Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 117 Luns, 20 de xuño de 2022 Páx. 35362

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Instituto Galego da Vivenda e Solo

RESOLUCIÓN do 3 de xuño de 2022, da Comisión Provincial de Vivenda de Ourense, de inicio do proceso de selección de persoas adxudicatarias de vivendas de promoción pública, en segundas ou posteriores adxudicacións para persoas novas e maiores, para o concello de Allariz.

De conformidade co establecido no artigo 22 do Decreto 1/2010, do 8 de xaneiro, polo que se regula o Rexistro Único de Demandantes de Vivenda de Galicia e a adxudicación das vivendas protexidas, a Comisión Provincial de Vivenda de Ourense, en sesión do 3 de xuño de 2022,

ACORDA:

Aprobar as bases reguladoras do procedemento de selección das persoas adxudicatarias de vivendas de protección oficial de promoción pública no concello de Allariz, que se desenvolverá de conformidade cos seguintes criterios:

Primeiro. Obxecto do procedemento

1. O procedemento ten por obxecto adxudicar as vivendas de promoción pública do concello de Allariz que, logo dos seus correspondentes procesos de selección de persoas adxudicatarias, estean de novo á disposición do IGVS, incluídas as que acaden tal situación ao longo do período de vixencia destas bases, consonte o preceptuado na estipulación sexta.

2. Considérase que unha vivenda está dispoñible a partir da data do informe emitido polo Servizo Técnico da Área Provincial do IGVS en que se acredite o cumprimento das condicións de habitabilidade, e se autorice a súa posta á disposición.

3. As adxudicacións canalizaranse a través dunha lista, integrada por persoas demandantes inscritas no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda de Galicia, elixidas polo procedemento previsto nestas bases.

Segundo. Réxime de adxudicación das vivendas da promoción

As vivendas adxudicaranse en arrendamento, para unidades familiares ou convivenciais cuns ingresos ponderados comprendidos entre 0,7 e 2,5 veces o indicador público de rendas de efectos múltiples (IPREM).

Terceiro. Condicións xerais das persoas beneficiarias

1. Poderán acceder a estas vivendas as persoas, nacionais ou estranxeiras, maiores de idade ou menores emancipados que, sendo menores de 35 anos ou maiores de 60 anos, de acordo co establecido nas epígrafes c) e e) do artigo 26.2 do Decreto 253/2007, cumpran os seguintes requisitos:

a) Atoparse inscritas ou anotadas na data desta resolución de inicio no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda de Galicia, na sección 1ª, como demandantes de vivendas de protección oficial de promoción pública, para o concello de Allariz como concello preferente.

b) Ter ingresos ponderados por unidade familiar ou de convivencia entre 0,7 e 2,5 veces o IPREM.

c) Residir ou traballar no concello de Allariz, agás no caso de emigrantes que desexen retornar e que acrediten residir fóra de Galicia por un tempo non inferior a cinco anos.

d) Carecer calquera membro da unidade familiar ou de convivencia de vivenda en calidade de propietario, agás que se dean algunha das seguintes circunstancias:

• Acreditar que a vivenda de que se dispón sexa inhabitable, insuficiente ou inadecuada nos termos especificados na Resolución do 14 de setembro de 2012, do Instituto Galego da Vivenda e Solo. Se resulta adxudicatario/a queda obrigado/a a ofertar ao IGVS a dita vivenda.

• Habitar unha vivenda suxeita a expediente de expropiación ou desafiuzamento xudicial ou administrativo non imputable á persoa interesada, ou ben ocupar aloxamentos provisionais como consecuencia de situacións de emerxencia ou remodelación que impliquen a perda da vivenda.

e) Non atoparse nalgunha destas circunstancias, referidas a calquera membro da unidade familiar ou de convivencia:

• Que xa fosen titulares dunha VPP e a perdesen como consecuencia dun procedemento de desafiuzamento, resolución de contrato tramitado polo IGVS ou a allease por calquera causa, coa excepción de cambio de residencia por motivos laborais, ou outros xustificados, a xuízo da Comisión Provincial.

• Que sexan titulares de bens inmobles de natureza rústica ou urbana suxeitos ao imposto sobre bens inmobles que teñan un valor catastral superior a 30.000 euros.

2. Sen prexuízo do anterior, será requisito para a adxudicación da vivenda manter a vixencia da inscrición no Rexistro de Demandantes ao longo de todo o proceso de selección, de xeito que a falta da súa renovación, de resultar obrigado a iso nos termos do artigo 15 do Decreto 1/2010, en calquera momento anterior ao acordo de adxudicación definitiva, determinará a perda do dereito ao acceso á vivenda.

Cuarto. Condicións xerais de carácter económico

a) Os contratos de arrendamento terán unha vixencia de 7 anos prorrogables por períodos anuais, e estará prohibida en todo caso a cesión ou subarrendamento, total ou parcial. A contravención desta prohibición dará lugar á resolución do contrato de arrendamento, con independencia das sancións a que houbese lugar.

b) A renda inicial anual será a que resulte de lle aplicar o 3 % ao que sería o prezo de venda da vivenda e anexos, de ser o caso, determinado de acordo co establecido no Decreto 253/2007.

c) A firmeza da adxudicación estará condicionada á sinatura do correspondente contrato de arrendamento, logo de pagamento por parte da persoa adxudicataria da fianza correspondente.

Quinto. Procedemento de selección e data do sorteo

1. A selección das persoas adxudicatarias tramitarase consonte o establecido nos artigos 22 a 28 do Decreto 1/2010, coas particularidades que deseguido se especifican.

2. De acordo co previsto no Decreto 1/2010, o procedemento de adxudicación será o de sorteo entre todas as persoas inscritas ou anotadas no Rexistro Único de Demandantes que reúnan as condicións descritas no punto terceiro desta resolución. As persoas demandantes integrantes da lista, que serán todas as que cumpran os citados requisitos, quedarán seleccionadas na orde que resulte do sorteo, que se celebrará ante notario, o día 21 de xuño de 2022, nas dependencias da Área Provincial do IGVS en Ourense (rúa Sáenz Díez, número 1), agás indispoñibilidade do fedatario autorizante, en cuxo caso, publicarase a nova data do sorteo na páxina web do IGVS.

3. Unha vez rematado o sorteo publicarase a lista de persoas seleccionadas. As persoas interesadas que se consideren prexudicadas no seu dereito disporán dun prazo de dez días para presentar reclamación ante a Comisión Provincial de Vivenda, que deberá adoptar a resolución que proceda no prazo máximo de tres meses.

4. Na adxudicación das vivendas dispoñibles, atenderase á mellor adecuación entre as súas características e a composición da unidade familiar ou convivencial seleccionada. En caso de renuncia ou incumprimento doutros requisitos, procederase á exclusión da unidade familiar ou convivencial da lista, cos efectos previstos no artigo 73.3 da Lei 8/2012, de vivenda de Galicia, se é o caso.

Sexto. Vixencia da lista de persoas seleccionadas

A lista de persoas seleccionadas manterá a súa vixencia ata o día 30 de xuño de 2023 ou ata que se realice un novo sorteo de vacantes.

Ademais de polo transcurso do prazo, a lista caducará automaticamente cando se esgote por non quedaren integrantes aos que ofertar as vivendas.

Unha vez rematado o sorteo, procederase á publicación da lista provisional de persoas seleccionadas, e realizados os trámites previstos nos artigos 24 e 25 do Decreto 1/2010, esta Comisión Provincial ditará resolución aprobatoria das listas definitivas.

O feito de figurar na lista provisional de persoas seleccionadas no sorteo non determinará a condición de adxudicatario/a definitivo/a, mentres non se acredite que se reúnen os requisitos sinalados no criterio terceiro desta resolución.

En caso de renuncia ou incumprimento doutros requisitos, procederase á exclusión da unidade familiar ou convivencial da lista, cos efectos previstos no artigo 73.3 da Lei 8/2012, de Vivenda de Galicia, se é o caso.

Sétimo. Reservas

Non se fai ningunha reserva das establecidas nos artigos 74 da Lei 8/2012 e 34 do Decreto 253/2007.

Octavo. Publicidade e reclamacións

A resolución de inicio do procedemento de adxudicación publicarase no Diario Oficial de Galicia, e as sucesivas publicacións, incluída a dita resolución de inicio do procedemento, a lista de persoas seleccionadas provisionais resultante do sorteo, e a resolución da lista definitiva de persoas seleccionadas, de acordo cos artigos 22.1 e 24.3 do Decreto 1/2010, do 8 de xaneiro, publicaranse no taboleiro de anuncios do Concello, no da Área Provincial do Instituto Galego da Vivenda e Solo, e na páxina web do organismo.

Esta publicidade substituirá as notificacións persoais de conformidade co previsto no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Tras a publicación da lista provisional na forma indicada, as persoas solicitantes que se consideren prexudicadas no seu dereito disporán dun prazo de dez días para presentar reclamación ante a Comisión Provincial de Vivenda, que deberá adoptar a resolución que proceda no prazo máximo de tres meses.

A lista definitiva publicarase de igual forma que a lista provisional. A resolución aprobatoria porá fin á vía administrativa. Contra esta resolución, poderase interpor recurso de reposición no prazo dun mes, de conformidade co establecido no artigo 123 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses ante o órgano xurisdicional.

Noveno. Adxudicación de vivendas e prazo para renunciar

A adxudicación seralle notificada ás persoas interesadas e deberá conter, entre outros, os seguintes datos: tipo de vivenda, superficie útil, réxime de adxudicación e prezo da renda.

Para os efectos do previsto no artigo 28.2 do Decreto 1/2010, establécese un prazo de 15 días para que, en caso de resultar adxudicatario/a definitivo/a dunha destas vivendas, a persoa interesada poida renunciar a ela ou, no caso de aceptala, efectuar o ingreso dos impostos e gastos que procedan.

Décimo. Actuación revisora

Correspóndelle á Comisión Provincial de Vivenda a revisión das adxudicacións de vivendas nos casos en que se observe que a dita adxudicación se produciu tendo en conta datos falseados ou incompletos.

A falsidade ou ocultación na achega de datos dará lugar á incoación do oportuno expediente sancionador coas consecuencias e efectos que figuran na Lei 8/2012, do 29 de xuño, de vivenda de Galicia.

Ourense, 3 de xuño de 2022

Victoria Núñez López
Presidenta da Comisión Provincial de Vivenda de Ourense