Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 115 Xoves, 16 de xuño de 2022 Páx. 34677

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 19 de maio de 2022, da Xefatura Territorial de Pontevedra, de autorización administrativa previa, declaración, en concreto, de utilidade pública e a necesidade da urxente ocupación que leva implícita e de autorización administrativa de construción dunha instalación eléctrica no concello de Mos (expediente IN407A 2021/217-4).

Feitos:

Primeiro. O 4 de outubro de 2021, a empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. solicitou a autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública da instalación eléctrica denominada LMTA, LMTS Mos 706 polígono industrial Monte Faquiña.

Examinado o proxecto de execución, conclúese que ten como finalidade as seguintes actuacións previstas no polígono industrial de Monte Faquiña, na parroquia de Tameiga, no concello de Mos:

1. Desmontaxe de 293 metros de condutor LA-56 nos tramos MOS7061008, MOS7061041 e MOS7060981 do circuíto aéreo MOS706 e retirada de catro apoios.

2. Retirada do tramo de 16 metros da MOS7060987 en condutor LA-30 e tendido dun novo van en condutor LA-56 de 27 metros desde o apoio proxectado C-3000/16.

3. Retirada de 85 metros de condutor LA-56 e de dous apoios de formigón dun van que actualmente está sen servizo.

4. Instalación de tres apoios C-2000/14, C-3000/16 e C-2000/16.

5. Retensado do van en condutor LA-56.

6. Instalación dunha liña de media tensión aérea de 133 metros de lonxitude desde o apoio proxectado C-3000/16 ata o apoio proxectado C-2000/16.

7. Soterramento da liña de medita tensión aérea que se desmonta coa instalación dunha liña de media tensión subterránea de 190 metros de lonxitude.

Segundo. Esta xefatura territorial solicitou o preceptivo informe ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizos de interese xeral afectadas, isto é, o Concello de Mos, a Axencia Estatal de Seguridade Aérea, a Demarcación de Estradas do Estado e o Servizo de Montes de Pontevedra. A empresa promotora manifestou a súa conformidade cos condicionados emitidos pola Demarcación de Estradas do Estado e o Servizo de Montes de Pontevedra.

Os demais organismos afectados non emitiron condicionado técnico; enténdese, en consecuencia, a súa conformidade coa autorización de construción da dita infraestrutura eléctrica, conforme o disposto no artigo 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, sen prexuízo da autorización que lle corresponda outorgar.

Terceiro. Mediante escrito do 9 de novembro de 2021, esta xefatura territorial notificoulles a solicitude da autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública da referida instalación eléctrica ás persoas afectadas pola declaración de utilidade pública conforme a relación de bens e dereitos achegada pola empresa promotora.

Naqueles casos en que non foi posible efectuar as notificacións, o 25 e o 29 de marzo de 2022 publicouse o correspondente anuncio no Diario Oficial de Galicia e no taboleiro de edictos único do Boletín Oficial del Estado, respectivamente, co fin de realizar a notificación por comparecencia.

Cuarto. O proxecto someteuse ao trámite de información pública mediante Resolución do 9 de novembro de 2021 publicada nos seguintes medios:

Diario Oficial de Galicia (DOG): 1 de decembro de 2021.

Xornal Faro de Vigo: 26 de xaneiro de 2022.

Taboleiro de anuncios do Concello de Mos do 11 de novembro de 2021 ao 27 de decembro de 2021 conforme certificado expedido polo propio Concello.

Durante o mencionado trámite, recibíronse as alegacións presentadas por Belarmino Campo Vilo. A continuación resúmese o seu contido:

Mala praxis na forma de notificar. Destaca que é o único afectado pola posible expropiación e que se optou pola publicación da resolución nun xornal como forma de notificación.

Indica que sería máis lóxica a instalación do apoio nun dos extremos da cabeceira do terreo.

Apunta que na parte superior dereita da parcela afectada xa existe un apoio que se podería utilizar.

Tamén sinala a posibilidade de instalar o apoio nas proximidades da calzada coa que estrema, utilizando así terreos de dominio público.

Quinto. As alegacións presentadas foron trasladadas á empresa promotora, que manifestou que a modificación solicita por Belarmino non é posible pois trátase da substitución do apoio existente na súa parcela, cuxa posición non se pode variar xa que cambiaría o trazado da liña existente e crearíanse novas afeccións sobre propietarios que xa teñen unha servidume establecida.

Sexto. Os servizos técnicos da xefatura territorial á vista da documentación contida no expediente analizaron as alegacións presentadas, emitiron correspondente informe, concluíndo que non se presentan obxeccións para que se poida continuar co trámite da declaración de utilidade pública da instalación eléctrica proxectada para os efectos da expropiación forzosa dos bens e dereitos necesarios para o seu establecemento de acordo con Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica. Apoia esta conclusión basicamente nos seguintes motivos:

– Non se xustifica por parte do alegante o cumprimento conxunto dos puntos do artigo 161 do Real decreto 1955/2000, do 1 de outubro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorizacións das instalacións de enerxía eléctrica.

– O cambio de localización do apoio crearía novas afeccións sobre propietarios que xa teñen unha servidume establecida.

Consideracións legais e técnicas.

Primeiro. A Xefatura Territorial de Pontevedra é competente para resolver este expediente con fundamento no Decreto 230/2020, do 23 de decembro, da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación (DOG nº 5, do 11 de xaneiro de 2021) e no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, da Consellería de Economía, Emprego e Industria, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 22, do 1 de febreiro).

Segundo. A lexislación de aplicación ao presente expediente é:

Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia.

Lei do 16 de decembro de 1954, sobre expropiación forzosa.

Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Real decreto lei 23/2020, do 23 de xuño, polo que se aproban medidas en materia de enerxía e noutros ámbitos para a reactivación económica.

Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

Decreto do 26 de abril de 1957 polo que se aproba o Regulamento da Lei de expropiación forzosa.

Terceiro. As características técnicas da instalación son as que a seguir se describen:

Desmontaxe de 293 metros de condutor LA-56 nos tramos MOS7061008, MOS7061041 e MOS7060981 do circuíto aéreo da MOS706 e retirada de catro apoios A2DEUCJE, A2BQ0OJA e A29REATX.

Retirada do tramo de 16 metros da MOS7060987, o primeiro van na derivación ao CT Gama (36PFQ9) en condutor LA-30.

Retirada de 85 metros de condutor LA-56 e de dous apoios de formigón dun van que actualmente está sen servizo.

Liña de media tensión aérea a 15 KV con condutor de tipo LA-56 e en dúas actuacións. Primeira actuación de 133 metros de lonxitude, con orixe no apoio proxectado C-3000/16 (punto 2), e final no apoio proxectado C-2000/16 (punto 3). Segunda actuación de 27 metros de lonxitude, con orixe no apoio proxectado C-3000/16 (punto 2), e final no apoio existente HV-1000/13.

LMT subterránea a 15 kV con condutor tipo RHZ de 190 metros de lonxitude, con orixe no apoio proxectado C-2000/14 (punto 1) e final no apoio proxectado C-3000/16 (punto 2).

As obras están situadas no polígono industrial de Monte Faquiña, na parroquia de Tameiga, no concello de Mos.

Cuarto. Con respecto ás alegacións presentadas, visto o contido destas, as respostas do promotor e o informe dos servizos técnicos desta xefatura territorial, exponse o seguinte:

Esta xefatura remitiu unha notificación a Belarmino Campo Vila o día 11 de novembro de 2021 (saída 1623857/RX 1989913) a un enderezo para os efectos de notificación. Como non foi posible esa notificación, esta xefatura publicou un anuncio no Diario Oficial de Galicia e no taboleiro de edictos único do Boletín Oficial del Estado co fin de realizar a notificación por comparecencia conforme os artigos 40, 42, 44 e 46 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

Sobre a proposta de trazados alternativos, cabe destacar que para que un trazado alternativo prospere se teñen que dar todas as condicións establecidas no artigo 161 do Real decreto 1995/200, do 1 de decembro. Os trazados propostos non cumpren co conxunto dos puntos do mencionado artigo. A modificación do trazado é unha cuestión que está suxeita a unha serie de requisitos que deben concorrer simultaneamente. Esta é unha cuestión que está regulada polo artigo 58 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, e desenvolvido no artigo 161 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

Conforme con todo o indicado,

RESOLVO:

Primeiro. Outorgar á empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. as autorizacións administrativas previa e de construción da instalación de distribución de enerxía eléctrica denominada LMTA, LMTS Mos 706 polígono industrial Monte Faquiña (expediente IN407A 2021/217-4), cuxas características se axustarán en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución, ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación e ás condición establecidas nos condicionados dos organismos que constan no expediente.

Segundo. Declarar a utilidade pública, en concreto, da citada instalación eléctrica, o que leva implícito a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

A empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade. En todo momento deberanse cumprir as normas e directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular, canto establece o Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09 e Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da instalación autorizada.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante o vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Pontevedra, 19 de maio de 2022

Tomás Nogueiras Nieto
Xefe territorial de Pontevedra