Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 110 Xoves, 9 de xuño de 2022 Páx. 33860

III. Outras disposicións

Consello de Contas de Galicia

RESOLUCIÓN do 23 de maio de 2022 pola que se ordena a publicación do Acordo do Pleno do 18 de maio de 2022 polo que se procede á modificación das bases reguladores e á convocatoria do III Premio de Investigación Carlos G. Otero Díaz.

Dando cumprimento ao disposto na base 2 do Acordo do Pleno do 23 de setembro de 2019, polo que se crea o Premio de Investigación Carlos G. Otero Díaz e se establecen as bases reguladoras para a súa concesión (DOG núm. 215, do 12 de novembro de 2019),

RESOLVO:

Ordenar a publicación do Acordo do Pleno do Consello de Contas de Galicia, do 18 de maio de 2022, polo que se procede á modificación das bases reguladoras e convocatoria do III Premio de Investigación Carlos G. Otero Díaz, como anexo a esta resolución.

Santiago de Compostela, 23 de maio de 2022

José Antonio Redondo López
Conselleiro maior do Consello de Contas de Galicia

ANEXO

Modificación das bases reguladoras e convocatoria do
III Premio de Investigación Carlos G. Otero Díaz

O Consello de Contas de Galicia como órgano de control externo con competencias en materia de prevención da corrupción ten grande interese en promover a investigación en materias relacionadas con esta competencia e en coñecer aquelas iniciativas de carácter científico que poidan contribuír á análise dos temas propios das súas funcións de colaborar coas administracións públicas na implantación de sistemas de prevención e de manuais de xestión de riscos de corrupción; de comprobar os sistemas de prevención que se poñan en marcha; de asesorar sobre os instrumentos normativos máis axeitados para previr a corrupción, e de fomentar na sociedade civil, e particularmente no ámbito empresarial, a transparencia e o comportamento ético nas súas relacións co sector público.

Unha das formas de contribuír a este obxectivo consiste en empregar instrumentos que incentiven a elaboración de traballos relacionados coa prevención da corrupción no sector público, nas súas diversas vertentes, como son os premios de investigación.

O Pleno do Consello de Contas de Galicia, en sesión celebrada o 23 de setembro de 2019, creou o Premio de Investigación Carlos G. Otero Díaz, para promover a investigación en materias relacionadas coa prevención da corrupción nas administracións publicas e aprobou as bases reguladoras para a súa concesión, que foron obxecto de publicación mediante Resolución do conselleiro maior, do 29 de outubro de 2019 (DOG núm. 215, do 12 de novembro).

Tras a experiencia das dúas primeiras edicións, faise necesario modificar as ditas bases reguladoras e, ao mesmo tempo, proceder á terceira convocatoria do premio.

Tendo en conta o anterior, o Pleno do Consello de Contas de Galicia, na súa sesión do 18.5.2022,

acorda:

Primeiro. Modificar as bases reguladoras para a concesión do Premio de Investigación Carlos G. Otero Díaz nos seguintes termos:

«Base 4. Participantes

Poderán concorrer ao premio os autores ou coautores de traballos de investigación que teñan o seu domicilio en calquera dos Estados membros da Unión Europea, que poderán ter a condición de persoa física ou grupo de investigación, composta por persoas físicas, baixo a coordinación dun dos seus integrantes, que actuará como representante do grupo e responsable do traballo para os efectos oportunos.

Non poderán concorrer ao premio:

a) Aquelas persoas que tivesen a condición de membro do Pleno do Consello de Contas á data da respectiva convocatoria.

b) Aquelas persoas que obtivesen o premio nas dúas edicións anteriores á convocatoria do premio.

c) Aquelas persoas que formasen parte do xurado nas dúas edicións anteriores á convocatoria do premio.

Os participantes deberán reunir os requisitos previstos no artigo 13 da Lei xeral de subvencións».

«Base 6. Documentación que se debe presentar

1. A documentación que se debe presentar no momento da solicitude de participación será a seguinte:

Solicitude de participación na correspondente convocatoria do premio que figura como anexo I, para os únicos efectos do seu rexistro administrativo, da que non se dará traslado ao xurado.

Sobre 1: será un sobre branco pechado co título do traballo exclusivamente. O contido deste sobre 1 será unicamente un exemplar do traballo en formato papel ou dixital (preferentemente), e que deberá cumprir os requisitos previstos na base 7.

Sobre 2: será un sobre branco pechado co título do traballo e o pseudónimo do seu autor/a ou autores exclusivamente. O contido deste sobre 2 será unicamente o impreso de participación do anexo II xunto coa copia do DNI do seu autor/a ou autores.

2. Cando a documentación se presente sen cumprir algún dos requisitos do número anterior, a Secretaría Xeral do Consello de Contas poderá requirir a súa emenda sempre que se garanta para o xurado o anonimato das solicitudes de participación presentadas, para o cal na solicitude do anexo I é imprescindible cubrir o enderezo electrónico.

3. Unha vez producida a resolución do xurado e elevada a proposta de concesión de acordo co previsto na base 11.1 e unha vez abertos os sobres a que se refire o punto 1.c) desta base, requiriranse as persoas interesadas autoras dos traballos para que, nun prazo de dez días presenten a seguinte documentación:

a) No caso de persoas físicas, copia compulsada do DNI, pasaporte ou documento equivalente acreditativo da identidade do/da autor/a.

b) Cando se trate dun grupo de investigación (varios/as autores/as), a documentación referida nos dous puntos anteriores deberá ser achegada para cada un dos seus integrantes.

4. A documentación a que se refire o punto anterior poderá presentarse a través da sede electrónica do Consello de Contas sen que sexa necesario presentala cando xa constase en poder do Consello de Contas. Neste caso, a persoa interesada deberá cubrir o punto B.2 do anexo II e autorizalo expresamente mediante a sinatura do punto B.3 do dito anexo II».

«Base 7. Requisitos dos traballos

1. O traballo deberá ser orixinal, inédito e non ter obtido ningún outro premio de similares características con anterioridade á convocatoria deste premio.

2. O traballo non poderá terse presentado a convocatorias anteriores do Premio de Investigación Carlos G. Otero Díaz. Porén, poderán presentarse aqueles traballos que non fosen obxecto de valoración polo xurado en convocatorias anteriores, por concorrer o disposto no número 6 desta base.

3. O traballo poderá estar redactado en galego ou castelán.

4. O traballo non poderá levar ningún distintivo, tanto en papel como no documento dixital, que permita a identificación dos autores.

5. O traballo deberá ter unha extensión mínima de 30 folios e máxima de 60 a unha cara. O texto deberá reunir os seguintes requisitos: tamaño de fonte 12; entreliñado 1,5; espazado anterior e posterior 0 puntos; sen sangradura; marxes superior e inferior 2,5 centímetros e esquerda e dereita 3 centímetros).

6. Os traballos que non cumpran algún dos requisitos anteriores non serán obxecto de valoración polo xurado».

«Base 8. Premio

O premio de investigación está dotado coa cantidade de 4.500 euros, distribuídos da seguinte forma:

a) Primeiro premio: 3.000 euros.

b) Segundo premio: 1.500 euros.

c) Accésits: no caso de seren declarados desertos o primeiro e o segundo premio, poderanse conceder ata tres accésits de 1.000 euros cada un.

Estas cantidades poderán variar para cada convocatoria en función das dispoñibilidades orzamentarias.

Os importes anteriores non se aboarán en concepto de contraprestacións económicas derivadas da cesión de dereitos de propiedade intelectual, para os efectos do previsto na normativa reguladora do imposto sobre a renda da persoas físicas».

«Base 9. Órgano instrutor do expediente e xurado

1. Corresponderá á Secretaría Xeral do Consello de Contas de Galicia a instrución do procedemento para a concesión do premio.

2. O xurado terá como función o estudo e a valoración dos traballos presentados en prazo co obxecto de seleccionar os que merezan ser premiados. Para estes efectos, o rexistro do Consello emitirá un certificado en que consten exclusivamente os pseudónimos dos solicitantes coa data de presentación no rexistro.

3. O Pleno do Consello de Contas designará o xurado, que estará composto por cinco membros, incluído o/a conselleiro/a maior, que o presidirá.

Os restantes membros do xurado, tres serán elixidos entre investigadores, técnicos e expertos en prevención da corrupción, e un, que actuará como secretario, será unha persoa funcionaria do Consello de Contas que ocupe un posto de nivel 28 ou superior, respectando a presenza equilibrada de homes e mulleres.

4. O xurado poderá requirir o asesoramento de especialistas de recoñecido prestixio en materia de prevención da corrupción e integridade institucional.

5. O funcionamento do xurado regularase polas normas contidas na sección 3ª (órganos colexiados das distintas administracións públicas) do capítulo II, título preliminar, da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público».

«Base 10. Criterios de avaliación

O xurado seleccionará os traballos que ao seu xuízo sexan merecedores do premio, tendo en conta os seguintes criterios de valoración:

a) Contido científico, orixinalidade e calidade.

b) A súa achega ao coñecemento, diagnose e tratamento dunha determinada situación relacionada coa prevención da corrupción nas administracións públicas.”

«Base 11. Resolución

1. Unha vez valorados os traballos polo xurado, este emitirá a súa resolución e elevará a proposta de concesión debidamente motivada ao Pleno do Consello de Contas, que adoptará o acordo correspondente.

2. Emitida a resolución e na mesma sesión do xurado, procederase á apertura dos sobres a que se fai referencia na base 6.1.c), correspondentes aos traballos que se premiarán.

3. O xurado poderá declarar desertos o primeiro e segundo premios e, de ser o caso, outorgar os accésits a que se refire a base 8.

4. O xurado poderá declarar que dous traballos obteñan ex aequo o primeiro premio, caso en que o importe total da dotación económica se repartirá a partes iguais entre eles, sen que neste caso proceda a concesión do segundo premio e dos accésits.

5. A resolución do xurado será inapelable.

6. O acordo de convocatoria establecerá o prazo para a emisión da resolución do xurado».

«Base 17. Publicación dos traballos

1. O Consello de Contas poderá publicar aqueles traballos premiados cuxa difusión considere de interese, polo que os participantes deberán asinar o consentimento expreso previsto no punto B.4 do anexo II.

2. Os traballos non premiados, ao tratarse de copias e tendo o seu autor/a o autores o texto orixinal, quedarán, de ser o caso, en depósito na biblioteca da institución».

Segundo. Convocar o premio correspondente á edición de 2022 (terceira edición), que se rexerá polas seguintes disposicións:

Primeira. Convocatoria

Convócase o III Premio de Investigación Carlos G. Otero Díaz correspondente á edición de 2022, de acordo coa base 2 do Acordo do Pleno do Consello de Contas, do 23 de setembro de 2019, polo que se crea o Premio de Investigación Carlos G. Otero Díaz e se establecen as bases reguladoras para a súa concesión, publicado mediante Resolución do conselleiro maior, do 29 de outubro de 2019 (DOG núm. 215, do 12 de novembro)

Segunda. Requisitos e procedemento

Os requisitos e procedemento de concesión do premio serán os recollidos no Acordo do Pleno do Consello de Contas do 23 de setembro de 2019 en que se establecen as bases reguladoras para a súa concesión.

Terceira. Participantes

De acordo coa base 4 do Acordo do Pleno do Consello de Contas do 23 de setembro de 2019 poderán concorrer ao premio os autores ou coautores de traballos de investigación que teñan o seu domicilio en calquera dos Estados membros da Unión Europea, que poderán ter a condición de persoa física ou grupo de investigación, composto por persoas físicas, baixo a coordinación dun dos seus integrantes, que actuará como representante do grupo e responsable do traballo para os efectos oportunos.

Non poderán concorrer ao premio:

a) Aquelas persoas que tivesen a condición de membro do Pleno do Consello de Contas á data desta convocatoria.

b) Aquelas persoas que obtivesen o premio nas dúas edicións anteriores á esta convocatoria.

c) Aquelas persoas que formasen parte do xurado nas dúas edicións anteriores á presente convocatoria.

Cuarta. Prazo de presentación

En cumprimento da base 5 do Acordo do Pleno do Consello de Contas do 23 de setembro de 2019, establécese que o prazo de presentación das solicitudes comezará a partir do día seguinte da publicación da presente convocatoria no Diario Oficial de Galicia, finalizando o 31 de outubro de 2022.

Quinta. Designación do xurado

De conformidade co disposto na base 9 do Acordo do Pleno do Consello de Contas do 23 de setembro de 2019, o xurado estará composto por:

Presidente: José Antonio Redondo López.

Vogais:

– Antonio Arias Rodríguez.

– María Concepción Campos Acuña.

– María Inmaculada Valeije Álvarez.

Secretario: Ulpiano Leandro Villanueva Rodríguez.

Sexta. Prazo do fallo do xurado

De conformidade co establecido na base 11 do Acordo do Pleno do Consello de Contas do 23 de setembro de 2019, o prazo para a emisión do fallo do xurado finalizará o 30 de novembro de 2022.

Sétimo. Dotación económica

A dotación económica do III Premio de Investigación Carlos G. Otero Díaz é de 4.500 euros, distribuídos da seguinte forma:

a) Primeiro premio: 3.000 euros.

b) Segundo premio: 1.500 euros.

c) Accésits: no caso de seren declarados desertos o primeiro e segundo premios, poderanse conceder ata tres accésits de 1.000 euros cada un.

A dita contía imputarase á partida orzamentaria 02.01.111C.481.01 do orzamento do Consello de Contas para o exercicio 2022.

Oitava. Modelo de solicitude e impreso de participación

Publícanse o modelo de solicitude e o impreso de participación que figuran como anexos I e II do Acordo do Pleno do Consello de Contas, de 23 de setembro de 2019.

Terceiro. Entrada en vigor

A modificación das bases reguladoras e a convocatoria do Premio de Investigación Carlos G. Otero Díaz entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

missing image file
missing image file
missing image file