Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 111 Venres, 10 de xuño de 2022 Páx. 34052

III. Outras disposicións

Axencia Galega das Industrias Culturais

RESOLUCIÓN do 25 de maio de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, a salas de exhibición cinematográfica establecidas en Galicia para proxectos de innovación, funcionamento dixitalizado e sustentable, creación e fidelización de públicos e adaptación aos novos hábitos de consumo audiovisual, ao abeiro dos fondos NextGenerationEU e do Mecanismo de recuperación e resiliencia do Regulamento (UE) número 2021/241, e se convocan para o ano 2022 (código de procedemento CT207M).

O Consello Europeo aprobou o 21 de xullo de 2020 a creación do programa NextGenerationEU, como instrumento de estímulo económico en resposta á crise causada polo coronavirus.

O 10 de novembro de 2020, o Parlamento Europeo e o Consello alcanzaron o acordo sobre o paquete de medidas que inclúe os fondos NextGenerationEU e o Marco financeiro plurianual 2021-2027, creándose o Mecanismo europeo de recuperación e resiliencia, como instrumento de apoio aos Estados membros a través de transferencias directas e préstamos para incrementar os investimentos públicos e acometer reformas para paliar os devastadores danos producidos pola COVID-19.

O Regulamento (UE) nº 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, polo que se establece o Mecanismo de recuperación e resiliencia, sinala que os Estados membros elaborarán plans de recuperación e resiliencia nacionais para acollerse a el e alcanzar os obxectivos establecidos e serán presentados formalmente polos Estados, como moi tarde o 30 de abril.

A Resolución do 29 de abril de 2021, da Subsecretaría do Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, dá publicidade ao Acordo do Consello de Ministros, do 27 de abril de 2021, polo que se aproba o Plan de recuperación, transformación e resiliencia, que define as estratexias para seguir no desenvolvemento dos fondos europeos de recuperación. As medidas que recolle o Plan cumpren cos seis alicerces establecidos polo Regulamento da UE e articúlanse ao redor de catro eixes principais (a transición ecolóxica, a transformación dixital, a cohesión social e territorial e a igualdade de xénero). Estes catro eixes de traballo desenvólvense a través de dez políticas panca, que integran, pola súa vez, 30 compoñentes ou liñas de acción, para contribuír a alcanzar os obxectivos xerais do Plan.

O Consello de Ministros do 13 de xullo de 2021, por proposta do ministro de Cultura e Deporte, aprobou a distribución territorial e os criterios de repartición dos créditos que serán xestionados polas comunidades autónomas con cargo ao orzamento do Ministerio de Cultura e Deporte no marco dos compoñentes 24 e 25.

O compoñente 25, Spain Audiovisual Hub, integrante da política panca IX de impulso da industria cultural e do deporte do Plan nacional de recuperación, transformación e resiliencia, recolle reformas e investimentos orientados a mellorar a competitividade, competencia e resiliencia do tecido empresarial e creativo do sector audiovisual. En particular, é un dos proxectos do investimento denominado Programa de fomento, modernización e dixitalización do sector audiovisual, dirixido a desenvolver un plan de actuación global que transforme o actual ecosistema audiovisual español no seu conxunto. Este proxecto conta, entre outros, coa participación das comunidades autónomas tras as transferencias dos pertinentes fondos durante os anos 2021 e 2022 para convocatorias públicas de axudas. Deste xeito, as comunidades autónomas receptoras deste financiamento deberán destinar os créditos a entidades públicas e privadas no seu ámbito territorial.

O día 22 de xullo de 2021, aprobáronse os criterios de repartición dos fondos afectados para o financiamento das actuacións descritas e a súa execución que corresponden ás comunidades autónomas, a través de convocatorias de axudas en réxime de concorrencia competitiva.

En cumprimento coa regulamentación antes descrita todos os proxectos de investimento deben de respectar o «principio de non causar un prexuízo significativo ao ambiente» (principio DNSH, Do No Significant Harm) e as condicións da etiquetaxe climática e dixital. Iso inclúe o cumprimento das condicións específicas asignadas previstas nos compoñentes 24 e 25, así como nos investimentos en que se enmarcan os devanditos proxectos, tanto no referido ao principio DNSH, como á etiquetaxe climática e dixital.

O Estatuto de autonomía de Galicia establece no artigo 27.19 que lle «corresponde á Comunidade Autónoma galega a competencia e fomento da cultura e da investigación en Galicia», sen prexuízo do establecido no artigo 149.2 da Constitución.

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, ten a responsabilidade de promocionar e fomentar a cultura galega, tendo na Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) o ente instrumental en que centraliza os programas de apoio destinados a reforzar o papel dos creadores individuais, empresas e industrias culturais privadas.

A Axencia Galega das Industrias Culturais, creada pola Lei 4/2008, do 23 de maio, concíbese, segundo o previsto nos artigos 3, 4 e 5, como unha entidade de dereito público con personalidade xurídica propia, patrimonio propio e autonomía na súa xestión, que ten por obxecto o impulso e a consolidación do tecido empresarial no sector cultural galego.

O obxectivo da Axencia é consolidar o tecido industrial no sector cultural galego para promover un tecido empresarial capitalizado, competitivo e innovador, fomentar a creación e potenciar a comercialización de bens e servizos culturais de calidade, favorecendo a difusión da lingua e da cultura galegas como elementos singulares.

Con esta convocatoria de axudas preténdese apoiar as salas de exhibición cinematográfica galegas a través de proxectos que impulsen a súa innovación e dixitalización sustentable, así como a captación de públicos e a adaptación aos novos hábitos de consumo audiovisual, con cargo ao Plan de transformación, recuperación e resiliencia, no exercicio 2022.

De acordo co anterior,

RESOLVO:

1. Convocatoria e bases reguladoras.

1.1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases, que se inclúen como anexo I, polas que se rexerá a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas da Axencia Galega das Industrias Culturais a salas de exhibición cinematográfica establecidas en Galicia para acometer melloras relacionadas coa innovación e a dixitalización que aposten pola sustentabilidade, así como para adoptar medidas dirixidas a captar novos públicos e de adaptación aos novos hábitos de consumo de produtos audiovisuais, ao abeiro dos fondos NextGenerationEU e do Mecanismo de recuperación e resiliencia do Regulamento (UE) nº 2021/241, e convocalas para o ano 2022 (código de procedemento CT207M).

1.2. As actuacións subvencionables con cargo a estas axudas estarán financiadas no 100 % polos fondos NextGenerationEU, a través dos créditos orzamentarios da Axencia Galega das Industrias Culturais do ano 2022, polo que deberán cumprirse as obrigas específicas e demais disposicións que se establecen ao respecto nestas bases reguladoras.

Cando as persoas beneficiarias destas axudas sexan entidades xurídicas privadas, será de aplicación a normativa comunitaria en materia de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea.

2. Entidades beneficiarias.

2.1. Poderán ser beneficiarias das subvencións as persoas físicas (autónomas) e persoas xurídicas privadas con domicilio ou sucursal en Galicia ou nun territorio membro da Unión Europea ou asociado ao Espazo Económico Europeo, que teñan como obxecto social a exhibición comercial de películas cinematográficas e estean dadas de alta na epígrafe 963.1 do imposto de actividades económicas no momento da publicación da presente convocatoria e que sexan titulares ou posuidoras, por calquera título válido en dereito da sala ou salas de exhibición cinematográfica situadas na Comunidade Autónoma de Galicia.

2.2. Poderán ser beneficiarias das subvencións aquelas agrupacións de titulares e/ou posuidoras, por calquera título válido en dereito, de exhibición cinematográfica situadas na Comunidade Autónoma, sempre que se constitúan como agrupación, todos os membros cumpran cos requisitos necesarios para obter a condición de persoa beneficiaria e designen unha persoa representante con capacidade para actuar en nome e por conta de todas as persoas titulares ou arrendatarias que conformen a agrupación.

3. Solicitudes.

3.1. Para poder ser persoa beneficiaria das subvencións deberá presentarse unha solicitude axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo II desta resolución, que irá acompañada dos documentos que se especifican no artigo 10 das bases reguladoras.

3.2. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes desde o día seguinte ao da publicación da correspondente convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

4. Prazo de duración do procedemento de concesión.

As solicitudes serán tramitadas de acordo co procedemento de concorrencia competitiva, que non poderá ter unha duración superior aos 5 meses contados a partir do día seguinte ao da presentación da solicitude.

5. Información ás persoas interesadas.

5.1. Sobre este procedemento administrativo poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Axencia Galega das Industrias Culturais, a través dos seguintes medios:

a) Páxina web oficial da Axencia Galega das Industrias Culturais: http://agadic.gal

b) Os teléfonos 881 99 60 77/881 99 60 78.

c) No enderezo electrónico agadic@xunta.gal

d) Persoalmente.

e) Na guía de procedementos e servizos administrativos no enderezo http://sede.xunta.gal/guia-de-procedementos-e-servizos

5.2. Así mesmo, para cuestións xerais sobre este procedemento, poderá facerse uso do teléfono de información xeral da Xunta de Galicia 012.

5.3. De acordo co establecido no artigo 14, letra ñ), da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as entidades beneficiarias quedan informadas da existencia do Rexistro Público de Subvencións.

6. Réxime de recursos.

Esta resolución pon fin á vía administrativa e contra ela poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante o presidente do Consello Reitor da Axencia Galega das Industrias Culturais, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

b) Recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao de publicación da resolución, de conformidade co disposto no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela.

7. Base de datos nacional de subvencións.

En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo será comunicado á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación.

Santiago de Compostela, 25 de maio de 2022

Román Rodríguez González
Presidente da Axencia Galega das Industrias Culturais

ANEXO I

Bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, a salas de exhibición cinematográfica establecidas en Galicia para proxectos de innovación, funcionamento dixitalizado e sustentable, creación e fidelización de públicos e adaptación aos novos hábitos de consumo audiovisual, ao abeiro dos fondos NextGenerationEU e do Mecanismo de recuperación e resiliencia do Regulamento (UE) nº 2021/241, e convocatoria para o ano 2022 (código de procedemento CT207M)

Artigo 1. Obxecto, finalidade e principios de xestión

1. Estas bases teñen por obxecto determinar as condicións polas cales se regulará a concesión de axudas da Axencia Galega das Industrias Culturais para impulsar proxectos dirixidos a innovar e mellorar o funcionamento dixitalizado e sustentable das salas de exhibición cinematográfica establecidas en Galicia, e fomentar medidas de captación de público e de adaptación aos novos hábitos de consumo audiovisual nestes espazos, ao abeiro dos fondos NextGenerationEU e do Mecanismo de recuperación e resiliencia do Regulamento (UE) nº 2021/241, e convocalas para o ano 2022 (código de procedemento CT207M).

2. Estas subvencións serán tramitadas e concedidas en réxime de concorrencia competitiva e de acordo cos seguintes principios de xestión:

a) Publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación.

b) Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Administración outorgante.

c) Eficiencia na asignación de efectivos e na utilización de recursos públicos.

3. Estas subvencións son incompatibles co financiamento doutros fondos estruturais da UE ou outras axudas da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, e dos seus organismos dependentes para o mesmo proxecto, pero compatibles con outras axudas do resto dos departamentos da Xunta de Galicia e organismos dependentes, así como doutras administracións públicas e entidades públicas ou privadas, e con outros ingresos ou recursos para a mesma finalidade.

4. Estas axudas son compatibles co mercado interior segundo o disposto no artigo 107, parágrafo 3, do Tratado, de conformidade co disposto no artigo 53 do Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación cos artigos 107 e 108.

5. En ningún caso a suma dos importes das axudas concedidas ao amparo desta resolución poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas, ingresos ou recursos doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo da actividade subvencionada, segundo establece o artigo 17.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 2. Entidades beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias das subvencións as persoas físicas (autónomas) e persoas xurídicas privadas con domicilio ou sucursal en Galicia ou nun territorio membro da Unión Europea ou asociado ao Espazo Económico Europeo, que cumpran os seguintes requisitos:

a) Ter social ou estatutariamente como obxecto social a exhibición comercial de películas cinematográficas, no suposto de persoas xurídicas.

b) Estar dadas de alta no imposto de actividades económicas, na epígrafe 963.1, no momento da publicación da presente convocatoria.

c) Ser titulares ou posuidoras, por calquera título válido en dereito, da sala ou salas de exhibición cinematográfica situadas na Comunidade Autónoma de Galicia, de conformidade coa definición que destes establecementos se determina no Decreto 124/2019, do 5 de setembro, polo que se aproba o Catálogo de espectáculos públicos, actividades recreativas e establecementos abertos ao público e se establecen determinadas disposicións xerais de aplicación na materia (punto III.1.1 do anexo).

2. Poderán ser beneficiarias as agrupacións de titulares e/ou arrendatarios de salas de exhibición cinematográfica situadas na Comunidade Autónoma, sempre que:

a) Presenten, coa solicitude da axuda, o documento de constitución da agrupación onde deberá constar o nivel de participación de cada membro, así como os dereitos e obrigacións.

b) Todos os membros da agrupación reúnan os requisitos necesarios para obter a condición de persoas beneficiarias.

c) Designen unha persoa representante con capacidade para actuar en nome e por conta de todos os titulares ou arrendatarios que conforman a agrupación. A dita persoa será aquela integrante da agrupación que asuma o maior compromiso de execución de gasto ou que resulte designada entre todos os membros cando a porcentaxe de execución sexa equitativa.

d) A persoa representante deberá asumir a realización dos trámites relacionados coa presentación da solicitude, o cumprimento das obrigas derivadas do outorgamento da subvención e a súa xustificación.

e) A agrupación non se poderá disolver ata que transcorresen os prazos de prescrición para o reintegro e infraccións, se é o caso, previstos nos artigos 39 e 65 da Lei 38/2003, do 17 de novembro.

3. De acordo co artigo 2, punto 18, do Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, nesta convocatoria poderán ser beneficiarias as empresas que non se atopaban en crise no momento da presentación da solicitude, circunstancia que será comprobada pola Agadic.

4. A presente convocatoria non será aplicable ás empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión previa da Comisión que declarase unha axuda ilegal e incompatible co mercado interior.

5. Non poderán obter a condición de beneficiarias destas subvencións as persoas ou entidades públicas ou privadas en que concorra algunha das circunstancias ou prohibicións indicadas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, así como nos puntos 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A acreditación de non estar incursas nas devanditas prohibicións realizarase mediante declaración responsable do interesado, que figura no anexo II desta convocatoria.

6. Non poderán acceder a estas axudas as seguintes persoas titulares ou arrendatarias de salas de exhibición:

a) Titulares de salas X.

b) As que teñan a súa residencia fiscal en países e territorios considerados paraísos fiscais no Real decreto 1080/1991, do 5 de xullo, polo que se determinan os países e territorios aos que se refiren o artigo 2 da Lei 17/1991, de medidas fiscais urxentes, e 62 da Lei 31/1990, do 27 de decembro, de orzamentos xerais do Estado para 1991.

Artigo 3. Financiamento

1. Estas subvencións, que teñen carácter plurianual, financiaranse cun crédito total de 843.697,42 euros, imputables á aplicación orzamentaria 10.A1.432B 770.1, da Axencia Galega das Industrias Culturais, do código de proxecto 2021 00004, coa seguinte distribución.

Anualidade 2022

421.848,71 €

Anualidade 2023

421.848,71 €

2. Os importes previstos poderán ser incrementados ao longo do exercicio, nos supostos establecidos no artigo 31.2 da Lei de subvencións de Galicia e tras declaración previa de dispoñibilidade de crédito, logo da modificación orzamentaria que proceda e sempre antes da resolución de concesión. Se é o caso, a ampliación de crédito deberase publicar nos mesmos medios que esta convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver. A alteración da distribución establecida nesta convocatoria non precisará de nova convocatoria.

3. No caso de existiren solicitudes que non alcancen o dereito á subvención por esgotamento do crédito orzamentario dispoñible, pasarán a formar unha lista de espera composta polas entidades solicitantes que poderían ser susceptibles de recibir a axuda se se produce un incremento de crédito, ben por dispoñer do crédito por producirse algunha renuncia ou modificación nos proxectos inicialmente propostos ou ben por incremento orzamentario inicialmente destinado a esta liña de axudas.

4. Estas axudas están financiadas ao 100 % polos fondos NextGenerationEU a través do Mecanismo europeo de recuperación e resiliencia establecido polo Regulamento (UE) nº 2020/2094 do Consello, do 14 de decembro de 2020, polo que se establece un Instrumento de recuperación da Unión Europea para apoio da recuperación tras a crise da COVID-19, e regulado segundo o Regulamento (UE) nº 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, polo que se establece o Mecanismo de recuperación e resiliencia. O dito financiamento queda legalmente vinculado á realización das actuacións subvencionadas, medidas integradas no Plan de recuperación, transformación e resiliencia de España.

Artigo 4. Contías máximas e intensidade das axudas

1. A contía máxima da subvención corresponderase co número de pantallas da sala de exhibición cinematográfica e queda establecida como segue:

Número de pantallas

Importe máximo

1

21.600 €

2

24.000 €

3

26.400 €

4

28.800 €

5

31.200 €

6

33.600 €

7

36.000 €

8

38.400 €

9

40.800 €

10

43.200 €

11

45.600 €

12

48.000 €

13

50.400 €

14

52.800 €

15

55.200 €

2. A intensidade máxima da axuda será do 80 % do gasto subvencionable.

Artigo 5. Actividades subvencionables

1. Estas axudas están destinadas a cubrir o investimento vinculado aos tres eixes de acción principais que se relacionan a continuación, xunto coas actividades elixibles que se especifican:

Eixe 1. Dixitalización e aplicación de novas tecnoloxías á actividade das salas de exhibición

a) Estudos de viabilidade de proxectos de transformación dixital.

b) Comunicación e márketing dixital.

c) Actualización de sistemas de ticketing.

d) Modernización de sistemas dixitais de proxección, audio e conectividade, incluíndo aqueles dirixidos a persoas con discapacidade.

e) Aplicación de intelixencia artificial e big data.

f) Dixitalización doutros servizos.

Eixe 2. Adopción de medidas de desenvolvemento sustentable e impacto ambiental positivo.

a) Estudos dirixidos a identificar posibles melloras en áreas relacionadas coa sustentabilidade, a eficiencia enerxética da empresa, a economía circular e o desenvolvemento de plans de acción.

b) Capacitación e implantación de modelos de xestión baseados en economía circular.

c) Investimentos dirixidos a aumentar a eficiencia enerxética.

d) Investimentos para a utilización de fontes renovables e xeración de electricidade para autoconsumo.

e) Investimentos en sistemas de xestión de residuos e mellora dos sistemas de reciclaxe.

f) Formación ao persoal en eficiencia enerxética e xestión de residuos.

g) Outras iniciativas de desenvolvemento sustentable.

Eixe 3. Fidelización e captación de públicos, innovación na programación e na circulación de producións europeas e en linguas oficiais de España.

a) Programación de películas que contribúan a aumentar a diversidade da oferta cinematográfica: cinema europeo, cinema iberoamericano, cinema en versión orixinal, incluíndo aquel en calquera lingua cooficial de España, cinema de dirección novel, cinema dirixido por mulleres, cinema de animación, cinema documental e todas aquelas obras cinematográficas que teñan a consideración de «obra audiovisual difícil» segundo o Real decreto 1084/2015, do 4 de decembro, polo que se desenvolve a Lei 55/2007, do 28 de decembro, do cinema, modificado polo Real decreto 1090/2020, do 9 de decembro.

b) Programacións especiais ou regulares de cinema de autoría e/ou produción galega.

c) Prácticas e procesos de promoción e fidelización de públicos innovadores por salas ou redes de salas, como poden ser proxectos dixitais colectivos de interacción con públicos, xestión de datos, sistemas de subscrición, novos servizos en liña, colaboracións con plataformas e outros axentes da industria audiovisual.

d) Actividades vinculadas a programas escolares, educativos ou de integración social e/ou cultural.

e) Campañas de márketing de asistencia ao cinema, xerais ou dirixidas a grupos particulares de poboación.

f) Campañas de promoción de películas europeas, iberoamericanas, en linguas cooficiais españolas, realizadas por mulleres, que conten co distintivo de «especialmente recomendadas para o fomento da igualdade de xénero», realizadas por directores noveis, que sexan «especialmente recomendadas para o público infantil e xuvenil» ou consideradas «obras audiovisuais difíciles» segundo o Real decreto 1084/2015, do 4 de decembro, polo que se desenvolve a Lei 55/2007, do 28 de decembro, do cinema, modificado polo Real decreto 1090/2020, do 9 de decembro.

g) Proxectos para o desenvolvemento de comunidades de públicos centrados na inclusión e en favorecer o acceso ao cinema.

h) Desenvolvemento de actividades para captación de públicos, podendo incluír talleres e seminarios de formación, desenvolvemento de software e programas de educación e aprendizaxe.

i) Desenvolvemento de actividades profesionais que teñan como obxectivo a creación, fidelización e incremento de públicos para as salas.

2. En cumprimento do disposto no Regulamento (UE) nº 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, polo que se establece o Mecanismo de recuperación e resiliencia e a súa normativa de desenvolvemento, todos os proxectos de investimento deben de respectar o «principio de non causar un prexuízo significativo ao ambiente» (principio DNSH, Do No Significant Harm) e as condicións da etiquetaxe climática e dixital. Iso inclúe o cumprimento das condicións específicas asignadas previstas nos compoñentes 24 e 25, así como nos investimentos en que se enmarcan os devanditos proxectos, tanto no referido ao principio DNSH como á etiquetaxe climática e dixital.

Artigo 6. Gastos subvencionables

1. Terán a consideración de gastos subvencionables, de acordo co establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aqueles gastos que, de maneira indubidable, responden á natureza da actividade subvencionada. Eses gastos deberán responder á realización dunha ou varias das accións elixibles descritas no punto 1 do artigo 5 destas bases, ser estritamente necesarios para o desenvolvemento do proxecto presentado e estar realizados e pagados entre o día seguinte ao da publicación da convocatoria e o 20 de abril de 2023. O período subvencionable abrangue, así, desde a solicitude ata o 20 de abril de 2023.

Exceptúanse do devandito prazo aqueles gastos cuxos pagamentos deban efectuarse nun momento posterior por axustarse aos calendarios de recadación, como os ingresos á conta do IRPF ou cotas de seguros sociais liquidados con posterioridade á data de xustificación. A entidade subvencionada quedará obrigada a presentar os documentos acreditativos do seu pagamento antes de finalizar o mes en que á persoa beneficiaria lle corresponde liquidar eses gastos.

2. O gasto derivado das actuacións que se encadran no eixe 1, Dixitalización e aplicación de novas tecnoloxías á actividade das salas de exhibición, do número 1 do artigo 3 desta convocatoria, deberá supoñer como mínimo o 25 % do orzamento total subvencionable.

3. Os gastos de persoal contratado especificamente para o desenvolvemento do proxecto subvencionado serán subvencionados integramente no seu custo e deberán ser congruentes coa categoría profesional que se require para o desenvolvemento da actividade ou actividades que se van realizar dentro do proxecto.

4. Serán gastos subvencionables con limitacións:

4.1. Os gastos ordinarios correspondentes ás retribucións do persoal laboral fixo dependente das persoas e entidades beneficiarias, que non poderán superar o 20 % do importe da axuda concedida. Deberá tratarse de gastos directamente relacionados co desenvolvemento da actividade subvencionada, indicando que porcentaxe do horario de traballo se corresponde co proxecto subvencionado.

3.2. Os gastos xerais (aluguer, subministracións, comunicacións, informática etc.), que non poderán superar o 10 % da axuda concedida. Deberá tratarse gastos directamente relacionados co desenvolvemento da actividade subvencionada.

4. Non serán subvencionables os seguintes gastos:

a) Investimentos periódicos (mellora ou substitución de consumibles comúns, salvo os relacionados coa sustentabilidade).

b) Custos de capital que cubran as reparacións de inmobles.

c) Eventos non relacionados coa exhibición e promoción de películas.

5. Así mesmo, non serán subvencionables, de conformidade co disposto no artigo 29.7 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, os gastos relativos a:

– Xuros debedores das contas bancarias.

– Imposto sobre o valor engadido, así como os impostos de natureza similar que sexan recuperables pola entidade.

– Calquera outro non vinculado directamente coa actividade obxecto de subvención.

6. O orzamento de gastos do proxecto presentarase segundo o modelo recollido no anexo V desta convocatoria. No devandito anexo detallarase, ademais, o plan económico-financeiro do proxecto cos ingresos e achegas para levalo a cabo. Ambas as cantidades, orzamento de ingresos e orzamento de gastos, deberán coincidir.

Artigo 7. Subcontratación

1. Para efectos destas bases, enténdese que unha persoa beneficiaria subcontrata cando concerta con outros a execución total ou parcial da actividade subvencionable. Para determinar a existencia de subcontratación, atenderase ao obxecto social con que se pretenda contratar a actividade.

2. En materia de subcontratación, observarase o establecido no artigo 27.2 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e no artigo 43 do Decreto 11/2009, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, que establecen que unicamente se subcontratará total ou parcialmente a actividade subvencionada cando a normativa reguladora da subvención así o prevexa e no caso de que en tal previsión non figure ata o 50 % do seu importe.

3. En ningún caso poderán subcontratarse actividades que, aumentando o custo do proxecto subvencionado, non acheguen valor engadido ao seu contido e nos supostos establecidos no artigo 27.7 da Lei 9/2007:

a) Persoas ou entidades incursas nalgunha das prohibicións do artigo 10 da Lei 9/2007.

b) Persoas ou entidades que percibisen outras subvencións para a realización da actividade obxecto de contratación.

c) Intermediarios ou asesores en que os pagamentos se definan como unha porcentaxe de custo total da operación, agás que o devandito pagamento estea xustificado con referencia ao valor de mercado do traballo realizado ou dos servizos prestados.

d) Persoas ou entidades vinculadas coa persoa beneficiaria, agás que a contratación se realice de acordo coas condicións normais de mercado e que se obteña a autorización previa do órgano concedente nos termos que se fixen nestas bases reguladoras.

e) Persoas ou entidades solicitantes de axuda ou subvención na mesma convocatoria e programa que non obtivesen subvención por non reuniren os requisitos ou non alcanzaren a valoración suficiente.

Artigo 8. Presentación das solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

2. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude de maneira presencial, será requirida, para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Artigo 9. Prazo para presentar as solicitudes e emenda

1. O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes desde o día seguinte ao da publicación da correspondente convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

2. Se a solicitude non estivese debidamente cuberta, non se achegase a documentación exixida ou non se reunisen os requisitos sinalados na normativa da convocatoria ou os que, con carácter xeral, se indican na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, a persoa interesada será requirida para que no prazo de 10 días hábiles, contados desde o día seguinte ao da notificación do requirimento, emende o defecto advertido, a falta detectada ou presente os documentos preceptivos, e indícase ademais que, de non facelo, se considerará que desiste na súa petición, despois de resolución que declarará esta circunstancia e que deberá ser ditada nos termos previstos na lei.

Artigo 10. Documentación complementaria

1. As entidades solicitantes deberán enviar xunto coa súa solicitude (anexo II) a seguinte documentación complementaria:

1.1. Documentación administrativa:

1.1.1. Certificado do acordo social da solicitude da axuda ou da autorización da persoa que a asine en nome da entidade, se a persoa solicitante é persoa xurídica.

1.1.2. Estatutos rexistrados e escrituras de constitución inscritos no Rexistro Mercantil ou no que corresponda, se a persoa solicitante é persoa xurídica.

1.1.3. Documentación que acredite suficientemente a representación de quen asina a solicitude.

1.1.4. No suposto de agrupación de entidades, nomeamento do representante ou apoderado legal único, con poder suficiente para cumprir as obrigas que, como persoa beneficiaria, lle corresponden á entidade e o compromiso de non disolución destas ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 35 e 63 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

1.1.5. Copia da escritura de propiedade, contrato de alugamento ou outros documentos válidos en dereito que mostre a dispoñibilidade da sala por parte da persoa solicitante.

1.2. Documentación específica:

1.2.1. Ficha resumo coa memoria técnica do proxecto e da empresa ou entidade privada (anexo III), en que se especifiquen os aspectos que se recollen nos criterios de valoración das presentes bases.

1.2.2. Orzamento de gastos do proxecto (anexo V).

1.2.3. Documentación acreditativa das películas de produción galega exhibidas no período 2019-2021.

1.2.4. Documentación acreditativa das películas en versión orixinal galega exhibidas no período 2019-2021.

1.2.5. Documentación acreditativa da porcentaxe de películas de produción europea ou iberoamericana exhibidas no período 2019-2021.

1.2.6. Documentación acreditativa da porcentaxe de películas en idioma estranxeiro exhibidas na súa versión orixinal de rodaxe no período 2019-2021.

1.3. Autoavaliación dos criterios de valoración (anexo VII).

2. Achegaranse as seguintes declaracións responsables recollidas no anexo II:

2.1. Declaración responsable de ausencia de conflito de intereses (DACI) en relación coa prevención, detección e corrección da fraude, a corrupción e os conflitos de intereses que establece a normativa española e europea e os pronunciamentos que, respecto da protección dos intereses financeiros da Unión, realizasen ou poidan realizar as institucións da Unión Europea.

2.2. Declaración responsable de cesión e tratamento de datos en relación coa execución de actuacións do Plan de recuperación, transformación e resiliencia (PRTR), establecida no artigo 8 da Orde HFP/1030/2021, do 29 de setembro, para a identificación do perceptor final de fondos.

2.3. Declaración responsable de compromiso coa execución de actuacións do Plan de recuperación, transformación e resiliencia (PRTR), entre as que se atopan os estándares máis exixentes en relación co cumprimento das normas xurídicas, éticas e morais, adoptando as medidas necesarias para previr e detectar a fraude, a corrupción e os conflitos de intereses, así como o principio de non causar un prexuízo significativo ao ambiente (DNSH).

2.4. Declaración responsable, no caso das empresas que resultasen beneficiarias dos préstamos ou anticipos con cargo ao Mecanismo de recuperación e resiliencia en exercicios anteriores, de estar ao día no pagamento das obrigacións de reembolso de calquera outro préstamo ou anticipo concedido anteriormente con cargo aos créditos especificamente consignados para a xestión destes fondos nos orzamentos xerais do Estado.

2.5. Declaración responsable de que os datos contidos nesta solicitude e nos documentos que se achegan son certos, e acepta as condicións e obrigas recollidos para cada liña de axudas nesta convocatoria.

2.6. Declaración responsable de que non está incurso en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

2.7. Declaración responsable de que non está incurso en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2.8. Declaración responsable de que está ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 9 do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e de reembolso de préstamos ou anticipos concedidos con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma.

2.9. Declaración responsable de que o solicitante coñece que os provedores non poderán estar asociados nin vinculados coa entidade solicitante ou cos seus órganos directivos ou xestores, e que non concorre neles ningunha das prohibicións recollidas no artigo 27.7 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, nin no artigo 43 do Regulamento que desenvolve a citada lei, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, tendo en conta, ademais, o disposto no Regulamento (UE) nº 651/2014 sobre empresas vinculadas.

2.10. Declaración responsable de que ten capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir os obxectivos do proxecto para o cal solicita a axuda.

2.11. Declaración responsable de que cumprirá a normativa comunitaria, estatal e autonómica de aplicación.

2.12. Declaración responsable de non consideración de empresa en crise no momento de presentación da solicitude nin estar suxeita a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión previa da Comisión que declarase unha axuda ilegal e incompatible co mercado interior. Con todo, a Axencia Galega das Industrias Culturais utilizará os medios que considere oportunos para a súa verificación e requirirá ao solicitante, se for necesario, os documentos oportunos.

3. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa foron achegados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os devanditos documentos que serán obtidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada. De forma excepcional, se non se puideron obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

4. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda.

5. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

6. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

7. No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 11. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 12. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento, consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta.

– DNI ou NIE da persoa solicitante.

– NIF da persoa xurídica solicitante.

– DNI ou NIE da persoa representante.

– Certificado de estar dado de alta no imposto de actividades económicas, na epígrafe/subepígrafe que corresponda, no exercicio actual.

– Certificado de estar ao día das obrigas tributarias coa Axencia Estatal de Administración Tributaria.

– Certificado de estar ao día no pagamento á Seguridade Social.

– Certificado de estar ao día no pagamento das débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

– Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

– Consulta de concesión de subvencións e axudas.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos. Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 13. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 14. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 15. Instrución do procedemento

1. A Dirección da Agadic, directamente ou a través dos seus servizos administrativos, actuará como órgano instrutor do procedemento, nos termos previstos no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e correspóndelle realizar de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos cales se debe pronunciar a resolución. En particular, terá atribuídas especificamente as seguintes funcións:

1.1. Examinar as solicitudes e documentación presentadas.

1.2. Requirir das persoas solicitantes a emenda ou achega da documentación que resulte de obrigado cumprimento.

1.3. Formular a proposta de resolución, debidamente motivada.

2. Co fin de facilitar unha mellor avaliación das solicitudes, poderáselles pedir información complementaria ás persoas interesadas, así como a outros servizos da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, ou aos profesionais ou expertos consultados.

En todo caso, a Dirección da Agadic poderá requirir as persoas solicitantes para que proporcionen calquera información aclaratoria que resulte necesaria para a xestión da súa solicitude.

Sen prexuízo das facultades que teñan atribuídas outros órganos da Administración do Estado ou da Comunidade Autónoma, a Dirección da Agadic e as unidades administrativas encargadas da tramitación e seguimento do expediente respectivo poderán comprobar en todo momento a aplicación das subvencións concedidas aos fins programados, e levará a cabo as funcións de control, así como de avaliación e seguimento dos labores e demais actuacións que deriven destas bases.

Artigo 16. Comisión de Valoración

1. O director da Agadic nomeará as persoas, con asignación de funcións, que formarán parte das dúas comisións de valoración que se constituirán para a avaliación das solicitudes e proxectos presentados. Estas comisións terán a consideración de órganos colexiados e seralles de aplicación a sección 3ª da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

2. A Comisión de Avaliación dos criterios automáticos estará formada por tres persoas do cadro de persoal da Agadic que realizarán as funcións de presidente, vogal e secretario, quen actuará con voz pero sen voto.

3. A Comisión de Avaliación dos criterios técnicos está formada por catro persoas: dúas persoas técnicas profesionais vinculadas ao mundo cultural con coñecementos e cualificación profesional acorde co obxecto das axudas e dúas persoas do cadro de persoal da Agadic. Destas catro persoas que forman a comisión, unha delas realizará as funcións de presidente da comisión e a responsabilidade da secretaría da comisión, con voz pero sen voto, recaerá nunha das dúas persoas do cadro de persoal da Agadic.

4. A condición de persoa membro da comisión ten carácter persoal e non pode actuar por delegación nin ser substituída en ningún caso. As persoas que formen parte da comisión declararán por escrito non ter relación coas persoas solicitantes ou, se é o caso, cos partícipes das persoas xurídicas solicitantes na correspondente convocatoria e absteranse se se da algunha das circunstancias do artigo 23 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

5. A avaliación das solicitudes presentadas farase en dúas fases. A primeira será a avaliación dos criterios automáticos establecidos no artigo 17 e a segunda fase será a avaliación dos criterios técnicos. Estas comisións poderán solicitar das persoas beneficiarias cantos datos e acreditacións xulguen necesarios para unha máis correcta avaliación dos proxectos.

6. A Comisión de Valoración técnica, previamente á cualificación das solicitudes, elaborará unha acta concretando os criterios técnicos definidos nestas bases para aplicalos de maneira semellante e obxectiva. Así mesmo, tras a súa avaliación deixarase constancia documental cun informe da motivación das puntuacións.

7. Finalizadas as avaliacións, as dúas comisións reuniranse para poñer en común o resultado de cada unha das fases e emitirán un informe conxunto relacionando os proxectos examinados por orde de prelación e indicarán a puntuación asignada a cada un deles.

Artigo 17. Criterios de valoración

1. Os proxectos valoraranse atendendo á relevancia dos aspectos que se describen a continuación:

Criterios automáticos

Puntos

Máx. 40

1. Programación de longametraxes de produción galega tomando como referencia os últimos tres anos.

6

a) Un mínimo de 3 títulos

2

b) Un mínimo de 6 títulos

3

c) Un mínimo de 8 títulos

6

2. Programación de longametraxes en versión orixinal galega, tomando como referencia os últimos tres anos.

6

a) Un mínimo de 2 títulos

1

b) Un mínimo de 4 títulos

3

c) Un mínimo de 6 títulos

6

3. Porcentaxe de programación de cinema europeo e iberoamericano sobre a programación total, tomando como referencia os últimos tres anos.

6

a) Do 10 % ao 20 %

2

b) Do 21 % ao 40 %

4

c) máis do 40 %

6

4. Número de habitantes do concello onde se sitúa o espazo.

6

a) Menos de 5.000 habitantes

6

b) Entre 5.001 e 20.000 habitantes

4

c) Entre 20.001 e 50.000 habitantes

2

d) Máis de 50.001 habitantes

1

5. Emprego. Cadro de persoal estable durante o período 2019-2021.

6

a) Entre 2 e 4 traballadores

2

b) Entre 5 e 10 traballadores

4

c) Máis de 11 traballadores

6

6. Emprego feminino. Porcentaxe de emprego feminino sobre o cadro de persoal estable.

4

a) Entre o 10 e o 20 % do emprego é feminino

1

b) Entre o 21 e o 40 % do emprego é feminino

2

c) Máis do 40 % do emprego é feminino

4

7. Porcentaxe de axuda con respecto ao orzamento presentado.

6

a) Ata o 30 %

6

b) Máis do 30 % ata o 50 %

4

c) Máis do 50 % ata o 75 %

2

Criterios técnicos

Puntos

Máx. 20

1. Relevancia do proxecto e incidencia en termos de dixitalización e sustentabilidade

Ata 6

Terase en conta o carácter innovador do proxecto e a súa incidencia nas prácticas ou procesos habituais da sala, a mellora en termos de dixitalización e sustentabilidade, o potencial para fomentar as relacións con outros axentes da cadea de valor do cinema e o potencial para fomentar as relacións con outros sectores da industria cultural ou doutros sectores económicos.

2. Impacto nas audiencias, na inclusión e no reto demográfico

Ata 6

Terase en conta a capacidade do proxecto para achegar o cinema a novas audiencias. Valorarase o compromiso coa inclusión de persoas con discapacidade e coa captación e participación do público máis novo e das persoas maiores. Tamén se terá en conta o potencial do proxecto para aumentar os beneficios sociais dos colectivos destinatarios da actividade e a oferta cultural na súa contorna.

3. Impacto na diversidade da oferta cinematográfica

Ata 4

Valorarase a contribución do proxecto para aumentar a circulación de películas que precisan de impulso en termos de diversidade, entre o que se atopa o cinema realizado por mulleres, o cinema de animación, as películas documentais e aqueles xéneros e formatos que non constitúen unha opción maioritaria nas carteleiras. Tamén se terá en conta a incidencia do proxecto na mellora da experiencia cinematográfica dos espectadores.

4. Viabilidade técnica e económica do proxecto

Ata 4

Valorarase a coherencia entre os obxectivos propostos e os medios para desenvolver e levar a cabo o proxecto.

Artigo 18. Resolución

1. Concluído o trámite, o órgano instrutor, á vista do expediente, elaborará a proposta de resolución definitiva en que indicará o número de solicitudes susceptibles de ser subvencionadas e o importe económico de subvención que corresponde a cada unha delas, que se determinará en función das dispoñibilidades orzamentarias, o orzamento do proxecto, o importe solicitado e a puntuación derivada da aplicación dos criterios de valoración. Esta proposta, que debe estar debidamente motivada, será elevada á Presidencia da Agadic para ditar a resolución de concesión definitiva.

2. O presidente da Agadic deberá ditar resolución expresa, no prazo de 15 días desde a data de elevación da proposta de resolución.

A citada resolución deberase ditar e notificar no prazo máximo de cinco meses, contado desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria pública no Diario Oficial de Galicia, en caso contrario entenderanse desestimadas as solicitudes. A resolución será motivada e expresará, cando menos:

a) A relación de entidades beneficiarias da axuda.

b) O importe global da axuda para cada entidade.

c) A lista de solicitudes denegadas, xunto coa súa causa de denegación.

d) A desestimación expresa do resto das solicitudes.

e) O carácter de axuda co financiamento do Plan de recuperación e resiliencia con fondos da Unión Europea.

Artigo 19. Réxime de recursos

As resolucións ditadas ao abeiro desta convocatoria poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante o presidente do Consello Reitor da Axencia Galega das Industrias Culturais. O prazo para interpoñer o recurso de reposición será dun mes, se o acto for expreso ou desde o día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto. Transcorrido o devandito prazo, unicamente se poderá interpoñer recurso contencioso-administrativo, sen prexuízo, de ser o caso, do recurso extraordinario de revisión. Se o acto non for expreso, a persoa solicitante e outros posibles interesados poderán interpoñer recurso de reposición en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

b) Recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou de seis meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 20. Aceptación da subvención

1. Unha vez notificada a resolución, as persoas beneficiarias comunicarán á Agadic a aceptación por escrito da subvención concedida no prazo máximo de 10 días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución de concesión. Transcorrido este prazo sen comunicarse esta aceptación ou sen producirse manifestación expresa, entenderase como tacitamente aceptada.

2. A aceptación da axuda implica a aceptación de que o proxecto cumprirá co principio DNSH (principio de non causar prexuízo significativo ao ambiente) e as condicións de etiquetaxe climática e dixital, polo que adoptarán as medidas adecuadas para poder avaliar o devandito principio de conformidade coa Guía técnica sobre a aplicación do principio DNSH (2021/C58/01).

3. No expediente da subvención tamén se fará constar o informe do órgano instrutor en que conste que da información que ten no seu poder se desprende que as persoas beneficiarias cumpren os requisitos necesarios para acceder ás axudas.

Artigo 21. Obrigas das persoas beneficiarias

1. Sen prexuízo das demais obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como daqueloutras específicas que se indican nesta convocatoria, as persoas beneficiarias das subvencións concedidas ao abeiro desta resolución quedan obrigadas a:

a) Realizar a actividade que fundamenta a concesión da subvención e a acreditalo ante o órgano concedente, así como ao cumprimento dos requisitos, prazos e condicións establecidos nas normas reguladoras, na convocatoria e na resolución de concesión, e no documento no cal se establecen as condicións da axuda.

b) Xustificar ante a Axencia Galega das Industrias Culturais, de acordo co previsto nestas bases e na normativa reguladora de subvencións, o cumprimento dos requisitos e condicións, a realización da actividade e dos gastos subvencionables e o cumprimento da finalidade que determinan a concesión e desfrute da subvención.

c) Proceder ao reintegro, total ou parcial, da subvención percibida no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión e no resto de casos previstos na Lei 9/2007.

d) Subministrar á Administración, despois de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento das obrigas previstas na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

e) Cumprir coa normativa comunitaria, estatal e autonómica de desenvolvemento destas bases reguladoras.

f) Someterse ás actuacións de comprobación e control que deba efectuar o órgano concedente, ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma en relación coa subvención concedida, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, ás da autoridade de xestión, así como ás comprobacións da Comisión Europea, a Oficina Europea de Loita contra a Fraude (OLAF), o Tribunal de Contas da Unión Europea, e aos controis derivados do Plan nacional de recuperación, transformación e resiliencia, que se realicen a través de autoridades nacionais ou europeas, facilitando canta información e documentación lles sexa requirida.

g) Comunicar á Axencia Galega das Industrias Culturais a obtención de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos. O incumprimento do disposto neste artigo considerarase unha alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e poderá dar lugar a un procedemento de reintegro.

h) Desenvolver as actividades financiadas na Comunidade Autónoma de Galicia.

i) Solicitarlle á Axencia Galega das Industrias Culturais autorización para realizar aquelas modificacións no desenvolvemento das actuacións aprobadas que estean suxeitas a autorización previa. A realización de modificacións non autorizadas no orzamento subvencionable supoñerá a non admisión das cantidades desviadas.

j) Dar publicidade ás axudas recibidas nos contratos de servizos, así como en calquera outro convenio ou contrato relacionado coa execución da actuación, incluída a subcontratación, e en axudas, publicacións, conferencias, equipos, material inventariable e actividades de difusión de resultados financiadas con elas, mencionando expresamente a súa procedencia e o financiamento con fondos NextGeneration da Unión Europea. Ademais, deberán publicar a concesión da axuda na páxina web e mantela actualizada. Na páxina web deberán figurar, como mínimo, os obxectivos que se perseguen. Concretamente, na documentación, carteis, propaganda ou publicacións que se elaboren para a súa difusión pública deberá figurar o logotipo da Xunta de Galicia e a frase «Axencia Galega das Industrias Culturais», así como Financiado con cargo aos fondos da UE e o Plan de recuperación e resiliencia. Así mesmo, deberá informarse de que foi apoiado pola Xunta de Galicia.

As instrucións detalladas relativas ás obrigas de publicidade da axuda estarán á disposición na páxina web da Axencia Galega das Industrias Culturais (http://www.agadic.gal), na súa epígrafe de axudas.

2. Ao tratarse de subvencións cofinanciadas con fondos europeos do Mecanismo de recuperación e resiliencia, as persoas beneficiarias adquiren igualmente as obrigacións que se relacionan a continuación, de conformidade co establecido na normativa comunitaria e nacional aplicable como consecuencia deste financiamento:

a) As persoas beneficiarias terán a obrigación de achegar a información que permita ao órgano concedente medir a contribución da actividade subvencionada ao correspondente indicador.

b) As persoas beneficiarias deberán establecer mecanismos que aseguren que as actuacións que desenvolvan terceiros (subcontratacións) contribúen ao logro das actuacións previstas e que os devanditos terceiros acheguen a información que, se é o caso, sexa necesaria para determinar o valor dos indicadores de seguimento do Plan de recuperación, transformación e resiliencia.

c) Solicitarán, para efectos de auditoría e control do uso dos fondos e en formato electrónico, as categorías harmonizadas de datos recollidas no artigo 22.2.d) do Regulamento (UE) nº 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro.

d) As persoas beneficiarias deben cumprir coas obrigacións en materia de información, comunicación e publicidade previstas no artigo 34 do Regulamento (UE) nº 2021/241, relativo ao Mecanismo de recuperación e resiliencia, sobre o financiamento da Unión Europea das medidas incluídas no Plan de recuperación, transformación e resiliencia. En particular, nas medidas de información e comunicación das actuacións (carteis informativos, placas, publicacións impresas e electrónicas, material audiovisual, páxinas web, anuncios e insercións en prensa, certificados etc.), deberanse incluír os seguintes logos:

• O emblema da Unión Europea.

• Xunto co emblema da Unión, incluirase o texto «Financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU».

• Usaranse tamén os seguintes logos: teranse en conta as normas gráficas do emblema da Unión e as cores normalizadas establecidas no anexo II do Regulamento de execución 821/2014. Tamén se pode consultar a seguinte páxina web: http://publications.europa.eu/code/es/
es-5000100.htm e descargar distintos exemplos do emblema en: https://europa.eu/european-union/about-eu/symbols/flag_es. Todos os carteis informativos e placas deberán colocarse nun lugar ben visible e de acceso ao público.

e) As persoas beneficiarias deberán gardar a rastrexabilidade de cada un dos investimentos e actuacións realizadas, así como a correspondente documentación acreditativa destes durante 3 anos contados desde o último pagamento, de conformidade co artigo 132 do Regulamento (UE, Euratom) nº 2018/1046 do Parlamento Europeo e do Consello, do 18 de xullo de 2018, sobre as normas financeiras aplicables ao orzamento xeral da Unión, ao ser a contía máxima da axuda inferior a 60.000 euros. Someteranse ás medidas de control e auditoría recollidas no Regulamento (UE) nº 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, polo que se establece o Mecanismo de recuperación e resiliencia e no Regulamento (UE, Euratom) nº 2018/1046. En particular, deberán autorizar á Comisión, á OLAF, ao Tribunal de Contas Europeo e, cando cumpra, á Fiscalía Europea para exercer os dereitos que lles recoñece o artigo 129, número 1, do referido Regulamento financeiro.

f) As medidas cofinanciadas mediante os fondos europeos do Mecanismo de recuperación e resiliencia deberán respectar o principio de «non causar un prexuízo significativo» no sentido do artigo 17 do Regulamento (UE) nº 2020/852.

g) As persoas beneficiarias deberán asegurar a regularidade do gasto subxacente e a adopción de medidas dirixidas a previr, detectar, comunicar e corrixir a fraude e a corrupción, previr o conflito de intereses e o dobre financiamento.

h) As persoas beneficiarias serán responsables da fiabilidade e o seguimento da execución das actuacións subvencionadas, de maneira que poida coñecerse en todo momento o nivel de consecución de cada actuación e dos fitos e obxectivos que se estableceron respecto diso.

i) As persoas beneficiarias deberán asumir calquera outra obrigación comunitaria e nacional que resulte de aplicación por razón do financiamento do Mecanismo de recuperación e resiliencia.

Artigo 22. Modificación da resolución

1. As actuacións subvencionadas deben executarse no tempo e forma que se determinen nas resolucións de concesión, e débese obter a autorización previa da Axencia Galega das Industrias Culturais para realizar cambios no proxecto.

2. Cando xurdan circunstancias concretas que alteren as condicións técnicas ou económicas tidas en conta para a concesión da axuda, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión polo órgano concedente.

3. Tamén se poderá acordar a modificación da resolución de concesión por instancia da persoa beneficiaria se se cumpren os seguintes requisitos:

a) Que a modificación sexa autorizada expresamente polo órgano concedente.

b) Que a modificación non afecte os obxectivos perseguidos coa axuda, os seus aspectos fundamentais ou que fosen determinantes para a concesión da axuda, a determinación da persoa beneficiaria, nin dane dereitos de terceiros.

c) Que as modificacións obedezan a causas sobrevidas que non puideron preverse no momento da solicitude. Os novos elementos e circunstancias que motiven a modificación, de concorreren na concesión inicial, non poderían supoñer a denegación da subvención, nin poderán ser tidos en conta requisitos ou circunstancias que, debendo concorrer no momento en que se ditou a resolución, tivesen lugar con posterioridade a ela.

Permitiranse, sen necesidade de autorización previa polo órgano concedente, incrementos que non superen o 20 % dos conceptos subvencionables de axuda que figuren na resolución de concesión, sempre que se compensen con diminucións doutros, que non afecte custos de persoal, que non se supere o límite do 10 % para os gastos xerais e que non se altere o importe total da anualidade e da axuda no seu conxunto. A persoa beneficiaria deberá acreditar debidamente o cambio na documentación de xustificación presentada.

4. A solicitude de modificación debe ser formulada polo representante legal da entidade beneficiaria, expresando os motivos dos cambios que se propoñen e xustificando a imposibilidade de cumprir as condicións expostas na resolución de concesión.

Salvo naqueles supostos en que proceda a aplicación do establecido no artigo 59 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, non se admitirán cambios con data anterior á entrada en rexistro da solicitude de modificación.

5. O acto polo cal se acorde ou se denegue a modificación da resolución será ditado polo presidente da Axencia Galega das Industrias Culturais, logo da instrución do correspondente expediente, no cal se dará audiencia ao interesado. A autorización da modificación deberá realizarse de forma expresa, notificándolla ao interesado.

6. Para os efectos de facilitar a xestión do orzamento adxudicado, poderase solicitar unha redistribución entre as anualidades variando proporcionalmente a seguinte anualidade orzada.

Artigo 23. Renuncia

A renuncia á subvención poderase facer axustándose ao modelo que se publicará na páxina web da Axencia Galega das Industrias Culturais, así como por calquera outro medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 94 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. O presidente da Axencia Galega das Industrias Culturais ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 21 da devandita norma.

Artigo 24. Xustificación da subvención

1. A documentación correspondente á xustificación do investimento realizado presentarase de forma electrónica a través da Carpeta cidadá dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (http://sede.xunta.gal), segundo o modelo do anexo VI.

2. Tal e como dispón o artigo 46 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, cando o órgano administrativo competente para a comprobación das subvencións aprecie a existencia de defectos emendables nas xustificacións presentadas polas persoas beneficiarias poñerá no seu coñecemento esta circunstancia e concederalles un prazo de dez (10) días para a súa corrección. Igualmente, efectuarase un requirimento por parte da Agadic no suposto de resultado negativo da consulta cos seguintes organismos: Axencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT), Tesouraría Xeral da Seguridade Social e Axencia Tributaria Galega (Atriga).

3. No caso de que transcorrese o prazo establecido para a xustificación sen presentarse documentación ningunha, requirirase igualmente a persoa beneficiaria para que no prazo improrrogable de dez (10) días hábiles a presente. A presentación da xustificación no prazo adicional de dez (10) días non eximirá das sancións que, conforme a lei, correspondan.

4. Só serán computados para efectos de xustificación os gastos que fosen efectivamente pagados no momento da xustificación do gasto e así se acredite documentalmente, mediante facturas ou outros documentos de valor probatorio equivalente no tráfico mercantil, que teñan como destinataria a persoa beneficiaria e cuxo expedidor quede identificado nelas, así como mediante nóminas que estean emitidas pola entidade beneficiaria. As facturas e documentos xustificativos similares serán expedidos conforme o disposto na normativa reguladora das obrigas de facturación que resulte aplicable. En todos os supostos deberán presentarse facturas ou documentos xustificativos orixinais, acompañados da documentación acreditativa do pagamento, en concreto os extractos e certificacións bancarias que deixen constancia do pagamento dos gastos pola persoa beneficiaria.

5. O investimento xustificado ten que coincidir coa resolución de concesión da subvención, ou as modificacións autorizadas. Se a xustificación fose inferior ao investimento previsto, sempre que se manteña o cumprimento da finalidade da subvención, minorarase a concesión proporcionalmente ao investimento non xustificado. No caso de que non se xustifique a subvención en prazo, ou de que o executado non cumprise o fin para o cal se concedeu a subvención, quedaría anulada na súa totalidade.

6. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido ou a concorrencia dalgunha das causas de reintegro previstas no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, comportará a perda do dereito á cobranza total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro das cantidades percibidas, caso de habelas, e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia. Neste caso, a persoa titular da Dirección da Axencia Galega das Industrias Culturais ditará a oportuna resolución, nos termos do artigo 21.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

7. Os prazos para a xustificación son os seguintes:

Anualidade 2022: 20 de novembro.

Anualidade 2023: 20 de abril.

Artigo 25. Documentación xustificativa da subvención

1. Os documentos de xustificación deberán presentarse dentro do prazo establecido nestas bases reguladoras e, nese momento, os investimentos deben estar plenamente realizados, operativos e verificables.

2. A documentación xustificativa que ten que presentar a entidade beneficiaria é a seguinte:

a) Conta xustificativa composta de facturas e demais documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico-mercantil ou con eficacia administrativa pagados, en orixinal ou copias. Os gastos aparecerán desagregados por conceptos ou unidades de obra.

b) No caso dunha factura cuxo pagamento se xustifique mediante varios documentos de pagamento, cada un destes deberá facer referencia á factura á cal se imputa o pagamento.

c) A expedición das facturas e o seu contido axustaranse ao disposto no Real decreto 1619/2012, do 30 de novembro, polo que se aproba o Regulamento polo que se regulan as obrigas de facturación.

d) No caso de que o proxecto sexa financiado, ademais da subvención, con fondos propios ou outras subvencións ou recursos, deberá acreditarse na xustificación o importe, procedencia e aplicación de tales fondos, de conformidade co disposto no artigo 28.6 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, segundo o modelo de declaración de axudas (anexo IV).

e) De ser o caso, os tres orzamentos que se requiren en aplicación do artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

f) Certificados expedidos polos organismos competentes acreditados de estar ao día nas súas obrigas tributarias coa Axencia Tributaria Estatal e a Axencia Tributaria da Comunidade Autónoma, así como nas súas obrigas coa Seguridade Social e non ter débedas pendentes por ningún concepto con ningunha Administración pública, só no caso de que se opoña á consulta ou non preste consentimento expreso ao órgano xestor para solicitalos.

g) Documentación de realizar a publicidade adecuada (fotografías, carteis informativos, publicidade a través de páxina web etc.) que xustifique o cumprimento coas obrigas establecidas no artigo 23.2.d) destas bases.

h) Dossier fotográfico que reflicta o proxecto obxecto de subvención, co estado anterior ao investimento e o resultado final, de ser o caso.

i) Orzamento final do investimento realizado (anexo VI).

j) Declaración do cumprimento do principio de non causar un prexuízo significativo aos obxectivos ambientais (DNSH) (anexo VIII).

Non se admitirán supostos de autofacturación (facturas emitidas pola propia persoa beneficiaria da subvención).

As entidades provedoras non poderán estar vinculadas co organismo solicitante ou coa empresa beneficiaria final, ou cos seus órganos directivos ou xestores.

3. Considéranse documentos xustificativos do pagamento das facturas os seguintes:

1º. Xustificante bancario (transferencia bancaria, certificación bancaria, xustificante bancario do ingreso efectivo polo portelo), en que conste: o titular da conta desde a que se realiza a operación ou a persoa que realiza o ingreso efectivo, que debe coincidir en todo caso coa persoa beneficiaria da subvención, o receptor do pagamento (empresa ou autónomo) e o número de factura obxecto do pagamento.

2º. Efectos mercantís que permitan o pagamento aprazado (cheque, nota promisoria, letra de cambio): achegarase copia do efecto mercantil acompañada da documentación bancaria (extracto da conta da persoa beneficiaria, documento bancario acreditativo do pagamento do efecto etc.), en que conste claramente que o efecto foi efectivamente cargado na conta da persoa beneficiaria dentro do prazo de xustificación.

No caso de que non quede acreditado o concepto do gasto, deberá achegar, ademais, xustificante de recepción asinado e selado polo provedor en que se especifiquen o número de factura pagada, número e data do cheque e DNI/NIE/NIF e nome da persoa receptora da cobranza.

Tanto no caso do cheque nominativo como de nota promisoria, para os efectos de data de pagamento, estimarase a data de cargo na conta do extracto bancario. En ningún caso se considerará como data de pagamento efectivo a entrega do cheque ao provedor.

3º. Non se admitirán en ningún caso como xustificante os documentos acreditativos de pagamentos en metálico, nin os obtidos a través da internet se non están validados pola entidade bancaria ou se non dispoñen de códigos para a súa verificación por terceiros na sede electrónica da devandita entidade bancaria.

A data dos xustificantes de gasto e do pagamento debe ser posterior á data de solicitude de axuda e terá como límite para a súa validez e admisión o último día do prazo de xustificación previsto nas bases reguladoras.

En ningún caso a persoa beneficiaria poderá concertar a execución total ou parcial das actividades subvencionadas nos supostos previstos nas letras a), b) e c) do artigo 27.7 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 26. Pago da subvención

1. Para ter dereito ao pagamento da axuda deberá presentarse electronicamente, accedendo á Carpeta cidadá dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, a documentación xustificativa da subvención ademais dos formularios establecidos para o efecto antes do 15 de maio de 2023.

2. O pagamento das axudas farase efectivo a partir da data da resolución definitiva de concesión e realizarase coa condición de que se acreditase que a actividade foi executada de acordo co proxecto presentado e se xustifique correctamente o seu emprego e o cumprimento das obrigas establecidas na presente resolución, todo isto sen prexuízo do réxime de pagamentos anticipados ou pagamentos á conta, para o que se observará o establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o seu Regulamento aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

3. Pagamentos anticipados.

As entidades beneficiarias, unha vez ditada a resolución de concesión da subvención, poderán solicitar un anticipo de ata o 80 % da subvención concedida, en virtude do disposto no artigo 63.3 do Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, que establece que o Consello da Xunta poderá autorizar unha porcentaxe maior á determinada no decreto. A concesión do anticipo realizarase mediante resolución motivada.

4. Pagamentos á conta.

Poderanse realizar pagamentos á conta respondendo ao ritmo de execución do proxecto obxecto da subvención e logo de xustificación dos gastos conforme o establecido nestas bases para a xustificación, tal e como se establece no artigo 62.2 do Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

5. Constitución de garantías.

As persoas ou entidades beneficiarias que reciban pagamentos anticipados ou pagamentos á conta quedarán exoneradas de constituír as garantías previstas no Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, logo de aprobación do Consello da Xunta, de conformidade co seu artigo 67.4.

Artigo 27. Perda do dereito á cobranza da subvención

1. É causa de perda do dereito á cobranza da subvención o incumprimento da persoa beneficiaria da súa obriga de estar ao día das súas obrigas coa Facenda estatal e autonómica, e coa Seguridade Social.

2. Así mesmo, son causas de perda do dereito á cobranza da subvención as previstas como causas de reintegro se non se aboou a axuda.

3. O procedemento para declarar a perda do dereito á cobranza da subvención é o establecido para o reintegro.

Artigo 28. Causas de reintegro

1. A entidade beneficiaria deberá cumprir cos obxectivos, actividades e comportamentos que fundamenten a concesión da axuda, así como cos compromisos asumidos durante o tempo de duración da axuda. Pola contra, perderá o dereito á súa cobranza e/ou, de ser o caso, procederá ao reintegro da subvención.

2. Tamén deberá proceder ao reintegro total ou parcial da subvención e os xuros de demora correspondentes desde o momento do seu pagamento ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro nos supostos recollidos nos artigos 32 e seguintes da Lei 9/2007. Para facer efectiva esta devolución, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto na citada lei e no Decreto 11/2009.

3. Son causas de reintegro as seguintes:

a) O falseamento, inexactitude ou omisión dos datos fornecidos pola persoa beneficiaria que servisen de base para a concesión da axuda, ou a ocultación daqueles datos que a impedisen.

b) O incumprimento total ou parcial do obxectivo, actividade, tarefas, compromisos ou condicións do proxecto inicial ou da finalidade para a cal a axuda foi concedida.

c) O incumprimento da obriga de xustificación, xustificación insuficiente, xustificación fóra do prazo establecido, falsidade, terxiversación ou ocultación nos datos ou documentos que serven de base para xustificar os investimentos subvencionables, ou outras obrigas impostas na resolución de concesión da axuda.

d) O incumprimento da obriga de adoptar as medidas de difusión contidas no artigo 30 desta resolución.

e) A resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro, así como o incumprimento das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos, cando diso derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo, a realidade e regularidade das actividades subvencionadas, ou a concorrencia de axudas para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou entes públicos ou privados, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

f) A obtención de financiamento de distintas procedencias ou concorrencia de subvencións por encima do custo das actividades subvencionadas.

g) Calquera das demais causas previstas no artigo 33 da Lei 9/2007.

Artigo 29. Gradación dos incumprimentos

1. O incumprimento total dos fins para os cales se concedeu a axuda, determinado a través dos mecanismos de seguimento e control, da realización do proxecto ou da obriga de xustificación, será causa de perda do dereito á cobranza ou de reintegro total da subvención.

En particular, consideraranse incumpridos os obxectivos da axuda cando non se xustifique polo menos o 60 % dos custos previstos no proxecto con respecto ao gasto que se realice en Galicia.

2. O incumprimento parcial dos obxectivos ou a non execución de actividades concretas do proxecto dará lugar á perda parcial do dereito á cobranza da subvención nas porcentaxes que se determinen nos parágrafos seguintes ou, de ser o caso, ao reintegro parcial da subvención.

O alcance do incumprimento determinarase en proporción ao investimento deixado de practicar ou practicado indebidamente, e minorarase a subvención proporcionalmente.

3. Nos seguintes casos de incumprimento reducirase a intensidade da axuda da seguinte maneira:

a) Se se incumpre a obriga de dar publicidade do financiamento do proxecto, conforme o establecido nesta resolución, ou a obriga de comunicar a obtención doutras axudas para o mesmo proxecto, aplicarase un factor de corrección do 0,95.

b) Se se incumpren as tarefas, compromisos, obxectivos ou condicións do proxecto, dando lugar a un informe final negativo, o incumprimento valorarase en función deste e supoñerá a aplicación dun factor de corrección igual á porcentaxe de incumprimento sinalada no informe técnico.

A concorrencia de distintas causas de incumprimento dará lugar á apreciación conxunta destas, aplicando á intensidade da axuda o factor que resulte do produto de todos os factores de corrección. No caso de que algún dos factores de corrección sexa negativo, a intensidade da axuda será cero.

A aplicación do factor de corrección realizarase coa revisión da xustificación da última anualidade e, de ser o caso, requirirase a entidade beneficiaria para que devolva os fondos percibidos indebidamente. A falta de devolución destes nos prazos requiridos dará lugar á incoación do expediente de reintegro nos termos recollidos no artigo 33 da Lei 9/2007 e no título V do Decreto 11/2009.

No caso das condicións que constitúan obrigas que a persoa beneficiaria debe acreditar na fase de xustificación (obrigas de publicidade, comunicación doutras axudas etc.), estas deberán xustificarse en todo caso para proceder ao pagamento da subvención, polo que a gradación fixada neste punto soamente resultará aplicable para supostos de reintegro, no caso de que se detecten en controis posteriores ao pagamento por algún incumprimento relativo a estas obrigas.

Artigo 30. Procedemento de reintegro

1. Se, aboada parte ou a totalidade da axuda, acaecesen os motivos que se indican no artigo 24 desta resolución, incoarase o correspondente expediente de reintegro, o cal se tramitará conforme o previsto nos artigos 37 e seguintes da Lei 9/2007.

2. Procederá o reintegro das cantidades percibidas, e a exixencia do xuro de demora correspondente desde o momento do pagamento da axuda ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro.

3. O procedemento de reintegro de subvencións iniciarase de oficio por acordo do órgano concedente destas, e comunicarase á persoa beneficiaria a iniciación do procedemento de declaración de perda do dereito, ou de reintegro, e as causas que o fundamentan, seguindo o procedemento establecido para o reintegro nos artigos 37 e seguintes da Lei 9/2007, e 77 e seguintes do Decreto 11/2009.

4. A resolución do procedemento de reintegro poñerá fin á vía administrativa. Contra esta resolución de reintegro, os interesados poderán interpoñer recurso de reposición no prazo dun mes desde o día seguinte ao da notificación da resolución se esta for expresa. Se o acto non for expreso, a persoa solicitante e outros posibles interesados poderán interpoñer recurso de reposición en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo co previsto nesta resolución, se produzan os efectos do silencio administrativo. Todo isto segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015.

5. Sen prexuízo do anterior, ás persoas beneficiarias das subvencións reguladas nesta resolución seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no artigo 50 e seguintes da Lei 9/2007 e no título VI do Decreto 11/2009.

Artigo 31. Control

1. A Axencia Galega das Industrias Culturais poderá facer as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento do obxectivo das subvencións.

2. A Axencia Galega das Industrias Culturais, polos medios que considere, poderá realizar en calquera momento ás persoas beneficiarias as visitas, comprobacións e solicitudes de aclaracións que considere necesarias para o correcto desenvolvemento das actuacións financiadas, así como para acreditar o cumprimento das medidas de publicidade de procedencia dos fondos. Se se constata unha incorrecta utilización dos fondos ou desvío dos obxectivos, propoñerase o reintegro da subvención concedida.

3. Así mesmo, no caso de axudas plurianuais, a Axencia Galega das Industrias Culturais poderá convocar anualmente as persoas beneficiarias a unha entrevista para coñecer a planificación das actividades en curso e valorar a consecución dos obxectivos e resultados do ano anterior.

4. Ademais do anterior, as subvencións estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercido pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establecen o Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, e a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Así mesmo, estarán sometidas ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, ás da autoridade de xestión dos fondos de recuperación e resiliencia e, de ser o caso, ás dos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo.

Artigo 32. Normativa aplicable

1. Será de aplicación, entre outra, a seguinte normativa:

1.1. Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións, e, supletoriamente, a Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, así como os preceptos básicos do Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei xeral de subvencións.

1.2. Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

1.3. Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.

1.4. Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia.

1.5. Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e apoio económico de Galicia.

1.6. Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico das administracións públicas.

2. As axudas obxecto desta convocatoria réxense polas normas comunitarias aplicables por razón do financiamento pola Unión Europea e polas normas nacionais de desenvolvemento ou transposición destas.

En particular, seralles de aplicación a seguinte normativa comunitaria:

2.1. Regulamento (UE) nº 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, polo que se establece o Mecanismo de recuperación e resiliencia.

2.3. Regulamento (UE) nº núm. 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado e se regulan os réximes de axuda concibidos para apoiar a elaboración de guións e o desenvolvemento, a produción, a distribución e a promoción de obras audiovisuais.

2.4. Real decreto lei 36/2020, do 30 de decembro, polo que se aproban medidas urxentes para a modernización da Administración pública e para a execución do Plan de recuperación, transformación e resiliencia.

2.5. Lei 47/2003, do 26 de novembro, xeral orzamentaria.

2.6. Resolución do 29 de abril de 2021, da Subsecretaría, pola que se publica o Acordo do Consello de Ministros, do 27 de abril de 2021, polo que aproba o Plan de recuperación, transformación e resiliencia.

2.7. Disposición adicional primeira da Lei 11/2020, do 30 de decembro, de orzamentos xerais do Estado para 2021.

2.8. Artigo 148 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

2.9. Orde HFP/1030/2021, do 29 de setembro, pola que se configura o sistema de xestión do Plan de recuperación, transformación e resiliencia.

2.10. Orde HFP/1031/2021, do 29 de setembro, pola que se establece o procedemento e formato da información que proporcionarán as entidades do sector público estatal, autonómico e local para o seguimento do cumprimento de fitos e obxectivos de execución orzamentaria e contable das medidas dos compoñentes do Plan de recuperación, transformación e resiliencia.

Artigo 33. Publicidade

No prazo máximo de tres meses, contados desde a data de resolución da concesión, publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas con indicación da norma reguladora, as persoas beneficiarias, o crédito orzamentario, a contía e a finalidade da subvención.

Artigo 34. Medidas antifraude

Calquera persoa que teña coñecemento de feitos que puidesen ser constitutivos de fraude ou irregularidade en relación con proxectos ou operación financiados total ou parcialmente con cargo a fondos procedentes da Unión Europea no marco da presente convocatoria poderá poñer os devanditos feitos en coñecemento do Servizo Nacional de Coordinación Antifraude da Intervención Xeral da Administración do Estado, por medios electrónicos a través da canle habilitada para o efecto:

http://www.conselleriadefacenda.es/areas-tematicas/planificacion-e-fondos/período-comunitario-2014-2020/medidas-antifraude/snca-olaf

A detección de irregularidades pode implicar a aplicación de correccións financeiras e a solicitude de devolución dos importes percibidos indebidamente.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento

Facúltase o director da Axencia Galega das Industrias Culturais para que leve a cabo as actuacións que sexan precisas para o desenvolvemento e aplicación desta resolución.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file