Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 117 Luns, 20 de xuño de 2022 Páx. 35072

I. Disposicións xerais

Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

DECRETO 108/2022, do 16 de xuño, de estrutura orgánica dos órganos superiores e de dirección dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia.

O Decreto 58/2022, do 15 de maio, estableceu a estrutura orgánica da Xunta de Galicia. Pola súa parte, o Decreto 72/2022, do 25 de maio, estableceu os órganos superiores e de dirección dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, e fixou aqueles órganos que, pola súa importancia e natureza, quedan adscritos á Presidencia.

O artigo 27 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, establece que os decretos de estrutura determinarán os distintos órganos de dirección, as competencias e funcións que deles dependen e, en particular, os postos con rango de subdirección xeral e xefatura de servizo. Procede neste momento desenvolver esta estrutura orgánica superior ata o nivel de xefatura de servizo nun texto único que regule conxuntamente e de forma unitaria a estrutura orgánica e as correspondentes funcións dos órganos superiores e de dirección dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, tendo como premisas os criterios de máxima eficacia e economía na organización administrativa.

Adscríbese á Presidencia da Xunta de Galicia a Axencia de Turismo de Galicia, que se axustará nos seus fins, estrutura e funcionamento ao disposto na Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia, o Decreto 196/2012, do 27 de setembro, polo que se crea a Axencia de Turismo de Galicia e se aproban os seus estatutos, e demais normas de aplicación.

A Presidencia da Xunta de Galicia contará coa Oficina de Asesoramento Especial e Apoio á Presidencia da Xunta de Galicia e coa Xefatura de Comunicación.

O decreto axústase aos principios de boa regulación contidos no artigo 129 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e no artigo 37.a) da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público de Galicia. En concreto, cumpre cos principios de necesidade e eficacia, é un instrumento necesario e axeitado para servir ao interese xeral e ten como premisas os criterios de racionalización administrativa. Cumpre co principio de proporcionalidade e é o instrumento normativo necesario para o desenvolvemento da estrutura orgánica, coa regulación imprescindible para atender esta necesidade. Finalmente, cumpre cos principios de seguridade xurídica, transparencia e eficiencia, pois é coherente co resto do ordenamento xurídico, identifica o seu propósito e del non derivan novas cargas administrativas, así como cos principios de simplicidade e eficacia.

Na súa virtude, por proposta do vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, no exercicio da facultade outorgada polo artigo 4.15 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, e logo de deliberación do Consello da Xunta na súa reunión do día dezaseis de xuño de dous mil vinte e dous,

DISPOÑO:

CAPÍTULO I

Organización xeral da Presidencia da Xunta de Galicia

Artigo 1. Estrutura

1. Dependerán da Presidencia da Xunta de Galicia os seguintes órganos superiores e de dirección:

a) Secretaría Xeral da Presidencia. Ao dito órgano adscríbese a Dirección Xeral do Gabinete Técnico da Presidencia.

b) Secretaría Xeral de Medios. Ao dito órgano adscríbese a Dirección Xeral de Comunicación.

c) Secretaría Xeral da Emigración.

d) Asesoría Xurídica Xeral, con nivel orgánico de secretaría xeral.

2. Queda adscrita á Presidencia da Xunta de Galicia a Axencia de Turismo de Galicia, que se axustará nos seus fins, estrutura e funcionamento ao disposto na Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia, no Decreto 196/2012, do 27 de setembro, polo que se crea a Axencia de Turismo de Galicia e se aproban os seus estatutos, e demais normas de aplicación.

3. A Presidencia da Xunta de Galicia contará coa Oficina de Asesoramento Especial e Apoio á persoa titular da Presidencia da Xunta de Galicia, así como coa Xefatura de Comunicación, que se encargarán de prestar asesoramento especial e apoio á Presidencia da Xunta de Galicia no desenvolvemento do seu labor político, no cumprimento das súas funcións de carácter parlamentario e nas súas relacións coas institucións públicas, os medios de comunicación e as organizacións administrativas, así como actividades protocolarias.

Artigo 2. Adscrición aos órganos superiores e de dirección

1. Quedan adscritas á Presidencia da Xunta de Galicia as delegacións exteriores da Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral da Emigración.

2. Quedan adscritos aos órganos superiores e de dirección dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, segundo o disposto nas súas normas reguladoras, os seguintes órganos colexiados:

a) O Consello Asesor de Telecomunicacións e Audiovisual de Galicia, creado polo Decreto 276/1999, do 21 de outubro, á Secretaría Xeral de Medios.

b) O Consello de Comunidades Galegas, regulado pola Lei 7/2013, do 13 de xuño, de galeguidade, e polo Decreto 111/2015, do 6 de agosto, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do Consello de Comunidades Galegas, á Secretaría Xeral da Emigración.

c) O Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago, regulado polo Decreto 45/2001, do 1 de febreiro, á Axencia de Turismo de Galicia.

d) O Consello de Turismo de Galicia, regulado polo Decreto 149/2012, do 5 de xullo, á Axencia de Turismo de Galicia.

e) A Comisión Interdepartamental do Camiño de Santiago, regulada polo Decreto 107/2016, do 4 de agosto, á Axencia de Turismo de Galicia.

f) A Comisión Organizadora do Xacobeo 2021, creada polo Decreto 4/2018, do 11 de xaneiro, á Axencia de Turismo de Galicia.

g) O Comité Camelia Galicia, regulado pola Orde do 25 de maio de 2020 pola que se establece a ordenación da Ruta dos Xardíns da Camelia e se crea o Comité Camelia Galicia, á Axencia de Turismo de Galicia.

CAPÍTULO II

Secretaría Xeral da Presidencia

Sección 1ª. Atribucións e estrutura da Secretaría Xeral da Presidencia

Artigo 3. Atribucións

1. A Secretaría Xeral da Presidencia configúrase como órgano superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de apoio e asistencia técnica á Presidencia da Xunta de Galicia.

2. Correspóndelle en particular:

a) A asistencia técnica, apoio e asesoramento á persoa titular da Presidencia.

b) A coordinación da planificación interdepartamental e a comunicación, nos asuntos xerais, coas consellerías, entidades e organismos que teñan relación coa Presidencia da Xunta de Galicia, así como as que lle sexan delegadas pola persoa titular da Presidencia da Xunta de Galicia.

c) A coordinación dos órganos adscritos á Secretaría Xeral da Presidencia, sinalados no artigo único, letra a), punto 1, do Decreto 72/2022, do 25 de maio, polo que se establecen os órganos superiores e de dirección dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia.

d) A elaboración de estudos e informes para a Presidencia da Xunta.

e) A coordinación dos asuntos xerais da Presidencia da Xunta que así o precisen.

f) A coordinación da elaboración dos orzamentos da Presidencia.

g) A xestión do persoal da Presidencia nos termos establecidos neste decreto.

h) As funcións de réxime interior e os asuntos xerais da Secretaría Xeral da Presidencia.

i) As funcións recollidas nas disposicións adicionais do presente decreto.

j) Aqueloutras que lle asigne o órgano competente ou que lle atribúa o ordenamento xurídico.

3. A Secretaría Xeral da Presidencia exercerá as competencias e funcións establecidas no artigo 29 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico, de conformidade co disposto no artigo 26.5 da mesma lei.

4. A Secretaría Xeral da Presidencia poderá reclamar das consellerías e do resto dos órganos superiores e de dirección da Xunta de Galicia cantos informes, datos e documentos considere precisos para o exercicio das funcións que ten encomendadas.

Artigo 4. Estrutura

1. Para o exercicio das súas competencias, a Secretaría Xeral da Presidencia estrutúrase nas seguintes unidades:

a) Vicesecretaría Xeral.

1º. Servizo de Recursos Humanos e Réxime Interior.

2º. Servizo Técnico-Normativo.

3º. Servizo de Xestión Económica.

b) Asesoría Xurídica.

c) Intervención Delegada.

2. Queda adscrita á Secretaría Xeral da Presidencia a Dirección Xeral do Gabinete Técnico da Presidencia.

Artigo 5. Vicesecretaría Xeral

1. Á Vicesecretaría Xeral, con nivel orgánico de subdirección xeral, correspóndenlle as seguintes funcións:

a) A suplencia da persoa titular da Secretaría Xeral da Presidencia nos casos de ausencia, enfermidade ou vacante, así como nos casos en que fose declarada a súa abstención ou recusación.

b) A coordinación e o apoio na dirección e xestión da actividade da Secretaría Xeral, así como a execución dos proxectos, dos obxectivos ou das actividades que lle sexan asignadas pola persoa titular da Secretaría Xeral.

c) O asesoramento e realización de estudos e informes de carácter técnico-xurídico que lle sexan encomendados pola persoa titular da Secretaría Xeral.

d) A elaboración, por requirimento da persoa titular da Secretaría Xeral, de estudos e propostas de actuación sobre aspectos relativos á estruturación, planificación, organización, métodos de traballo e de mellora da xestión dos diferentes procedementos administrativos.

e) A programación das necesidades de persoal da Presidencia, en colaboración cos distintos órganos superiores e de dirección dependentes da Presidencia, a coordinación na elaboración da relación de postos de traballo e a xestión do persoal adscrito á Presidencia da Xunta de Galicia, que inclúe a xestión económica e habilitación de pagamentos relativos ao capítulo I.

f) O réxime interior, a asistencia técnica, a xestión dos medios materiais, a coordinación administrativa e outras funcións de contido administrativo que lle atribúa a persoa titular da Secretaría Xeral.

g) A coordinación da elaboración do anteproxecto de gastos da Presidencia da Xunta de Galicia, a elaboración do anteproxecto do orzamento de gastos da Secretaría Xeral da Presidencia, así como o seguimento e control da súa execución.

h) A tramitación das publicacións dos órganos dependentes da Presidencia ante a Comisión Permanente de Publicacións e o Consello Coordinador de Publicacións.

i) A remisión ao Diario Oficial de Galicia de disposicións e actos do ámbito da Secretaría Xeral da Presidencia.

j) En xeral, a asistencia e xestión de cantos asuntos lle sexan encomendados, por razón da súa competencia, pola persoa titular da Secretaría Xeral.

2. Para o cumprimento das súas funcións, a Vicesecretaría Xeral contará cos seguintes órganos:

a) Servizo de Recursos Humanos e Réxime Interior.

b) Servizo Técnico-Normativo.

c) Servizo de Xestión Económica.

Artigo 6. Servizo de Recursos Humanos e Réxime Interior

A este servizo correspóndelle a realización das seguintes funcións:

a) A ordenación, xestión e administración ordinaria dos recursos humanos e o seguimento e control do rexistro de persoal da Presidencia da Xunta de Galicia.

b) A xestión do réxime interno do persoal, rexistro, arquivo e información, control da asistencia e puntualidade da Presidencia.

c) A xestión dos plans de formación do persoal da Presidencia.

d) A habilitación de gastos de persoal da Presidencia.

e) O estudo, tramitación e elaboración das propostas de resolución de reclamacións e recursos, así como a execución de sentenzas, en materia de persoal funcionario e laboral da Presidencia da Xunta de Galicia.

f) O asesoramento en materia de estruturación, planificación, organización, métodos de traballo e de mellora da xestión, así como a elaboración da proposta de relacións de postos de traballo dos órganos dependentes da Presidencia.

g) Aqueloutras funcións que, dentro do seu ámbito, lle sexan asignadas.

Artigo 7. Servizo Técnico-Normativo

A este servizo correspóndelle a realización das seguintes funcións:

a) O apoio e asesoramento e a realización de estudos e informes de carácter técnico-xurídico nas materias que lle sexan encomendadas, así como na elaboración dos anteproxectos e proxectos de disposicións de carácter xeral tramitados polos órganos dependentes da Presidencia, de acordo co artigo 40 da Lei 16/2010, do 17 de decembro.

b) O estudo e seguimento das propostas de disposicións que elaboren os distintos órganos superiores e de dirección da Presidencia.

c) O estudo dos anteproxectos de disposicións normativas do Estado e anteproxectos e proxectos de disposicións doutros departamentos.

d) As tarefas relativas á asistencia técnica prestada pola Secretaría Xeral da Presidencia da Xunta de Galicia para a tramitación das consultas e ditames de órganos consultivos que lle corresponda solicitar.

e) Aqueloutras funcións que, dentro do seu ámbito, lle sexan asignadas.

Artigo 8. Servizo de Xestión Económica

A este servizo correspóndelle a realización das seguintes funcións:

a) A coordinación da elaboración e tramitación do anteproxecto de orzamentos da Presidencia, control da execución orzamentaria, tramitación dos expedientes de modificación orzamentaria e a execución dos gastos que se lle atribúan.

b) A tramitación dos expedientes de contratación que sexan competencia da Secretaría Xeral da Presidencia.

c) A habilitación dos gastos correntes da Secretaría Xeral da Presidencia.

d) Desenvolver as funcións que corresponden á oficina orzamentaria, previstas no artigo 50 bis do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

e) O asesoramento e a elaboración de informes en materia de xestión económica e orzamentaria no ámbito da Presidencia.

f) A xestión económica dos convenios de colaboración con outros entes, públicos ou privados, no marco das competencias atribuídas á Presidencia.

g) Aqueloutras funcións que, dentro do seu ámbito, lle sexan asignadas.

Artigo 9. Asesoría Xurídica

A Asesoría Xurídica, con nivel orgánico de subdirección xeral, dependerá organicamente da Secretaría Xeral, e funcional e xerarquicamente, da Asesoría Xurídica Xeral, segundo o previsto no artigo 35 da Lei 4/2016, do 4 de abril, de ordenación da asistencia xurídica da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e do seu sector público.

Artigo 10. Intervención Delegada

A Intervención Delegada, con nivel orgánico de subdirección xeral, dependerá organicamente da Secretaría Xeral e funcionalmente da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma.

Sección 2ª. Atribucións e estrutura da Dirección Xeral do Gabinete
Técnico da Presidencia

Artigo 11. Atribucións

1. A Dirección Xeral do Gabinete Técnico da Presidencia exercerá as funcións de asesoramento, asistencia e apoio directo á Presidencia da Xunta de Galicia, en coordinación coa persoa titular da Secretaría Xeral da Presidencia.

2. Correspóndelle en particular:

a) Prestar asesoramento en todos os asuntos e materias que dispoña a Presidencia da Xunta de Galicia.

b) Solicitar e sistematizar información acerca das iniciativas, programas, plans e actividades das consellerías para os efectos de facilitarlle a coordinación da acción de Goberno.

c) Solicitar das institucións públicas e privadas a información que demande para o exercicio das súas funcións.

d) Preparar os documentos e informes que sexan necesarios para a súa interlocución ou toma de decisións.

e) Prestar asistencia para a preparación das súas intervencións no Parlamento de Galicia.

f) A coordinación das actividades da Casa de Galicia en Madrid.

g) O Secretariado do Goberno da Xunta de Galicia e das súas comisións delegadas, coa excepción da asistencia ás súas sesións, exercendo as competencias que se sinalan nas normas reguladoras de réxime interior da Xunta de Galicia, de acordo co establecido na disposición adicional cuarta do Decreto 72/2022, do 25 de maio, polo que se establecen os órganos superiores e de dirección dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia.

h) A defensa dos asuntos da Presidencia da Xunta na Comisión de Secretarios Xerais e o apoio á persoa titular da Presidencia no sometemento daqueles ao Consello da Xunta.

i) A xestión da documentación da Presidencia da Xunta de Galicia.

j) Realizar aqueloutras actividades ou funcións que se lle encomenden.

Artigo 12. Estrutura

1. Para o exercicio das súas competencias, a Dirección Xeral do Gabinete Técnico da Presidencia contará coa Subdirección Xeral de Coordinación e Planificación.

2. Queda adscrita á Dirección Xeral do Gabinete Técnico da Presidencia da Xunta de Galicia a Casa de Galicia en Madrid que, como sede da Xunta de Galicia en Madrid, desenvolverá as actividades previstas no artigo 11, sen prexuízo da coordinación dos demais departamentos da Xunta de Galicia das actividades que se poidan desenvolver nela.

Artigo 13. Subdirección Xeral de Coordinación e Planificación

1. Á Subdirección Xeral de Coordinación e Planificación corresponderanlle as seguintes funcións:

a) A realización dos informes que lle sexan encomendados pola persoa titular da Dirección Xeral do Gabinete Técnico da Presidencia.

b) O estudo dos asuntos que teñan que elevarse á Comisión de Secretarios Xerais e ao Consello da Xunta de Galicia.

c) O apoio á persoa titular da Dirección Xeral do Gabinete Técnico da Presidencia da Xunta de Galicia no labor de solicitar e sistematizar información acerca das iniciativas, programas, plans e actividades das consellerías.

d) A edición do Diario Oficial de Galicia.

e) En xeral, a asistencia e xestión de cantos asuntos lle sexan encomendados, por razón da súa competencia, pola persoa titular da Dirección Xeral do Gabinete Técnico da Presidencia da Xunta de Galicia.

2. Para o cumprimento das súas funcións, a Subdirección Xeral de Coordinación e Planificación contará cos seguintes órganos:

a) Servizo de Coordinación e Planificación.

b) Servizo de Secretariado do Goberno.

c) Servizo de Tradución e Apoio na Edición do Diario Oficial de Galicia.

Artigo 14. Servizo de Coordinación e Planificación

A este servizo correspóndelle a realización das seguintes funcións:

a) O apoio técnico-administrativo á Subdirección Xeral nos labores de recompilación e seguimento da información.

b) A elaboración de informes derivados dos estudos transversais que lle sexan encomendados.

c) Aquelas funcións que lle sexan asignadas pola persoa titular da Subdirección Xeral.

Artigo 15. Servizo de Secretariado do Goberno

A este servizo correspóndelle a realización das seguintes funcións:

a) A preparación da orde do día, revisión e arquivo da documentación dos expedientes que se eleven ao Consello da Xunta, ás súas comisións delegadas e á Comisión de Secretarios Xerais, para a súa aprobación.

b) A redacción das actas, acordos e certificacións correspondentes ás reunións dos órganos citados na epígrafe precedente, a súa remisión ás consellerías competentes por razón da materia, o seu rexistro e a súa custodia.

c) A remisión ao Diario Oficial de Galicia, para a súa publicación, dos decretos aprobados polo Consello da Xunta de Galicia e da normativa aprobada, se é o caso, polas comisións delegadas do Goberno galego.

d) O traslado ao órgano con competencias en materia de relacións institucionais e parlamentarias das certificacións dos acordos de aprobación de proxectos de lei e dos seus textos para a súa remisión ao Parlamento de Galicia.

e) A remisión ao Boletín Oficial del Estado das leis aprobadas polo Parlamento de Galicia para a súa publicación.

f) Aqueloutras funcións que, dentro do seu ámbito, lle sexan asignadas.

Artigo 16. Servizo de Tradución e Apoio na Edición do Diario Oficial de Galicia

1. A este servizo correspóndelle a realización das seguintes funcións:

a) A tradución e revisión lingüística de disposicións normativas, particularmente as publicadas no Diario Oficial de Galicia.

b) A resolución das cuestións terminolóxicas que xurdan nas traducións e revisións lingüísticas realizadas para o Diario Oficial de Galicia.

c) A xestión e actualización do Manual de estilo do Diario Oficial de Galicia e outras publicacións institucionais.

d) O asesoramento lingüístico á Comisión Permanente de Publicacións e a outros órganos da Administración que o soliciten.

e) Aquelas funcións que lle sexan asignadas pola persoa titular da Subdirección Xeral.

2. O Servizo de Tradución e Apoio na Edición do Diario Oficial de Galicia, para o desenvolvemento das súas funcións contará, ademais, con dúas unidades administrativas directamente dependentes:

a) Unha, de apoio nos labores de administración e xestión do Diario Oficial de Galicia.

b) Outra, de apoio nos labores de edición do Diario Oficial de Galicia.

Artigo 17. Casa de Galicia en Madrid

1. Na Casa de Galicia en Madrid desenvolveranse principalmente as seguintes actividades:

a) As actividades de protocolo e relacións institucionais tanto da persoa titular da Presidencia da Xunta de Galicia como dos demais membros do Goberno ou outros cargos da Administración autonómica.

b) O establecemento de relacións cos axentes dos distintos sectores para o fomento da actividade económica e empresarial e do turismo de Galicia, en coordinación coas correspondentes unidades competentes nas ditas materias.

c) A relación coa comunidade galega en Madrid e coas entidades e asociacións galegas nesta comunidade autónoma.

d) As exposicións, actos, presentacións, encontros, conferencias, cursos e calquera outra actividade para o fomento da lingua e da cultura galegas.

e) En xeral, o mantemento de relacións cos distintos axentes sociais, empresariais e institucionais que operan en Madrid.

2. Na Casa de Galicia en Madrid estará situada unha oficina de rexistro para a presentación de documentación pola cidadanía.

CAPÍTULO III

Secretaría Xeral de Medios

Sección 1ª. Atribucións e estrutura da Secretaría Xeral de Medios

Artigo 18. Atribucións

1. A Secretaría Xeral de Medios é o órgano superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia encargado de executar a política xeral da Xunta de Galicia en materia de medios de comunicación e audiovisual, e correspóndelle o exercicio das seguintes funcións:

a) A divulgación da acción institucional da Xunta de Galicia e da Presidencia.

b) A xestión das competencias da Xunta de Galicia en materia de medios de comunicación social, comunicación audiovisual, así como o exercicio das recollidas no artigo 27, números 31 e 34, no que se refire á publicidade, ambos os dous do Estatuto de autonomía de Galicia.

c) A coordinación da política de imaxe e dos contidos da publicidade institucional da Xunta de Galicia, dirixindo e coordinando as actividades que neste sentido se leven a cabo en todos os sectores e medios de comunicación social.

d) A coordinación da transmisión dunha imaxe igualitaria, plural e non estereotipada na política de imaxe e dos contidos da publicidade institucional da Xunta de Galicia.

e) A proposición e o desenvolvemento da normativa referente a comunicación social e a publicidade.

f) A elaboración, coordinación e seguimento relativo ao manual e normas sobre a identificación corporativa da Xunta de Galicia.

g) O estudo, preparación e tramitación de cantas actuacións correspondan á Xunta de Galicia para o desenvolvemento e efectividade das previsións do artigo 34 do Estatuto de autonomía de Galicia, en relación coa radio, televisión e medios de comunicación social.

h) A realización de estudos e, se é o caso, a súa coordinación sobre materias relativas a todos os sectores da información e medios de comunicación en xeral.

i) As competencias de supervisión, control e protección activa para garantir o cumprimento do previsto na lexislación básica en materia de comunicación audiovisual e, se é o caso, a potestade sancionadora en relación cos servizos de comunicación audiovisual cuxo ámbito de cobertura, calquera que sexa o medio de transmisión empregado, non supere os límites territoriais da Comunidade Autónoma de Galicia.

j) A dotación de infraestruturas no ámbito da comunicación.

k) A implantación de redes propias de comunicación audiovisual, radiofónica e televisiva para a prestación de servizos que sexan competencia da Comunidade Autónoma, de acordo co establecido na Lei 7/2010, do 31 de marzo, xeral da comunicación audiovisual.

l) A dirección e coordinación das actuacións en materia de comunicación audiovisual e multimedia, e todos os aspectos que deriven da aplicación destas tecnoloxías no ámbito da comunicación.

m) As funcións recollidas nas disposicións adicionais deste decreto.

Artigo 19. Estrutura

1. Para o cumprimento das súas funcións, a Secretaría Xeral de Medios estrutúrase nas seguintes unidades:

a) Subdirección Xeral de Xestión e Coordinación de Medios.

1º. Servizo de Estudos e Coordinación de Medios.

2º. Servizo de Contratación.

b) Subdirección Xeral de Enxeñaría e Planificación de Radio, Televisión e Multimedia.

1º. Servizo de Planificación.

c) Subdirección Xeral de Réxime Xurídico.

2. Queda adscrita á Secretaría Xeral de Medios a Dirección Xeral de Comunicación.

Artigo 20. Subdirección Xeral de Xestión e Coordinación de Medios

1. Correspóndenlle as seguintes funcións:

a) A elaboración do anteproxecto de orzamento da Secretaría Xeral de Medios, a coordinación, control e seguimento da execución dos orzamentos da Secretaría e a tramitación dos expedientes de modificacións orzamentarias.

b) A execución da xestión orzamentaria mediante a tramitación dos correspondentes expedientes de gasto.

c) A supervisión da xestión da habilitación de pagamentos, agás o capítulo I.

d) A xestión e tramitación dos convenios de colaboración con outras administracións públicas, entes de dereito público ou particulares, sempre que non estean expresamente atribuídas a outros órganos.

e) A tramitación das axudas e subvencións que sexan competencia da Secretaría Xeral.

f) A xestión e tramitación dos expedientes de contratación administrativa, encargas a medios propios e encomendas de xestión da Secretaría, sen prexuízo das competencias que correspondan a outros órganos.

g) A coordinación administrativa das campañas institucionais e de comunicación da Xunta de Galicia e o control dos convenios e acordos de colaboración das consellerías e organismos públicos cos medios informativos.

h) En xeral, prestar asistencia e desenvolver calquera outra función que por razón da súa competencia lle encomende a persoa titular da Secretaría Xeral.

2. Para o exercicio das súas funcións, contará coas unidades que se recollen nos artigos 21 e 22, con nivel orgánico de servizo, ás cales corresponderán, ademais das funcións previstas no artigo 36 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, as que se sinalan nos seguintes artigos.

Artigo 21. Servizo de Estudos e Coordinación de Medios

Son funcións deste servizo:

a) O tratamento da información estratéxica para a coordinación das campañas institucionais e de comunicación da Administración xeral da Xunta de Galicia e das entidades instrumentais do sector público autonómico, así como para a elaboración de informes que permitan a toma de decisións en materia de comunicación institucional.

b) O seguimento da execución dos acordos e convenios de colaboración formalizados pola Xunta de Galicia e polos organismos públicos dependentes dela cos medios informativos, sen prexuízo do control orzamentario que corresponde a cada consellería ou organismo.

c) A xestión orzamentaria da Secretaría Xeral e a xestión e a tramitación dos convenios de colaboración e das axudas e subvencións, así como a habilitación xeral de pagamentos da Secretaría Xeral, agás o capítulo I.

Artigo 22. Servizo de Contratación

Corresponden a este servizo a xestión e a tramitación dos expedientes de contratación, das encargas a medios propios e encomendas de xestión da Secretaría Xeral.

Artigo 23. Subdirección Xeral de Enxeñaría e Planificación de Radio, Televisión e Multimedia

1. Correspóndenlle as seguintes funcións:

a) A xestión, planificación, coordinación e asesoramento técnico dos servizos e infraestruturas de comunicación audiovisual que sexan competencia da Xunta de Galicia.

b) A supervisión da actividade inspectora e de comprobación técnica correspondentes ao disposto no artigo 35 do Decreto 102/2012, do 29 de marzo, polo que se desenvolve o servizo de comunicación audiovisual radiofónica no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

c) A elaboración e a redacción de informes, estudos e proxectos técnicos relacionados coa comunicación audiovisual radiofónica e televisiva.

d) A xestión da dotación de infraestrutura á Corporación Radio e Televisión de Galicia, así como a implantación doutros sistemas e servizos soportados polas redes de radiodifusión e televisión públicas, con cargo aos orzamentos da Xunta de Galicia.

e) A tramitación e a supervisión dos proxectos técnicos de radiodifusión e televisión, conforme a normativa autonómica do servizo de comunicación audiovisual televisiva, o artigo 12 do Decreto 102/2012 e as disposicións adicionais sexta e sétima do Real decreto 391/2019, do 21 de xuño, polo que se aproba o Plan técnico nacional da televisión dixital terrestre e se regulan determinados aspectos para a liberación do segundo dividendo dixital.

f) A dirección e o control das instalacións técnicas de radiodifusión e televisión, así como a asistencia técnica necesaria no referente á comunicación audiovisual.

g) En xeral, prestar asistencia e desenvolver calquera outra función que, por razón da súa competencia, lle encomende a persoa titular da Secretaría Xeral.

2. Para o exercicio das súas funcións, contará coa unidade que se recolle no artigo 24, con nivel orgánico de servizo, á cal corresponderán, ademais das funcións previstas no artigo 36 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, as que se sinalan no seguinte artigo.

Artigo 24. Servizo de Planificación

Son funcións deste servizo:

a) A elaboración de informes técnicos nas materias da súa competencia.

b) A planificación e a coordinación da rede de extensión de cobertura da televisión dixital terrestre da cal resulte titular a Administración autonómica, así como as redes de comunicación audiovisual titularidade do sector público autonómico.

c) A supervisión e comprobación dos compromisos das licenzas de comunicación audiovisual, e a coordinación e execución das actuacións de inspección e de comprobación técnica correspondentes ao disposto nos artigos 13 e 35 do Decreto 102/2012.

Artigo 25. Subdirección Xeral de Réxime Xurídico

Correspóndenlle as seguintes funcións:

a) A elaboración de propostas normativas referentes ao ámbito da comunicación audiovisual radiofónica e televisiva, dentro das competencias da Xunta de Galicia.

b) Asesorar, elaborar informes xurídico-administrativos e formular propostas por petición da Secretaría Xeral en relación cos servizos de comunicación audiovisual.

c) Asesorar, elaborar informes xurídico-administrativos e formular propostas en relación coas actuacións en materia de imaxe institucional e identificación corporativa da Xunta de Galicia que correspondan á Secretaría Xeral.

d) O control e a xestión dos procedementos de autorizacións e licenzas dos prestadores do servizo de comunicación audiovisual.

e) A xestión e a tramitación dos negocios xurídicos que afecten os servizos de comunicación audiovisual que operen no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.

f) A xestión e a tramitación dos expedientes sancionadores en materia de servizos de comunicación audiovisual cuxo ámbito de cobertura non exceda os límites territoriais da Comunidade Autónoma de Galicia.

g) A xestión do Rexistro Galego de Prestadores do Servizo de Comunicación Audiovisual.

h) A coordinación e o seguimento dos plans estratéxicos en que participe a Secretaría Xeral.

i) O control de asistencia e puntualidade do persoal da Secretaría Xeral, así como a elaboración do cadro anual de vacacións e informe da concesión de permisos e licenzas, seguindo as indicacións da Secretaría Xeral da Presidencia nos termos previstos na normativa aplicable.

j) As funcións de réxime interior e asuntos xerais da Secretaría Xeral de Medios, incluídas aquelas relacionadas coa transparencia.

k) A remisión ao Diario Oficial de Galicia e demais diarios ou boletíns oficiais das disposicións ou actos da Secretaría Xeral de Medios, sempre que non sexa función doutra unidade.

l) Colaborar en todos aqueles asuntos relativos á comunicación audiovisual que afecten a outros departamentos da Xunta de Galicia.

m) O seguimento da aplicación do manual e das normas sobre a identificación corporativa da Xunta de Galicia, e participación nos órganos colexiados con competencias en materia de imaxe, comunicación e publicacións.

n) En xeral, prestar asistencia xurídico-administrativa e desenvolver calquera outra función que, por razón da súa competencia, lle encomende a persoa titular da Secretaría Xeral.

Sección 2ª. Dirección Xeral de Comunicación

Artigo 26. Dirección Xeral de Comunicación

1. A Dirección Xeral de Comunicación, como órgano de dirección, exercerá as seguintes funcións:

a) A supervisión e a coordinación da política informativa e de comunicación da Xunta de Galicia.

b) A execución da política informativa e de comunicación da Presidencia da Xunta.

c) A relación cos medios informativos en todas as materias de comunicación que afecten a Presidencia da Xunta de Galicia.

d) A coordinación dos servizos de comunicación dos departamentos da Administración xeral da Comunidade Autónoma e das entidades instrumentais integrantes do sector público autonómico.

e) A coordinación da comunicación interdepartamental da Xunta de Galicia.

f) A coordinación dos contidos ofrecidos pola Xunta de Galicia no eido dixital e das relacións coa cidadanía e institucións nas redes sociais.

g) A xestión dos recursos e medios técnicos en materia de comunicación da Xunta de Galicia.

2. Para o exercicio das súas funcións contará cun departamento de comunicación, que se proverá con persoal eventual.

CAPÍTULO IV

Secretaría Xeral da Emigración

Artigo 27. Atribucións

A Secretaría Xeral da Emigración é o órgano superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia ao cal lle corresponden as competencias en materia de emigración e retorno e, en particular:

a) As relacións e apoio ás persoas e ás comunidades galegas no exterior, así como o fomento e a promoción da súa actividade e funcionamento.

b) A promoción de medidas que favorezan o retorno a Galicia dos galegos residentes no exterior e faciliten a súa integración na sociedade galega.

c) O Rexistro de Galeguidade e o Asento de Galegas e Galegos do Exterior.

d) A representación e a participación nos órganos e foros relacionados coas políticas de emigración e retorno que lle encomende a persoa titular da Presidencia da Xunta.

e) A coordinación dos órganos de participación das comunidades galegas e, en particular, do Consello de Comunidades Galegas e da súa comisión delegada.

f) A execución das previsións contidas no capítulo V do título II da Lei 5/2021, do 2 de febreiro, de impulso demográfico de Galicia, e, en particular, a adopción de medidas para facilitar o retorno e o asentamento das persoas galegas retornadas.

g) As previstas na Lei 10/2021, do 9 de marzo, reguladora da acción exterior e da cooperación para o desenvolvemento de Galicia, concretamente as previsións dos artigos 53 e 54, así como os artigos 110 e 111 e aquelas que lle correspondan a través das delegacións exteriores da Xunta de Galicia, de acordo co artigo 108 da indicada lei.

h) As atribuídas á Comunidade Autónoma na Lei 40/2006, do 14 de decembro, do Estatuto da cidadanía española no exterior, e, en particular, as que melloren o benestar social e a calidade de vida da cidadanía galega no exterior.

i) As funcións recollidas nas disposicións adicionais deste decreto.

j) En xeral, e como órgano superior da Administración da Comunidade Autónoma no ámbito da emigración e do retorno, as recollidas na Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade.

Artigo 28. Estrutura

1. Para o cumprimento das súas funcións, a Secretaría Xeral da Emigración estrutúrase nas seguintes unidades:

a) Subdirección Xeral de Coordinación Administrativa, Económica e de Programas Sociais.

1º. Servizo de Xestión Orzamentaria e Réxime Interior.

2º. Servizo de Apoio Técnico-Xurídico e Contratación.

3º. Servizo de Programas Sociais.

b) Subdirección Xeral de Relacións coas Comunidades Galegas.

1º. Servizo de Promoción das Entidades Galegas.

2º. Servizo de Relacións coa Emigración.

c) Subdirección Xeral do Retorno.

1º. Servizo de Planificación e Xestión de Programas do Retorno.

2. Quedan adscritas á Secretaría Xeral da Emigración as delegacións exteriores da Xunta de Galicia, reguladas polo Decreto 178/2015, do 26 de novembro.

Artigo 29. Subdirección Xeral de Coordinación Administrativa, Económica e de Programas Sociais

1. Correspóndenlle á Subdirección Xeral de Coordinación Administrativa, Económica e de Programas Sociais as seguintes funcións:

a) A suplencia da persoa titular da Secretaría Xeral nos supostos de vacante, ausencia ou enfermidade, así como nos casos en que fose declarada a súa abstención ou recusación, en todas as materias de tramitación administrativa e orzamentaria que sexan competencias desta.

b) A asistencia técnica e administrativa á persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración en todos os asuntos que esta lle encomende.

c) A elaboración de estudos e propostas de actuación sobre aspectos relativos á estruturación, planificación, organización, métodos de traballo e de mellora da xestión dos diferentes procedementos administrativos, así como aqueles outros estudos e informes de carácter técnico nas materias competencia do departamento que lle sexan encomendados pola persoa titular da Secretaría Xeral.

d) A coordinación de todas as unidades administrativas da Secretaría Xeral para efectos administrativos, orzamentarios e de programas e instrumentos de planificación, sen prexuízo das competencias de cada unidade administrativa.

e) A elaboración do anteproxecto de orzamento da Secretaría Xeral e a coordinación destes traballos entre os servizos existentes. O seguimento e control do orzamento e a avaliación dos distintos programas de gastos da Secretaría Xeral da Emigración.

f) A dirección da organización do rexistro e a coordinación con outros rexistros, sen prexuízo das competencias da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes. Todos os aspectos relacionados co réxime interno e asuntos xerais da Secretaría Xeral da Emigración, sen prexuízo das competencias doutros órganos, e a organización do seu arquivo.

g) A contratación administrativa, o seu seguimento e control. A xestión dos investimentos, compras, subministracións e servizos da Secretaría Xeral da Emigración, sen prexuízo das competencias que poidan ter atribuídas outros órganos.

h) A tramitación administrativa das convocatorias dos programas de axudas e subvencións, así como dos convenios e protocolos de colaboración que se subscriban con outras consellerías, entidades, centros galegos, persoas físicas e xurídicas, e o control dos fondos transferidos.

i) O control de asistencia e puntualidade do persoal da Secretaría Xeral da Emigración, así como a elaboración do cadro anual de vacacións e do informe da concesión de permisos e licenzas do persoal, seguindo as indicacións da Secretaría Xeral da Presidencia nos termos previstos na normativa aplicable.

j) A remisión das disposicións oficiais ou actos da Secretaría Xeral da Emigración ao Diario Oficial de Galicia e demais diarios ou boletíns oficiais, así coma a remisión a bases de datos e rexistros oficiais en que deban constar por imperativo normativo.

k) A tramitación dos procedementos de reintegro por proposta das unidades que xestionan as subvencións e a instrución dos procedementos sancionadores.

l) O asesoramento, o apoio técnico e a coordinación do Consello de Comunidades Galegas, da Comisión Delegada e doutros órganos de consulta e asesoramento das institucións da Comunidade Autónoma, de acordo co previsto na Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade.

m) A asistencia á persoa titular do órgano superior con competencias en materia de política social a favor da cidadanía galega no exterior.

n) A elaboración de programas sociais e de axudas que melloren o benestar social e a calidade de vida da cidadanía galega no exterior, corrixindo aquelas desigualdades que poidan existir entre mulleres e homes.

o) A elaboración de propostas de disposicións normativas, estudos, informes e os programas necesarios para a execución da política en relación coa cidadanía galega no exterior.

p) A colaboración coas delegacións exteriores da Xunta de Galicia e coas oficinas de información e asesoramento en materia de programas sociais e asistenciais á cidadanía galega no exterior.

q) A coordinación e dirección das xefaturas de servizo en que se estrutura a Subdirección Xeral, no desenvolvemento das competencias específicas que teñan atribuídas, e poderáselle encomendar, por razón da súa competencia, calquera outra función para a execución dos proxectos, obxectivos e actividades da subdirección.

r) A dirección e a coordinación da Oficina de Información da Secretaría Xeral da Emigración no desenvolvemento das competencias específicas que teña atribuídas.

s) En xeral, prestar asistencia e desenvolver calquera outra función que, por razón da súa competencia, lle encomende a persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración.

2. Para o exercicio das súas funcións contará coas unidades recollidas nos artigos 30, 31 e 32, con nivel orgánico de servizo, ás cales corresponderán, ademais das funcións previstas no artigo 36 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, as sinaladas nos seguintes artigos.

Artigo 30. Servizo de Xestión Orzamentaria e Réxime Interior

A este servizo correspóndelle a realización das seguintes funcións:

a) A xestión económica, así como a tramitación dos expedientes de modificacións orzamentarias e habilitación de pagamentos, agás os relativos ao capítulo I.

b) A elaboración do anteproxecto de orzamento da Secretaría Xeral da Emigración, así como o seguimento da súa execución orzamentaria.

c) A xestión dos asuntos relativos ao rexistro, ás tarefas de arquivamento e ás funcións de réxime interior e asuntos xerais da Secretaría Xeral da Emigración.

d) A xestión da Oficina de Información da Secretaría Xeral da Emigración no desenvolvemento das competencias específicas que teña atribuídas.

Artigo 31. Servizo de Apoio Técnico-Xurídico e Contratación

A este servizo correspóndelle a realización das seguintes funcións:

a) Asistir as unidades da Secretaría Xeral da Emigración na preparación de todo tipo de documentos administrativos e propostas normativas, así como formular os borradores e anteproxectos de iniciativas normativas que lle encomende a persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración en execución das súas atribucións.

b) As funcións inherentes á preparación, licitación e adxudicación dos expedientes de contratación competencia da Secretaría Xeral da Emigración, así como as súas modificacións.

c) O asesoramento previo e a tramitación administrativa dos convenios, acordos e protocolos de colaboración que se subscriban, así como das convocatorias de programas de axudas e subvencións nas materias competencia da Secretaría Xeral.

d) O asesoramento, no relativo ao apoio técnico e á coordinación, do Consello de Comunidades Galegas e da súa comisión delegada, así como doutros órganos de consulta e asesoramento das institucións da Comunidade Autónoma de Galicia.

e) A remisión das disposición oficiais ou actos da Secretaría Xeral da Emigración ao Diario Oficial de Galicia e demais diarios ou boletíns oficiais.

Artigo 32. Servizo de Programas Sociais

A este servizo correspóndelle realizar as seguintes funcións:

a) A proposta, articulación e deseño das medidas de actuación e dos programas de axudas en materia socioasistencial, tendentes á mellora da calidade de vida das persoas galegas residentes fóra de Galicia.

b) A xestión dos programas de axudas de carácter socioasistencial e para a promoción social, ocupacional e formación profesional e empresarial da cidadanía galega no exterior.

c) A promoción e o desenvolvemento de actividades culturais e de tempo libre dirixidas á mocidade galega do exterior para reforzar os seus vínculos con Galicia, así como o fomento da participación desta nos programas e servizos que ao seu favor organice a Xunta de Galicia.

d) A xestión dos programas e axudas de carácter social destinados ás persoas emigrantes galegas e aos seus descendentes.

e) A elaboración dos estudos, os informes e a xestión dos programas que lle sexan encomendados, así como a promoción da publicación de traballos e investigacións que sexan convenientes para un maior achegamento entre Galicia e as persoas emigrantes galegas residentes no exterior.

Artigo 33. Subdirección Xeral de Relacións coas Comunidades Galegas

1. Corresponden á Subdirección Xeral de Relacións coas Comunidades Galegas as seguintes funcións:

a) A asistencia á persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración no eido das relacións institucionais coas entidades galegas asentadas no exterior.

b) A elaboración de propostas de disposicións normativas, estudos, informes e programas necesarios para a execución da política en relación coas entidades galegas, relativas a materias propias desta subdirección xeral.

c) A xestión administrativa dos programas, das axudas e das subvencións destinados ás entidades galegas no exterior, nas áreas asistenciais, formativas e culturais, e a preparación de convenios con estas, así como de protocolos de colaboración con outros órganos da Administración.

d) A elaboración de programas orientados á conservación e ao enriquecemento dos fondos patrimoniais, documentais e artísticos, e a realización das xestións necesarias para tales fins.

e) A promoción e o desenvolvemento das actividades e programas culturais e de acción solidaria dirixidos á mocidade das entidades galegas no exterior, así como o fomento da participación desta nos programas e servizos que ao seu favor organice a Xunta de Galicia.

f) A elaboración dos estudos, os informes e a xestión de programas que lle sexan encomendados, así como a promoción da publicación de traballos e investigacións que sexan convenientes para un maior achegamento entre Galicia e as entidades galegas no exterior e un mellor coñecemento.

g) A preparación e a xestión dos convenios de colaboración coas distintas administracións públicas, cos seus organismos e demais institucións, persoas físicas e xurídicas que, en relación cos centros e comunidades galegas no exterior, teñan por obxecto a consecución das actividades nos campos social, educativo, formativo e cultural que procedan.

h) A colaboración coas delegacións exteriores da Xunta de Galicia en relación coas entidades galegas asentadas no seu ámbito xeográfico.

i) A dirección e a organización do Rexistro da Galeguidade, a tramitación de altas, baixas, modificacións e a tramitación dos expedientes de recoñecemento e da perda da condición de entidade galega rexistrada.

j) A dirección, a coordinación e o control da oficina responsable do Asento de galegos e galegas do exterior (Asge), regulado nos artigos 110 e 111 da Lei 10/2021, do 9 de marzo, reguladora da acción exterior e da cooperación para o desenvolvemento de Galicia.

k) En xeral, prestar asistencia e desenvolver calquera outra función que, por razón da súa competencia, lle encomende a persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración.

2. Para o exercicio das súas funcións contará coas unidades recollidas nos artigos 34 e 35, con nivel orgánico de servizo, ás cales lles corresponderán, ademais das funcións previstas no artigo 36 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, as sinaladas nos seguintes artigos.

Artigo 34. Servizo de Promoción das Entidades Galegas

A este servizo correspóndelle a realización das seguintes funcións:

a) A xestión administrativa dos programas, das axudas e das subvencións destinados ás entidades galegas no exterior, nas áreas asistenciais, formativas e culturais, e a preparación de convenios con estas, así como de protocolos de colaboración con outros órganos da Administración.

b) A elaboración de programas orientados á conservación e ao enriquecemento dos fondos patrimoniais, documentais e artísticos, e a realización das xestións necesarias para tales fins.

c) A promoción e o desenvolvemento das actividades e programas culturais e de acción solidaria dirixidos á mocidade das entidades galegas no exterior, así como o fomento da participación desta nos programas e servizos que ao seu favor organice a Xunta de Galicia.

d) A elaboración dos estudos, os informes e a xestión de programas que lle sexan encomendados, así como a promoción da publicación de traballos e investigacións que sexan convenientes para un maior achegamento entre Galicia e as entidades galegas no exterior.

e) A preparación e a xestión dos convenios de colaboración coas distintas administracións públicas, os seus organismos e demais institucións, persoas físicas e xurídicas que, en relación cos centros e comunidades galegas no exterior, teñen por obxecto a consecución das actividades nos campos social, educativo, formativo e cultural que procedan.

f) A colaboración coas delegacións exteriores da Xunta de Galicia en relación coas entidades galegas asentadas no seu ámbito xeográfico.

Artigo 35. Servizo de Relacións coa Emigración

A este servizo correspóndelle realizar as seguintes funcións:

a) A xestión e o mantemento da oficina responsable do Asento de galegos e galegas do exterior (Asge), regulado nos artigos 110 e 111 da Lei 10/2021, do 9 de marzo, reguladora da acción exterior e cooperación para o desenvolvemento de Galicia.

b) O apoio á elaboración e á proposta de normativa que desenvolva ou regule as funcións relacionadas co Asento de galegos e galegas do exterior (Asge).

c) A asistencia á cidadanía galega no exterior para a súa relación coa Administración autonómica a través de medios electrónicos.

d) O seguimento das solicitudes de acceso ao Asento de galegos e galegas do exterior (Asge) e a supervisión da súa actualización.

e) O apoio á difusión de información dos programas da Secretaría Xeral da Emigración en prol das persoas emigrantes galegas residentes no exterior e os seus descendentes.

f) A xestión e custodia do Rexistro da Galeguidade, tramitación de altas, baixas, modificacións e tramitación dos expedientes de recoñecemento e da perda da condición de entidade galega rexistrada.

g) Aqueloutras que, pola materia que desenvolve, lle sexan encomendadas.

Artigo 36. Subdirección Xeral do Retorno

1. Corresponden á Subdirección Xeral do Retorno as seguintes funcións:

a) A asistencia á persoa titular da Secretaría Xeral no eido das políticas de retorno dirixidas ás persoas emigrantes galegas e á súa familia residentes no exterior.

b) A elaboración de propostas de instrumentos de planificación en materia de retorno e de disposicións normativas e dos programas necesarios para a execución destas políticas.

c) A ordenación e planificación das medidas e programas de atención ás persoas retornadas e ás súas familias. As propostas e execución de liñas de axudas, subvencións e convenios de colaboración relativos á política de retorno en Galicia e, en especial, á consecución da integración social, educativa e laboral das persoas emigrantes retornadas e das súas familias.

d) Promover, participar e colaborar na xestión e coordinación dos programas destinados ás persoas emigrantes retornadas, que se desenvolvan nos distintos ámbitos, como o sanitario, o educativo, a vivenda, o laboral e calquera outro relativo á efectividade dos seus dereitos.

e) A xefatura, a coordinación e a dirección das oficinas integrais de asesoramento e seguimento do retorno, no desenvolvemento das funcións previstas na Lei 5/2021, do 2 de febreiro, de impulso demográfico de Galicia.

f) En xeral, prestar asistencia e desenvolver calquera outra función que, por razón da súa competencia, lle encomende a persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración.

2. Para o exercicio das súas funcións contará coa unidade recollida no artigo 37, con nivel orgánico de servizo, á cal lle corresponderán, ademais das funcións previstas no artigo 36 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, as sinaladas no seguinte artigo.

Artigo 37. Servizo de Planificación e Xestión de Programas do Retorno

A este servizo correspóndelle realizar as seguintes funcións:

a) A preparación e a execución de programas, das axudas, das subvencións e dos convenios de colaboración que, en prol das persoas emigrantes retornadas e das súas familias, estableza a Secretaría Xeral da Emigración.

b) A elaboración de estudos, informes e propostas de actuación derivados da participación da Secretaría Xeral da Emigración nos órganos e foros relacionados co retorno.

c) Asistir a persoa titular da Subdirección Xeral do Retorno na elaboración dos instrumentos de planificación en materia de retorno, das disposicións normativas e dos programas necesarios para a execución destas políticas en Galicia.

d) A coordinación funcional coas oficinas integrais de asesoramento e seguimento ao retorno no desenvolvemento das competencias específicas que teñan atribuídas.

CAPÍTULO V

Asesoría Xurídica Xeral

Artigo 38. Asesoría Xurídica Xeral

1. A Asesoría Xurídica Xeral, con nivel orgánico de secretaría xeral, con funcións de asesoramento e asistencia xurídica á Presidencia da Xunta de Galicia e as reguladas na Lei 4/2016, do 4 de abril, de ordenación da asistencia xurídica da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e do seu sector público, rexerase, en canto á súa estrutura e funcionamento, polo Decreto 343/2003, do 11 de xullo, polo que se aproba o Regulamento orgánico da Asesoría Xurídica da Xunta de Galicia.

2. Para o exercicio das súas funcións, a persoa titular da Asesoría Xurídica Xeral contará co Servizo de Asuntos Xerais.

A este servizo correspóndelle a realización das funcións establecidas no artigo 3.4 do Decreto 343/2003, do 11 de xullo, polo que se aproba o Regulamento orgánico da Asesoría Xurídica da Xunta de Galicia.

3. En cada delegación territorial existirá un gabinete xurídico territorial, encadrado organicamente na delegación territorial, que dependerá funcionalmente da Asesoría Xurídica Xeral, de acordo coas súas normas reguladoras.

Disposición adicional primeira. Desconcentración de competencias nas secretarías xerais da Presidencia e na Asesoría Xurídica Xeral da Xunta de Galicia

1. Quedan desconcentradas nas persoas titulares das secretarías xerais e da Asesoría Xurídica Xeral da Xunta de Galicia, dependentes da Presidencia, as seguintes competencias:

a) Administrar os créditos para gastos dos orzamentos do seu centro directivo. Aprobar e comprometer os gastos que non sexan da competencia do Consello da Xunta, recoñecer as obrigas económicas e propor o seu pagamento, e as demais competencias atribuídas ás persoas titulares das consellerías en materia orzamentaria, agás o capítulo I.

b) Todas as facultades que a normativa vixente na materia lles atribúe aos órganos de contratación, así como a formalización de convenios no seu respectivo ámbito competencial.

c) A aprobación das bases, a convocatoria e as resolucións en materia de axudas e subvencións do seu respectivo ámbito de competencia.

d) As competencias en materia sancionadora que a normativa lles atribúa ás persoas titulares das consellerías nos procedementos e materias de competencia da respectiva secretaría xeral.

e) A competencia para resolver os procedementos de revisión de oficio dos actos administrativos nulos, declarar a lesividade dos actos anulables e revogar os actos de gravame ou desfavorables, así como a resolución das reclamacións de responsabilidade patrimonial.

f) A designación de comisións de servizos con dereito a indemnización, prevista no artigo 4 do Decreto 144/2001, do 7 de xuño, de todo o persoal da respectiva secretaría xeral.

2. Queda desconcentrada na persoa titular da Secretaría Xeral da Presidencia a competencia para administrar, aprobar e comprometer os créditos para gastos correspondentes ao capítulo I do orzamento dos órganos dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, así como o recoñecemento das obrigas económicas destes e propor o seu pagamento.

3. As resolucións administrativas ditadas polas persoas titulares das secretarías xerais da Presidencia da Xunta de Galicia, no ámbito das súas respectivas competencias, poñen fin á vía administrativa.

Disposición adicional segunda. Presidencia do Consello Reitor e desconcentración de competencias na Dirección da Axencia de Turismo de Galicia

1. Sen prexuízo do disposto nos artigos 63 e 64 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, correspóndelle á persoa titular da Dirección da Axencia presidir as reunións do Consello Reitor, salvo nos casos en que, por razón da materia que se vaia tratar, a persoa titular da Presidencia da Axencia considere necesaria a súa intervención.

2. Queda desconcentrada na persoa titular da Dirección da Axencia a competencia para subscribir en nome da Axencia convenios de colaboración excluídos da lexislación de contratos do sector público con entidades públicas ou privadas.

3. Así mesmo, queda desconcentrada na persoa titular da Dirección da Axencia a competencia para resolver os procedementos de revisión de oficio dos actos administrativos nulos, declarar a lesividade dos actos anulables e revogar os actos de gravame ou desfavorables, así como a resolución das reclamacións de responsabilidade patrimonial e o exercicio da potestade sancionadora que a normativa de aplicación en materias e procedementos da súa competencia atribúa á persoa titular da consellería competente en materia de turismo.

Disposición adicional terceira. Orde de prelación en caso de vacante, ausencia, enfermidade, abstención ou recusación

1. No suposto de vacante, ausencia ou enfermidade, así como nos casos en que fose declarada a abstención ou recusación da persoa titular da Asesoría Xurídica Xeral observarase o disposto no Decreto 343/2003, do 11 de xullo, polo que se aproba o Regulamento orgánico da Asesoría Xurídica da Xunta de Galicia.

2. No non previsto neste decreto, en caso de vacante, ausencia ou enfermidade, así como nos casos en que fose declarada a abstención ou recusación dos titulares dos órganos superiores da Presidencia, as competencias atribuídas por este decreto aos correspondentes órganos serán exercidas, temporalmente e mentres persistan aquelas circunstancias, pola persoa titular da Secretaría Xeral da Presidencia e, na súa falta, polos órganos superiores da Presidencia, seguindo a orde de prelación que se establece no Decreto 72/2022, do 25 de maio, polo que se establecen os órganos superiores e de dirección dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia.

Neste sentido, a suplencia será asumida pola persoa titular do órgano que ocupe o posto seguinte na orde correlativa enunciada, correspondéndolle á primeira, se for o caso, substituír a última.

3. No caso de vacante, ausencia ou enfermidade, así como nos casos en que fose declarada a abstención ou recusación dos titulares dos órganos de dirección da Presidencia da Xunta de Galicia, as competencias atribuídas por este decreto aos correspondentes órganos serán exercidas, temporalmente e mentres persistan aquelas circunstancias, pola persoa titular da secretaría xeral a que estean adscritos e, na súa falta, polos órganos superiores da Presidencia, seguindo a orde de prelación que se establece no Decreto 72/2022, do 25 de maio, polo que se establecen os órganos superiores e de dirección dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia.

Disposición adicional cuarta. Integración da igualdade

No exercicio das funcións a que se refire este decreto, integrarase de xeito activo a dimensión de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes.

Disposición adicional quinta. Comisión de Toponimia

1. A Comisión de Toponimia, regulada polo Decreto 174/1998, do 5 de xuño, estará adscrita á Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades.

2. As referencias á Consellería de Presidencia e Administración Pública contidas no Decreto 174/1998, do 5 de xuño, entenderanse realizadas á Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades.

Disposición transitoria única. Adscrición do persoal ás novas unidades

Cando, como consecuencia da nova estrutura orgánica que se establece neste decreto, se modifique a denominación ou o contido funcional das subdireccións xerais ou servizos existentes con anterioridade, autorízase a persoa titular da Secretaría Xeral da Presidencia para adscribir o persoal afectado ao posto equivalente que figura neste decreto.

Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa

Queda derrogado o Decreto 109/2021, do 15 de xullo, de estrutura orgánica dos órganos superiores e de dirección dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, e calquera outra disposición de igual ou inferior rango que contradiga o disposto neste decreto.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para a execución

Autorízase a Secretaría Xeral da Presidencia para ditar as resolucións necesarias para a execución deste decreto.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezaseis de xuño de dous mil vinte e dous

Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente

Diego Calvo Pouso
Vicepresidente segundo e conselleiro
de Presidencia, Xustiza e Deportes