Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 104 Mércores, 1 de xuño de 2022 Páx. 32236

VI. Anuncios

b) Administración local

Concello de Vigo

ANUNCIO do 22 de abril de 2022, da Xerencia Municipal de Urbanismo, de aprobación inicial do Plan especial de reforma interior da unidade de actuación UA-3 Montana-Alcabre (expediente 15903/411).

A Xunta de Goberno Local, na sesión ordinaria do 13 de abril de 2022, adoptou o seguinte acordo:

«Primeiro. Prestar aprobación inicial ao Plan especial de reforma interior UA 3. Montana», instrumento urbanístico de iniciativa particular promovido por Arqura Homes fondos de activos bancarios, con CIF V8835928 (tras a subrogación e cambio de titularidade efectuada neste expediente con data do 21 de xaneiro de 2020), que inclúe a documentación técnica presentada en soporte dixital e sinatura válida polos arquitectos redactores Simón Pereiro López-Quecuty e José Luis Pereiro Alonso no Rexistro electrónico da Xerencia Municipal de Urbanismo con datas do 1 de xullo de 2021 (cód. sol.: W573195-3915), 21 de xullo de 2021 (cód. sol.: W580466-3085) e 10 de marzo de 2022 (cód. sol. W668665-5559); esta última substitúe a normativa urbanística do mesmo documento anterior.

Segundo. Someter a información pública este expediente, incluído o resumo executivo, polo prazo de dous (2) meses, mediante a publicación de anuncios no DOG, nun dos xornais de maior circulación da provincia e na sede electrónica do Concello de Vigo, para efectos de que durante o dito período se poidan formular alegacións e as suxestións pertinentes. O remate do referido prazo de alegacións computarase desde a data da publicación do anuncio no Diario Oficial de Galicia, e a documentación exposta será dilixenciada pola Secretaría Xeral, con notificación individual ás persoas titulares catastrais dos terreos afectados segundo a relación catastral incorporada ao expediente.

Durante o referido prazo recadaranse os informes sectoriais que resulten preceptivos, de conformidade coa normativa urbanística e sectorial de aplicación.

Á vista do resultado dos trámites anteriores, resolverase sobre a procedencia de introducir no documento de modificación as rectificacións pertinentes, cuxo alcance determinará, de ser o caso, a oportunidade e procedencia dun novo trámite de información pública e requirimento de informes (artigo 144.12 do Regulamento da Lei do solo de Galicia).

Terceiro. Este acordo determina, por aplicación do disposto nos artigos 47.2 da Lei do solo de Galicia e 86.2 do Regulamento da Lei do solo de Galicia, a suspensión do procedemento de outorgamento de licenzas no ámbito afectado no que resulte incompatible coa nova ordenación».

Para os efectos do disposto no punto segundo da parte dispositiva deste acordo, a documentación íntegra aprobada inicialmente poderase consultar na seguinte ligazón: https://hoxe.vigo.org/movemonos/urbanismo_pxom2.php?lang=gal#/ e no Departamento de Información de Urbanismo, sito na planta baixa do edificio da Xerencia de Urbanismo (praza do Rei, s/n, Vigo), para a súa consulta e a presentación de cantos documentos ou escritos de alegacións xulguen convenientes.

* Pódense poñer en contacto co Departamento de Información de Urbanismo, para solicitar cita previa ou para resolver calquera dúbida ao respecto, no teléfono 986 81 03 49.

* Para presentar documentos ou escritos de alegacións, deben solicitar cita previa no Rexistro de Urbanismo no teléfono 986 81 03 44.

Vigo, 22 de abril 2022

O presidente da Xerencia Municipal de Urbanismo
P.D. (Resolución do 11.7.2019)
María José Caride Estévez
Vicepresidenta da Xerencia Municipal de Urbanismo