Na sesión celebrada polo xurado provincial o día 31.3.2022 figura o seguinte acordo:
O 14.2.2022 tivo entrada un recurso extraordinario de revisión, presentado por Francisco Lorenzo Sánchez, contra o acordo do xurado do 2.6.2021 polo que se aproba o deslindamento parcial do MVMC de Baamonde con propiedades particulares. En síntese, manifesta ser propietario dun predio denominado Canle, adquirido por compravenda ante notario en 1991 e inscrito no Rexistro da Propiedade de Vilalba ao seu favor; e que no procedemento de deslindamento o dito predio foi incluído indebidamente dentro do perímetro do monte veciñal de Baamonde, polo que solicita a súa exclusión do monte.
O 9.3.2022, o Servizo de Montes elaborou un informe sobre o predio reclamado polo recorrente, coas seguintes indicacións: o predio identificado en plano polo interesado estaría constituído por unha pequena parte da superficie das parcelas 2 e 3 do polígono 10 do catastro de rústica de Begonte. Estas parcelas teñen como titulares catastrais Concello de Begonte e monte veciñal, respectivamente. Así mesmo, consultado o Arquivo Histórico Provincial de Lugo, o Concello de Begonte figuraba como titular histórico das citadas parcelas.
Ademais do anterior, ningunha da documental achegada polo interesado fai referencia ao inmoble catastral a que corresponde o terreo que di que é da súa propiedade, nin aquela desvirtúa os indicios probatorios da natureza veciñal en man común dos inmobles en que supostamente se atoparía aquel, e nos cales se baseou o acordo de deslindamento contra o cal se recorre.
Examinado o devandito recurso, o xurado, por unanimidade, acorda desestimalo, de conformidade cos fundamentos que se recollen na correspondente resolución.
Contra esta resolución, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación ou publicación no Diario Oficial de Galicia, poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Lugo, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.
Lugo, 25 de abril de 2022
Mª Olga Iglesias Fontal
Presidenta do Xurado Provincial de Clasificación de Montes
Veciñais en Man Común de Lugo