Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 106 Venres, 3 de xuño de 2022 Páx. 32532

I. Disposicións xerais

Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

ORDE do 27 de maio de 2022 pola que se modifica a Orde do 22 de xullo de 2020 pola que se desenvolve a normativa para o exercicio da docencia nos centros privados nas ensinanzas de educación infantil, primaria, secundaria obrigatoria, bacharelato e formación profesional, e se establece o procedemento de habilitación (código de procedemento ED302B).

A Lei orgánica 3/2020, do 29 de decembro, pola que se modifica a Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, configura unha nova organización e currículo da educación secundaria obrigatoria e do bacharelato que implica a desaparición ou cambio de denominación dalgunha das materias existentes no sistema educativo anterior e a aparición de novas materias.

De conformidade coa Lei 39/2015, do 1 de outubro, de procedemento administrativo común das administracións públicas, no exercicio da potestade regulamentaria, as administracións públicas actuarán de acordo cos principios de necesidade, eficacia, proporcionalidade, seguridade xurídica, transparencia, e eficiencia.

Xa que logo, en aplicación dos principios de necesidade, eficacia, eficiencia, seguridade xurídica, transparencia e, sen dúbida, de eficiencia para evitar cargas administrativas innecesarias como a que suporía a formulación dunha nova solicitude de habilitación para as persoas que posúen unha formación de educación superior adecuada acreditada mediante a preceptiva resolución de habilitación que lles permite impartir o currículo das novas materias establecidas, procede habilitar de oficio a estas persoas de acordo coas correspondencias establecidas no anexo desta orde. Así mesmo, habilitarase de oficio a todas as persoas que posúan unha resolución de habilitación de materias que manteñen no novo sistema a mesma denominación do anterior sistema educativo.

Pola súa vez, as persoas que non posúan unha resolución de habilitación que lles permita a habilitación de oficio nas novas materias ou naquelas que manteñen a mesma denominación, poderán solicitar a habilitación nestas materias nos prazos de presentación de solicitudes establecidos no artigo 13 da Orde do 22 de xullo de 2020 pola que se desenvolve a normativa para o exercicio da docencia nos centros privados nas ensinanzas de educación infantil, primaria, secundaria obrigatoria, bacharelato e formación profesional, e se establece o procedemento de habilitación (código de procedemento ED302B).

Na súa virtude, a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades,

DISPÓN:

Artigo único. Modificación da Orde do 22 de xullo de 2020 pola que se desenvolve a normativa para o exercicio da docencia nos centros privados nas ensinanzas de educación infantil, primaria, secundaria obrigatoria, bacharelato e formación profesional, e se establece o procedemento de habilitación (código de procedemento ED302B)

Aprobar a modificación da Orde do 22 de xullo de 2020 pola que se desenvolve a normativa para o exercicio da docencia nos centros privados nas ensinanzas de educación infantil, primaria, secundaria obrigatoria, bacharelato e formación profesional, e se establece o procedemento de habilitación (código de procedemento ED302B) nos seguintes termos:

Engádese unha nova disposición adicional novena coa seguinte redacción:

«Disposición adicional novena. Habilitación de oficio

1. As persoas habilitadas para impartir docencia nos centros privados nas materias da Lei orgánica 8/2013, do 9 de decembro, para a mellora da calidade educativa, serán habilitadas, de oficio, nas novas materias da educación secundaria obrigatoria e/ou do bacharelato da Lei orgánica 3/2020, do 29 de decembro, pola que se modifica a Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación segundo as correspondencias que se relacionan no anexo desta orde. Cando a habilitación que se posúa sexa para centro e materia, ou para unha etapa educativa, a nova habilitación manterá as mesmas condicións.

2. As persoas habilitadas para impartir docencia nos centros privados nas materias da Lei orgánica 8/2013, do 9 de decembro, para a mellora da calidade educativa serán habilitadas, de oficio, nas materias da educación secundaria obrigatoria e/ou do bacharelato cuxa denominación sexa coincidente coas da Lei orgánica 3/2020, do 29 de decembro, pola que se modifica a Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación nas mesmas condicións da habilitación anterior».

Disposición derradeira primeira. Autorización de desenvolvemento

Autorízase a Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos para ditar as disposicións que sexan necesarias para a execución e desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de maio de 2022

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

ANEXO

Habilitacións LOMCE

(Lei orgánica 8/2013, do 9 de decembro, para a mellora da calidade educativa)

Habilitacións LOMLOE

(Lei orgánica 3/2020, do 29 de decembro, pola que se modifica a Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación)

Bioloxía e xeoloxía (ESO/BTO)

Bioloxía, Xeoloxía e Ciencias Ambientais (BTO)

Física (BTO)

Ciencias Xerais (BTO)

Bioloxía (BTO)

Ciencias Xerais (BTO)

Música (ESO)

Coro e Técnica Vocal (BTO)

Linguaxe e Práctica Musical (BTO)

Coro e Técnica Vocal (BTO)

Debuxo técnico (BTO)

Debuxo Técnico Aplicado ás Artes Plásticas e ao Deseño (BTO)

Economía (ESO/BTO)

Empresa e Deseño de Modelos de Negocio (BTO)

Economía (ESO/BTO)

Economía, Emprendemento e Actividade Empresarial (BTO)

Economía (ESO/BTO)

Economía e Emprendemento (ESO)

Fundamentos da Arte (BTO)

Fundamentos Artísticos (BTO)

Lingua Castelá e Literatura (ESO/BTO)

Literatura Dramática (BTO)

Lingua Galega e Literatura (ESO/BTO)

Literatura Dramática (BTO)

Matemáticas (ESO/BTO)

Matemáticas Xerais (BTO)

Matemáticas orientadas ás ensinanzas aplicadas (ESO)

Matemáticas A (ESO)

Matemáticas orientadas ás ensinanzas académicas (ESO)

Matemáticas B (ESO)

Debuxo artístico (BTO)

Movementos Culturais e Artísticos (BTO)

Historia da Arte (BTO)

Movementos Culturais e Artísticos (BTO)

Tecnoloxía ESO

Educación Dixital (ESO)

Tecnoloxía ESO

Tecnoloxía e Enxeñaría (BTO)

Tecnoloxía ESO

Tecnoloxía e Dixitalización (ESO)

Tecnoloxía ESO

Dixitalización (ESO)

Valores Éticos ESO

Educación en Valores Cívicos e Éticos (ESO)

Xeografía e historia de Galicia (BTO)

Xeografía, Historia, Arte e Patrimonio de Galicia (BTO)

Patrimonio artístico e cultural de Galicia (BTO)

Xeografía, Historia, Arte e Patrimonio de Galicia (BTO)

Xeoloxía BTO

Xeoloxía e Ciencias Ambientais (BTO)

Debuxo artístico BTO

Proxectos Artísticos BTO

Filosofía ESO/BTO

Formación e Orientación Persoal e Profesional ESO