Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 88 Venres, 6 de maio de 2022 Páx. 27286

III. Outras disposicións

Axencia Galega das Industrias Culturais

EXTRACTO da Resolución do 21 de abril de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a promoción e difusión de proxectos musicais profesionais ao abeiro do Programa Hub da industria creativa galega, financiadas ao 100 % polo Feder, dentro do eixe REACT-UE do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, como parte da resposta da Unión Europea á pandemia da COVID-19, e se procede á convocatoria para o ano 2022 (código de procedemento CT207L).

BDNS (Identif.): 624266.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeneral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index):

Primeiro. Persoas beneficiarias

1. Poderán optar a estas subvencións todas as empresas e as persoas traballadoras autónomas con sucursal, ou oficina permanente, de polo menos un ano previo a esta convocatoria, na Comunidade Autónoma de Galicia ou nun Estado membro da UE ou que forme parte do acordo que establece a Área Económica Europea e que desenvolvan a súa actividade habitual en Galicia.

2. As persoas ou entidades solicitantes deberán acreditar que están dadas de alta nalgunha das epígrafes do imposto sobre actividades económicas relacionados coa actividade subvencionable.

3. Así mesmo, as persoas ou entidades beneficiarias deben estar comprendidas na definición de pequena e mediana empresa (peme).

Segundo. Finalidade

Determinar as condicións polas cales se regulará a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, da Axencia Galega das Industrias Culturais para a promoción, capacitación e desenvolvemento de proxectos musicais unitarios e colectivos.

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 21 de abril de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a promoción e difusión de proxectos musicais profesionais ao abeiro do Programa Hub da industria creativa galega, financiadas ao 100 % polo Feder, dentro do eixe REACT-UE do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, como parte da resposta da Unión Europea á pandemia da COVID-19, e se procede á convocatoria para o ano 2022 (código de procedemento CT207L).

Cuarto. Importe.

As axudas obxecto desta resolución terán carácter plurianual e financiaranse cun crédito total de 1.200.000 euros, para as anualidades 2022 e 2023 imputables á aplicación orzamentaria 10.A1.432B.770.0, código de proxecto 2021 00001 da Axencia Galega das Industrias Culturais, coa seguinte distribución: 600.000 euros para 2022 e 600.000 euros para 2023.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes desde o día seguinte á publicación da correspondente convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Santiago de Compostela, 21 de abril de 2022

Román Rodríguez González
Presidente do Consello Reitor da Axencia Galega das Industrias Culturais