Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 92 Xoves, 12 de maio de 2022 Páx. 28141

III. Outras disposicións

Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación

RESOLUCIÓN do 4 de maio de 2022, da Secretaría Xeral Técnica da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, pola que se declara de interese galego e se ordena a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación para a Promoción Tecnolóxica e Industrial da Coruña e da súa Área de Influencia.

Examinado o expediente de declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación para a Promoción Tecnolóxica e Industrial da Coruña e da súa Área de Influencia, dítase esta resolución baseada nos feitos e fundamentos de dereito que se expoñen a seguir:

Feitos:

Primeiro. O 15 de febreiro de 2022, Antonio Couceiro Méndez, presidente do padroado da Fundación, presentou solicitude de clasificación, declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Segundo. A Fundación para a Promoción Tecnolóxica e Industrial da Coruña e da súa Área de Influencia foi constituída en escritura pública outorgada na Coruña o 19 de xaneiro de 2022, ante o notario Víctor José Peón Rama, co número de protocolo 118.

Terceiro. A Fundación para a Promoción Tecnolóxica e Industrial da Coruña e da súa Área de Influencia ten por obxecto, segundo consta no artigo 6 dos seus estatutos:

– Favorecer o desenvolvemento tecnolóxico e industrial da área, así como mellorar a súa capacidade de atracción de novos investimentos industriais.

– Revitalizar o atractivo da súa área para a localización de iniciativas tecnolóxicas e industriais con potencial innovador e de crecemento, e mellorar a competitividade das industrias xa instaladas.

– Promover a proactividade na atracción de investimentos tecnolóxicos e industriais á área, sobre a base dunha estratexia de promoción coordinada, o pulo dunha dinámica activa de atracción de investimentos e a proxección dunha imaxe conxunta da área como potencial receptora de investimentos industriais.

– Impulsar as potencialidades das persoas físicas e xurídicas, así como das administracións públicas, para xerar proxectos conxuntos de natureza tecnolóxica-industrial na súa área de actividade e xerar as debidas sinerxías entre eles para acadar os ditos fins.

Cuarto. Na escritura de constitución constan os aspectos relativos á personalidade das persoas fundadoras, a súa identidade, a súa capacidade para constituíla e a súa vontade de facelo como de interese galego conforme os preceptos da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego; a dotación; os estatutos e a composición do padroado inicial.

Quinto. Nos estatutos da fundación consta a súa denominación, o seu enderezo, o seu obxecto e finalidade, as regras básicas para a aplicación dos recursos ao cumprimento dos fins fundacionais e para a determinación dos beneficiarios, a composición e as normas de funcionamento do padroado, o réxime económico e as causas de disolución e o destino dos bens e dereitos resultantes da súa liquidación.

Sexto. O padroado inicial da fundación está formado por Antonio Couceiro Méndez, como presidente; Patricio Erhardt Barrenechea, como vicepresidente; Luz Divina Pardo Longueira, Juan Antonio Quiroga Lage, Manuel Ángel Galdo Pérez e Carlos Fernández Bermúdez, como vogais; e Iván Vázquez Franco, como secretario sen voto.

Sétimo. A comisión integrada polos secretarios xerais técnicos de todas as consellerías, na reunión do 14 de marzo de 2022, elevou ao vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo a proposta de clasificación como de interese tecnolóxico e industrial da Fundación para a Promoción Tecnolóxica e Industrial da Coruña e da súa Área de Influencia consonte as materias que constitúen o seu obxecto fundacional.

Oitavo. De conformidade coa dita proposta, pola Orde da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo do 22 de marzo de 2022, publicada no Diario Oficial de Galicia núm. 64, do 1 de abril (corrección de erros no Diario Oficial de Galicia núm. 69, do 8 de abril), clasificouse como de interese tecnolóxico e industrial a Fundación para a Promoción Tecnolóxica e Industrial da Coruña e da súa Área de Influencia, e adscribiuse á Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación para os efectos do exercicio das funcións do protectorado.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía para Galicia establece que é competencia exclusiva da Comunidade Autónoma galega o réxime das fundacións de interese galego.

Segundo. De acordo co disposto no artigo 7.2 do Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, aprobado polo Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, en relación co Decreto 230/2020, do 23 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, corresponde a esta consellería a declaración de interese galego mediante resolución publicada no Diario Oficial de Galicia e a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación para a Promoción Tecnolóxica e Industrial da Coruña e da súa Área de Influencia, así como o exercicio das funcións de protectorado e as demais que correspondan á Xunta de Galicia de conformidade co indicado no dito regulamento.

Terceiro. Á vista do disposto na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, no Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego e no Decreto 15/2009, da mesma data, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, resultan cumpridos os requisitos establecidos pola normativa vixente para a declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, da Fundación para a Promoción Tecnolóxica e Industrial da Coruña e da súa Área de Influencia, polo que

RESOLVO:

Primeiro. Declarar de interese galego a Fundación para a Promoción Tecnolóxica e Industrial da Coruña e da súa Área de Influencia.

Segundo. Ordenar a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación.

Terceiro. Esta fundación queda sometida ao disposto na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, no Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego e no Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, así como na demais normativa que resulte de aplicación e, especialmente, ás obrigas de dar publicidade suficiente do seu obxecto e actividades, da ausencia de ánimo de lucro na prestación de seus servizos, así como á de presentación anual da documentación contable e do plan de actuación ante o protectorado, que será exercido pola Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación.

Contra esta resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante o vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 4 de maio de 2022

Pablo Casal Espido
Secretario xeral técnico da Vicepresidencia Segunda
e Consellería de Economía, Empresa e Innovación