Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 97 Venres, 20 de maio de 2022 Páx. 29935

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

ORDE do 11 de maio de 2022 pola que se ratifica o acordo de extinción da Fundación Fiemirt-Fundación para la Investigación de Enfermedades Microbiológicas, Reumatológicas y Tumorales e se dispón a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Visto o expediente de extinción da Fundación Fiemirt-Fundación para la Investigación de Enfermedades Microbiológicas, Reumatológicas y Tumorales, dítase esta orde baseada nos feitos e fundamentos de dereito que se expoñen a seguir.

Feitos:

Primeiro. O 22 de outubro de 2021, Víctor Félix Lueiro Lores, na súa condición de presidente do padroado da Fundación Fiemirt-Fundación para la Investigación de Enfermedades Microbiológicas, Reumatológicas y Tumorales, solicita a ratificación polo protectorado do acordo de extinción adoptado polo órgano de goberno o 24 de setembro de 2021.

Segundo. O artigo 38 da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, así como os preceptos concordantes do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, establecen a obriga destas de render contas. A última documentación contable que consta depositada no Rexistro de Fundacións de Interese Galego corresponde ao exercicio 2011 para o que foi preciso solicitar a súa actualización mediante os requirimentos realizados en distintas datas que finalizaron coa presentación o 6 de maio de 2022 das contas dos exercicios 2012-2021.

Terceiro. A Fundación Fiemirt-Fundación para la Investigación de Enfermedades Microbiológicas, Reumatológicas y Tumorales constituíuse en escritura pública outorgada en Pontevedra, o día 21 de xaneiro de 1999, ante o notario Rafael Sanmartín Losada, co número cento vinte e un do seu protocolo; clasificouse de interese sanitario pola Orde da Consellería da Presidencia e Administración Pública do 5 de outubro de 1999 (DOG número 203, do 20 de outubro); declarouse de interese galego pola Orde da Consellería de Sanidade e Servizos Sociais do 27 de outubro de 1999 (DOG número 226, do 23 de novembro) e está inscrita no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, Sección da Consellería de Sanidade, co número 24.

Cuarto. Segundo consta no artigo 6 dos seus estatutos, a fundación ten como obxectivo a investigación sanitaria nos campos da microbioloxía clínica, reumatoloxía e tumorais. Tamén a organización de cursos, congresos e simposios, así como a elaboración de teses cun contido que se corresponda cos campos de investigación propios dos fins da fundación.

Quinto. O padroado da fundación, na súa reunión do 24 de setembro de 2021, adoptou, por unanimidade dos seus membros, o acordo de extinción da fundación motivado na imposibilidade de realizar o fin fundacional.

No expediente tramitado consta a seguinte documentación:

• Certificación do secretario, co visto e prace do presidente, en que consta o acordo de extinción adoptado pola unanimidade do padroado na reunión do 24 de setembro de 2021.

• Memoria xustificativa en que consta como causa de extinción, que o padroado considerou por unanimidade, que nin a reforma dos estatutos nin a fusión con outra fundación puidesen solucionar os actuais problemas da Fundación. Tamén indica que, xunto coas razóns xerais e científicas, as causas fundamentais que impiden a consecución dos obxectivos fundacionais son a falta de medios económicos e os efectos da xubilación de membros do padroado que fai materialmente inviable a continuidade da fundación.

• As contas da fundación na data en que o padroado adoptou o acordo de extinción.

• Proxecto de distribución dos bens e dereitos resultantes da liquidación: de acordo coa certificación do secretario do padroado do 24 de setembro de 2021 serían destinados á entidade Médicos sin Fronteras. Non obstante, da documentación que consta no expediente despréndese que non hai bens resultantes da liquidación segundo a declaración da fundación de que non ten operacións comerciais pendentes, nin bens sociais que houbera que allear, nin créditos ou dividendos pasivos pendentes, nin tampouco acredores.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. A Consellería de Sanidade exerce o protectorado sobre a Fundación Fiemirt-Fundación para la Investigación de Enfermedades Microbiológicas, Reumatológicas y Tumorales, de conformidade co disposto no Decreto 41/2013, do 21 de febreiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Sanidade, en relación co artigo 47 da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

De acordo co disposto no artigo 7.2.b) do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, correspóndelle á Consellería de Sanidade a inscrición na sección correspondente do Rexistro de Fundacións de Interese Galego de todos os actos relativos ás fundacións sobre as que exerza as funcións de protectorado.

Segundo. O artigo 44.1.c) da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, establece entre as causas de extinción das fundacións, a imposibilidade de realizar o fin fundacional, e para este efecto é necesario o acordo favorable do padroado, ratificado polo protectorado.

Terceiro. Este acordo de extinción adoptouse de conformidade cos requisitos establecidos na normativa vixente e nos estatutos da fundación e foi aprobado por unanimidade do padroado. No expediente tramitado consta a memoria xustificativa das causas de extinción e demais documentación establecida no artigo 44 da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, e no artigo 48 do Decreto 14/2009, do 2 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego.

Cuarto. O acordo de extinción das fundacións está incluído entre os actos suxeitos a inscrición polo Rexistro de Fundacións de Interese Galego, segundo os artigos 44.6 e 54.e) da Lei 12/2006; e 21.k) do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Polo exposto, e de conformidade co establecido na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, e nos decretos 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e 15/2009, da mesma data, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, e demais normativa de xeral aplicación,

DISPOÑO:

Primeiro. Ratificar o acordo de extinción adoptado polo padroado da Fundación Fundación Fiemirt-Fundación para la Investigación de Enfermedades Microbiológicas, Reumatológicas y Tumorales na súa reunión do 24 de setembro de 2021.

Segundo. Ordenar a inscrición do acordo de extinción da Fundación Fundación Fiemirt-Fundación para la Investigación de Enfermedades Microbiológicas, Reumatológicas y Tumorales no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da consellería de Sanidade.

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, sen prexuízo de que, con carácter potestativo, poida interpoñerse recurso de reposición ante o conselleiro de Sanidade, no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao da súa notificación ou publicación, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 11 de maio de 2022

O conselleiro de Sanidade
P.D. (Orde do 25.5.2020; DOG nº 103, do 29 de maio)
Alberto Fuentes Losada
Secretario xeral técnico da Consellería de Sanidade