do proxecto deberá incluír, como mínimo, os seguintes contidos:

a) Tipoloxía e nome do proxecto.

b) Breve descrición do proxecto presentado.

c) Identificación e datos de contacto do responsable técnico.

d) Introdución e diagnose da situación actual na materia do proxecto dentro do ámbito local de actuación.

e) Obxectivos do proxecto e das súas actuacións (materiais necesarios, tipo e cantidade). Será precisa neste punto a referencia ás melloras ou beneficios ambientais que se procuran co proxecto.

f) Descrición detallada do proxecto, ámbito de actuación, poboación e sectores ou axentes implicados, obxectivos cuantitativos (incluíndo a estimación das emisións de gases de efecto invernadoiro evitadas e das toneladas de residuos que contribuirán ao cumprimento dos obxectivos) e cualitativos, así como a programación temporal (cronograma) para o desenvolvemento do proxecto en correspondencia coas previsións de gastos incluídas no orzamento que se remita e tendo en conta o recollido nestas bases reguladoras. No caso da liña 2, deberase describir a operativa de traballo que se vai implantar (localización dos puntos limpos de proximidade, frecuencia de recollida, etc.).

g) O plan de actuación deseñado deberá incluír unha xustificación pormenorizada dos materiais, actuacións e recursos propostos de conformidade cos gastos subvencionables ao abeiro desta orde.

h) En particular para a liña 1 de espazos de autorreparación e intercambio de obxectos, sinalaranse as actuacións de comunicación previstas, así como os seus custos estimados de conformidade co requirido no artigo 3, número 2.

i) Indicadores e medidas de seguimento, e resultados esperados (residuos recollidos ou evitados, en quilogramos, por tipoloxía de residuos).

j) Orzamento detallado que deberá identificar os conceptos polos que se concorre na convocatoria chegando á desagregación a nivel de importes unitarios, de ser o caso, e tendo en conta o establecido nestas bases reguladoras en relación co período subvencionable e os prazos para a xustificación. No caso de agrupacións de entidades locais, no orzamento figurará que importe correspondería a cada unha delas.

Toda a documentación técnica debe ser presentada nun único documento, que se titule do seguinte xeito: «Memoria_técnica_Liña1» ou «Memoria_técnica_Liña2» en función da liña de axudas solicitada.

3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

5. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

6. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán obtidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediario de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

7. Así mesmo, os proxectos que opten ás subvencións que se rexen polas presentes bases reguladoras deberán acompañarse da documentación acreditativa que xustifique o cumprimento dos requisitos establecidos no artigo 3, número 2.

Artigo 8. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 9. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) NIF da entidade solicitante.

b) DNI/NIE da persoa representante.

c) Certificado de estar ao día no pagamento das obrigas tributarias coa AEAT.

d) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

e) Certificado de estar ao día no pagamento das débedas coa Administración pública da comunidade autónoma.

f) Consulta de inhabilitación para obter subvencións e axudas.

g) Consulta doutras subvencións ou axudas concedidas á entidade solicitante.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 10. Procedemento de concesión

O procedemento que se empregará para a concesión das axudas será o de concorrencia competitiva recollido no artigo 19, punto 1º, da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

Artigo 11. Órganos competentes

A Subdirección Xeral de Coordinación Ambiental da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión de subvencións, mentres que corresponde á persoa titular da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda ditar a resolución da concesión.

Artigo 12. Instrución

1. A instrución do procedemento corresponde á Subdirección Xeral de Coordinación Ambiental da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, que revisará toda as solicitudes recibidas e a documentación presentada.

2. Se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras, requirirase o solicitante de acordo co disposto no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, para que, no prazo improrrogable de dez (10) días hábiles contados a partir do día seguinte ao da recepción do requirimento, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, indicándolle que, se non o fai, poderase considerar desistido da súa petición, que se arquivará sen máis trámites, segundo a resolución que para o efecto se dite.

Igual requirimento se efectuará no suposto de resultado negativo da consulta efectuada á Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT), á Tesouraría Xeral da Seguridade Social (TXSS) e á consellería competente en materia de economía e facenda; nestes casos, o solicitante deberá achegar as correspondentes certificacións ou documentos.

3. Sen prexuízo do disposto no punto anterior, en calquera fase do procedemento anterior á proposta de resolución poderáselle requirir á entidade solicitante que achegue a información e/ou a documentación complementaria que se considere conveniente para a correcta definición, avaliación e comprobación da solicitude presentada.

4. Tales requirimentos de emenda, así como calquera tipo de notificación, realizaranse a través de medios electrónicos, de conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, de maneira que, cando existindo constancia da posta á disposición da notificación, transcorresen 10 días naturais sen que se acceda ao seu contido, entenderase que a notificación foi rexeitada, salvo que de oficio ou por instancia do destinatario se comprobe a imposibilidade técnica ou material do acceso.

5. Unha vez revisadas as solicitudes e feitas as emendas, os expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria serán remitidos á comisión encargada da súa valoración. Aqueles que non cumpran coas exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, serán obxecto de resolución de inadmisión a trámite ou de denegación, dependendo da circunstancia que concorra en cada caso.

6. Por outra banda, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitiranse á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 13. Comisión de Avaliación.

1. As solicitudes completas xunto coa documentación requirida serán postas á disposición dunha Comisión de Avaliación para a súa valoración e informe, o cal incluirá unha relación coa puntuación que corresponde a cada unha das solicitudes, segundo os criterios establecidos no artigo 14 desta orde.

2. A Comisión de Avaliación estará presidida pola persoa titular da Subdirección Xeral de Residuos, ou persoa en que delegue, e integrada por dous funcionarios da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, co nivel mínimo de xefe/a de servizo, e actuará como secretario unha persoa funcionaria da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático.

3. A referida comisión fará unha proposta de resolución (tendo en conta os criterios sinalados no artigo 14 en que identificará, de xeito individualizado, os solicitantes que superaron a fase de avaliación mediante unha relación ordenada de todas as solicitudes que cumpren coas condicións, tanto administrativas como técnicas, establecidas nas bases reguladoras. Na proposta constarán tanto as entidades que acadaron a condición de beneficiario, ao obter a puntuación requirida, como aquelas outras que non resultasen estimadas por quedaren por debaixo da devandita puntuación ou por terse esgotado a contía máxima do crédito fixado na convocatoria para as diferentes liñas de axudas.

4. Unha vez elaborada a correspondente proposta, mediante acta motivada, elevarase á persoa titular da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, para a súa resolución.

Artigo 14. Criterios de valoración

1. A Comisión de Avaliación, a que se refire o artigo 13 desta orde valorará e priorizará as solicitudes presentadas aplicando os criterios e puntuacións que a seguir se sinalan para cada un dos grupos de actuacións subvencionables.

2. Para avaliar as solicitudes presentadas para a liña 1, de Actuacións destinadas á creación de espazos públicos de autorreparación e intercambio de obxectos e utensilios diversos, teranse en conta os seguintes criterios de avaliación:

a) A coherencia, calidade e claridade da memoria do proxecto (diagnose, obxectivos, indicadores, resultados previstos, continuidade no tempo), ata 30 puntos distribuídos da seguinte maneira:

1º. A calidade do proxecto valorarase en función do grao de detalle técnico e descritivo da memoria, en cada un dos seus parágrafos (diagnose, obxectivos, indicadores, resultados previstos, continuidade no tempo); ata 10 puntos.

2º. A coherencia do proxecto valorarase en función do resultado e conclusións da diagnose, da súa viabilidade económica e ambiental, do seu alcance e seguimento e do planeamento de obxectivos en liña cos establecidos na normativa vixente; ata 10 puntos.

3º. A claridade do proxecto valorarase en función do nivel de coñecemento, explicación e xustificación das actuacións proxectadas para acadar os beneficios ambientais esperados; ata 10 puntos.

b) Os proxectos que conten para o seu desenvolvemento coa implicación de centros especiais de emprego e/ou entidades de economía social obterán 10 puntos.

c) Eficiencia da actuación en ratio €/habitantes que se atendan, ata 20 puntos.

d) En función da poboación que se atenda, segundo sexa solicitude individual ou presentada conxuntamente, de forma proporcional:

1º. Habitantes que se atendan (solicitude individual): de 1 ata 10 puntos.

2º. Habitantes que se atendan (solicitude conxunta): de 5 ata 15 puntos.

e) Achega económica da entidade local superior ao 10 % do orzamento total do proxecto, ata 15 puntos.

f) Solicitudes presentadas conxuntamente por máis dunha entidade local para a realización dun proxecto común, ata 10 puntos, en virtude da puntuación que resulte coa seguinte desagregación:

1º. Pola presentación dunha solicitude por entidades que se axusten a este carácter supramunicipal ou constituíndo unha agrupación: 5 puntos.

2º. Polo número de concellos participantes no proxecto para o que se solicita subvención: 1 punto por concello adicional ata un máximo de 5 puntos.

3. Para avaliar as solicitudes presentadas para a liña 2 de Instalación de puntos limpos de proximidade. Proxectos de implantación de puntos limpos de proximidade para a recollida separada de distintos fluxos de residuos, teranse en conta os seguintes criterios de avaliación:

a) A coherencia, calidade e claridade da memoria do proxecto (diagnose, obxectivos, indicadores, resultados previstos, continuidade no tempo), ata 30 puntos distribuídos da seguinte maneira:

1º. A calidade do proxecto valorarase en función do grao de detalle técnico e descritivo da memoria, en cada un dos seus parágrafos (diagnose, obxectivos, indicadores, resultados previstos, continuidade no tempo); ata 10 puntos.

2º. A coherencia do proxecto valorarase en función do resultado e conclusións da diagnose, da súa viabilidade económica e ambiental, do seu alcance e seguimento e do planeamento de obxectivos en liña cos establecidos na normativa vixente; ata 10 puntos.

3º. A claridade do proxecto valorarase en función do nivel de coñecemento, explicación e xustificación das actuacións proxectadas para acadar os beneficios ambientais esperados; ata 10 puntos.

b) Tipos de residuos, identificados mediante códigos LER do anexo VIII, que se recollerán no punto limpo de proximidade, a razón de 1 punto por código LER recollido, ata 10 puntos.

c) Eficiencia da actuación en ratio €/habitantes que se atendan, ata 20 puntos.

d) En función da poboación que se atenda, segundo sexa solicitude individual ou presentada conxuntamente, de forma proporcional:

1º. Habitantes que se atendan (solicitude individual): de 1 ata 10 puntos.

2º. Habitantes que se atendan (solicitude conxunta): de 5 ata 15 puntos.

e) Achega económica da entidade local superior ao 10 % do orzamento total do proxecto, ata 15 puntos.

f) Solicitudes presentadas conxuntamente por máis dunha entidade local para a realización dun proxecto común, ata 10 puntos, en virtude da puntuación que resulte coa seguinte desagregación:

1º. Pola presentación dunha solicitude por entidades que se axusten a este carácter supramunicipal ou constituíndo unha agrupación: 5 puntos.

2º. Polo número de concellos participantes no proxecto para o que se solicita subvención: 1 punto por concello adicional ata un máximo de 5 puntos.

4. A puntuación resultante será a suma da aplicación dos baremos indicados. Co obxectivo de acadar un nivel mínimo de calidade dos proxectos de investimento subvencionados, establécese un nivel mínimo de puntuación de 30 puntos, sobre os 100 que como máximo se poderían acadar, para poder optar á subvención. Aquelas solicitudes que non acaden esa puntuación mínima serán rexeitadas.

5. No caso de empate na baremación decidirase a favor do proxecto que obtivese máis puntos na valoración do criterio establecido no primeiro lugar e así de xeito sucesivo co resto dos criterios previstos no caso de manterse o empate. De persistir o empate, atenderase á data de presentación da solicitude e, de ser idéntica, ao maior importe do orzamento total da actuación.

6. Á vista das solicitudes recibidas, a Comisión de Avaliación fixará unha relación ordenada de todas as solicitudes que, cumprindo coas condicións administrativas e técnicas establecidas nas bases reguladoras para adquirir a condición de beneficiarias e de conformidade coa puntuación outorgada a cada unha delas, permita determinar tanto as que resulten beneficiarias como aqueloutras que non resultasen estimadas por non ter acadado a puntuación mínima requirida ou por terse esgotado a contía máxima do crédito fixado na convocatoria para cada liña de axuda.

Artigo 15. Notificación

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar que as persoas interesadas cumpran a súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 16. Resolución e publicación da resolución de concesión

1. O órgano instrutor ditará proposta de resolución con base no documento elaborado pola Comisión de Avaliación, e elevaraa para a resolución por parte da persoa titular da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

2. Na resolución figurarán os seguintes aspectos:

a) A relación de entidades locais beneficiarias.

b) O importe dos gastos considerados subvencionables sobre os que se fai o cálculo da contía ou porcentaxe de axuda resultante.

c) A contía da axuda.

d) Esta axuda está cofinanciada nun 90 % con cargo aos fondos do Plan de economia circular e o Plan de impulso ao ambiente-PIMA residuos.

Este financiamento queda legalmente vinculado á realización das actuacións subvencionadas.

e) Prazo para a execución do servizo.

f) As obrigas que corresponden ao beneficiario, os requisitos específicos relativos ao proxecto subvencionable, o plan financeiro e o calendario de execución, así como os demais requisitos previstos na normativa aplicable.

3. O prazo máximo para resolver os procedementos iniciados en virtude desta orde será de cinco meses desde a publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Transcorrido o prazo para resolver sen que o interesado recibise comunicación expresa, poderá entender as súas pretensións desestimadas por silencio administrativo, conforme prevé o artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, sen prexuízo da obriga legal de resolver expresamente conforme o disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

4. Publicarase no Diario Oficial de Galicia (DOG), de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro de procedemento administrativo común das administracións públicas, a resolución de concesión. Así mesmo, será igualmente obxecto de publicidade a través da páxina web https://sirga.xunta.gal/

5. De conformidade co Real decreto 130/2019, as subvencións concedidas serán incorporadas á Base de datos nacional de subvencións.

Artigo 17. Recursos

As resolucións ditadas ao abeiro destas bases porán fin á vía administrativa e contra elas poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, que sustituirá á notificación persoal e producirá os mesmos efectos, ou ben impugnala directamente diante do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses se a resolución fose expresa, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 18. Modificación da resolución.

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente doutras achegas fóra dos casos permitidos nas normas reguladoras poderán dar lugar á modificación da resolución de concesión, de acordo co artigo 17.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Así mesmo, o órgano competente para a concesión destas axudas poderá acordar a modificación da resolución por instancia do beneficiario, sempre que se cumpran os límites e os requisitos recollidos no artigo 35 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 19. Aceptación e renuncia

1. Transcorridos 10 días hábiles desde a súa notificación sen que a entidade beneficiaria comunicase expresamente a súa renuncia á subvención, entenderase que a acepta, e desde ese momento adquirirá a condición de beneficiaria.

2. A renuncia á subvención poderase facer por calquera medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 94 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

No caso de que se comunicase a renuncia, ditarase a correspondente resolución, que se notificará ao interesado por medios electrónicos.

Artigo 20. Obrigas dos beneficiarios

Son obrigas dos beneficiarios, sen prexuízo das establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, das demais condicións e obrigas establecidas nesta orde e todas as que resulten exixibles segundo a normativa de aplicación, as seguintes:

1. Cumprir o obxectivo, executar o proxecto, realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión das subvencións.

2. Destinar os fondos percibidos ao obxecto concreto para o cal foron concedidos e realizar as actuacións que integran o proxecto subvencionado, segundo o estipulado no artigo 41 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Cumprir a normativa comunitaria, estatal e autonómica de aplicación, en particular, a normativa en materia de subvencións e contratación pública, cando proceda.

4. Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento dos requisitos e das condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou o desfrute da subvención.

5. Someterse ás actuacións de comprobación e control que deba efectuar o órgano concedente a través da Intervención Ambiental, a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, a Intervención Xeral da Administración do Estado, o Tribunal de Contas, o Consello de Contas, ás comprobacións e verificacións que realice o organismo intermedio, a autoridade de xestión ou a autoridade de certificación e, de ser o caso, os órganos de control da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo ou outras instancias de control, achegando canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

6. Asumir a aplicación de medidas antifraude eficaces e proporcionadas no seu ámbito de xestión, así como a obriga de comunicar ao órgano xestor os casos de sospeitas de fraude «bandeiras vermellas»). Asegurar a adopción de medidas dirixidas a previr, detectar, comunicar e corrixir a fraude, a corrupción e previr o conflito de interese e o dobre financiamento.

7. Comunicarlle ao órgano concedente a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

8. Manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable axeitado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionables, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os conceptos financiados con cargo á subvención e a obriga do mantemento da documentación soporte.

9. Dispor de capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir os obxectivos do proxecto para o que se solicita a axuda.

10. Conservar a documentación xustificativa relativa aos gastos financiados durante un prazo de tres anos a partir do 31 de decembro seguinte á presentación das contas nas cales estean incluídos os gastos da operación.

11. Cumprir os requisitos establecidos no artigo 15, número 3, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, polo que toda actividade, investimento ou material (incluído o que se difunda de maneira electrónica ou empregando medios audiovisuais) que se realice contando con financiamento obtido a partir destas axudas deberá cumprir os requisitos de comunicación do financiamento público do proxecto, de conformidade co establecido no anexo III destas bases; así mesmo, deben cumprir coas obrigas de información e publicidade que as autoridades competentes establezan. Todos os carteis e placas deberán colocarse nun lugar ben visible de acceso ao público.

12. Facilitar a recollida de indicadores de resultado cuantitativos e cualitativos tras a execución do proxecto subvencionable, e nun prazo de entre seis meses e tres anos despois da finalización.

13. Subministrar toda a información necesaria para que a consellería poida dar cumprimento ás obrigas previstas no título I da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

14. Dispoñer das licenzas, permisos e/ou autorizacións administrativas exixidas pola normativa para o exercicio da súa actividade así como, de ser o caso, para o desenvolvemento do proxecto subvencionable. A sinatura da solicitude comporta a realización da declaración relativa a esta disposición.

Artigo 21. Período subvencionable e prazo de execución

1. O período subvencionable será, con carácter xeral, o comprendido entre o 1 de marzo de 2020 e o 30 de novembro de 2023, ambos incluídos, tendo en conta as datas límite para a súa xustificación segundo o sinalado neste mesmo artigo.

2. Non serán subvencionables os proxectos concluídos materialmente na data de presentación da solicitude.

3. Os gastos subvencionables deberán estar realizados e efectivamente pagados con anterioridade ao remate da data límite para a solicitar o aboamento da axuda e a súa xustificación consonte o establecido no parágrafo seguinte.

4. A data límite para executar o proxecto e presentar a documentación xustificativa dos investimentos será:

a) O 30 de novembro de 2022 para os gastos que se imputen ao orzamento correspondente á anualidade 2022.

b) O 30 de novembro de 2023 para os gastos que se imputen ao orzamento correspondente á anualidade 2023.

Artigo 22. Xustificación da subvención

1. Os beneficiarios das axudas quedan obrigados a acreditar, nos prazos máximos a que se refire o artigo anterior, a realización dos proxectos subvencionados e a xustificar a totalidade do orzamento que corresponda a cada anualidade en virtude do establecido na resolución de concesión que lles foi notificada. En caso de non xustificarse a totalidade do orzamento do proxecto, a subvención será minorada na mesma proporción. En calquera caso, o beneficiario deberá xustificar unha porcentaxe mínima do 50 % do importe concedido para o período subvencionable correspondente; de non acadarse ese mínimo, enténdese que non se lograron os obxectivos propostos na solicitude e, polo tanto, determinarase a perda do dereito a cobrar a subvención concedida.

2. A solicitude do pagamento efectuaraa o beneficiario a través de medios electrónicos e con anterioridade a que remate a data límite para cada anualidade a que se refire o artigo 21, número 4, mediante a presentación do anexo IV, que estará accesible na Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

3. Coa dita solicitude xuntarase a documentación xustificativa do investimento requirido. A Administración poderá solicitar a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada, segundo o disposto no artigo 28.5 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

4. Tal e como dispón o artigo 46 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, cando o órgano administrativo competente para a comprobación da subvención aprecie a existencia de defectos emendables nas xustificacións presentadas polos beneficiarios, porao no seu coñecemento e concederalles un prazo de dez (10) días para a súa corrección. Os requirimentos de emenda serán notificados segundo o establecido nas presentes bases reguladoras.

Igual requirimento se efectuará no suposto do resultado negativo da consulta efectuada á Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT), Tesouraría Xeral da Seguridade Social (TXSS), consellería competente en materia de economía e facenda, así como a verificación do DNI do solicitante (persoa física) e do representante da persoa xurídica e o NIF do solicitante (persoa xurídica), ou cando como resultado da comprobación se obteña un resultado negativo na comprobación de causas de inhabilitación para recibir subvencións ou axudas; neste caso, o solicitante deberá achegar as correspondentes certificacións ou documentos.

No suposto de que transcorrese o prazo establecido para a xustificación sen terse presentado documentación ningunha, requirirase igualmente ao beneficiario para que no prazo improrrogable de dez (10) días hábiles a presente. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido neste parágrafo comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia. A presentación da xustificación no prazo adicional establecido neste parágrafo non eximirá o beneficiario das sancións que conforme a lei correspondan.

Artigo 23. Documentación xustificativa do investimento

A conta xustificativa con entrega de xustificantes de gastos, de conformidade co establecido no artigo 48 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG núm. 20, do 29 de xaneiro), conterá a seguinte documentación:

1. Solicitude de aboamento efectuada pola entidade beneficiaria conforme o modelo que se facilita no anexo IV que se xunta.

2. Memoria de actuacións xustificativa do cumprimento das condicións impostas na concesión da subvención que, de conformidade co contido requirido en fase de solicitude, identifique entre outras cuestións as actividades realizadas e os resultados obtidos en relación, de ser o caso, cos indicadores de seguimento e avaliación propostos, incluíndo unha estimación das emisións de gases de efecto invernadoiro evitadas e das toneladas de residuos que contribuirían ao cumprimento dos obxectivos nesta materia e as toneladas de residuos municipais preparadas para a reutilización ou reciclaxe. As emisións de gases de efecto invernadoiro evitadas calcularanse de acordo coa metodoloxía exposta no seguinte enderezo:

https://www.miteco.gob.es/es/cambio-climatico/temas/fondo-carbono/metodologias.aspx ou outra metodoloxía equivalente.

Esta memoria, xunto coa solicitude de pagamento, acompañarase de calquera outro material informativo (fotografías, publicacións, breves descricións en web, etc.) que se considere de interese.

3. Memoria económica xustificativa das actividades realizadas, que conterá:

a) Tanto os xustificantes de gasto como os dos pagamentos deberán ter data comprendida dentro do período de subvencionabilidade previsto no artigo 21 destas bases.

b) A entidade beneficiaria achegará unha certificación que deberá estar expedida pola Intervención ou o órgano que teña atribuídas as facultades de control da toma de razón en contabilidade e do cumprimento da finalidade para a cal foi concedida. Farase constar, como mínimo:

1º. O cumprimento da finalidade da subvención.

2º. Unha relación clasificada dos gastos e investimentos da actividade, con identificación do acredor e do documento, o seu importe, data de emisión e data de pagamento. No caso de que a subvención se outorgue segundo un orzamento, indicaranse as desviacións producidas.

c) As facturas ou documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa incorporados na relación a que se fai referencia no parágrafo anterior. Os gastos aparecerán desagregados por conceptos ou unidades de obra.

Ao se tratar de administracións públicas, presentaranse facturas orixinais ou facturas electrónicas rexistradas no punto xeral de entrada de facturas electrónicas da Administración xeral do Estado (FACE) ou plataforma similar.

A expedición das facturas e o seu contido axustaranse ao disposto no Real decreto 1619/2012, do 30 de novembro, polo que se aproba o Regulamento polo que se regulan as obrigas de facturación.

Cando o beneficiario non dispoña de facturas electrónicas para a xustificación da subvención, deberá achegar unha copia auténtica electrónica dos documentos orixinais en papel, de acordo cos procedementos que establece a normativa vixente.

d) Xustificantes bancarios dos aboamentos efectuados (transferencia bancaria, certificación bancaria ou extracto bancario do ingreso efectivo polo portelo) en que deberán constar, ademais do emisor e receptor do pagamento, o número de factura obxecto do pagamento, así como a data en que se efectuasen, a cal deberá estar comprendida entre a data de inicio e a data límite da xustificación.

Non se admitirán os pagamentos en efectivo, así como os xustificantes obtidos a través da internet se non están validados pola entidade bancaria ou dispoñen de códigos para a súa verificación por terceiros na sede electrónica da dita entidade bancaria.

e) No caso de adquisición de bens de equipamento de segunda man, certificado dun taxador independente debidamente acreditado e inscrito no correspondente rexistro oficial e declaración do vendedor en que conste a orixe dos bens e que estes non foron obxecto de ningunha subvención nacional ou comunitaria.

f) No caso que á hora de puntuar o proxecto obxecto de subvención se considerase a achega económica da entidade local superior ao 10 % do orzamento total do proxecto, incluiranse os documentos acreditativos dos gastos realizados con medios ou recursos propios atendendo aos gastos que, ao abeiro destas bases reguladoras, teñen a consideración de subvencionables.

g) Unha relación detallada doutros ingresos ou subvencións que financiasen a actividade subvencionada con indicación do importe e da súa procedencia.

No momento da xustificación da execución do proxecto e, en calquera caso, antes do pagamento, o peticionario debe presentar unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para o mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

h) Certificación expedida pola secretaría da entidade local, na cal se acredite que se respectaron os procedementos de contratación pública e se faga constar a aprobación por parte do órgano competente da conta xustificativa da subvención.

i) No caso das agrupacións de concellos, presentarase un documento asinado por todos os participantes que conformen a agrupación beneficiaria da axuda, no cal se recollan expresamente todos os termos dos aspectos requiridos nas presentes bases para as solicitudes presentadas de forma conxunta.

Artigo 24. Pagamento da axuda

1. O pagamento das axudas efectuarase con cargo ao exercicio orzamentario, unha vez efectuado o investimento ou realizado o gasto ou a actividade subvencionable e logo da presentación por parte da entidade beneficiaria da solicitude de aboamento e da xustificación requirida nestas bases reguladoras.

2. Poderá anticiparse ata o 50 % do importe concedido, de acordo co establecido no artigo 31.6 da Lei 9/2007, no artigo 63 do Decreto 11/2009 e nesta convocatoria.

As entidades beneficiarias que queiran acollerse á modalidade de pagamento anticipado deberán manifestalo expresamente no prazo máximo de 10 días hábiles a partir do seguinte ao da notificación da resolución de concesión, mediante a presentación da correspondente solicitude de pagamento anticipado, empregando o modelo que se incorpora como anexo V.

3. De non presentar a solicitude de pagamento anticipado, enténdese que a entidade solicitante renuncia ao anticipo. Neste caso o pagamento das axudas efectuarase unha vez efectuado o investimento ou realizado o gasto ou actividade e logo da presentación por parte da entidade beneficiaria, no prazo establecido, da documentación xustificativa a que se refire o artigo anterior.

4. De conformidade co disposto no artigo 65.4 do Decreto 11/2009 as entidades locais están exoneradas de constituír garantía no caso de solicitar anticipos.

5. Recibida a documentación xustificativa da subvención, os órganos competentes da consellería concedente, antes de proceder ao seu pagamento final, poderán realizar as actuacións de comprobación oportunas para verificar a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinaron a concesión da subvención, de acordo co establecido no artigo 30 da Lei 9/2007.

Os órganos competentes da consellería concedente poderán solicitar ao beneficiario as aclaracións ou informes relativos á xustificación do investimento que consideren convenientes. Advírtese de que a falta de presentación da xustificación no prazo concedido para o efecto poderá comportar a perda do dereito á subvención e a exixencia do reintegro no caso de ter recibido cantidades en concepto de anticipo, e demais responsabilidades establecidas na Lei 9/2007.

6. Cando o custo xustificado da actividade ou investimento fose inferior ao que figura na resolución de concesión, manterase a axuda pero diminuirase proporcionalmente o seu importe, sempre que coa parte realmente executada se poida entender cumprida a finalidade da subvención.

7. O pagamento realizarase logo de verificación do órgano concedente do cumprimento da obriga de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da comunidade autónoma.

Artigo 25. Perda do dereito a cobrar a subvención e procedemento de reintegro

1. Producirase a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención no suposto de falta de xustificación do cumprimento do proxecto, das condicións impostas na resolución de concesión, das obrigas contidas nestas bases reguladoras ou na demais normativa aplicable, así como nos supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, o que dará lugar a devolver total ou parcialmente a subvención percibida, así como os xuros de demora correspondentes.

2. O procedemento para declarar a procedencia da perda do dereito de cobramento da subvención e para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior será o establecido no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Incumprimento dos proxectos:

a) Incumprimento total: se o beneficiario xustifica conceptos, partidas e/ou elementos subvencionables aprobados que representen menos do 50 % do importe total do investimento subvencionable, entenderase que non acadou os obxectivos propostos na solicitude e, polo tanto, perderá o dereito a cobrar a subvención.

b) Incumprimento parcial: sempre que se cumpran os requisitos ou condicións esenciais tomadas en conta na concesión das axudas, e a xustificación sexa igual ou superior ao 50 %, poderá apreciarse un incumprimento parcial, e deberase resolver sobre o seu alcance aplicando a mesma ponderación que tivese a condición incumprida na resolución de concesión.

Sen prexuízo doutros supostos que poidan concorrer, no caso de condicións referentes á contía ou concepto da base subvencionable, o alcance do incumprimento determinarase proporcionalmente ao gasto deixado de realizar ou aplicado a un concepto distinto do considerado subvencionable; deberanse, se é o caso, reintegrar as cantidades percibidas na dita proporción.

4. Incorrerase en causa de non pagamento ou reintegro das axudas no caso de non manter as condicións establecidas nestas bases de conformidade coa gradación seguinte:

a) Suporá a perda dun 2 % da subvención concedida non manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable axeitado en relación con todas as transaccións relacionadas e os investimentos subvencionables, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os conceptos financiados con fondos do Programa de economía circular e o Plan de impulso ao ambiente-PIMA residuos.

b) Suporá a perda dun 2 % da subvención concedida non dar publicidade ao financiamento dos investimentos que sexan obxecto de subvención, de acordo co establecido nestas bases.

c) Suporá a perda dun 5% non comunicar ao órgano concedente desta axudas a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención, unha vez recalculada e descontado o exceso obtido sobre os topes máximos legalmente establecidos.

d) Suporá a perda da subvención de forma proporcional ao período en que se incumpra o requisito non manter os investimentos obxecto da subvención durante o período de cinco anos.

5. No caso de condicións que constitúan obrigas que a entidade beneficiaria deba acreditar en fase de xustificación, tales como obrigas de publicidade ou comunicación doutras axudas, estas deberán xustificarse, en todo caso, para poder proceder ao pagamento da subvención, polo que a graduación fixada no punto anterior só resultará aplicable para supostos de reintegro, no caso de que se detecte en controis posteriores ao pagamento algún incumprimento relativo ás ditas obrigas.

Artigo 26. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrarlle á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para que esta cumpra as obrigas previstas na citada lei.

Artigo 27. Financiamento

1. As axudas convocadas ao abeiro desta orde financiaranse con cargo á aplicación orzamentaria 08.02.541D.760.1 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2022, consonte o seguinte:

Aplicación

Proxecto

Actuación

2022

2023

Total

08.02.541D.760.1

2022 00033

Liña 1. Actuacións destinadas á creación de espazos públicos de autorreparación e intercambio de obxectos e utensilios diversos

121.765,00 €

40.590,00 €

162.355,00 €

2022 00045

Liña 2. Actuacións destinadas á instalación de puntos limpos de proximidade para favorecer a recollida separada de distintos fluxos de residuos

75.944,00 €

25.314,00 €

101.258,00 €

197.709,00 €

65.904,00 €

263.613,00 €

2. De acordo co previsto no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, excepcionalmente poderase ampliar a contía máxima dos créditos dispoñibles cando o aumento veña derivado dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito; cando existan remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo ou no suposto previsto no artigo 25.3 do regulamento. O incremento do crédito queda condicionado á declaración de dispoñibilidade como consecuencia das circunstancias sinaladas e, de ser o caso, logo de aprobación da modificación orzamentaria que proceda. A ampliación do crédito publicarase nos mesmos medios que a convocatoria, sen que implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.

Artigo 28. Compatibilidade das axudas

1. Estas axudas son compatibles con outras axudas ou subvencións públicas destinadas á mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado, nacional, da Unión Europea ou organismo internacional, sempre que o importe total das axudas percibidas non supere o 100 % do investimento subvencionable do proxecto, coa excepción dos proxectos Clima, promovidos a través do Fondo de Carbono para unha Economía Sustentable (FES-CO2).

2. A obtención doutras axudas ou subvencións deberá comunicarse á Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático tan axiña como se coñeza e, en todo caso, no momento en que se presente documentación xustificativa da execución do servizo.

3. En todo caso, antes de conceder a axuda e no momento da xustificación, solicitarase á entidade solicitante ou beneficiaria unha declaración sobre calquera axuda recibida para este mesmo proxecto.

4. O incumprimento do disposto neste artigo poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión nos termos previstos nestas bases reguladoras ou, de ser o caso, á iniciación do procedemento para declarar a procedencia da perda do dereito ao cobramento da subvención ou para o seu reintegro.

Artigo 29. Infraccións e sancións

O réxime de infraccións e sancións aplicable ao establecido nesta orde é o previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 30. Réxime xurídico

Respecto de todo o non previsto nesta orde observarase o disposto nas seguintes normas, entre outras de procedente aplicación:

a) Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

c) Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

d) Decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o seu regulamento.

e) Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

f) Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Disposición derradeira primeira

Autorízase expresamente a persoa titular da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático para actuar, por delegación da persoa titular da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, para resolver a concesión, denegación, modificación ou outras incidencias das subvencións previstas nesta orde.

Así mesmo, deléganse na persoa titular da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático as facultades relativas aos procedementos de reintegro sinaladas no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposición derradeira segunda

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para a execución desta orde.

Disposición derradeira terceira

Esta orde producirá efectos o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 7 de xuño de 2022

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file