Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 101 Venres, 27 de maio de 2022 Páx. 31330

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ANUNCIO do 25 de abril de 2022, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, polo que se somete a información pública a documentación para a revisión da autorización ambiental integrada para a planta de fabricación de pensos de Coren Agroindustrial, S.A., no concello da Pastoriza, provincia de Lugo (expediente 2020-IPPC-M-100).

O artigo 26 do Real decreto lexislativo 1/2016, do 16 de decembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de prevención e control integrados da contaminación (BOE núm. 316, do 31 de decembro de 2016), regula a revisión das autorizacións ambientais integradas.

Os artigos 15 e 16 do Real decreto 815/2013, do 18 de outubro, polo que se aproba o Regulamento de emisións industriais e de desenvolvemento da Lei 16/2002, do 1 de xullo, de prevención e control integrados da contaminación (BOE núm. 251, do 19 de outubro de 2013), regulan o procedemento de revisión das autorizacións ambientais integradas.

Para os efectos previstos no artigo 15.5.a) do Real decreto 815/2013, sométese a información pública, durante un período de vinte (20) días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia, o documento titulado:

Memoria revisión de autorización ambiental integrada. Fábrica de pensos nº 4. Coren Agroindustrial, S.A.U. Marzo 2020.

Para que calquera interesado poida consultalos e, de ser o caso, formular no citado prazo as alegacións, suxestións ou observacións que considere oportunas, o documento estará á disposición dos administrados, en horario de atención ao público, nas seguintes dependencias:

– Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático-Servizo de Prevención e Control Integrados da Contaminación (rúa de San Lázaro, s/n, 15781 Santiago de Compostela).

Ademais, poderán acceder a esta información na páxina web da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda:

(http://cmatv.xunta.gal/→medio ambiente e sostibilidade→prevención e control de actividades→autorización ambiental integrada→proxectos en información pública).

Santiago de Compostela, 25 de abril de 2022

María Sagrario Pérez Castellanos
Directora xeral de Calidade Ambiental,
Sostibilidade e Cambio Climático

ANEXO

Memoria resumo

Clave do expediente: 2020-IPPC-M-100.

Peticionario: Coren Agroindustrial, S.A.

CIF: A32242588.

Enderezo social: oficinas centrais. Centro de procesado avícola, Santa Cruz de Arrabaldo, 32990 Ourense.

Localización da instalación: Santa María de Bretoña, s/n, 27286 A Pastoriza, Lugo.

Actividade: fábrica de pensos compostos para alimentación animal.

Descrición: o proceso que se leva a cabo é o seguinte: recepción e almacenamento de material auxiliar e de materias primas, formulación, dosificación e pesaxe de materias primas e aditivos, mesturado, moenda, melazado, granulación, cribado, almacenamento de produto terminado e expedición (ensacado e paletizado ou distribución a granel).

As augas fecais trátanse nunha fosa séptica, na cal tamén conflúen as augas residuais procedentes da zona de lavado de vehículos, que previamente pasan por un separador de graxas e un decantador como tratamento primario. O efluente da fosa séptica infíltrase no terreo. As augas pluviais van á canle, logo de pasar por un separador de graxas. Non se xeran augas residuais industriais.

Inclúese na documentación presentada o grao de implantación das mellores técnicas dispoñibles, atendendo ao recollido na Decisión de execución (UE) 2019/2031 da Comisión, do 12 de novembro de 2019, pola que se establecen as conclusións sobre as mellores técnicas dispoñibles (MTD) respecto ás industrias de alimentación, bebida e leite, conforme á Directiva 2010/75/UE do Parlamento Europeo e do Consello, sobre as emisións industriais.