Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 105 Xoves, 2 de xuño de 2022 Páx. 32460

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación

EXTRACTO da Resolución do 29 de abril de 2022, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorga autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción das instalacións relativas ao proxecto do parque eólico Monte do Marco, sito nos concellos de Monterroso e Palas de Rei (Lugo) e promovido por Aventoa, S.L. (expediente LU 11/135-EOL).

A seguir recóllese a información exixida nas letras a) e b) do artigo 42.4 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, respecto da Resolución do 29 de abril de 2022, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorgan as autorizacións administrativas previa e de construción do parque eólico Monte do Marco.

a) Contido da resolución e condicións que a acompañan:

Outorgar autorización administrativa previa e de construción das instalacións do parque eólico Monte do Marco, sito nos concellos de Monterroso e Palas de Rei (Lugo) e promovido por Aventoa, S.L., cunha potencia de 6 MW.

Todo isto de acordo coas condicións seguintes:

1. Consonte o disposto no artigo 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, Aventoa, S.L. constituirá, con carácter previo ao inicio das obras, unha fianza para garantir o cumprimento do deber de restaurar os terreos ocupados polo parque eólico na fase de obras. O importe da fianza fíxase, por proposta da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, en 70.069,00 euros.

A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda e Administración Pública da Xunta de Galicia. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, unha vez depositada a fianza para garantir o deber de restaurar os terreos ocupados na fase de desmantelamento.

2. Para a inscrición da instalación no Rexistro Autonómico creado pola Orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xuño de 1995 (DOG nº 135, do 14 de xullo), a promotora efectuará a correspondente solicitude, de acordo co procedemento regulamentariamente establecido.

3. A instalación adaptarase ao procedemento de captación e procesamento de datos de produción de enerxía eléctrica de Galicia regulamentado pola Orde da Consellería de Innovación e Industria, do 23 de xaneiro de 2009, pola que se establece o procedemento para a captación e procesamento dos datos de produción enerxética das instalacións acollidas ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 37, do 23 de febreiro).

4. Con anterioridade ao prazo dun mes do inicio das obras, a promotora deberá achegar á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais o Plan de vixilancia e seguimento ambiental, de acordo coas consideracións establecidas no punto 3.8 da declaración de impacto ambiental.

5. Conxuntamente coa solicitude de autorización de explotación das instalacións a promotora deberá presentar, ante a xefatura territorial, un certificado de final de obra subscrito por técnico facultativo competente, en que conste que a instalación se realizou de acordo coas especificacións contidas no proxecto de execución que por esta resolución se aproba, así como coas prescricións da regulamentación técnica aplicable á materia.

Así mesmo, deberá presentar ante esta dirección xeral un plano as built e outro plano cartográfico en formato shape das instalacións do parque eólico.

6. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, e con carácter previo á súa posta en servizo, a Xefatura Territorial da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación de Lugo inspeccionarán a totalidade das obras e montaxes efectuados e verificará o cumprimento das condicións establecidas nesta resolución e as demais que sexan de aplicación.

7. No caso de que se manifestasen perturbacións na recepción do sinal da TDT, directamente atribuíbles ás instalacións do parque eólico, Aventoa, S.L. deberá adoptar as medidas necesarias para devolverlle á recepción do sinal as anteriores condicións de calidade.

8. De conformidade coa disposición transitoria cuarta da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia, a promotora disporá dun prazo de tres anos, contados desde a notificación da autorización administrativa de construción, para solicitar a correspondente autorización de explotación. En caso de incumprimento, poderá producirse a revogación das mencionadas autorizacións nos termos establecidos no número 10 do artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, ou norma que a substitúa.

9. O parque eólico deberá cumprir cos requisitos que se recollan nos procedementos de operación aprobados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica, que lle resulten de aplicación.

10. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar a revogación das autorizacións, logo de audiencia do interesado.

11. A promotora deberá dar cumprimento a todas as condicións establecidas na declaración de impacto ambiental do 30.3.2016, así como ás establecidas no correspondente programa de vixilancia e seguimento ambiental.

12. A autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

13. A resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia de acordo co establecido no artigo 34 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

b) Principais motivos e consideracións en que se basea a resolución:

1. Mediante a Resolución do 20 de decembro de 2010 pola que se aproba a relación de anteproxectos de parques eólicos seleccionados ao abeiro da Orde do 29 de marzo de 2010 para a asignación de 2.325 MW de potencia na modalidade de novos parques eólicos en Galicia (DOG nº 248, do 28 de decembro), admitiuse a trámite o parque eólico Monte do Marco (en diante, o parque eólico), cunha potencia de 6 MW e promovido por Aventoa, S.L. (en diante, a promotora).

2. O 24.6.2011, a promotora solicitou a autorización administrativa, a aprobación do proxecto de execución, a declaración de utilidade pública, en concreto, o outorgamento da condición de instalación acollida ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica e a aprobación do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal do parque eólico.

3. O 11.4.2012, a Xefatura Territorial da Consellería de Economía e Industria de Lugo (en diante, a xefatura territorial) emitiu o informe sobre as instalacións electromecánicas descritas no proxecto de execución do parque eólico.

4. Mediante a Resolución do 4 de xuño de 2012, da Xefatura Territorial de Lugo, sometéronse a información pública para autorización administrativa, a aprobación do proxecto de execución, a declaración de utilidade pública, en concreto, así como a inclusión no réxime especial de produción de enerxía eléctrica e a aprobación do seu estudo de impacto ambiental e do correspondente proxecto sectorial de incidencia supramunicipal, as instalacións relativas ao parque eólico Monte do Marco.

A dita resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia do 20.7.2012 (e a súa corrección de erros o 3.8.2012), no Boletín Oficial da provincia de Lugo do 6.7.2012 e no xornal El Progreso do 4.7.2012. Así mesmo, permaneceu exposta ao público no taboleiro de anuncios dos concellos afectados de Monterroso e de Palas de Rei, da Xefatura Territorial da Consellería de Economía e Industria de Lugo e da Xefatura Territorial da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas de Lugo, que emitiron os correspondentes certificados de exposición pública.

A seguir resúmese o contido das alegacións presentadas durante o período de información pública e na tramitación do expediente:

– Existencia de erros na relación de bens e dereitos afectados, maioritariamente en relación coa titularidade das parcelas, coas superficies afectadas, coa clasificación do solo, co tipo de aproveitamento, cos enderezos para os efectos de notificacións, etc.

– Que non se autorice a afección de aeroxeradores e vieiros sobre hábitats de conservación prioritaria na UE presentes na zona, sobre especies incluídas no anexo II da Lei 42/2007, do patrimonio natural e a biodiversidade, e sobre as zonas previstas para a ampliación da Rede Natura 2000, por non concorrer no proxecto ningunha das consideracións establecidas no artigo 45.6 da Lei 42/2007, do patrimonio natural e a biodiversidade.

– Adopción de medidas para evitar afeccións sobre especies incluídas no anexo I da Directiva de aves, nos libros vermellos estatais e no Catálogo galego de especies ameazadas.

– Que se inclúan no proxecto medidas recomendadas nos plans de conservación de especies ameazadas da Xunta de Galicia.

– Que se adopten medidas para mitigar a mortaldade de anfibios, réptiles, aves e mamíferos nos vieiros de acceso, e de aves e morcegos por impacto cos aeroxeradores, así como perturbacións dos hábitats na contorna do parque eólico.

5. Durante a tramitación do procedemento, e de acordo co establecido nos artigos 127 e 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, a xefatura territorial remitiulles, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución do parque eólico aos seguintes organismos e empresas de servizo público: Concello de Monterroso, Concello de Palas de Rei, Retegal, S.A., Retevisión I, S.A., e Agencia Estatal de Seguridad Aérea.

O Concello de Monterroso, Retegal, S.A., Retevisión I, S.A. emitiron condicionados técnicos que foron aceptados pola promotora.

O Concello de Palas de Rei non emitiu condicionado pese á súa reiteración o 3.8.2012.

O 29.10.2012, a Agencia Estatal de Seguridad Aérea autorizou as instalacións do parque eólico e establece o correspondente condicionado.

6. O 30.3.2016, a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental formulou a declaración de impacto ambiental relativa ao parque eólico, que se fixo pública mediante a Resolución do 26 de abril de 2016, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas (DOG nº 108, do 8 de xuño).

Durante o trámite de avaliación de impacto ambiental a que o proxecto foi sometido, recibíronse informes dos seguintes organismos: Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Conservación da Natureza, Instituto de Estudos do Territorio, Dirección Xeral de Innovación e Xestión da Saúde Publica, Axencia Turismo de Galicia (antiga Secretaría Xeral para o Turismo) e Confederación Hidrográfica do Miño-Sil.

7. O 7.4.2016, a Secretaria Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu, en relación co proxecto sectorial do parque eólico, o informe a que facía referencia o artigo 37.7 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, segundo a redacción da lei ata a súa modificación pola Lei 5/2017, do 19 de outubro.

8. O 2.3.2020, a promotora achega a acreditación do permiso de acceso e conexión á rede do parque eólico no circuíto Lugo-Chantada 132 kV.

9. O 24.05.2020, a promotora presentou unha solicitude de modificación do proxecto derivada do permiso de acceso e conexión concedido por UFD o 16.7.2019 e da compartición do nó de conexión entre promotores. Estes cambios consisten, con carácter xeral, na substitución da subestación transformadora por un novo centro de seccionamento (CSM), que conectará o sistema colector de media tensión do parque coa liña de evacuación 30 kV Monte do Marco-Eirexe (expediente independente-IN408A 2020/051), cambio a 30 kV do sistema colector de media tensión do parque, novo tramo de liña de media tensión soterrado entre o aeroxerador MM2 e o CSM e cambio dos transformadores de potencia interiores aos aeroxeradores, cunha relación de transformación 0,65/30 kV.

10. O 1.2.2021, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo informou que o proxecto modificado do parque eólico cumpre os requisitos de distancias ás delimitacións do solo de núcleos rurais, solo urbano e solo urbanizable, establecidos no Plan sectorial eólico de Galicia.

11. O 12.4.2021, o Instituto de Estudos do Territorio informou que, de acordo co establecido na disposición transitoria única do Decreto 238/2020, do 29 de decembro, polo que se aproban as directrices de paisaxe de Galicia, non é obrigatorio que o proxecto do parque eólico adapte o seu contido ás ditas directrices.

12. Mediante a Resolución do 17 de setembro de 2021, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, declarouse a tramitación de urxencia dos procedementos administrativos correspondentes ao parque eólico Monte do Marco, por ser declarado o dito proxecto como iniciativa empresarial prioritaria polo Consello da Xunta de Galicia o 29.7.2021.

13. O 4.11.2021, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático considerou que non existen obxeccións aos cambios solicitados pola promotora.

14. O 21.4.2022, a Xefatura Territorial informou favorablemente sobre o cumprimento da normativa de instalacións industriais e eléctricas do proxecto de execución do parque eólico Monte do Marco, presentado o 7.4.2022 por Aventoa, S.L. e que recolle a antedita modificación.

15. O parque eólico conta cos dereitos de acceso e conexión á rede para unha potencia de 6 MW, segundo informe do xestor de rede do 16.7.2019.

Santiago de Compostela, 29 de abril de 2022

Paula Uría Traba
Directora xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais