Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 110 Xoves, 9 de xuño de 2022 Páx. 33775

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ORDE do 23 de maio de 2022 de aprobación definitiva da modificación puntual número 5 do Plan xeral de ordenación municipal do concello de Carballo no Catálogo do conxunto de hórreos.

O Concello de Carballo solicita a aprobación definitiva da modificación puntual referida, en virtude do artigo 60.16 en relación co artigo 83.5 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (LSG).

Analizada a documentación achegada polo concello e vista a proposta literal que eleva a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes.

1. O Concello de Carballo dispón de Plan xeral de ordenación municipal aprobado definitivamente pola Orde da Consellaría de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio do 4.2.2016 (DOG do 26 de febreiro).

2. A Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu informe o 24.2.2020 para os efectos do trámite de consultas previsto no artigo 60.4 da LSG.

3. A Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático decidiu non someter esta modificación ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica ordinaria, en Resolución do 27.3.2020 (DOG do 13 de abril).

4. Emitiron informe en materia de costas previo á aprobación inicial a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo o 4.8.2020, e a Dirección Xeral da Costa e o Mar (Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico) o 18.11.2020.

5. O xefe da Área de Urbanismo e o técnico xurídico de urbanismo municipais emitiron informe técnico-xurídico previo á aprobación inicial o 15.12.2020.

6. O Pleno do Concello de Carballo aprobou inicialmente a modificación puntual o 28.12.2020. Foi sometida a información pública polo prazo de dous meses (El Ideal Gallego do 26.1.2021 e Diario Oficial de Galicia do 26.2.2021) e presentáronse cinco alegacións, segundo o certificado do secretario xeral municipal do 20.9.2021 incluído no expediente.

7. Consta a emisión dos seguintes informes estatais:

• Dirección Xeral de Telecomunicacións e Ordenación dos Servizos de Comunicación Audiovisual do 2.3.2021, favorable.

• Subdelegación do Goberno na Coruña (Área de Fomento) do 26.4.2021.

• Dirección Xeral de Política Enerxética e Minas do 18.5.2021.

1. Consta a emisión dos seguintes informes autonómicos preceptivos:

• Dirección Xeral de Emerxencias e Interior do 25.2.2021.

• Augas de Galicia do 21.5.2021.

• Dirección Xeral de Patrimonio Cultural do 27.5.2021.

• Instituto de Estudos do Territorio do 28.5.2021.

1. Deuse audiencia aos concellos limítrofes da Laracha, Cerceda, Coristanco, Malpica de Bergantiños, Ponteceso e Tordoia, e respondeu unicamente o Concello de Tordoia.

2. O xefe da Área de Urbanismo e o técnico xurídico de urbanismo emitiron informe técnico-xurídico previo á aprobación provisional o 11.10.2021.

3. O Concello Pleno de Carballo aprobou provisionalmente a modificación puntual o 25.10.2021.

4. A Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu informe en materia de costas previo á aprobación definitiva con data do 16.2.2022, favorable.

5. A Dirección Xeral da Costa e do Mar (Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico) emitiu informe extemporáneo o 25.2.2021. O xefe da Área de Urbanismo municipal asinou unha contestación a este informe o 4.3.2022.

II. Obxecto e descrición da modificación.

1. A modificación puntual ten por obxecto elaborar un novo catálogo de protección de hórreos que substitúa os documentos homólogos existentes no PXOM. Nomeadamente, a modificación pretende identificar os hórreos realmente existentes, pois arguméntase que algúns elementos considerados como tales non o son, tratándose doutras construcións menores auxiliares das vivendas; establecer as correspondentes fichas de catálogo da totalidade dos hórreos que se xustifiquen como elementos do patrimonio cultural de Galicia, incluíndo nestas as correspondentes fotografías, tipoloxía, estado de conservación, ámbito de protección, determinacións das actuacións sobre estes etc., seguindo o disposto no artigo 81.3 da LSG; descatalogar as edificacións incorrectamente consideradas como hórreos e aqueles hórreos que non responden aos criterios fixados na lexislación vixente para seren considerados elementos do patrimonio cultural de Galicia; elaborar unha planimetría que defina axeitadamente os contornos de protección dos hórreos catalogados, e modificar os artigos 127, 130 e 135 do PXOM para axustarse á Lei de patrimonio cultural de Galicia, establecendo un réxime de actuacións específico e axustado aos hórreos.

2. Ademais, a modificación adapta graficamente a serie completa de planos de ordenación do PXOM ás normas técnicas de planeamento sobre cartografía da base topográfica de Galicia 2016, sen se limitar a aqueles que se ven alterados en relación co catálogo de hórreos. Tamén integra a parte gráfica das modificacións puntuais número 1, 2, 4 e 6 do PXOM que se encontran aprobadas definitivamente.

3. O catálogo actual do PXOM inclúe un tomo consistente en 82 planos nos cales se sitúan a totalidade dos hórreos localizados no termo municipal (2.109) cunha numeración correlativa, sen existir fichas individuais nin aparecer na planimetría a clasificación do solo nin os contornos de protección. Noutro tomo deste catálogo preséntanse fichas de unicamente 112 hórreos, que aparecen como bens de interese cultural, inventariados ou catalogados.

III. Análise e consideracións.

Logo de analizar a documentación recibida, en relación coa normativa que resulta de aplicación, non se encontran obxeccións a esta.

A competencia para resolver a aprobación definitiva do planeamento xeral corresponde á conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, de conformidade co disposto nos artigos 60.16, 61.1, 83.5 da LSG e no artigo 146.1 e 200.5 do RLSG, en relación co Decreto 42/2019, do 28 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería.

IV. Resolución.

En consecuencia, e visto o que antecede,

RESOLVO:

1. Outorgar a aprobación definitiva á modificación puntual número 5 do Plan xeral de ordenación municipal do concello de Carballo no Catálogo do conxunto de hórreos.

2. De conformidade co artigo 88 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e co artigo 212.1 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo inscribirá de oficio a MP no Rexistro de Planeamento Urbanístico de Galicia.

3. De conformidade co disposto polos artigos 82 e 88.4 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, o Concello deberá publicar no BOP a normativa e ordenanzas da modificación aprobada definitivamente, unha vez inscrita no Rexistro de Planeamento Urbanístico.

4. Notifíquese esta orde ao Concello.

5. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 23 de maio de 2022

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda