Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 100 Mércores, 25 de maio de 2022 Páx. 30852

III. Outras disposicións

Consellería do Mar

ORDE do 10 de maio de 2022 pola que se aproban as bases reguladoras e a convocatoria do ano 2022 para a selección de estratexias de desenvolvemento local participativo e grupos de acción local do sector pesqueiro, así como para a concesión da axuda preparatoria, no período de programación do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e Acuicultura (FEMPA) 2021-2027 en Galicia (código de procedemento PE210B).

O Regulamento (UE) 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021, establece as disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional; ao Fondo Social Europeo Plus; ao Fondo de Cohesión; ao Fondo de Transición Xusta e ao Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura, así como as normas financeiras para os ditos fondos e para o Fondo de Asilo, Migración e Integración; o Fondo de Seguridade Interior e o Instrumento de Apoio Financeiro á Xestión de Fronteiras e á Política de Visados, e establece, no título III, capítulo II, o desenvolvemento territorial.

De acordo co establecido no regulamento mencionado, o desenvolvemento local participativo é unha modalidade de desenvolvemento territorial que se levará a cabo mediante estratexias de desenvolvemento local participativo baseadas en zonas xeográficas, e que está dirixido por grupos de acción local compostos por representantes dos intereses socioeconómicos locais públicos e privados. Os criterios de selección das estratexias e o proceso de aprobación destas correspóndelles ás autoridades de xestión.

O Regulamento (UE) 2021/1139 do Parlamento Europeo e do Consello, do 7 de xullo de 2021, establece o Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura; modifica o Regulamento (UE) 2017/1004 e regula no artigo 30 o desenvolvemento local participativo, que se enmarca na prioridade 3 do fondo de «permitir unha economía azul sustentable nas zonas costeiras, insulares e interiores, e fomentar o desenvolvemento das comunidades pesqueiras e acuícolas».

A prioridade 3 do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA) encádrase no obxectivo político 5 da Unión, «Unha Europa máis próxima aos seus cidadáns, fomentando o desenvolvemento integrado e sostible de todo tipo de territorios e iniciativas locais».

O desenvolvemento local participativo para o período de programación 2021-2027 réxese polo disposto nos artigos 51 a 54 do Regulamento (UE) 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021, e polo disposto nos artigos 29 e 30 do Regulamento (UE) 2021/1139 do Parlamento Europeo e do Consello, do 7 de xullo de 2021.

O desenvolvemento local participativo como instrumento de desenvolvemento territorial centrado en zonas demostrou, ao longo dos dous precedentes períodos de programación, a súa capacidade para fomentar o desenvolvemento das zonas costeiras e dar resposta aos desafíos concretos do desenvolvemento económico e social das comunidades. Os grupos de acción local, nos cales está moi involucrado o sector pesqueiro, son un motor de dinamización dos territorios e un recurso de desenvolvemento local para as persoas e entidades situadas nas zonas costeiras. A través das estratexias de desenvolvemento local implementadas polos grupos abordáronse retos da política pesqueira común (PPC), do crecemento azul e do cambio climático, e da creación de emprego.

Segundo dispón o artigo 32 do Regulamento (UE) 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021, as estratexias de desenvolvemento local participativo establecerán a zona xeográfica e poboación cuberta por ela, serán seleccionadas por un comité creado para tal efecto pola autoridade de xestión correspondente e serán aprobadas por estas mesmas autoridades.

Para elaborar as estratexias, incluído o desenvolvemento de capacidades, o regulamento prevé unha axuda preparatoria para os grupos no artigo 34.1.a), con independencia de que as estratexias se seleccionen ou non.

O desenvolvemento local participativo levado a cabo polos grupos de acción local do sector pesqueiro establécese en zonas onde o peso das actividades pesqueiras e acuícolas é significativo. As estratexias de desenvolvemento local participativo aplicaranse en concellos costeiros que sexan zonas intermedias ou pouco poboadas en canto a grao de urbanización e onde a pesca ou a acuicultura formen parte do tecido socioeconómico. Tamén poderán incluírse áreas urbanas densamente poboadas con presenza do sector pesqueiro e limitacións na poboación obxectivo, sempre que se garanta a cohesión territorial das zonas pesqueiras cubertas polas estratexias.

As zonas pesqueiras estarán formadas por concellos con presenza de actividades relacionadas coa pesca e a acuicultura, incluídos nalgún grupo de acción local que xestionase a prioridade 4 do FEMP 2014-2020, e a poboación computable será a residente nos concellos da zona delimitada, agás no caso de concellos urbanos densamente poboados.

No concellos urbanos costeiros densamente poboados (Ferrol, A Coruña, Pontevedra e Vigo), as actuacións dirixiranse á poboación do sector pesqueiro e acuícola e ás súas familias, e só se contabilizará a poboación a que se dirixe a estratexia. O tamaño da zona en termos de poboación é importante, xa que, xunto coa estratexia e o grupo, son os elementos que conforman o éxito deste modelo de desenvolvemento territorial.

As estratexias terán un enfoque importante no sector pesqueiro, que se traducirá nun orzamento significativo do plan financeiro da estratexia destinado ao desenvolvemento deste sector, sen prexuízo de que tamén se dirixan á diversificación das comunidades locais.

Tendo en conta o disposto nos parágrafos precedentes, procede establecer as bases e convocar o proceso de selección de estratexias de desenvolvemento local e dos grupos de acción local do sector pesqueiro, e da axuda para a preparación das estratexias. A resolución do procedemento de selección e concesión realizarase unha vez aprobado o Programa operativo de España do Fondo Europeo Marítimo, Pesqueiro e Acuícola (FEMPA), período 2021-2027.

Segundo o Decreto 50/2021, do 11 de marzo, polo que se aproba a estrutura orgánica da Consellería do Mar, correspóndelle á Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro a programación, xestión e execución do desenvolvemento pesqueiro, incluíndo a supervisión, xestión e control dos grupos constituídos para o desenvolvemento sustentable do litoral.

En consecuencia, e de acordo co disposto no artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e en uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, e demais normativa de aplicación, oído o sector interesado,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e a convocatoria do ano 2022 para a selección de estratexias de desenvolvemento local participativo (en diante, EDLP) e grupos de acción local do sector pesqueiro (en diante, GALP), que levará asociada a concesión da axuda preparatoria, no marco do período de programación do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e Acuicultura (FEMPA) 2021-2027, en Galicia.

2. O procedemento regulado nesta orde ten o código PE210B.

Artigo 2. Organizacións candidatas a grupos de acción local do sector pesqueiro

1. As organizacións candidatas a grupos de acción local para preparar unha estratexia de desenvolvemento local participativo 2021-2027 deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Teren personalidade xurídica e estaren constituídas e en funcionamento antes de finalizar o prazo de presentación da solicitude. As persoas xurídico-privadas deben estar constituídas ao abeiro da Lei orgánica 1/2002, do 22 de marzo, reguladora do dereito de asociación e normativa de aplicación do Estado e Comunidade Autónoma, e carecer estatutariamente de ánimo de lucro.

b) Estaren compostas por entidades que representen os intereses socioeconómicos locais públicos e privados dentro da zona, e sen que ningún grupo de interese único controle a toma de decisións, ou compromiso de adaptación dos seus estatutos á dita composición. Unha entidade só poderá ser socia dunha organización candidata.

Na composición do GALP rexerá o principio de portas abertas. Para estes efectos, os respectivos estatutos deberán garantir a incorporación, tanto na constitución como ao longo de todo o período de execución da estratexia, de todas aquelas entidades con implantación local que, reunindo os requisitos exixidos para adquirir a condición de asociados, soliciten a súa incorporación.

c) Delimitaren o territorio ou zona de actuación por termos municipais, sempre que se xustifique a homoxeneidade, a continuidade e a cohesión territorial costeira.

d) Seren un GALP existente no período de programación FEMP 2014-2020 ou unha asociación de nova creación que se comprometa a crear un GALP e desenvolver unha EDLP. No caso de novos grupos, teranse en conta as expresións de apoio (cartas de compromiso) de representantes da comunidade local, e deberase incluír o apoio da maioría das entidades asociativas do sector pesqueiro do territorio afectado. As entidades só poderán ser socias ou apoiar externamente unha organización candidata (sen entrar a formar parte dela).

e) Elaboraren unha EDLP baseada nos recursos do territorio e cuantificada con obxectivos, contando coa participación de todas as organizacións públicas e privadas interesadas implantadas no territorio. A estratexia comprenderá as actuacións previstas no período de programación 2021-2027, e poderase prorrogarse ata o 31 de decembro de 2029.

f) Teren capacidade para definir e executar a estratexia e dotarse, ou ben comprometerse a dotarse, dun equipo técnico contratado directamente polo GALP con formación e capacidade para xestionar a estratexia de desenvolvemento proposta. O xerente ou o máximo responsable técnico terá dedicación exclusiva ao GALP e non ocupará cargos electos nos órganos do goberno.

g) Os estatutos deberán incorporar as regras necesarias relativas ao cumprimento dos requisitos xerais previstos na alínea b) e, necesariamente, deberán prever ou comprometerse a prever as seguintes regras referidas ao sistema de toma de decisións e elección de cargos:

1º Na toma de decisións, os representantes das entidades directamente interesadas no asunto non poderán estar presentes nas votacións. Por outra parte, deberá garantirse que se evite calquera conflito de intereses, de xeito que se arbitrará un mecanismo para que, nas tomas de decisións dos órganos do GALP, as declaracións de intereses queden perfectamente documentadas e formen parte do expediente.

2º. A presidencia do GALP recaerá nalgún membro da xunta directiva que represente o sector produtor pesqueiro.

Artigo 3. Constitución do GALP

1. O grupo estará constituído por entidades representativas dos seguintes sectores:

a) Sector pesqueiro: integrado polas asociacións e entidades de interese colectivo pesqueiro e acuícola con personalidade xurídica propia.

b) Sector social: integrado polas asociacións socioculturais, deportivas, ecoloxistas, recreativas e educativas, as asociacións de mulleres, as asociacións de mozos/as, as relacionadas co apoio ás persoas discapacitadas, coa inclusión social e outras similares.

c) Sector económico: integrado polas asociacións de empresarios/as, de axentes económicos e organizacións sindicais.

d) Sector público: integrado polas administracións públicas de ámbito local e entidades do sector público vinculadas ou dependentes destas.

2. As asociacións deberán permitir a integración nela de todas as entidades asociativas e de representación de intereses colectivos, fundacións e outras entidades sen ánimo de lucro, así como administracións locais e entidades públicas dependentes destas, dentro do ámbito territorial correspondente. Non se permitirá en ningún caso a participación de persoas físicas ou xurídicas con ánimo de lucro.

Poderán participar entidades de ámbito suprazonal sempre que non existan entidades da mesma natureza a nivel zonal.

Artigo 4. Ámbito territorial de actuación e poboación

1. Os candidatos a grupos poderán incluír os concellos costeiros definidos no anexo I con fin de definir a zona pesqueira de actuación para aplicar unha EDLP.

Sen prexuízo da facultade dos grupos de determinar o territorio da estratexia, establécese que o territorio comprenda, polo menos, 6 municipios.

2. A zona pesqueira definida na estratexia terá coherencia funcional en sentido xeográfico, económico, social e cultural.

3. A zona definida na estratexia poderá incluír concellos costeiros urbanos densamente poboados en que estean presentes a pesca e a acuicultura (Ferrol, A Coruña, Pontevedra e Vigo). Neste caso, as actuacións dirixiranse á poboación do sector pesqueiro e acuícola e ás súas familias, e só se contabilizará a poboación a que se dirixe a estratexia.

4. A poboación computable na estratexia será a residente nos municipios do anexo I, agás no caso mencionado no punto 3 en relación cos concellos urbanos densamente poboados, nos cales só contabilizará como poboación a integrante do sector pesqueiro e as súas familias.

Para o cómputo do número de habitantes teranse en conta os datos oficiais do ano 2020, do Instituto Galego de Estatística (IGE). No caso de concellos urbanos, o número medio de persoas por fogar corresponderá aos datos do ano 2019.

Artigo 5. Estratexias de desenvolvemento local participativo

1. Mediante a prioridade 3 do FEMPA apoiaranse as intervencións que contribúan ao obxectivo de permitir unha economía azul sustentable nas zonas costeiras, e a fomentar o desenvolvemento das comunidades pesqueiras e acuícolas, de acordo co disposto no artigo 29 do Regulamento (UE) 2021/1139. Este obxectivo acadarase mediante o desenvolvemento local participativo (DLP).

2. As estratexias deberán garantir que as comunidades situadas en zonas dedicadas á pesca ou á acuicultura marítima aproveiten mellor as oportunidades que ofrece a economía azul sustentable e se beneficien delas en maior medida, capitalizando e reforzando os recursos ambientais, culturais, sociais e humanos, conforme o disposto no artigo 30.2 do Regulamento (UE) 2021/1139.

As estratexias terán un enfoque importante dirixido ao desenvolvemento do sector pesqueiro, que se traducirá en que un mínimo dun 50 % do orzamento do plan financeiro estará destinado a apoiar este sector, ben que poden ser máis amplas e dirixirse á diversificación das comunidades locais.

As estratexias apoiarán a pesca costeira artesanal, en particular en accións colectivas.

As estratexias non se limitarán á mera agrupación de operacións ou xustaposición de medidas sectoriais.

3. As EDLP das zonas pesqueiras, no marco da prioridade 3 do FEMPA, poderán incluír os seguintes obxectivos estratéxicos:

a) Aumento do valor, creación de emprego, atracción de persoas mozas e promoción da innovación en todas as fases da cadea de produción e subministración dos produtos da pesca e da acuicultura, e a mellora da imaxe destes produtos e a actividade produtiva a nivel local para a súa incorporación á cultura alimentaria do territorio.

b) Fomento da economía azul nas zonas pesqueiras e acuícolas mediante o apoio á diversificación dentro e fóra do sector da pesca comercial, a aprendizaxe permanente e a creación de emprego nas zonas pesqueiras e acuícolas.

c) Impulso e aproveitamento do patrimonio ambiental das zonas pesqueiras e acuícolas, incluídas as operacións de mitigación do cambio climático.

d) Fomento do benestar social e do patrimonio cultural das zonas pesqueiras e acuícolas, incluíndo o patrimonio cultural pesqueiro, acuícola e marítimo.

e) Reforzo do papel das comunidades pesqueiras no desenvolvemento local e da gobernanza dos recursos pesqueiros e actividades marítimas locais.

f) Cooperación.

4. As estratexias definidas polos GALP conterán, cando menos, os seguintes elementos:

a) Zona xeográfica e poboación que abrangue a estratexia.

b) Un diagnóstico da zona e da súa comunidade pesqueira. Unha análise das fortalezas, debilidades, oportunidades e ameazas, que non poderá ser xeral, senón que se centrará nos trazos característicos e singulares da zona. Unha análise e identificación das necesidades de desenvolvemento e do potencial da zona.

c) Xerarquía de obxectivos que se pretenden alcanzar, indicadores que midan o cumprimento dos obxectivos, metas fixadas e as correspondentes accións planificadas.

d) Descrición das características integradas e innovadoras da estratexia. O enfoque integrado supón que a estratexia conecte todos os sectores (reunir a cadea de valor do sector pesqueiro, produtores-transformación-comercialización con outros sectores económicos da zona) e xere sinerxías. Enténdese por innovación no contexto local a introdución de novas ideas na zona (novos mercados, produtos, servizos, métodos de traballo, incluída a innovación social).

e) Normas que garantan que a estratexia será coherente e complementaria coas intervencións doutros programas que se poidan implementar no ámbito territorial do GALP, proposta de traballo en rede e a cooperación con outros axentes territoriais, de ser o caso.

f) Coherencia co obxectivo político da UE sobre o impulso das comunidades locais e coas políticas europeas do Pacto verde e impulso da economía azul. Coherencia coas estratexias rexionais relacionadas co enfoque da estratexia.

g) As estratexias de desenvolvemento local terán en conta, no seu deseño, os principios horizontais que rexen as axudas dos fondos, como son o fomento da igualdade e a integración da perspectiva de xénero; a loita contra a discriminación; o dereito de accesibilidade; a integración social; os principios de conservación, protección e mellora da calidade do ambiente; os obxectivos de desenvolvemento sustentable de Nacións Unidas, e a necesidade dunha transición a unha sociedade que diminúa as súas emisións de carbono.

h) Disposicións de xestión, seguimento e avaliación da estratexia, que demostren a capacidade do GALP para pola en práctica e levala a cabo no período de programación, así como o procedemento de avaliación, para poder determinar o que funciona e o que non funciona, co obxecto de ter a posibilidade de modificala e adaptala ás circunstancias cambiantes.

i) Plan financeiro.

j) Proceso de participación da comunidade no desenvolvemento da estratexia de desenvolvemento local. A participación será real e demostrable, non se poderá reducir a unha simple información ou consulta, senón que incluirá unha participación activa da comunidade. Ademais, será aberta a todos os sectores públicos e privados do territorio, incluíndo todos os colectivos que desexen participar.

5. O número de estratexias aprobadas e GALP seleccionados non será superior a oito (8).

6. Os GALP elaborarán as estratexias de desenvolvemento local de acordo coa estrutura e contidos do anexo IV.

Artigo 6. Regras para as operacións apoiadas polas estratexias de desenvolvemento local participativo

De cara á elaboración das EDLP por parte das organizacións candidatas a adquirir a condición de GALP, deberán terse en conta as seguintes regras:

1. O grao de financiamento dos proxectos presentados para investimentos ao abeiro da correspondente EDLP, para operacións que leven a cabo en virtude do título II, capítulo IV, do Regulamento (UE) 2021/1139, será o seguinte:

a) A porcentaxe de axuda máxima para proxectos ascenderá ao 50 % do gasto subvencionable total da operación.

b) No caso de organizacións de pescadores ou outros beneficiarios colectivos do sector pesqueiro, a porcentaxe máxima de axuda para os proxectos non superará o 60 % dos custos dos gastos subvencionables do proxecto.

c) A porcentaxe máxima de axuda para os proxectos poderá ascender ao 100 % dos custos dos gastos subvencionables do proxecto cando a operación responda aos seguintes criterios: interese colectivo e beneficiario colectivo.

d) No caso de operacións vinculadas á pesca costeira artesanal, a axuda poderá incrementarse ata o 100 %. Entenderanse vinculadas á pesca costeira artesanal aquelas operacións desenvolvidas por aquelas persoas físicas ou xurídicas que leven a cabo directamente actividades de pesca costeira artesanal e aquelas operacións levadas a cabo por entidades asociativas do sector pesqueiro que desenvolvan proxectos dirixidos só ao sector da pesca costeira artesanal.

e) No caso de proxectos que non se benefician da exención de aplicación das normas sobre axudas estatais establecidas no artigo 10.2 do FEMPA, observarase o disposto nas bases reguladoras de axudas.

As EDLP poderán establecer límites de axuda máxima inferiores aos indicados.

Os proxectos que non estean promovidos polo sector pesqueiro terán un importe máximo de axuda de 200.000 € por beneficiario (ou conxunto de beneficiarios) e convocatoria.

2. As persoas beneficiarias limitaranse á categoría de peme, excepto as entidades públicas de carácter local, segundo a definición do anexo I do Regulamento (UE) 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do tratado.

3. Proxectos propios do GALP: os grupos unicamente poderán ser beneficiarios e executar operacións de conformidade co programa de axudas da estratexia, no caso de proxectos de cooperación interterritorial ou transnacional no ámbito do obxectivo estratéxico f) do artigo 5.3.

A cooperación interterritorial defínese como a realizada dentro do Estado, entre os GALP dunha mesma zona ou de diferentes zonas do territorio nacional, ou entre os GALP e asociacións público-privadas locais dunha mesma zona ou de diferentes zonas do territorio nacional que apliquen unha EDLP.

A cooperación transnacional dentro da UE defínese como a realizada entre grupos de distintos Estados membros da UE, ou con asociacións público-privadas locais doutros Estados membros que apliquen unha EDLP dentro da Unión.

Cada GALP, no proceso de definición da súa estratexia, poderá propor incluír a cooperación para acadar o resto de obxectivos desta. Os proxectos de cooperación serán seleccionados directamente polos GALP e incluiranse no plan financeiro da EDLP.

A porcentaxe de axuda máxima a un GALP para proxectos de cooperación ascenderá ao 50 % do gasto subvencionable total da operación.

A porcentaxe máxima de axuda poderá ascender ao 100 % dos custos dos gastos subvencionables do proxecto cando a operación responda aos seguintes criterios: interese colectivo e beneficiario colectivo.

4. Con carácter xeral, os proxectos deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Apoiaren o logro da prioridade 3, encadrarse na EDLP e contribuír aos obxectivos da estratexia aprobada para a zona pesqueira onde se vaian desenvolver.

b) Estaren localizados no ámbito territorial elixible de cada GALP.

c) Seren viables técnica, financeira e economicamente, de ser o caso.

d) Axustárense á normativa sectorial (comunitaria, estatal e autonómica) que resulte de aplicación para cada tipo de proxecto.

5. No caso de municipios densamente poboados en que a EDLP non computa a totalidade da poboación (só a integrante do sector pesqueiro e os seus familiares), poderán ser beneficiarias:

a) As persoas xurídicas do sector pesqueiro.

b) As persoas físicas integrantes do sector pesqueiro e os seus familiares.

c) As entidades públicas locais cuxos proxectos estean dirixidos á poboación integrante do sector pesqueiro ou que presenten beneficios para o resto do territorio da zona pesqueira.

Artigo 7. Axuda preparatoria para a elaboración das EDLP

1. As entidades candidatas a GALP admitidas poderán ter dereito á axuda preparatoria da estratexia prevista no artigo 34 do Regulamento (UE) 2021/1060 para a elaboración da EDLP, con independencia de que a estratexia se seleccione ou non.

2. O apoio á preparación de estratexias de desenvolvemento local financia os gastos necesarios para deseñar, preparar e elaborar as estratexias de desenvolvemento local participativo, consistentes fundamentalmente en:

a) Creación de capacidades. Accións de formación para as partes interesadas.

b) Estudos relativos á zona obxecto da estratexia que se vai implementar.

c) Gastos relacionados coa elaboración da estratexia, incluídos os custos de asesoramento e custos para accións relacionadas coas consultas ás partes interesadas para os efectos da preparación da estratexia.

Non terá a consideración de gasto subvencionable o IVE, excepto cando non sexa recuperable e sexa custeado de forma efectiva e definitiva por beneficiarios que non teñan a condición de suxeito pasivo, de acordo coa definición do artigo 13, número 1, parágrafo primeiro, da Directiva 2006/112/CE do Consello, do 28 de novembro de 2006, relativa ao sistema común do imposto sobre o valor engadido.

3. O crédito orzamentario para as solicitudes de axuda tramitadas durante o exercicio do ano 2022 alcanza o importe de douscentos mil euros (200.000 euros) na partida orzamentaria 15.03.723C.780.0, código de proxecto 202200168.

Na partida orzamentaria sinalada existe crédito axeitado e suficiente nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2022.

4. Só serán elixibles os gastos efectuados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde. Os traballos da axuda preparatoria non poderán estar rematados no momento de solicitar a axuda.

5. Non poderán obter a condición de beneficiarias da axuda preparatoria aquelas entidades nas cales concorra algunha das seguintes circunstancias:

a) As persoas sinaladas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) Os operadores que se atopen nalgún dos supostos establecidos no artigo 11.1.a) e b) e 3 do Regulamento (UE) 2021/1139.

c) Non estar ao día no pagamento das súas obrigas tributarias co Estado, coa Comunidade Autónoma e coa Seguridade Social.

6. As entidades beneficiarias serán as organizacións candidatas a adquirir a condición de GALP que cumpran cos requisitos establecidos no artigo 2; poderá tratarse de asociacións que xa tivesen a condición de grupos de acción local no período de programación FEMP, ou ben entidades de nova creación que presenten unha EDLP.

A axuda concederase a todas as propostas de estratexia de desenvolvemento local que cumpran os requisitos descritos no artigo 5, e as condicións establecidas no punto 5 deste artigo, independentemente de que resulten finalmente seleccionadas ou non, en función da súa calidade.

7. A intensidade máxima de axuda poderá acadar o 100 % dos gastos subvencionables, coa limitación dun importe mínimo de 15.000 € e máximo de 25.000 € por cada organización candidata. A asignación realizarase en función da puntuación obtida por cada GALP, detallada no artigo 15.

8. A entidade beneficiaria poderá subcontratar a actividade subvencionada ata o 100 % do seu importe, de acordo co disposto no artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 8. Prazos de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será de catro (4) meses, contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último día do mes.

Artigo 9. Forma de presentación de solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal. O formulario normalizado correspóndese co anexo II desta orde.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.

Para presentar as solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Forma parte de cada solicitude a declaración responsable que esta contén e na cal se fan constar os seguintes aspectos:

a) Que cumpren os requisitos para obter a condición de entidade beneficiaria segundo o disposto no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) Que non se atopan en ningún dos supostos establecidos no artigo 11.1.a) e b) e 3 do Regulamento (UE) 2021/1139, do Parlamento Europeo e do Consello, do 7 de xullo de 2021, é dicir:

1º. Non ter cometido infracción grave consonte o artigo 42 do Regulamento (CE) 1005/2008 ou o artigo 90 do Regulamento (CE) 1224/2009, ou consonte outros actos lexislativos adoptados polo Parlamento Europeo e polo Consello, no marco da política pesqueira común (PPC).

2º. Non ter estado involucrada na explotación, xestión ou propiedade de buques pesqueiros incluídos na lista de buques INDR da Unión, recollida no artigo 40.3 do Regulamento (CE) 1005/2008 ou de buques que enarboren pavillón de países considerados terceiros países non cooperantes, segundo se establece no seu artigo 33.

3º. Non ter cometido infraccións graves da política pesqueira común (PPC).

4º. Non ter cometido fraude no marco do Fondo Europeo de Pesca (FEP) ou do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP).

c) O conxunto de todas as axudas solicitadas ou concedidas para a axuda preparatoria das distintas administracións públicas competentes.

d) Que os traballos da axuda preparatoria non estean rematados.

e) Que teñan capacidade operativa e financeira para cumprir co obxecto para o cal se solicita a axuda preparatoria.

f) Que se comprometan a adaptar os estatutos ao cumprimento dos requisitos do candidato con anterioridade á selección da EDLP, de ser un grupo existente.

g) Ter a condición de poder adxudicador nos termos da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público.

A presentación da solicitude de subvención pola persoa interesada ou representante comportará a autorización ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade das declaracións anteriores, por calquera medio ou rexistro dispoñible.

2. As solicitudes estarán asinadas polo representante legal da entidade solicitante.

Artigo 10. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Documentación acreditativa da personalidade:

1º. Certificación do órgano competente, na cal se especifique o acordo polo cal se lle concede autorización para formular a solicitude ao asinante dela. De actuar en virtude de atribucións fixadas nos estatutos, indicarase así na solicitude e citarase a disposición que recolle a competencia.

2º. Certificación do órgano competente en que se acredite o desempeño actual do cargo.

3º. Acta de constitución da entidade.

4º. Copia dos estatutos da entidade debidamente inscritos no rexistro correspondente e, de ser o caso, regulamentos de réxime interno.

Non será necesario achegar os estatutos cando xa consten nos arquivos da Consellería do Mar, por presentalos nun procedemento administrativo nos últimos cinco (5) anos. Neste caso, deberá indicarse o procedemento, a data de presentación e o órgano ante o cal se presentou.

b) Para os grupos existentes, certificado de inscrición da asociación no rexistro administrativo correspondente; e para o resto dos candidatos, compromiso de achegalos unha vez emitidos polo rexistro.

c) Certificación da composición actual da xunta directiva ou órgano decisorio similar e asemblea. Cargos, nomes, entidade a que representan e sector a que pertence.

d) Certificado de relación de socios públicos e privados en activo, con indicación da denominación, sector de actividade, NIF, domicilio social e ámbito territorial, número de asociados, tipo de entidade, data de adhesión de cada socio, nome do representante e data de constitución.

e) Certificado de adopción do acordo de aprobación da EDLP polo órgano competente.

f) No caso de novos grupos, cartas de apoio asinadas polos representantes da comunidade local nos diferentes sectores ou actores locais.

g) Proposta de EDLP conforme os criterios establecidos nos artigos 5 e 6 desta orde, que axustará o seu contido e estrutura ao previsto no anexo IV.

A proposta de EDLP realizarse obrigatoriamente conforme o modelo que figura na páxina web http://mar.xunta.gal. A presentación nun modelo distinto será causa de inadmisión.

h) Descrición pormenorizada do proceso de participación da comunidade local no deseño da estratexia, xunto coa constancia documental que acredite a realización dun proceso participativo real da comunidade. A memoria incluirá, como mínimo: a relación de persoas e entidades que participaron en cada actividade, o cronograma e descrición das actuacións e actividades desenvolvidas e das ferramentas de participación pública empregadas, a metodoloxía para o tratamento e análise da información obtida, e os resultados e conclusións do proceso de participación pública.

Tamén se describirá o procedemento empregado para garantir que os axentes identificados ou contactados aseguren a representatividade de todos os grupos sociais e sectores económicos do ámbito da zona pesqueira.

i) Acreditación do IVE soportado non recuperable. Naqueles casos en que exista un recoñecemento administrativo previo do dereito ás exencións previstas no artigo 20.Un, 6º e 12º da Lei 37/1992, do 28 de decembro, do imposto sobre o valor engadido, remitirase esa resolución administrativa ou calquera outra certificación ou documento da AEAT en que figure esa exención.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa foran presentados anteriormente pola persoa interesada a calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán obtidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderáselle solicitar novamente á persoa interesada a súa achega.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación dos documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pódese consultar na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 11. Comprobación de datos

1. Para tramitar este procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) NIF da entidade solicitante.

b) DNI ou NIE do representante da entidade solicitante.

c) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT).

d) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

e) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa Axencia Tributaria de Galicia (Atriga).

f) Concesións doutras subvencións e axudas.

g) Inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

Artigo 12. Emenda da solicitude

1. Os órganos responsables da tramitación das solicitudes comprobarán que estas reúnen todos os requisitos recollidos nesta orde. No caso contrario, poráselles de manifesto por escrito aos interesados para que nun prazo de dez (10) días hábiles remitan cantos datos, documentos complementarios e aclaracións se consideren necesarios para poder resolver o expediente, coa indicación de que, se así non o fixeren, se considerará que desistiron da súa petición, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Este requirimento de emenda tamén se fará se das certificacións obtidas polo órgano instrutor, de conformidade co disposto no artigo 11, resulta que o solicitante non está ao día no pagamento das súas obrigas tributarias e sociais ou das débedas coa Comunidade Autónoma.

2. Sen prexuízo do sinalado nos parágrafos precedentes, en calquera momento do procedemento o servizo xestor poderalle requirir á entidade solicitante que remita aqueles datos ou documentos complementarios que resulten necesarios para a tramitación e adopción da resolución que proceda.

Artigo 13. Ordenación e instrución

1. O órgano encargado da ordenación e instrución do procedemento de selección de EDLP e GALP será o Servizo de Desenvolvemento das Zonas de Pesca, a través da persoa designada pola titular da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro. O instrutor realizará de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos cales se deba formular a proposta de resolución.

O órgano instrutor emitirá informe sobre o cumprimento dos requisitos da convocatoria.

2. Unha vez finalizado o prazo de presentación de solicitudes, publicarase a relación de candidatos na páxina web http://mar.xunta.gal e abrirase un período público de consultas para que calquera persoa integrante da respectiva comunidade local alegue o que considere conveniente á candidatura.

3. Unha vez completos os expedientes, darase traslado daqueles que cumpran os requisitos da orde ao comité de selección.

Os expedientes que non cumpran coas exixencias da orde quedarán á disposición do órgano instrutor, que formulará a proposta de resolución desestimatoria ou de inadmisión, segundo o caso.

Artigo 14. Comité de Selección

1. Para a análise e valoración das estratexias e candidatos a GALP, a persoa titular da Consellería do Mar designará un comité de selección, que estará integrado por:

a) Presidente/a: persoa titular da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro.

b) Dous representantes da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro.

c) Unha persoa representante da Secretaría Xeral Técnica da Consellería do Mar.

d) Unha persoa representante da Agader.

De entre os membros designaranse un secretario/a. Ademais, a comisión poderá actuar asistida polos asesores que xulgue conveniente, que asistirán con voz pero sen voto.

2. No momento de constitución do comité, as persoas integrantes deixarán constancia da ausencia de conflito de intereses en relación coas entidades solicitantes.

3. A través do órgano instrutor, o comité de selección poderalles requirir aos solicitantes toda a información que considere necesaria para verificar o cumprimento das condicións e requisitos exixidos, que deberá ser remitida a estes no prazo máximo de dez días naturais desde a recepción do requirimento por parte da organización candidata.

4. En caso necesario, abrirase un diálogo cos solicitantes, coa finalidade de introducir as modificacións, melloras ou correccións das solicitudes iniciais necesarias, co obxectivo de dar maior cohesión, alcance e representatividade ás asociacións concorrentes e territorios implicados, ou para dar coherencia ao conxunto das futuras estratexias proxectadas na Comunidade Autónoma. Incluirase a posibilidade de fusión ou integración de asociacións e/ou redefinicións territoriais.

Como consecuencia deste diálogo, a organización poderá presentar modificacións ou melloras da solicitude, e deberá facer referencia expresa a todas as cuestións que resultaron incorporadas ou modificadas en relación co grupo ou territorio.

5. O funcionamento deste comité está sometido ás normas dos órganos colexiados recollidas na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

6. O comité de selección, valoradas as estratexias de acordo cos criterios establecidos no artigo 15, efectuará unha proposta de resolución que deberá expresar os resultados da valoración de cada estratexia de desenvolvemento local, a relación de grupos seleccionados e zonas pesqueiras, os importes previstos para a súa execución e a proposta do importe da axuda preparatoria.

Conterá, así mesmo, a relación de estratexias de desenvolvemento local e candidatos a GALP non seleccionadas e para os cales se propón axuda preparatoria, con expresión dos motivos que fundamentan a súa denegación.

Artigo 15. Criterios de selección das EDLP e GALP

1. As solicitudes presentadas que cumpran os requisitos establecidos valoraranse de acordo con criterios de selección baseados en indicadores vinculados ao territorio, ao grupo e ao proxecto para a implantación da EDLP.

2. Para superar o proceso de selección, os candidatos deberán obter un mínimo de 125 puntos, sobre un total de 250 puntos, tendo en conta os criterios que se describen a continuación:

a) Territorio (características e indicadores socioeconómicos, demográficos e xeográficos, vinculados ao territorio). Valoración máxima de 100 puntos.

1º. Xustificación da delimitación, homoxeneidade xeográfica e funcional. Máximo 5 puntos.

2º. Número de municipios costeiros con densidade de poboación baixa ou intermedia con presenza de actividade pesqueira. A maior número de municipios respecto ao número total da zona, maior puntuación. Máximo 10 puntos.

3º. Tamaño da poboación (2020). Poboación que ocupe a estratexia da zona respecto á poboación total que abranguerían todas as estratexias. A maior poboación, maior puntuación. Máximo 10 puntos.

4º. Renda per cápita (2018). A menor renda, maior puntuación. Máximo 10 puntos.

5º. Densidade de poboación (2020). A menor densidade, maior puntuación. Máximo 15 puntos.

6º. Índice de envellecemento (2020). A maior índice, maior puntuación. Máximo 15 puntos.

7º. Variación negativa da poboación (1999-2020). A maior variación negativa, maior puntuación. Máximo 15 puntos.

8º. Peso do sector primario pesqueiro (2020). A maior peso, maior puntuación. Máximo 20 puntos.

b) Relativos ao grupo (máximo 50 puntos).

1º. Composición, participación e representatividade dos axentes do territorio. Máximo 15 puntos.

2º. Composición, participación e representatividade do sector pesqueiro. Máximo 20 puntos.

3º. Grao de execución do período 2014-2020 para grupos de acción local existentes para o desenvolvemento das zonas de pesca no marco do FEMP (ata o 31 de decembro de 2021). Máximo 15 puntos.

c) Proxecto de EDLP. Valoración máxima de 100 puntos.

1º. Calidade da análise DAFO. Identificación de fortalezas, debilidades, oportunidades e ameazas, centradas en peculiaridades da zona. Máximo 5 puntos.

2º. Calidade e coherencia do diagnóstico de necesidades. Principais necesidades e potencial da zona baseados na análise DAFO. Máximo 8 puntos.

3º. Calidade e coherencia dos obxectivos da estratexia. Descrición das características integradas e innovadoras, xerarquía de obxectivos, metas medibles en canto a produtividade e resultados. Máximo 10 puntos.

4º. Incidencia no emprego, especial atención en crear novas oportunidades para mulleres e mozos/as. Máximo 10 puntos.

5º. Incidencia na conservación do patrimonio cultural e ambiental costeiro do territorio. Máximo 4 puntos.

6º. Grao de apoio ao sector pesqueiro reflectido no plan financeiro. Máximo 10 puntos.

7º. Abordar retos relacionados con: promover sistemas alimentarios sustentables de produtos pesqueiros a nivel local, mitigación e/ou adaptación do cambio climático, protección da biodiversidade, desenvolvemento de oportunidades empresariais vinculadas ao sector pesqueiro e á economía azul, promover a remuda xeracional no sector pesqueiro, reforzar a inclusión social dos grupos máis vulnerables. Máximo 8 puntos.

8º. Capacidade operativa para cumprir a EDLP: recursos humanos e técnicos dispoñibles, experiencia en xestión de programas de desenvolvemento local participativo financiados pola UE, definición de mecanismos de xestión, seguimento e avaliación de EDLP. Máximo 30 puntos.

9º. Calidade do proceso participativo na elaboración da estratexia. Máximo 10 puntos.

10º. Grao de consulta e participación local na elaboración da EDLP do sector pesqueiro. Máximo 5 puntos.

A obtención en calquera das letras a), b) ou c) dunha puntuación inferior a un 30 % da máxima determinará a non selección do candidato.

Artigo 16. Resolución

1. A persoa titular da Consellería do Mar, unha vez aprobado o Programa operativo de España para o FEMPA 2021-2027, resolverá a selección das estratexias de desenvolvemento local participativo e dos grupos de acción local do sector pesqueiro, definindo as zonas pesqueiras e indicando os importes previstos para a súa execución e a contía concedida de axuda preparatoria.

Nas resolucións indicaranse as tarefas de control e xestión dos GALP seleccionados, conforme o establecido no artigo 33.3 do Regulamento (UE) 2021/1060.

2. O prazo para resolver e notificar a resolución será dun máximo de catro (4) meses, contados desde o día seguinte a aquel en que remate o prazo de presentación de solicitudes. En todo caso, a data límite para ditar resolución será o 31 de decembro de 2022.

O vencemento do prazo máximo indicado sen que se notifique a resolución posibilitará que os interesados poidan entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.

Artigo 17. Aceptación

No prazo de dez (10) días desde a notificación da resolución, as entidades deberán comunicar a aceptación ou rexeitamento da selección da estratexia e grupo de acción local, así como da condición de beneficiario da subvención respecto á axuda preparatoria. De non facelo, entenderase tacitamente aceptada.

Artigo 18. Recursos

As resolucións, expresas ou presuntas, que se diten ao abeiro desta orde porán fin á vía administrativa e contra elas poderase interpor, con carácter potestativo, recurso de reposición ante a conselleira do Mar, no prazo dun (1) mes a contar a partir do día seguinte ao da súa notificación ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, segundo sexa o caso, ou recurso contencioso-administrativo, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous (2) meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación ou de seis (6) meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, segundo o caso.

Artigo 19. Convenios de colaboración

1. Os GALP seleccionados funcionarán baixo a figura de entidade colaboradora, para o cal se formalizarán os correspondentes convenios de colaboración, de acordo co previsto no artigo 13 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Os convenios incorporarán os cadros financeiros para a execución da estratexia e a delimitación territorial da zona pesqueira de actuación do grupo.

2. As estratexias de desenvolvemento local financiaranse segundo estableza o plan financeiro do Programa operativo de España para o FEMPA 2021-2027 na prioridade 3 para Galicia, tipos de actividade 3.1.2 e 3.1.3.

3. Os cadros financeiros asignados a cada GALP nos convenios de colaboración poderán sufrir modificacións como consecuencia, entre outras circunstancias, de reprogramacións ou da redistribución de fondos entre os GALP.

Respecto deste último suposto, no caso de atraso na execución do programa de axudas da EDLP, e de cara a un mellor cumprimento da prioridade 3 no seu conxunto, poderase axustar, de oficio, a contribución financeira posta á disposición dun GALP á evolución do programa de axudas da súa estratexia, reasignando as dotacións procedentes destes axustes a aqueles GALP cun maior grao de execución.

No suposto de que durante o período de execución da prioridade 3 en Galicia esta se dote con fondos adicionais, distribuiranse entre os GALP sen necesidade de nova convocatoria para o efecto. Se a dotación de fondos adicionais se produce nos tres primeiros anos de execución da prioridade, a distribución entre os GALP farase na mesma proporción en que se faga a repartición inicial de fondos vinculada á selección dos GALP. Se a dotación de fondos adicionais se produce con posterioridade, a distribución entre os GALP farase cos criterios previstos no parágrafo seguinte para as reparticións posteriores de fondos.

Calquera asignación posterior de fondos aos GALP poderá ter en conta, ademais das puntuacións empregadas na asignación inicial, criterios de eficacia e eficiencia, entre os cales cabería considerar:

a) Nivel de execución de fondos.

b) Nivel de compromiso de fondos.

c) As incidencias na xestión do procedemento e na tramitación de expedientes.

Artigo 20. Modificación das EDLP

1. Unha vez aprobadas as estratexias de desenvolvemento local, as modificacións de contido serán autorizadas pola Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, logo de petición xustificada do GALP e tendo en conta os resultados do proceso de avaliación, ou ben para dar resposta a causas extraordinarias.

2. Co obxecto de impulsar unha maior flexibilidade na xestión financeira da EDLP que permita un emprego máis eficaz do orzamento da prioridade 3 ao longo do período FEMPA 2021-2027, o GALP poderá transferir un 15 % da asignación financeira entre obxectivos estratéxicos, logo de comunicación á Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, e sen necesidade de autorización previa. A entidade achegará a EDLP coas modificacións introducidas no plan financeiro.

3. En todo caso, as modificacións que supoñan unha alteración das circunstancias tidas en conta para a selección das estratexias de desenvolvemento local e dos GALP poderán dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 21. Segunda convocatoria

No suposto de que na presente convocatoria queden zonas do territorio sen cubrir cunha EDLP e GALP, realizarase unha segunda convocatoria de selección de EDLP, como moi tarde o 31 de decembro de 2023, facendo uso da posibilidade recollida no artigo 32.3 do Regulamento (UE) 2021/1060. Na segunda convocatoria só poderían concorrer grupos en territorios que non quedasen cubertos na primeira.

A segunda rolda de selección, de ser o caso, convocarase mediante resolución da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro.

Artigo 22. Obrigas das entidades beneficiarias da axuda preparatoria

A entidade beneficiaria da axuda preparatoria ten as seguintes obrigas:

1. Realizar a actividade que fundamenta a concesión da subvención.

2. Someterse ás actuacións de comprobación que efectuará o órgano concedente, así como a calquera outra actuación de comprobación e control financeiro que poidan realizar os órganos de control competentes, para o cal achegará canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

3. O importe das subvencións en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos procedentes doutras administracións públicas ou doutros entes, públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo da actividade subvencionada.

4. Manter un sistema de contabilidade separado, ou ben asignar un código contable adecuado que permita coñecer todas as transaccións relacionadas coa operación que se subvenciona.

5. Conservar os documentos xustificativos relacionados coa axuda preparatoria en formato electrónico durante un prazo de cinco (5) anos, a partir do 31 de decembro do ano en que se efectúe o último pagamento.

6. Os rendementos financeiros que se xeren polos fondos librados aos beneficiarios incrementarán o importe da subvención concedida e aplicaranse igualmente á actividade subvencionada.

7. Cumprir os requisitos de comunicación establecidos no artigo 50.1 do Regulamento (UE) 2021/1060 e no artigo 60.1 do Regulamento (UE) 2021/1139.

Artigo 23. Xustificación e pagamento da axuda preparatoria

1. O beneficiario acreditará a realización da actuación que determinou a concesión da axuda.

2. O prazo máximo para a xustificación da axuda preparatoria e para presentar as solicitudes de pagamento será de dous meses, contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución pola cal se resolva o procedemento de selección de estratexias e grupos.

3. As solicitudes de pagamento presentaranse en modelo normalizado como anexo III, nos mesmos termos que se prevé no artigo 9 para a presentación das solicitudes de selección das estratexias e grupos.

4. Xunto coa solicitude, a entidade beneficiaria presentará:

a) Unha memoria na cal se describan as actuacións realizadas.

Incluirase material gráfico que acredite que se cumpriu a obrigatoriedade de comunicación prevista no artigo 22.7.

b) Unha memoria económica xustificativa, que conterá:

1º. Relación de facturas en que se indique o número, nome da empresa emisora e NIF, importe total con desagregación do IVE, data de emisión e data de pagamento.

2º. Xustificantes dos gastos mediante a achega de facturas, que deben indicar a que conceptos do orzamento se refiren, e xuntarase a documentación acreditativa do pagamento a favor dos acredores.

Presentaranse os xustificantes de pagamento dos gastos por parte da entidade beneficiaria, que consistirán en documentos bancarios que inclúan ao titular da conta, o número de factura ou concepto obxecto de pagamento, a identificación do destinatario do pagamento (coincidirá coa persoa, empresa ou entidade que emitiu a factura), así como a data de valor.

Non se aceptarán facturas nin xustificantes de pagamento con data posterior á data límite para xustificar os investimentos, nin anterior ao día seguinte de publicación da orde.

As facturas e xustificantes de pagamento, así como toda a documentación do expediente de xustificación, deben estar emitidos a nome da entidade beneficiaria da axuda.

c) Certificacións acreditativas de estar ao corrente no pagamento das súas obrigas tributarias co Estado, coa Comunidade Autónoma e coa Seguridade Social, nos supostos en que non se autorice ou se opoña á consulta.

d) A declaración responsable de axudas recibidas e solicitadas para a mesma finalidade, que consta no anexo III.

e) Declaración responsable de que se manteñen ata este momento os requisitos para ser beneficiaria.

f) Cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas no artigo 118.1 da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, para o contrato menor, o beneficiario deberá presentar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á prestación do servizo ou entrega do ben, salvo que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que o presten ou subministren.

A elección entre as ofertas presentadas realizarase de conformidade con criterios de eficiencia e economía, e deberá xustificarse a elección expresamente nunha memoria cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa. As ofertas presentadas deben coincidir en conceptos para facilitar a comparación entre elas.

Se o gasto subvencionable non supera as contías mencionadas, o beneficiario deberá presentar como mínimo unha oferta, con carácter previo á prestación do servizo ou entrega do ben.

Os orzamentos incluirán, como mínimo, o NIF, o nome e enderezo da empresa ou entidade, o nome ou razón social da entidade beneficiaria, a data de expedición e unha descrición detallada dos conceptos ofertados.

Deberá presentarse tamén unha declaración sobre a veracidade das ofertas solicitadas e de non vinculación entre as entidades seleccionadas e os provedores.

g) De ser o caso, a acreditación do cumprimento das obrigas establecidas na Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, pola que se traspoñen ao ordenamento xurídico español as directivas do Parlamento Europeo e do Consello 2014/23/UE e 2014/24/UE, do 26 de febreiro de 2014, e na restante normativa reguladora da contratación que sexan aplicables.

5. Non se prevé a realización de anticipos nin pagamentos á conta da subvención concedida.

Artigo 24. Reintegro

1. Procederá o reintegro, total ou parcial, da subvención concedida para a axuda preparatoria e dos xuros de mora correspondentes desde o momento do seu pagamento e ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro, nos supostos sinalados no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Para o procedemento de reintegro terase en conta o establecido no capítulo II do título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Procederá a perda total do dereito ao pagamento da axuda concedida, sen prexuízo da incoación do oportuno expediente sancionador, nos seguintes casos:

a) Obter a subvención sen reunir as condicións requiridas.

b) Non permitir someterse ás actuacións de comprobación que efectúe a Consellería do Mar, así como calquera outra actuación, sexa de comprobación ou de control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, ou non achegar canta información sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores e non permitir as verificacións previstas no artigo 74 do Regulamento (UE) 2021/1060.

4. Incumprimentos parciais:

a) O incumprimento da obriga de comunicar a obtención doutras axudas dará lugar ao reintegro parcial polo exceso de financiamento.

b) O incumprimento das obrigas de comunicación establecidas no artigo 22.7 suporá un reintegro dun 3 % da axuda concedida.

Artigo 25. Infraccións e sancións

As actuacións dos beneficiarios en relación coa axuda preparatoria están sometidas ao réxime de infraccións e sancións do título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 26. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do sistema de notificacións electrónicas de Galicia Notifica.gal. Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do sistema de notificación electrónica de Galicia Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento por parte das persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, e entenderanse rexeitadas cando transcorran dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda a el.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 27. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 28. Publicidade

1. Publicaranse no Diario Oficial de Galicia (DOG), de conformidade co establecido nos artigos 15 da Lei de subvencións de Galicia, e 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, as subvencións concedidas con suxeición a esta orde, con indicación do programa e do crédito orzamentario a que se imputan, o beneficiario, a cantidade concedida e a finalidade da subvención.

2. Así mesmo, serán igualmente obxecto de publicidades a través da paxina web da Consellería do Mar (https://mar.xunta.gal/) a relación de beneficiarias e o importe das axudas concedidas.

3. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 29. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a lle subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que estean vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 30. Marco normativo

Para todo o non previsto nesta convocatoria observarase o disposto no Regulamento (UE) 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional; ao Fondo Social Europeo Plus; ao Fondo de Cohesión; ao Fondo de Transición Xusta e ao Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura, así como as normas financeiras para os ditos fondos e para o Fondo de Asilo, Migración e Integración, o Fondo de Seguridade Interior e o Instrumento de Apoio Financeiro á Xestión de Fronteiras e á Política de Visados; no Regulamento (UE) 2021/1139 do Parlamento Europeo e do Consello, do 7 de xullo de 2021, polo que se establece o Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura e polo que se modifica o Regulamento (UE) 2017/1004; no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, e posteriores modificacións; na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; nos preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e nos do seu regulamento de execución; na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas; na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e na demais normativa de aplicación.

Artigo 31. Servizo Nacional de Coordinación Antifraude

Calquera persoa que teña coñecemento de feitos que puidesen ser constitutivos de fraude ou irregularidade en relación con proxectos ou operacións financiados total ou parcialmente con cargo a fondos procedentes da Unión Europea, no marco da presente convocatoria, poderá pór os ditos feitos en coñecemento do Servizo Nacional de Coordinación Antifraude na Intervención Xeral da Administración do Estado, polos medios electrónicos a través da canle habilitada para o efecto polo dito servizo no enderezo web https://www.igae.pap.minhafp.gob.es/sitios/igae/es-ES/Paginas/denan.aspx, e nos termos establecidos na Comunicación 1/2017, do 3 de abril, que se pode consultar no enderezo web https://www.igae.pap.minhafp.gob.es/sitios/igae/es-ES/snca/Documents/ComunicacionSNCA06-04-2017Canaldenuncias.pdf

Disposición adicional primeira. Condición suspensiva

1. A eficacia e a validez das resolucións relativas á selección de estratexias de desenvolvemento local participativo e grupos de acción local do sector pesqueiro, e de cantos actos se diten en execución desta orde, quedan condicionados á aprobación do Programa operativo de España do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e Acuicultura (FEMPA) 2021-2027.

2. As resolucións indicadas no número anterior non xerarán dereitos definitivos, poderase producir a perda da súa eficacia ou validez ou procederse á súa modificación.

Disposición adicional segunda. Comité de Selección

A creación do Comité de Selección regulado no artigo 14 desta orde non xerará incremento das consignacións orzamentarias do órgano con competencias en materia de pesca.

Disposición transitoria primeira. Adaptación dos requisitos exixidos no artigo 2

No caso de que os candidatos non cumpran con todos os requisitos exixidos no momento de presentar a solicitude por ser preciso efectuar trámites relacionados coa constitución, co ámbito territorial, coas entidades que a compoñen, órganos de goberno e actuacións similares, deberán advertilo na solicitude e concretar os trámites que haberá que formalizar. No caso de seren seleccionados, comprométense á súa acreditación con anterioridade á selección das EDLP.

Disposición transitoria segunda. Actuación correspondentes ao período de programación 2014-2020

Os candidatos seleccionados conforme esta orde poderán seguir realizando as actuacións que lles correspondan como GALP no período de programación FEMP 2014-2020, sempre que sigan cumprindo os requisitos precisos para iso e garantan unha debida separación na xestión dos dous programas.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento e execución

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro para ditar cantos actos sexan necesarios para o desenvolvemento e execución do disposto na presente orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 10 de maio de 2022

Rosa María Quintana Carballo
Conselleira do Mar

ANEXO I

Ribadeo, Barreiros, Foz, Burela, Cervo, Xove, Viveiro, O Vicedo, Mañón, Ortigueira, Cariño, Cedeira, Valdoviño, Ferrol, Narón, Neda, Fene, Mugardos, Ares, Cabanas, Pontedeume, Miño, Paderne, Bergondo, Sada, Oleiros, Cambre, Culleredo, A Coruña, Arteixo, Carballo, Malpica de Bergantiños, Ponteceso, Cabana de Bergantiños, Laxe, Camariñas, Muxía, A Laracha, Vimianzo, Cee, Fisterra, Corcubión, Dumbría, Carnota, Muros, Outes, Noia, Porto do Son, Ribeira, A Pobra do Caramiñal, Boiro, Rianxo, Catoira, Vilagarcía de Arousa, Vilanova de Arousa, A Illa de Arousa, Cambados, Ribadumia, Meaño, O Grove, Sanxenxo, Poio, Pontevedra, Marín, Bueu, Cangas, Moaña, Vilaboa, Soutomaior, Redondela, Vigo, Nigrán, Baiona, Oia, O Rosal, A Guarda.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file

ANEXO IV

Contido e estrutura da estratexia de desenvolvemento local

1. Identificación do GALP e da zona pesqueira: denominación e NIF, domicilio social (que deberá localizarse dentro do territorio), teléfono e correo electrónico.

Concellos e mapa da zona pesqueira incluída no ámbito territorial do GALP e no que se vai aplicar a EDLP.

2. O deseño da EDLP. Resumo conciso do proceso participativo de elaboración da estratexia.

3. A zona pesqueira:

a) Descrición da zona.

Resumo de datos demográficos, económicos, sociais e culturais: municipios, poboación (concretando a poboación do sector pesqueiro e acuícola e as súas familias nas zonas densamente poboadas), superficie (km²), densidade de poboación (persoas por km²), evolución da poboación (desde 1999), índice de envellecemento (proporción de persoas de 65 e máis anos con respecto ao total da poboación), renda per cápita, taxa de paro, afiliados do sector pesqueiro en relación coa poboación ocupada, número de empresas do sector pesqueiro.

Xustificación da coherencia funcional da zona en sentido xeográfico, económico, social e cultural. Caracterizar e identificar os factores xeográficos, económicos, sociais e culturais que contribúen á cohesión e grao de homoxeneidade.

b) Necesidades de desenvolvemento e potencial da zona.

Resumo conciso da identificación das necesidades da zona baseada na análise DAFO en función dos ámbitos definidos no diagnóstico, así como dos retos aos cales se propón dar resposta coa estratexia, e o potencial da zona.

4. Coherencia co marco estratéxico europeo, nacional e rexional. Resumo conciso da contribución da estratexia a estas políticas que figura no anexo.

5. Descrición das características innovadoras e enfoque integrado da estratexia.

En canto á innovación a nivel local, a estratexia, baseándose na análise e na participación da comunidade local, establecerá que novos mercados, servizos, produtos, métodos de traballo e intervencións necesita a comunidade local para lograr os cambios que quere acadar. A estratexia indicará como se fomentará a innovación a escala local.

O enfoque integrado e multisectorial supón que a estratexia conecte todos os sectores (reunir a cadea de valor do sector pesqueiro, produtores-transformación-comercialización con outros sectores económicos da zona) e xere sinerxías.

6. Misión, visión e valores da EDLP. Obxectivos e actuacións.

A misión é a meta xeral que actuará como último referente da actuación da entidade. A visión é o que pretende ser o GALP no futuro. Definiranse os valores da organización.

Indicar os obxectivos estratéxicos, entre os establecidos no artigo 5.3 desta orde, que dean resposta ás demandas e necesidades identificadas no diagnóstico. Establecer os obxectivos específicos, que dependerán xerarquicamente dos obxectivos estratéxicos, así como as actuacións planificadas, que dependerán dos obxectivos específicos.

A implementación dos obxectivos traducirase en actuacións, que se describirán, identificarase o grupo potencial de destinatarios, resultados previstos (indicadores), porcentaxe de axuda, etc.

Os obxectivos que se definan nas estratexias deberán ser específicos, medibles, acadables, realistas e delimitados no tempo.

Os obxectivos describirán o que o GALP se propón conseguir na zona, e ademais responderán claramente ás necesidades e retos definidos. Realizarase unha análise da pertinencia mediante a correspondencia entre os obxectivos e as necesidades que figuran no diagnóstico.

Os obxectivos mediranse empregando indicadores de produtividade, resultado e impacto, de ser o caso.

Os indicadores comúns de resultados para a prioridade 3 do FEMPA son: empregos creados (número de persoas), empregos mantidos (número de persoas) e intervencións que contribúan ao bo estado ambiental, en particular á recuperación e conservación da natureza, protección de ecosistemas, biodiversidade, saúde e benestar animal (número de intervencións).

As estratexias establecerán metas claras, concretas e realistas para cada obxectivo específico, tendo en conta as necesidades, o potencial da zona e os recursos dispoñibles.

A estratexia incluirá un cadro de indicadores de seguimento e metas que mida e valore o progreso da aplicación da estratexia no territorio, e que permita determinar se se están acadando, e en que grao, os obxectivos.

7. As normas para a xestión da EDLP deberán ter os seguintes contidos mínimos:

a) Límites de axuda pública máxima, dentro dos límites máximos que se indican nas bases reguladoras e na normativa de axudas de Estado.

b) Criterios e procedementos de selección dos proxectos:

Na selección da operación o GALP terá en conta:

1º. Os requisitos establecidos no artigo 6.4 e 5 desta orde.

2º. Que as operacións propostas para seleccionar presenten a mellor relación entre o importe da axuda, as actividades emprendidas e a consecución de obxectivos.

3º. Que o beneficiario teña capacidade operativa e financeira.

Os gastos subvencionables e non subvencionables serán os que se indiquen nas bases reguladoras, no artigo 186.3 do Regulamento (UE, Euratom) 2018/1046 do Parlamento Europeo e do Consello, do 18 de xullo de 2018, no artigo 64 do Regulamento (UE) 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021, e no artigo 13 do Regulamento (UE) 2021/1139 do Parlamento Europeo e do Consello, do 7 de xullo de 2021.

O GALP elaborará un procedemento e criterios de selección non discriminatorios e transparentes, de modo que se eviten conflitos de intereses e se garanta que ningún grupo de interese único controle a toma de decisións na selección.

Os criterios e procedementos terán en conta a accesibilidade das persoas con discapacidade, a igualdade de xénero, a Carta dos dereitos fundamentais da Unión Europea, o principio de desenvolvemento sustentable e a política da Unión en materia de ambiente, de conformidade co artigo 11 e co artigo 191, número 1, do TFUE.

Os criterios de selección permitirán avaliar a calidade dos proxectos de xeito que contribúan á consecución dos obxectivos da estratexia e resultados esperados. Os criterios serán coherentes cos obxectivos. Análise da alienación dos criterios de selección cos obxectivos da estratexia.

Indicaranse os criterios de selección específicos para os proxectos propios de cooperación dos GALP.

Os rangos de puntuación e as variables ou aspectos concretos que considerar en cada criterio de selección aplicable deberán determinarse de xeito totalmente obxectivo, para que todos os potenciais beneficiarios teñan pleno coñecemento do que se vai ter en conta para avaliar o seu proxecto.

Determinarase a nota de corte, é dicir, a puntuación mínima que deberá obter un proxecto para ser subvencionado, e cal será a porcentaxe de axuda para esa nota de corte. Así mesmo, establecerase a puntuación á cal se lle asignará a porcentaxe de axuda máxima.

As porcentaxes de axuda entre o máximo e o mínimo, unha vez definidas a nota de corte e a nota á cal se lle asignará a porcentaxe de axuda máxima, calcularanse mediante unha relación proporcional directa cos puntos obtidos no baremo, axustada esa porcentaxe a dous decimais.

Deberá establecerse un criterio obxectivo, transparente e non discriminatorio que resolva os posibles supostos de empate na puntuación correspondente á valoración dos criterios de selección que cada GALP estableza.

c) Procedemento para evitar conflitos de intereses nos membros dos órganos de avaliación e decisión dos GALP.

8. Plan financeiro previsto.

Indicarase o orzamento total previsto atendendo á distribución entre custos de xestión, seguimento e avaliación, e a súa animación; e custos de aplicación da EDLP.

Reflectirase de maneira gráfica a estimación de orzamento que se lle asignará a cada eixe estratéxico como mínimo, e esta poderá indicar ata o nivel de actuacións.

Indicarase a porcentaxe de orzamento destinada a apoiar o desenvolvemento do sector pesqueiro.

9. O grupo de desenvolvemento local do sector pesqueiro.

a) A asociación:

1º. Relación de asociados, con identificación do seu carácter público ou privado, e sector en que se integran. Implantación no territorio e representatividade.

2º. Composición actual da xunta directiva ou órgano decisorio similar. Cargos, nomes e representación que ten cada compoñente.

Porcentaxe de representación dos diferentes sectores no grupo. Porcentaxe dos diferentes sectores de dereito a voto nos órganos de goberno.

3º. Xustificación de que a estrutura é representativa da zona pesqueira e de que é relevante dado o enfoque da estratexia.

b) Capacidade do grupo:

1º. Experiencia da asociación en desenvolvemento local participativo, ou dos seus asociados no caso de grupos de nova creación.

2º. O equipo xestor: recursos humanos e técnicos. Organigrama. Descrición do equipo técnico e xustificación deste en función das características da zona pesqueira, do orzamento e outros factores específicos. Nivel de cualificación suficiente para asumir o peso principal da xestión da estratexia. Funcións e responsabilidades. Procedemento para a contratación do persoal do equipo técnico baseado nos principios de publicidade, transparencia, libre concorrencia, capacidade, experiencia e non discriminación.

c) Procedementos de traballo e toma de decisións: requisitos e procedementos para a adquisición e perda da condición de asociados, dereitos e obrigas do socios, mecanismos de participación dos asociados, medidas para reforzar a participación de mulleres e mocidade, funcións da asemblea xeral e xunta directiva, convocatorias, dereitos de voto, maiorías, delegacións, procedementos de toma de decisións, grupos de traballo, etc.

Medidas de responsabilidade social, incluíndo o reforzo da participación e liderado feminino no grupo e apoio ao asociacionismo das mulleres do sector pesqueiro e o traballo en rede pola súa importancia na vertebración do territorio.

10. Complementariedade e coherencia da estratexia con outros programas de desenvolvemento que se apliquen no territorio.

Indicarase se existen sistemas de coordinación que garantan unha sinerxía con outros fondos, instrumentos ou políticas territoriais. Describiranse os sistemas que garantan a coherencia da estratexia coas intervencións doutros programas e liñas de axuda que se implanten no territorio, en particular, con outros programas de desenvolvemento local de filosofía Leader.

Proposta de traballo en rede e cooperación con outros axentes territoriais, de ser o caso.

11. Comunicación.

Planificación de accións de comunicación para a divulgación do GALP e EDLP. Descrición das principais orientacións que guiarán a estratexia de comunicación do GALP en relación coas accións de animación e o programa de axudas: obxectivos de comunicación, público obxectivo, mensaxe, accións que se van desenvolver, cronograma.

12. Seguimento e avaliación. Realizarase un seguimento e avaliación por parte do GALP do grao de cumprimento dos obxectivos e implementación da estratexia. O seguimento e avaliación conducen a unha revisión da estratexia e á posibilidade de actualizala.

O seguimento e avaliación inclúen:

a) Plan de seguimento: fases que se van realizar no seguimento do plan, os órganos encargados e o cronograma de actuacións. Terase como referencia o cadro de indicadores.

Esquema do procedemento que se deberá seguir para efectuar o seguimento e avaliación da estratexia.

b) Avaliacións intermedia e final: avaliacións para realizar de carácter intermedio e final, con indicación da periodicidade.

13. Anexo 1. Análise diagnóstica.

1. Diagnóstico da zona pesqueira:

a) Ámbitos do diagnóstico.

Determinar os ámbitos do diagnóstico que se van abordar: o territorio, o marco temporal e os elementos sectoriais de análise (caracterización do espazo, demografía, mercado laboral, estrutura económica e empresarial, sector pesqueiro, sector turístico, patrimonio ambiental, patrimonio cultural...).

b) Breve descrición do proceso de investigación realizado, aclarando a metodoloxía de traballo e as técnicas empregadas.

2. Diagnóstico mediante análise DAFO, recollendo as debilidades, ameazas, fortalezas e oportunidades do GALP centrándose nas peculiaridades da zona e diferenciando os principais ámbitos temáticos. Realizarase unha diagnose participativa apoiándose tamén noutras fontes e información do diagnóstico. Identificaranse as necesidades da zona en función dos ámbitos definidos no diagnóstico, os retos aos cales se propón dar resposta coa estratexia e o potencial de desenvolvemento da zona.

14. Anexo 2. Principios horizontais.

Xustificación de que a estratexia de desenvolvemento local ten en conta, no seu deseño, os principios horizontais que rexen as axudas dos fondos, como son o fomento da igualdade e a integración da perspectiva de xénero; a loita contra a discriminación; o dereito de accesibilidade; a integración social; os principios de conservación, protección e mellora da calidade do ambiente; os obxectivos de desenvolvemento sustentable de Nacións Unidas e a necesidade dunha transición a unha sociedade que diminúa as súas emisións de carbono.

15. Anexo 3. Coherencia co marco estratéxico europeo, nacional e rexional.

Descrición da contribución da estratexia ao obxectivo político da UE sobre o impulso das comunidades locais e ás políticas europeas do Pacto verde e impulso da economía azul. Coherencia co Programa operativo de España do FEMPA en canto ao desenvolvemento local participativo, e coas estratexias rexionais relacionadas co enfoque da estratexia. Incorporación destas políticas na estratexia.

16. Anexo 4. Fontes de información.

Reflectir o conxunto de fontes documentais e bibliográficas que se empregaron para a súa elaboración.