Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 117 Luns, 20 de xuño de 2022 Páx. 35306

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

RESOLUCIÓN do 7 de xuño de 2022, da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, pola que se convoca o concurso de adxudicación de destinos provisionais para o curso académico 2022/23 entre o persoal docente pertencente aos corpos de inspectores de educación, catedráticos e profesores de ensino secundario, profesores técnicos de formación profesional, catedráticos e profesores de escolas oficiais de idiomas, catedráticos e profesores de música e artes escénicas, catedráticos e profesores e mestres de taller de artes plásticas e deseño e do corpo de mestres, que non teñan destino definitivo na Comunidade Autónoma de Galicia, aos que resultan desprazados por falta de horario, ao persoal a que se lle conceda unha comisión de servizos por concelleira ou concelleiro, por motivos de saúde ou por conciliación da vida familiar e laboral, ao persoal interino e substituto e ao persoal funcionario de carreira que solicite o reingreso no servizo activo (código de procedemento ED002B).

No Diario Oficial de Galicia núm. 113, do 14 de xuño de 2018, publicouse a Orde do 7 de xuño de 2018 pola que se ditan normas para a adxudicación de destino provisional entre o persoal docente pertencente aos corpos de inspectores de educación, catedráticos e profesores de ensino secundario, profesores técnicos de formación profesional, catedráticos e profesores de escolas oficiais de idiomas, catedráticos e profesores de música e artes escénicas, catedráticos e profesores e mestres de taller de artes plásticas e deseño e do corpo de mestres, que non teñan destino definitivo na Comunidade Autónoma de Galicia, aos que resultan desprazados por falta de horario, ao persoal a que se lle conceda unha comisión de servizos por concelleira ou concelleiro, por motivos de saúde ou por conciliación da vida familiar e laboral, ao persoal interino e substituto e ao persoal funcionario de carreira que solicite o reingreso no servizo activo (ED002B).

No seu artigo 37, a citada orde establece que «resoltos os concursos xerais de traslados, a Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos procederá a realizar no Diario Oficial de Galicia a convocatoria de adxudicación de destinos provisionais para o curso correspondente», indicando a continuación o contido mínimo da citada convocatoria.

Con base no citado artigo, esta Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos

RESOLVE:

Primeiro. Convocatoria

Convocar o concurso de adxudicación de destinos provisionais para o curso académico 2022/23 entre o persoal docente pertencente aos corpos de inspectores de educación, catedráticos e profesores de ensino secundario, profesores técnicos de formación profesional, catedráticos e profesores de escolas oficiais de idiomas, catedráticos e profesores de música e artes escénicas, catedráticos e profesores e mestres de taller de artes plásticas e deseño, e do corpo de mestres, que non teñan destino definitivo na Comunidade Autónoma de Galicia, aos que resultan desprazados por falta de horario, ao persoal a que se lle conceda unha comisión de servizos por concelleira ou concelleiro, por motivos de saúde ou por conciliación da vida familiar e laboral, ao persoal interino e substituto e ao persoal funcionario de carreira que solicite o reingreso no servizo activo.

Segundo. Prazo de solicitude

O prazo para formular a solicitude, que se presentará do xeito que se establece no artigo 14 da Orde do 7 de xuño de 2018 pola que se ditan normas para a adxudicación de destino provisional entre o persoal docente, será de 15 días hábiles contados desde o seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Aquelas persoas que, estando obrigadas, non presenten unha solicitude entenderase que se acollen á validez da formulada para o curso académico 2018/19, 2019/20, 2020/21 ou 2021/22, de conformidade co establecido no artigo 21 da citada Orde do 7 de xuño de 2018.

Terceiro. Relación provisional e definitiva do persoal obrigado a participar

As relacións provisionais de persoal que ten a obriga de participar na adxudicación de destinos, por lista única cando proceda e por especialidades e orde de prioridade, publicaranse no portal da internet da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, https://www.edu.xunta.gal/, o 7 de xullo de 2022.

Nestas relacións provisionais de persoal que ten a obriga de participar non se incluirá o persoal que vaia ser suprimido e desprazado por falta de horario que aínda non fose comunicado á Subdirección Xeral de Recursos Humanos, que si se incorporará nas relacións definitivas, sen prexuízo daquelas persoas a que se poida abrir o prazo extraordinario de solicitudes previsto na disposición adicional cuarta da Orde do 7 de xuño de 2018.

Publicadas as relacións provisionais de persoal que ten a obriga de participar, abrirase un prazo de cinco días hábiles para presentar reclamacións. Transcorrido este prazo publicarase a lista definitiva do persoal docente que ten a obriga de participar. A data previsible de publicación da lista definitiva é o 26 de xullo de 2022.

Cuarto. Lista provisional e definitiva do persoal excluído da participación

O día 7 de xullo de 2022 publicarase no portal da internet da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, https://www.edu.xunta.gal/, a relación provisional do persoal docente interino e substituto excluído das listas de obrigados a participar na adxudicación de destinos provisionais, por algunha das causas da perda do dereito á permanencia nas listas de chamamentos previstas nos puntos décimo noveno e vixésimo primeiro da Resolución do 28 de xuño de 2017, da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, pola que se dá publicidade ao texto refundido do Acordo do 20 de xuño de 1995 polo que se regulan o acceso e as condicións de traballo do persoal docente interino e substituto dependente da consellería que imparte ensinanzas distintas das universitarias.

Contra esta relación provisional de persoal docente interino e substituto excluído abrirase un prazo de cinco días hábiles para presentar reclamacións. Transcorrido este prazo, publicarase a lista definitiva do persoal excluído. A data previsible de publicación desta lista definitiva é o 26 de xullo de 2022.

Quinto. Recursos contra a lista definitiva de persoal excluído da participación

Contra a resolución que publica a lista definitiva de persoal docente interino e substituto excluído da participación na adxudicación de destinos provisionais, que lle pon fin á vía administrativa, as persoas interesadas poderán formular recurso potestativo de reposición, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación no portal da internet da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, https://www.edu.xunta.gal/, ante a persoa titular da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, de acordo cos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou directamente recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses contados desde a mesma data, ante o xulgado do contencioso-administrativo que sexa competente, de conformidade coa Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Sexto. Resolución provisional do concurso de adxudicación de destinos provisionais

A data previsible de resolución provisional do concurso e a súa publicación no portal da internet da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, https://www.edu.xunta.gal/, para todos os corpos, é o 26 de xullo de 2022.

O prazo para formular reclamacións ou renuncias contra a resolución provisional do concurso é de dous (2) días hábiles contados a partir do seguinte ao da súa publicación no portal da internet da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, https://www.edu.xunta.gal/.

As reclamacións indicadas no parágrafo anterior formularanse en todo caso por medios electrónicos na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). De formular a reclamación de xeito presencial, a persoa reclamante será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considérase como data da presentación da reclamación aquela en que foi realizada a emenda.

As renuncias á resolución provisional do concurso realizaranse a través do enderezo https://www.edu.xunta.gal/cadp/ e non é necesaria a súa presentación na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Sétimo. Adxudicación definitiva dos destinos provisionais

A data previsible da adxudicación definitiva dos destinos provisionais e a súa publicación no portal da internet da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, https://www.edu.xunta.gal/, para todos os corpos é o 2 de agosto de 2022.

Esta adxudicación definitiva terá efectividade do día seguinte ao da súa publicación no portal da internet da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, https://www.edu.xunta.gal/, sen prexuízo de que a toma de posesión será con efectos do 1 de setembro de 2022.

A adxudicación definitiva dos destinos provisionais publicarase tamén no DOG.

Oitavo. Presentación das solicitudes por medios electrónicos

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do modelo normalizado (anexo I) accesible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

As solicitudes tamén poderán cubrirse na páxina web da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, https://www.edu.xunta.gal/cadp/, e presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, segundo o artigo 14 da Orde do 7 de xuño de 2018.

Os anexos coa relación de centros que pode solicitar o persoal concursante estarán dispoñibles no portal da internet da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, https://www.edu.xunta.gal/, e na páxina web https://www.edu.xunta.gal/cadp/, segundo o seguinte detalle:

Anexo II: relación dos centros que pode solicitar o persoal docente dos corpos de catedráticos e profesores de ensino secundario e o de profesores técnicos de formación profesional.

Anexo III: relación dos centros que pode solicitar o persoal docente dos corpos de catedráticos e de profesores de escolas oficiais de idiomas.

Anexo IV: relación dos centros que pode solicitar o persoal docente do corpo de catedráticos de música e artes escénicas.

Anexo V: relación dos centros que pode solicitar o persoal docente do corpo de profesores de música e artes escénicas.

Anexo VI: relación dos centros que pode solicitar o persoal docente dos corpos de catedráticos e profesores de artes plásticas e deseño e de mestres de taller de artes plásticas e deseño.

Anexo VII: relación dos centros que pode solicitar o persoal docente do corpo de mestres.

Anexo VIII: relación dos centros que pode solicitar o persoal docente do corpo de inspectores de educación.

Santiago de Compostela, 7 de xuño de 2022

Jesús Manuel Álvarez Bértolo
Director xeral de Centros e Recursos Humanos