Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 116 Venres, 17 de xuño de 2022 Páx. 34833

III. Outras disposicións

Portos de Galicia

RESOLUCIÓN do 25 de maio de 2022 pola que modifica a Resolución do 26 de xullo de 2021 pola que se aproba o levantamento da prohibición da práctica da pesca marítima de recreo en superficie en zonas de servizo portuarias e se aproba o procedemento de declaración responsable para a súa práctica en portos dependentes da Comunidade Autónoma de Galicia (código de procedemento IF502A).

Antecedentes:

De acordo coa normativa vixente aplicable aos portos e instalacións portuarias e marítimas que sexan da competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, está xenericamente prohibida a pesca desde os peiraos ou con calquera tipo de arte nas dársenas e augas portuarias.

Sendo esta a norma xeral, tanto a Lei 6/2017, do 12 de decembro, de portos de Galicia, que tipifica esta actividade como infracción administrativa en materia de portos no seu artigo 131.v), como o artigo 64.c) do Regulamento de servizo e policía portuarios en vigor aprobado pola Orde ministerial do 12 de xuño de 1976, que prohibe realizar esta actividade secundaria, prevén como excepción que permita levantar a dita prohibición sempre que a realización da actividade estea expresamente autorizada.

Polo tanto, Portos de Galicia, en uso dunha potestade administrativa de policía e intervención legalmente atribuída, pode permitir aos particulares o exercicio desta actividade, logo da comprobación mediante declaración responsable do interesado do cumprimento dos requisitos establecidos para tal autorización.

Como é sabido, arredor dun 60 % da poboación total das provincias da Coruña, Lugo e Pontevedra residen en concellos que contan con instalación portuarias, instalacións esencialmente destinadas á realización de actividades acordes cos usos portuarios ou complementarios e auxiliares destes tal e como se definen na normativa vixente, pero que pola súa tipoloxía e por estaren en moitas ocasións directamente enraizadas nas vilas e pobos onde se atopan, integradas de feito na súa paisaxe urbana, constitúen tamén espazos en que, con carácter excepcional, se poden admitir outros usos non estritamente portuarios sempre que resulten compatibles con estes, non existan restricións específicas relativas á seguridade ou á protección do ambiente e non prexudiquen as operacións de tráfico portuario ou outras actividades portuarias, tal como acontece coa celebración de actividades e certames diversos de tipo cultural ou deportivo, ou coa celebración de mercados tradicionais e, entre as ditas actividades, constitúe unha aspiración longamente pretendida polo sector da pesca recreativa que se permita a práctica desta actividade nas zonas portuarias.

Polo tanto, o obxecto da presente resolución é levantar a prohibición da realización da actividade secundaria de pescar e, en consecuencia, permitir a realización da actividade de pesca marítima de recreo en superficie nos portos e zonas portuarias baixo as condicións que se relacionan nesta resolución.

Para a súa confección foron oídos e tomáronse en consideración as achegas efectuadas pola Federación Gallega de Pesca Marítima, Asociación Galega pola Defensa da Pesca Recreativa (Agadper), Federación Galega de Pesca e Cásting, e por outros afeccionados representativos e colaboradores do sector da pesca de recreo ou deportiva.

Igualmente, tívose en consideración que todas as zonas que se habilitan para realizar a actividade de pesca marítima de recreo se consideren na avaliación de riscos dos portos publicada na web www.portosdegalicia.com e que non sexan incompatibles coas determinacións previstas nos documentos de delimitacións dos espazos e usos portuarios, naqueles portos ou instalacións que conten con estes documentos aprobados.

A Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e a Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, supoñen o escenario normativo base para a consolidación da administración dixital nas administracións públicas e, polo tanto, tamén na Administración xeral e sector público autonómico de Galicia.

En atención ao exposto a Presidencia de Portos de Galicia emite a Resolución do 26 de xullo de 2021, publicada no DOG número 150, do 6 de agosto, pola que se aproba o levantamento da prohibición da práctica da pesca marítima de recreo en superficie en zonas de servizo portuarias e se aproba o procedemento de declaración responsable para a súa práctica en portos dependentes da Comunidade Autónoma de Galicia (código de procedemento IF502A). Esta resolución foi modificada pola Resolución do 13 de agosto de 2021 e foi publicada no DOG número 159, do 19 de agosto.

Logo da posta en funcionamento do procedemento, con base na experiencia adquirida, así como tras a análise de alegacións de usuarios, considérase oportuno realizar unha nova modificación que ademais refunda as dúas anteriores para facilitar a súa aplicación.

Polo exposto, redefínense as tres tipoloxías de portos ou zonas portuarias en relación coa práctica da pesca recreativa; permitida con condicións xerais, permitida con limitacións xerais e particulares e prohibida. Actualízase tamén a información gráfica para reflectir estas zonas e facer modificacións puntuais derivadas da análise de alegacións e suxestións presentadas.

A dispoñibilidade de zonas permitidas con limitacións xerais e particulares estará condicionada á colaboración da Administración local para a vixilancia e a adopción de medidas preventivas, se é o caso. Estas zonas correspóndense con tramos de elevada actividade portuaria en que en determinadas franxas horarias se reduce de xeito significativo e, polo tanto, coa colaboración do concello para mitigar os riscos e mellorar a vixilancia, considérase que a pesca recreativa é compatible coa actividade portuaria. Esta colaboración establecerase mediante a formalización do correspondentes convenio de colaboración entre Portos de Galicia e o concello.

En atención ao exposto e en virtude das competencias conferidas a esta Presidencia polo artigo 12.3.l) da Lei 6/2017, do 12 de decembro, de portos de Galicia,

RESOLVO:

Primeiro. Modificar a Resolución do 26 de xullo de 2021, modificada o 13 de agosto de 2021, para autorizar a realización da actividade de pesca marítima de recreo en superficie nas zonas habilitadas dos portos e instalacións que se recollen no anexo III da presente resolución, baixo o estrito cumprimento das condicións que se insiren nesta resolución, e levantar para tal efecto a prohibición xeral establecida no artigo 131 da Lei 6/2017, do 12 de decembro, de portos de Galicia, para esta actividade concreta.

Segundo. Manter vixente o procedemento de declaración responsable para a práctica da pesca marítima de recreo en superficie en zonas de servizo dos portos dependentes da Comunidade Autónoma de Galicia (código de procedemento IF502A), e adaptar o formulario de solicitude á nova resolución.

O procedemento rexerase segundo as cláusulas incorporadas á presente resolución.

Terceiro. A presente resolución producirá efectos a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpor recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous (2) meses, contados desde o día seguinte ao da notificación desta resolución.

Non obstante, os interesados poderán interpor contra esta resolución recurso potestativo de reposición, no prazo dun (1) mes, contado a partir do día seguinte ao desta publicación, ante o mesmo órgano que a ditou, de acordo co disposto no artigo 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Mediante este documento notifícase esta resolución segundo o exixido no artigo 40 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 25 de maio de 2022

Susana Lenguas Gil
Presidenta de Portos de Galicia

ANEXO

Cláusulas que regulan a actividade e o procedemento

Primeira. Normativa

A normativa de aplicación que regula o levantamento da prohibición da práctica da pesca marítima de recreo en superficie nas zonas de servizo portuarias e o seu procedemento de declaración responsable (código de procedemento IF502A), é a seguinte:

• Regulamento de servizo, policía e réxime dos portos adscritos á Comunidade Autónoma.

• Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia.

• Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

• Lei 6/2017, do 12 de decembro, de portos de Galicia.

En todo caso, no suposto de diverxencia entre o presente clausulado e a normativa de aplicación prevalecerá a normativa vixente.

Segunda. Obxecto e ámbito de aplicación

O obxecto é establecer o procedemento de presentación de declaración responsable para a práctica da actividade de pesca marítima de recreo en superficie nas zonas de servizo dos portos titularidade da Comunidade Autónoma de Galicia, unicamente naqueles portos, e nas zonas habilitadas para iso, que se recollen no anexo III da presente resolución.

A práctica desta actividade autorizase baixo o estrito cumprimento das condicións e réxime de prohibicións que figuran na cláusula cuarta da presente resolución, e levántase, nas ditas condicións, a prohibición xeral establecida no artigo 131 da Lei 6/2017, do 12 de decembro, de portos de Galicia.

Segundo as características e as diferentes actividades desenvoltas nos portos e instalacións portuarias, para os efectos de concretar as zonas portuarias habilitadas, e o réxime de acceso conforme o levantamento da prohibición da actividade de pesca marítima de recreo en superficie, os portos, ou zonas portuarias, clasifícase en tres tipoloxías:

• Zona permitida con limitacións xerais: portos ou zonas concretas dos portos, sen actividade portuaria intensiva, nos cales se permite a pesca recreativa cumprindo o réxime de condicións e prohibicións xerais indicadas na cláusula cuarta. Gráfase nos planos na cor verde.

• Zona permitida con limitacións xerais e particulares: portos ou zonas concretas de portos, con actividade portuaria intensiva pero en que en determinadas franxas horarias se reduce de xeito significativo esta actividade, nos cales se permite a práctica da pesca marítima de recreo cumprindo o réxime de condicións xerais indicadas na cláusula cuarta e as condicións particulares indicadas no anexo III. A inclusión destas zonas está condicionada a que exista colaboración coa Administración local mediante a formalización do correspondente convenio de colaboración para auxilio e control da actividade. Gráfase nos planos na cor azul.

• Zona prohibida: portos ou zonas portuarias con condicións de uso, configuración, servizos e actividades portuarias que non permiten a autorización da práctica da pesca recreativa. Gráfase nos planos na cor vermella.

A clasificación de portos e as zonas habilitadas poden consultarse no anexo III e nos planos no sitio web de Portos de Galicia, na seguinte ligazón:

https://www.portosdegalicia.gal/pesca-recreativa-portos

Queda excluída da presente resolución de levantamento de prohibición a pesca marítima recreativa submarina.

Terceira. Órgano competente

A autorización da realización da actividade de pesca de recreo e deportiva en augas marítimas, levantando para tal efecto a prohibición xeral establecida no artigo 131 da Lei 6/2017, do 12 de decembro, de portos de Galicia, segundo o disposto no artigo 12.3.l) da Lei 6/2017, é competencia do titular da Presidencia de Portos de Galicia.

Cuarta. Prazo de vixencia das autorizacións e condicións para a práctica da actividade

A duración da autorización será dun ano contado desde a presentación en sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencial, nos rexistros habilitados, da correspondente declaración responsable, e poderá renovarse ao remate deste prazo presentando unha nova declaración. Non obstante, a autorización deixará de ter efectos na data de extinción da cobertura do seguro de responsabilidade civil ou na data de extinción da licenza de pesca marítima de recreo.

As autorizacións realizaranse mediante declaración responsable, empregando o presente procedemento, e outórganse para unha persoa física e, se é o caso, para menores de 16 anos acompañantes ao seu cargo.

A entidade pública empresarial (EPE) Portos de Galicia poderá modificar, ampliar ou suspender esta autorización total ou parcialmente por motivos de seguridade, explotación e utilización de espazos portuarios ou por razóns de interese xeral, sendo prevalentes a atención da explotación dos portos e a atención dos sectores portuarios profesionais ou directamente vinculadas á actividade portuaria.

Sen prexuízo do exercicio das pertinentes accións civís, penais ou administrativas que poidan acometer os responsables da EPE Portos de Galicia, o incumprimento das condicións establecidas nesta resolución será sancionada de conformidade co previsto no título VI da Lei 6/2017, do 12 de decembro, de portos de Galicia.

As condicións que rexerán a autorización son as seguintes:

A) Condicións de acceso á zona portuaria:

1. Toda persoa, pescador recreativo ou acompañante, que acceda ás zonas de pesca controladas, farao co único obxecto do exercicio da pesca marítima de recreo en superficie e queda expresamente prohibida calquera outra actividade distinta da citada.

2. Cada pescador recreativo maior de idade poderá acceder para a práctica da pesca recreativa tutelando e acompañando menores de 16 anos de idade baixo a súa exclusiva responsabilidade e sempre que permanezan vixiados polo autorizado.

3. A decisión dos pescadores da práctica da pesca recreativa recollida nesta resolución implica a obriga de formular declaración responsable nos termos establecidos no presente procedemento (código de procedemento IF502A), e a aceptación incondicionada dos termos desta, incluso dos anexos, e a carga da obriga de identificarse ante o persoal garda peiraos, en canto policía administrativa portuaria, e de ser requirido para tal efecto o deber de presentar, no prazo regulamentario que se lle indique, toda a documentación relativa a licenzas, permisos, seguros e autorizacións legais que lle sexa requirida.

A negativa a identificarse ante os garda peiraos ou a achegar a documentación que, se é o caso, sexa requirida serán causas expresas de orde de saída da zona portuaria e de eventual levantamento de denuncia por parte do garda peiraos.

Así mesmo, calquera pescador recreativo estará obrigado a identificarse ante a policía local, ou servizo de vixilancia que estableza o municipio, con base no convenio de colaboración con Portos de Galicia formalizado para os efectos, coas mesmas consecuencias derivadas da negativa ao garda peiraos.

4. Durante o acceso ás zonas de pesca controladas os pescadores e os seus acompañantes están obrigados a atender as indicacións e requirimentos que lles manifeste o persoal garda peiraos, en canto policía administrativa portuaria, ou outro persoal de Portos de Galicia e policía local ou servizos de vixilancia municipal que, ao abeiro do convenio de colaboración con Portos de Galicia, se faculte e que, ao abeiro das súas funcións, así o manifeste.

5. Os pescadores serán responsables directos dos posibles danos a persoas ou bens privados ou públicos e, así mesmo, dos danos propios, que se poidan producir como consecuencia directa ou indirecta do acceso, estadía ou exercicio da pesca de recreo ou deportiva propia no caso de maiores de 16 anos e dos menores de 16 anos que sexan tutelados ou acompañados por aqueles. A dita responsabilidade será atribuíble exclusiva e individualmente aos usuarios que xeren o risco causante do sinistro.

6. En calquera caso, os pescadores recreativos que acceden ás zonas de pesca controladas, pola mera decisión de acceder e formular a correspondente declaración responsable, declaran coñecer as características da instalación e asumen o cumprimento das medidas de seguridade publicadas no sitio web de Portos de Galicia na seguinte ligazón:

https://www.portosdegalicia.gal/pesca-recreativa-portos

7. As ditas medidas de seguridade débense observar e aplicar na súa permanencia e deambulación por zona portuaria con especial dilixencia, e atender á información de avaliación de riscos xerais dos portos.

8. Sen prexuízo do anterior, os pescadores que accedan ás zonas de servizo portuarias para a realización da actividade de pesca marítima de recreo en superficie deberán de dispor dunha póliza vixente de seguro de accidentes e responsabilidade civil coas seguintes coberturas mínimas:

• Cobertura de seguro por danos ocasionados á Administración ou a outros terceiros cunha cobertura mínima de 450.000 euros por sinistro e 300.000 euros por vítima.

• Cobertura de seguro de accidentes propios con asistencia sanitaria mínima de 300.000 euros, e recomendable como ilimitada, e cobertura de falecemento cun capital mínimo de 30.000 euros.

• No suposto de que o solicitante conte con licenza federativa de pesca, non será necesario formalizar un novo seguro, e deberá achegar a tarxeta federativa vixente ou calquera outro documento acreditativo.

9. Non se permitirá o acceso rodado ás instalacións portuarias ni o estacionamento de vehículos de calquera clase fóra das zonas expresamente destinadas para tal fin, nin o estacionamento ou a parada en zonas de traballo nin destinadas ao uso profesional ou reservada a outros usos.

10. A autorización non eximirá o titular da obtención das licenzas, permisos, seguros e autorizacións legais establecidos, entre elas a licenza de pesca marítima de recreo en superficie expedida pola Consellería do Mar (actualmente procedemento PE405A).

B) Réxime de prohibicións.

a) Non se permitirá a práctica da pesca marítima recreativa de superficie desde peiraos de atracada durante as operacións de atracada e desatracada ou mentres permanezan embarcacións nos peiraos, nin entre embarcacións.

b) Non se permitirá a práctica da pesca marítima recreativa de superficie desde zonas portuarias cando esta práctica poida afectar o normal tránsito e atracada de embarcacións de calquera índole dentro da dársena ou á súa seguridade.

c) Non se permitirá o acceso a pantaláns.

d) Non se permitirá o acceso a embarcacións.

e) Non se permitirá a manipulación de embarcacións atracadas.

f) Non se permitirá a limpeza da pesca nos peiraos.

g) Os restos de pesca non se depositarán nos peiraos nin nos contedores portuarios e o usuario deberá desfacerse deles debidamente fóra da zona portuaria.

h) Prohíbese a reserva anticipada de sitio e a policía portuaria o autoridade competente poderá comisar temporalmente os aparellos.

i) Establécese unha cabida máxima de 1 pescador cada 3 metros de fronte de peirao, o liña de costa, libre.

j) Queda expresamente prohibida a pesca desde calquera clase de artefacto ou instalación flotante, así como ao tránsito por espaldóns ou noiros, e a pesca submarina.

k) Queda expresamente prohibida a pesca en zonas concesionadas a terceiros e en portos deportivos.

l) Queda expresamente prohibida a pesca dentro dos portos comerciais durante operacións de estiba e desestiba, atracada e desatracada e durante a permanencia das mercadorías.

m) O incumprimento das condicións xerais e de acceso, así como a falta de presentación de declaración responsable e a acreditación de dispor da documentación exixida na presente resolución, dará lugar á apertura do expediente sancionador que corresponda.

Quinta. Iniciación do procedemento de outorgamento

Segundo o disposto no artigo 60 da Lei 6/2017, o procedemento para o outorgamento das autorizacións poderase iniciar por declaración responsable da persoa interesada segundo o disposto no procedemento aprobado na presente resolución, empregando o formulario que estará á disposición na sede electrónica da Xunta de Galicia (anexo I).

Sexta. Persoas declarantes

Poderán formalizar a declaración responsable para a práctica da pesca marítima de recreo en superficie en zonas de servizo dos portos dependentes da Comunidade Autónoma de Galicia as persoas físicas, con idade mínima de 16 anos, que dispoñan de licenza de pesca marítima de recreo en superficie expedida pola Consellería do Mar e do seguro de responsabilidade civil indicado na condición 9ª.

Para os menores de idade maiores de 16 anos non emancipados a declaración responsable deberá ser formalizada polo representante legal do menor.

Sétima. Forma, lugar e prazo de presentación da declaración responsable

A declaración responsable presentarase preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

Opcionalmente, poderanse presentar presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

O prazo de presentación da declaración responsable é a partir do día seguinte ao da publicación no DOG da presente resolución. O prazo de presentación quedará aberto.

Oitava. Tramitación da declaración responsable

A presentación da declaración responsable permitirá, sen máis pronunciamento, o exercicio da actividade no/nos porto/s incluído/s na declaración responsable, desde o día da súa presentación, nos lugares e baixo as condicións de acceso ás zonas portuarias e o réxime de prohibicións incluídos na presente resolución, sen prexuízo das facultades de comprobación, control e inspección que ten atribuídas Portos de Galicia e do estrito cumprimento das indicacións ditadas por Portos de Galicia.

A inexactitude, a falsidade ou a omisión, de carácter esencial, de calquera dato ou información que se incorpore á declaración responsable, ou a non presentación xunto coa declaración da documentación indicada no procedemento ou, se é o caso, a requirida para acreditar o cumprimento do declarado, determinará a imposibilidade de continuar co exercicio do dereito ou actividade afectada desde o momento en que se teña constancia de tales feitos, sen prexuízo das responsabilidades penais, civís ou administrativas a que procederen.

Novena. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa declaración responsable, anexo I, a seguinte documentación:

• Anexo II modelo de certificación acreditativa de ter constituído o seguro de responsabilidade civil coas contías mínimas exixidas. Non será necesario achegar este anexo se o solicitante acredita dispor de licenza federativa con vixencia polo período solicitado, neste caso deberase achegar a tarxeta federativa vixente ou calquera outro documento acreditativo expedido pola Federación Galega de Pesca e Cásting.

• Documentación xustificativa da licenza de pesca de recreo en superficie outorgada pola Consellería do Mar.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa foran presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

2. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica.

Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e dos rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da declaración responsable deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da declaración responsable e o número de expediente se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos a que se presente de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Décima. Comprobación de datos do procedemento

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

• DNI/NIE da persoa declarante.

• DNI/NIE da persoa representante.

• NIF da entidade representante.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Décimo primeira. Notificación

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos. As persoas interesadas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos mediante os modelos normalizados dispoñibles.

2. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel) no formulario.

3. No caso de optar pola notificación en papel practicarase a notificación segundo o establecido na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

4. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na declaración responsable. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

5. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, e entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

6. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Décimo segunda. Trámites administrativos posteriores á presentación da declaración responsable

A sede electrónica da Xunta de Galicia permite ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada. Opcionalmente, as persoas interesadas tamén poderán realizar os ditos trámites presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Disposición adicional. Actualización de modelos normalizados

De conformidade coa disposición adicional sexta da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, o/os modelo/s normalizado/s aplicable/s na tramitación do/dos procedemento/s regulado/s nesta disposición poderá/n ser actualizado/s co fin de mantelo/s adaptado/s á normativa vixente. Para estes efectos será suficiente a publicación do/dos modelo/s actualizado/s na sede electrónica da Xunta de Galicia, onde estará/n permanentemente accesible/s para todas as persoas interesadas, sen que sexa necesaria unha nova publicación no Diario Oficial de Galicia.

Disposición derradeira. Entrada en vigor

A presente resolución entrará en vigor o día seguinte á súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Anexo I. Modelo declaración responsable.

Anexo II. Modelo de certificado de formalización de ter constituído o seguro de responsabilidade civil coas contías mínimas exixidas.

Anexo III. Clasificación dos portos segundo a actividade destes portos, para efectos de concreción de zonas portuarias e horarios, en canto ao réxime de acceso conforme o levantamento da prohibición da actividade de pesca deportiva ou recreativa.

missing image file
missing image file
missing image file