Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 98 Luns, 23 de maio de 2022 Páx. 30452

VI. Anuncios

b) Administración local

Concello de Valga

ANUNCIO de información pública do texto inicial do convenio urbanístico sobre monetarización do 10 % do aproveitamento urbanístico do sector S-104 do Plan xeral de ordenación municipal (expediente 212/2022).

O texto inicial do convenio urbanístico sobre monetarización do 10 % do aproveitamento urbanístico do sector S-104 do Plan xeral de ordenación municipal (PXOM) de Valga (expediente administrativo 212/2022) foi negociado e subscrito coa entidade Extrugasa Transformación, S.A., e no seu nome como administradores Ramona Quintá Barro e Francisco Quintá Barro. De conformidade co disposto no artigo 168 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, en relación cos artigos 400.2 do Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, aprobado polo Decreto 143/2016, do 22 de setembro, 25.1 do texto refundido da Lei do solo e rehabilitación urbana, aprobado polo Real decreto lexislativo 7/2015, do 30 de outubro, e 83 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sométese a información pública durante o prazo dun mes, contado desde a publicación do presente anuncio no Diario Oficial de Galicia e no periódico Faro de Vigo.

Durante o devandito prazo, o texto inicial do convenio urbanístico poderá ser examinado por calquera interesado nas dependencias municipais do Concello de Valga, para que se formulen as alegacións que se consideren pertinentes. Así mesmo, estará á disposición dos interesados na sede electrónica deste concello: https://valga.sedelectronica.gal

O texto do convenio é o seguinte:

«Na Casa Consistorial do Concello de Valga, 20 de abril de 2022

Reunidos:

Dunha parte, José María Bello Maneiro, con DNI nº 3541***** e domicilio na avenida da Coruña, nº 14, Valga, Pontevedra.

Doutra parte, Francisco Quintá Barros, con DNI nº 3545*****, e Ramona Quintá Barros, con DNI nº 3545***** e domicilio na rúa Nova-Campaña, Valga, Pontevedra.

José María Bello Maneiro actúa en representación da entidade Concello de Valga, na súa calidade de alcalde presidente, exercendo as competencias que, entre outras, lle confire o artigo 21.1 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, e o 60.1 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia. Actúa asistido polo secretario da corporación, Juan Manuel Salguero del Valle, con DNI nº 0974*****, que dá fe do acto.

Francisco Quintá Barros e Ramona Quintá Barros comparecen en representación da entidade Extrugasa Transformación, S.A., na súa calidade de administradores, acreditando a dita representación con copias das correspondentes escrituras.

Ambas as partes recoñécense competencia e capacidade, respectivamente, para a sinatura do presente convenio, de acordo cos seguintes

Antecedentes:

Primeiro. Os órganos pertencentes ás administracións públicas poderán subscribir, sempre no ámbito das súas respectivas competencias, convenios urbanísticos entre si e con persoas públicas ou privadas, co obxecto de colaborar e desenvolver de maneira máis eficaz a actividade urbanística.

En todo caso, o proceso para formalizar os convenios promovidos por persoas non propietarias dos terreos deberá contar coa participación necesaria no procedemento das persoas propietarias e de todas aquelas que posúan facultades dominicais sobre os terreos, nos termos fixados no presente regulamento.

A negociación, formalización e cumprimento dos convenios urbanísticos rexeranse polos principios de transparencia e publicidade.

Os convenios urbanísticos poden ter, entre outros, os seguintes obxectivos:

a) A determinación do contido de posibles modificacións do plan en vigor.

b) Os termos e as condicións da xestión e a execución do plan en vigor no momento da subscrición do convenio.

Os compromisos e deberes asumidos nos convenios polas persoas particulares poderán ser trasladados ás novas persoas adquirentes das parcelas, que quedarán obrigadas a cumprir os deberes establecidos pola lexislación de aplicación ou que se poidan exixir polos actos de execución, e quedarán igualmente subrogadas nos dereitos e deberes establecidos no convenio pola anterior persoa propietaria cando fosen obxecto de inscrición rexistral, sempre que se refiran a un posible efecto de mutación xurídico-real.

Segundo. Con data do 7 de setembro de 2020, rexistro de entrada 2020-E- RC 2852, a entidade Extrugasa Transformación, S.A. presenta ante o Concello de Valga solicitude no sentido de que esta Administración local acepte a monetarización do 10 % do aproveitamento urbanístico correspondente ao Concello de Valga no ámbito do sector S-104 do Plan xeral municipal de ordenación desta localidade.

Terceiro. Con data do 10 de marzo de 2022 emite informe a Secretaría Xeral do Concello e con data do 14 de marzo de 2022 emite informe a Intervención Xeral do Concello, informes dos cales se desprende que é axustado a dereito substituír o deber de cesión do aproveitamento urbanístico polo pagamento dunha cantidade en metálico, sempre que se motive e a actuación se leve a cabo a través dun convenio urbanístico.

Cuarto. Segundo se desprende do informe emitido polo arquitecto técnico municipal en data do 10 de marzo de 2022, a valoración do aproveitamento de cesión obrigatoria ao Concello ascende á cantidade de 228.832,80 € (douscentos vinte e oito mil oitocentos trinta e dous euros con oitenta céntimos).

Quinto. Con data do 16 de marzo de 2022, en sesión ordinaria, a Xunta de Goberno local do Concello de Valga, na súa condición de órgano competente para coñecer do presente expediente, aceptou a cesión por parte da entidade Extrugasa Transformación, S.A. a favor do Concello de Valga da monetarización de referencia.

De acordo co anterior, ambas as partes acordan a sinatura do presente convenio urbanístico segundo as seguintes cláusulas:

Primeira. A través do presente convenio a entidade Extrugasa Transformación, S.A. comprométese a entregarlle ao Concello de Valga a monetarización do 10 % do aproveitamento urbanístico correspondente a esta Administración municipal no ámbito do sector S-104 do plan xeral municipal de ordenación desta localidade, que se cuantifica na cantidade de 228.832,80 € (douscentos vinte e oito mil oitocentos trinta e dous euros con oitenta céntimos), segundo queda acreditado polo informe de valoración emitido polo arquitecto técnico municipal con data do 10 de marzo de 2022.

Segunda. Unha vez negociado e asinado o presente convenio, será sometido a información ao público mediante anuncio no Diario Oficial de Galicia e nun dos dous xornais de maior difusión da provincia, por un período mínimo dun mes.

Terceira. O texto definitivo do convenio deberá ser ratificado pola Xunta de Goberno local do Concello de Valga, como órgano competente, e deberá ser asinado no prazo dos quince días seguintes ao da notificación da aprobación do texto definitivo polas entidades interesadas. Transcorrido este prazo sen que o convenio fose asinado, este quedará sen efecto.

Cuarta. Establécese como data de entrega por parte da entidade Extrugasa Transformación, S.A. ao Concello de Valga da monetarización a que se refire a cláusula primeira o día que se sinale para a sinatura do texto definitivo, unha vez aprobado este pola Xunta de Goberno local. A falta de entrega da citada monetarización na data que se indique determinará igualmente que o presente convenio quede sen efecto.

Quinta. Os gastos derivados da publicación do presente convenio serán por conta da entidade Extrugasa Transformación, S.A., promotora da dita iniciativa.

Sexta. O presente convenio ten natureza administrativa e no non disposto será de aplicación o regulado para o efecto nos artigos 165 a 168 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia; artigos 398 a 403 do Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, aprobado polo Decreto 143/2016, do 22 de setembro; artigos 21.1.j), 22.2.c) e 70.ter da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local; artigos 82, 83 e 86 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas; artigos 18, 25 e 61 do texto refundido da Lei do solo e rehabilitación urbana, aprobado polo Real decreto lexislativo 7/2015, do 30 de outubro; artigos 47 a 53 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, do réxime xurídico das administracións públicas, e o artigo 8.1.b) da Lei 19/2013, do 9 de decembro, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno.

E en proba de conformidade ambas as partes asinan no lugar e data indicados o presente convenio urbanístico, en triplicado exemplar e para un único efecto, ante min, o secretario da corporación.

De todo canto antecede dou fe e certifico».

Valga, 28 de abril de 2022

José María Bello Maneiro
Alcalde