Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 109 Mércores, 8 de xuño de 2022 Páx. 33546

III. Outras disposicións

Instituto Galego da Vivenda e Solo

RESOLUCIÓN do 30 de maio de 2022 pola que se regula a xestión do fondo de cooperación cos concellos para o apoio ao financiamento da adquisición e promoción de vivenda de nova construción.

O punto primeiro do artigo 33 da Lei 8/2012, do 29 de xuño, de vivenda de Galicia, dispón que o depósito obrigatorio das fianzas terá a consideración de ingreso de dereito público do Instituto Galego da Vivenda e Solo, mentres que o seu punto terceiro indica que o importe das fianzas depositadas poderá ser destinado a investimentos para a promoción, construción e rehabilitación de vivendas protexidas de promoción pública, a actuacións directas en núcleos antigos ou suxeitos a un proceso de renovación urbana, a medidas de fomento do alugueiro e a políticas de fomento do dereito á vivenda previstas nesta lei, sempre que quede garantida a devolución das fianzas que sexan reclamadas no tempo e na forma que proceda.

En virtude do disposto no citado artigo, a disposición adicional vixésimo segunda da Lei 8/2012, do 29 de xuño, na redacción dada polo punto sexto do artigo 33 da Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, crea o fondo de cooperación cos concellos para o apoio ao financiamento da adquisición e promoción de vivenda de nova construción, como un fondo sen personalidade xurídica de seu, para a xestión de instrumentos financeiros de préstamos sen xuros aos concellos para a adquisición e promoción de vivenda de nova construción.

Conforme a devandita disposición adicional, o citado fondo dotarase a partir dos depósitos procedentes das fianzas de arrendamento, co importe máximo que, logo da autorización por parte da consellería competente en materia de facenda, se estableza mediante unha resolución da Presidencia do Instituto Galego da Vivenda e Solo. Así mesmo, a disposición adicional dispón que o fondo será xestionado polo dito organismo, correspondéndolle tamén determinar as condicións que deben cumprir os concellos para poder acollerse a el, o procedemento de solicitudes, condicións e, finalmente, o procedemento de concesión dos préstamos.

En consecuencia, segundo a citada habilitación legal e conforme o disposto no Decreto 97/2014, do 24 de xullo, polo que se establece a estrutura orgánica do Instituto Galego da Vivenda e Solo, e logo da autorización da consellería competente en materia de facenda,

RESOLVO:

Primeiro. Obxecto

Esta resolución ten por obxecto regular a xestión do fondo de cooperación cos concellos para o apoio ao financiamento da adquisición e promoción de vivenda de nova construción.

Segundo. Carácter e dotación do fondo de cooperación

1. O fondo será xestionado polo Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS) e non terá personalidade xurídica.

2. O fondo estará dotado de 10.000.000 €, procedente dos depósitos obrigatorios das fianzas de arrendamento.

3. As devolucións efectuadas polos concellos pasarán novamente a formar parte do fondo, para que poida ser reutilizado en novas disposicións por parte dos concellos.

4. O fondo dotarase nunha conta específica de titularidade do IGVS, mediante unha transferencia bancaria procedente das contas de fianzas do organismo. Esta operación terá unha correlación na contabilidade orzamentaria do IGVS, mediante a creación e dotación dos conceptos de ingresos e gastos financeiros correspondentes.

5. O fondo contará cunha contabilidade separada da do IGVS, coa que presentará os seus estados orzamentarios e contables de xeito consolidado. En todo caso, estará sometido ao réxime de auditoría, control e rendición de contas que resulte aplicable ao organismo.

5. A conta do fondo unicamente poderá admitir ingresos procedentes das contas do IGVS arriba sinaladas e dos reintegros dos préstamos efectuados polos concellos.

6. Os xuros que devindique esta conta ingresaranse na tesouraría do IGVS, con aplicación ao concepto oportuno do orzamento de ingresos.

Terceiro. Concellos destinatarios e características das actuacións que se van financiar

1. Poderán acceder ao financiamento a través do fondo de cooperación os concellos da Comunidade Autónoma de Galicia que reúnan os requisitos que determine a correspondente convocatoria.

2. As actuacións susceptibles de ser financiadas, total ou parcialmente, polo fondo de cooperación serán especificadas en cada resolución de convocatoria.

Cuarto. Financiamento con cargo ao Fondo de cooperación

1. O IGVS publicará as correspondentes resolucións de convocatoria en que se fixarán o procedemento, as condicións e os criterios para o acceso ao financiamento, total ou parcial, das actuacións con cargo ao Fondo de cooperación e se abrirá un prazo de presentación de solicitudes.

2. O concello que desexe acollerse a este mecanismo presentará a correspondente solicitude que, de ser aprobada conforme o procedemento previsto na convocatoria, se materializará na sinatura dun convenio de financiamento con cargo ao Fondo de cooperación.

No citado convenio constarán as actuacións que se van realizar, a contía de que se vai dispor, o prazo e condicións de reintegro e as demais condicións para o acceso ao fondo recollidas nesta resolución e na correspondente convocatoria.

3. Ningún concello poderá realizar unha solicitude de disposición nin acumular a través de diferentes convenios de financiamento máis do 25 % do total do importe con que está dotado o fondo.

4. En todo caso, o concello deberá aceptar expresamente no convenio de financiamento a posibilidade de compensación e retención das achegas vencidas e non pagadas con cargo ao Fondo de Cooperación Local e comprometerase a incluír nos orzamentos dos exercicios seguintes, con cargo aos ingresos correntes, as anualidades previstas no convenio para a reposición dos fondos.

Quinto. Disposición de cantidades

As disposicións das cantidades do Fondo de cooperación non devindicarán xuros e faranse a través de transferencias bancarias seguindo a tramitación ordinaria do gasto orzamentario a través da documentación contable e xustificativa correspondente.

Sexto. Reposición das cantidades percibidas

1. O concello ingresará as cantidades correspondentes na conta que lle sinale o IGVS e dentro dos prazos indicados no convenio de financiamento.

2. Tendo en conta a procedencia e afección das cantidades que dotan o Fondo de cooperación, nos convenios de financiamento recollerase o compromiso dos concellos de non compensar as amortizacións pendentes coas contías que, por calquera outro concepto, puidese deberlles a Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia ou outras entidades públicas instrumentais pertencentes ao sector público autonómico.

Sétimo. Reintegro anticipado

1. O concello poderá, en calquera momento, amortizar, total ou parcialmente, de forma anticipada, o importe pendente da disposición. En caso de amortización parcial, o concello deberá comunicalo previamente por escrito ao IGVS cun prazo mínimo de quince días naturais á data en que se queira facer efectiva a amortización anticipada.

2. As cantidades reintegradas deberán ser por un importe mínimo de 50.000 €, agás que o concello reintegrase anticipadamente a totalidade do importe da disposición e esta fose inferior ao dito importe.

Oitavo. Reintegro anticipado obrigatorio e resolución do convenio de financiamento

1. O IGVS poderá resolver o convenio de financiamento e declarar vencida anticipadamente a disposición realizada, no suposto de que se produza a falta de ingreso ou o ingreso fóra de prazo, así como por calquera outro incumprimento das condicións fixadas no convenio de financiamento. Esta resolución anticipada implicará a obriga do concello de ingresar a totalidade da cantidade pendente de devolución, así como de aboar os xuros legais correspondentes ás disposicións realizadas.

2. En canto non se produza o reintegro efectivo das cantidades previstas no número anterior, o concello non poderá volver solicitar unha nova disposición con cargo ao Fondo de cooperación.

Noveno. Compensación con cargo ao Fondo de Cooperación Local

No suposto de que o concello non devolvese as cantidades dispostas nos prazos fixados no convenio de financiamento ou incumprise calquera outra das obrigas previstas no convenio, as cantidades non reintegradas ao IGVS consideraranse vencidas, líquidas e exixibles, para os efectos da súa compensación con cargo ao Fondo de Cooperación Local.

Décimo. Xestión e control do Fondo de cooperación

1. A contabilización das saídas e entradas de fondos da conta faranse a través dos respectivos conceptos orzamentarios de ingresos e gastos.

2. As reposicións de cantidades que fagan os concellos, unha vez cumpridos os períodos de devolución, contabilizaranse como ingreso e servirán para facer novas achegas desde o fondo, mentres dure a súa vixencia.

3. Cando se cancele definitivamente o fondo, o IGVS devolverá a totalidade da súa contía á conta de fianzas.

4. Os importes librados conforme o previsto nesta resolución terán, en todo caso, o carácter de fondos públicos e formarán parte integrante do Tesouro público.

5. O IGVS levará o control contable das ordes de pagamento expedidas en desenvolvemento da finalidade do fondo, así como unha contabilidade auxiliar detallada de todas as operacións que se realicen.

Santiago de Compostela, 30 de maio de 2022

Ángeles Vázquez Mejuto
Presidenta do Instituto Galego da Vivenda e Solo