Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 107 Luns, 6 de xuño de 2022 Páx. 33021

III. Outras disposicións

Axencia Galega das Industrias Culturais

RESOLUCIÓN do 27 de maio de 2022 de modificación da Resolución do 21 de abril de 2022 para a concesión de subvencións en réxime de concorrencia competitiva, pola que se aproban as bases reguladoras para a promoción e difusión de proxectos musicais profesionais ao abeiro do programa Hub da Industria Creativa Galega, financiadas ao 100 % polo Feder, dentro do eixe REACT-UE do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, como parte da resposta da Unión Europea á pandemia da COVID-19, e se convoca para o ano 2022 (código de procedemento CT207L).

Con data do 6 de maio de 2022 publicouse no DOG número 88 a Resolución do 21 de abril de 2022 pola que se aproban as bases reguladoras para a promoción e difusión de proxectos musicais profesionais ao abeiro do programa Hub da Industria Creativa Galega, financiadas ao 100 % polo Feder, dentro do eixe REACT-UE do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, como parte da resposta da Unión Europea á pandemia da COVID-19 e se convocan para o ano 2022 (código de procedemento CT207L).

Esta resolución ten por obxecto modificar as bases da convocatoria, para permitir incrementar a participación no proceso subvencional, xa que estas modificacións, que non alteran a finalidade da convocatoria, permiten incrementar o espectro dos posibles participantes, garantindo unha maior concorrencia e competitividade.

As modificacións que se realizan afectan, tanto os requisitos das dúas modalidades de actividades subvencionables como os requisitos exixidos para as persoas beneficiarias.

No que atinxe aos requisitos das modalidades A e B (artigo 1 parágrafo 3) que exixe que os posibles beneficiarios deben ter editado polo menos 20 singles baixo un selo discográfico legalmente constituído, engádese a posibilidade de substituír este requisito pola edición de 2 albums, quedando as dúas opcións recollidas no novo texto.

En canto aos requisitos das persoas beneficiarias que poden optar a esta liña de axudas, realízanse dúas modificacións. Unha relativa á redución da antigüidade exixida de xeito consecutivo no IAE relacionado coa actividade subvencionable, pasando de 5 a 3 anos e, a outra, ampliando as epígrafes do IAE no que as persoas solicitantes deben de estar dadas de alta, engadindo a epígrafe 032 e 965.4.

Consecuentemente con todo o anterior,

RESOLVO:

Artigo 1. Modificación da Resolución do 21 de abril de 2022, da Axencia Galega das Industrias Culturais, para a concesión de subvencións en réxime de concorrencia competitiva, pola que aproban as bases reguladoras para a promoción e difusión de proxectos musicais profesionais ao abeiro do programa Hub da Industria Creativa Galega, financiadas ao 100 % polo Feder, dentro do eixe REACT-UE do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, como parte da resposta da Unión Europea á pandemia da COVID-19 e se convocan para o ano 2022 (código de procedemento CT207L)

1.1. Modifícase o parágrafo 3 do artigo 1 referido ás modalidades de proxecto musicais obxecto da subvención, que queda redactado como segue:

«A. Modalidade A: Proxectos musicais unitarios. Enténdense por proxectos musicais unitarios aqueles proxectos que desenvolven calquera dos aspectos que conforman a cadea de valor da industria musical arredor dun só artista musical, sexa solista, grupo ou banda. Este artista debe desenvolver a súa actividade habitualmente en Galicia e cumprir os seguintes requisitos:

1. Ter realizado 50 concertos entre 2017 e 2021, ambos inclusive, ou ben, máis de 100 ao longo de toda a súa traxectoria profesional.

2. Ter editado polo menos 20 singles ou 2 álbums baixo un selo discográfico legalmente constituído, entre os anos 2017 e 2021, ambos inclusive.

B. Modalidade B: Proxectos musicais colectivos. Enténdense por proxectos musicais colectivos aqueles proxectos que desenvolven calquera dos aspectos que conforman a cadea de valor da industria musical arredor de, cando menos catro artistas musicais, sexan solistas, grupos ou bandas. Estes artistas deben desenvolver a súa actividade habitualmente en Galicia.

Para a selección dos artistas participantes no proxecto musical, a persoa solicitante terá que ter en conta os seguintes requisitos:

1. Mais do 50 % dos artistas presentados teñen que ter realizado 50 concertos entre 2017 e 2021, ambos inclusive, ou ben, máis de 100 ao longo de toda a súa traxectoria profesional.

2. Mais do 50 % dos artistas presentados teñen que ter editado polo menos 20 singles ou 2 álbums baixo un selo discográfico legalmente constituído, entre os anos 2017 e 2021, ambos inclusive.

3. Deberá incluírse a participación dunha artista feminina solista ou un grupo ou banda onde, cando menos, o 40 % das súas compoñentes sexan mulleres.

4. Deberá incluírse a participación dun artista musical que teña a consideración de artista emerxente polo que non é necesario que cumpran os requisitos de concertos e singles anteriormente determinados».

1.2. Modifícase o artigo 2, parágrafo 2, que queda redactado do seguinte xeito:

«2. As persoas ou entidades solicitantes deberán acreditar que están dadas de alta nalgunha das epígrafes do imposto sobre actividades económicas relacionados coa actividade subvencionable de entre as que se enumeran deseguido, cunha antigüidade de, cando menos, 3 anos consecutivos:

032-Intérpretes.

033-Actividades relacionadas coa música. Cantantes.

851-Profesionais relacionados co espectáculo. Representantes técnicos do espectáculo.

853-Profesionais relacionados co espectáculo. Axentes colocación artistas.

965-Servizos recreativos e culturais. Espectáculos.

965.1-Espectáculos en salas e locais.

965.2-Espectáculos ao aire libre.

965.3-Espectáculos fóra de establecemento permanente.

965.4-Empresas de espectáculos.

983-Parques de recreo, feiras e outros servizos relacionados co espectáculo. Organización de congresos. Parques ou recintos feirais. Axencias de colocación de artistas».

Artigo 2. Prazo de presentación das solicitudes

O prazo de presentación das solicitudes será dun mes desde a publicación da modificación. Este novo prazo non afectará a admisibilidade das solicitudes xa presentadas, que non terán que ser presentadas de novo.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de maio de 2022

Román Rodríguez González
Presidente do Consello Reitor da Axencia Galega
das Industrias Culturais