Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 111 Venres, 10 de xuño de 2022 Páx. 34111

III. Outras disposicións

Axencia Galega das Industrias Culturais

EXTRACTO da Resolución do 25 de maio de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, a salas de exhibición cinematográfica establecidas en Galicia para proxectos de innovación, funcionamento dixitalizado e sustentable, creación e fidelización de públicos e adaptación aos novos hábitos de consumo audiovisual, ao abeiro dos fondos NextGenerationEU e do Mecanismo de recuperación e resiliencia do Regulamento (UE) número 2021/241, e se convocan para o ano 2022 (código de procedemento CT207M).

BDNS (Identif.): 631390.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas beneficiarias

Poderán ser beneficiarias das subvencións as persoas físicas (autónomas) e persoas xurídicas privadas con domicilio ou sucursal en Galicia ou nun territorio membro da Unión Europea ou asociado ao Espazo Económico Europeo, que teñan como obxecto social a exhibición comercial de películas cinematográficas e estean dadas de alta na epígrafe 963.1 do imposto de actividades económicas no momento da publicación da presente convocatoria e que sexan titulares ou posuidoras, por calquera título válido en dereito, da sala ou salas de exhibición cinematográfica situadas na Comunidade Autónoma de Galicia.

Poderán ser beneficiarias das subvencións aquelas agrupacións de titulares e/ou posuidoras, por calquera título válido en dereito, de exhibición cinematográfica situadas na Comunidade Autónoma, sempre que se constitúan como agrupación, todos os membros cumpran cos requisitos necesarios para obter a condición de persoa beneficiaria e designen unha persoa representante con capacidade para actuar en nome e por conta de todas as persoas titulares ou arrendatarias que conformen a agrupación.

Segundo. Finalidade

Estas bases teñen por obxecto determinar as condicións polas cales se regulará a concesión de axudas da Axencia Galega das Industrias Culturais para impulsar proxectos dirixidos a innovar e mellorar o funcionamento dixitalizado e sustentable das salas de exhibición cinematográfica establecidas en Galicia, e fomentar medidas de captación de público e de adaptación aos novos hábitos de consumo audiovisual nestes espazos, ao abeiro dos fondos NextGenerationEU e do Mecanismo de recuperación e resiliencia do Regulamento (UE) nº 2021/241, e convocalas para o ano 2022.

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 25 de maio de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, a salas de exhibición cinematográfica establecidas en Galicia para proxectos de innovación, funcionamento dixitalizado e sustentable, creación e fidelización de públicos e adaptación aos novos hábitos de consumo audiovisual, ao abeiro dos fondos NextGenerationEU e do Mecanismo de recuperación e resiliencia do Regulamento (UE) nº 2021/241, e se convocan para o ano 2022 (código de procedemento CT207M).

Cuarto. Importe

Estas subvencións, que teñen carácter plurianual, financiaranse cun crédito total de 843.697,42 euros, imputables á aplicación orzamentaria 10.A1.432B.770.1, da Axencia Galega das Industrias Culturais, do código de proxecto 2021 00004, coa seguinte distribución:

Anualidade 2022

421.848,71 €

Anualidade 2023

421.848,71 €

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes desde o día seguinte ao da publicación da correspondente convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Santiago de Compostela, 25 de maio de 2022

Román Rodríguez González
Presidente do Consello Reitor da Axencia Galega das Industrias Culturais