Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 88 Venres, 6 de maio de 2022 Páx. 27288

III. Outras disposicións

Instituto Galego da Vivenda e Solo

RESOLUCIÓN do 2 de maio de 2022 de concesión directa da axuda complementaria á do Programa do bono de alugueiro social durante o ano 2022.

Antecedentes de feito:

Primeiro. O Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS) ten implantado desde o ano 2015 o Programa do bono de alugueiro social no marco do Plan RehaVIta, Plan galego de rehabilitación, aluguer e mellora de acceso á vivenda 2015-2020. Desde a súa implantación realizáronse sucesivas convocatorias deste programa nos anos 2016, 2017, 2018, 2019, 2020, 2021 e 2022.

Este programa ten por obxecto subvencionar a renda mensual do alugueiro para unidades de convivencia con recursos económicos limitados. O importe máximo desta axuda, con carácter xeral, non excede o 50 % da renda máxima correspondente á zona territorial onde estea situada a vivenda obxecto do contrato de alugamento.

Segundo. No Boletín Oficial del Estado núm. 91, do 1 de abril de 2020, publicouse o Real decreto lei 11/2020, do 31 de marzo, polo que se adoptan medidas urxentes complementarias no ámbito social e económico para facer fronte a COVID-19. O artigo 11.1 indica que «...mediante Orde do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana se substituirá o Programa de axuda ás persoas en situación de desafiuzamento ou lanzamento da súa vivenda habitual previsto no Real decreto 106/2018, do 9 de marzo, polo que se regula o Plan estatal de vivenda 2018-2021, polo novo «Programa de axuda ás vítimas de violencia de xénero, persoas obxecto de desafiuzamento da súa vivenda habitual, persoas sen fogar e outras persoas especialmente vulnerables».

No Boletín Oficial del Estado núm. 101, do 11 de abril de 2020, publicouse a Orde TMA/336/2020, do 9 de abril, pola que se incorpora, substitúe e modifican os correspondentes programas de axudas do Plan estatal de vivenda 2018-2021, en cumprimento do disposto nos artigos 10, 11 e 12 do Real decreto lei 11/2020, do 31 de marzo, polo que se adoptan medidas urxentes complementarias no ámbito social e económico para facer fronte a COVID-19.

Terceiro. O 10 de decembro de 2020 publicouse no Boletín Oficial del Estado núm. 322, o Real decreto 1084/2020, do 9 de decembro, polo que se modifica o Real decreto 106/2018, do 9 de marzo, polo que se regula o Plan estatal de Vivenda 2018-2021 e a Orde TMA/378/2020, do 30 de abril, pola que se definen os criterios e requisitos dos arrendatarios de vivenda habitual que poden acceder ás axudas transitorias de financiamento establecidas no artigo 9 do Real decreto lei 11/2020, do 31 de marzo, polo que se adoptan medidas urxentes complementarias no ámbito social e económico para facer fronte á COVID-19.

Cuarto. O 19 de xaneiro de 2022 publicouse no Boletín Oficial del Estado núm. 16, o Real decreto 42/2022, do 18 de xaneiro, polo que se regula o bono de alugueiro á mocidade e o Plan estatal para o acceso á vivenda 2022-2025. Dentro dos programas do plan de vivenda está o programa de axuda ás vítimas de violencia de xénero, persoas obxecto de desafiuzamento da súa vivenda habitual, persoas sen fogar e outras persoas especialmente vulnerables.

O programa específico de axudas do bono de alugueiro social que, como se indicou no punto primeiro, está implantado desde hai anos na Comunidade Autónoma de Galicia, responde á mesma finalidade que os citados programas do anterior e do novo Plan estatal para o acceso á vivenda. A situación económica dos colectivos beneficiarios deste programa de axudas resultou especialmente afectada como consecuencia da crise sanitaria ocasionada pola COVID-19 e, en consecuencia, no Diario Oficial de Galicia (en adiante, DOG) do 22 de maio de 2020 publicouse a Resolución do 19 de maio de 2020, de concesión directa da axuda complementaria á dos programas do bono de alugueiro social e do bono de alugueiro social destinado ao alugamento de vivendas para as vítimas de violencia de xénero. Mediante o outorgamento desta subvención complementaria ás das axudas ordinarias dos programas autonómicos sinalados, conseguiuse subvencionar a totalidade da renda mensual do contrato de alugamento que teñen que pagar as persoas beneficiarias desde abril de 2020.

Quinto. O 23 de febreiro de 2021 publicouse no DOG a Resolución do 19 de febreiro de 2021 de concesión directa da axuda complementaria á do Programa do bono de alugueiro social e o 30 de decembro de 2021, a Resolución do 28 de decembro de 2021 de concesión directa da axuda complementaria á do Programa do bono de alugueiro social durante o ano 2022. O número 3 do ordinal quinto desta última resolución dispoñía que a axuda se concederá desde o mes da data da resolución de concesión da axuda ata o 31 de maio de 2022. Non obstante, o crédito previsto na citada resolución, 459.000 euros, é insuficiente para atender a todas as persoas beneficiarias do bono de alugueiro social ata esa data, polo que resulta necesario a aprobación dunha nova resolución de concesión directa na que figuren como beneficiarias aquelas persoas que, cumprindo os requisitos necesarios, non puideron percibir a axuda por falta de crédito.

Consideracións legais e técnicas:

Primeira. A competencia para ditar esta resolución correspóndelle á persoa titular da Presidencia do IGVS, de conformidade co establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o Decreto 97/2014, do 24 de xullo, polo que se establece a estrutura orgánica do IGVS.

Segundo. A concesión destas axudas realizarase de forma directa, de conformidade co establecido nos artigos 22.2 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións e 19.4.c) e 26 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, en relación co artigo 40 do seu regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, ao concorrer razóns de interese público, social, económico e humanitario. Estas circunstancias quedan acreditadas polo informe dos servizos sociais dos concellos que necesariamente debe incorporase ao procedemento de concesión das axudas do Programa do bono de alugueiro social e onde se valoran as circunstancias persoais, sociais e económicas que aconsellan a concesión desta axuda por tratarse de colectivos vulnerables.

RESOLVO:

Primeiro. Obxecto e finalidade

1. Esta resolución ten por obxecto aprobar a concesión directa das subvencións complementarias á do Programa do bono de alugueiro social para todas aquelas persoas que, cumprindo os requisitos necesarios, non puideron percibir a correspondente axuda por esgotamento do crédito previsto na Resolución do 28 de decembro de 2021, de concesión directa da axuda complementaria á do Programa do bono de alugueiro social durante o ano 2022.

2. Estas axudas son complementarias ás subvencións concedidas ás persoas beneficiarias do Programa de bono de alugueiro social e teñen a finalidade de subvencionar, conxuntamente con estas, o importe mensual da renda do alugueiro da vivenda, satisfacendo deste xeito unha solución habitacional a colectivos especialmente vulnerables.

Segundo. Normativa de aplicación

En todo o non recollido nesta resolución aplicarase o disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións; no seu Regulamento aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo; na Lei 9/2007, do 13 de xuño; no seu regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro; na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e na Orde do 18 de decembro de 2018, pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións do Programa do bono de alugueiro social.

Terceiro. Crédito orzamentario

Estas axudas complementarias faranse efectivas con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2022 na aplicación orzamentaria 08.81.451B.480.3, proxecto 2015 00026, polo importe de 60.000,00 euros.

Cuarto. Persoas beneficiarias e requisitos

1. Serán beneficiarias destas axudas complementarias todas as persoas que á data publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia teñan unha resolución de concesión inicial ou, de ser o caso, de prórroga do Programa do bono de alugueiro social, así como aquelas outras que resulten beneficiarias do citado programa en virtude da convocatoria correspondente a anualidade 2022.

2. Será requisito necesario para ser persoa beneficiaria destas axudas que no expediente de concesión conste o correspondente contrato de alugamento da vivenda achegado pola persoa interesada.

3. Non poderán ser beneficiarias desta axuda as persoas a quen lle fose declarada a perda do dereito ou a revogación da subvención concedida no marco do anterior programa ou nas que concorra algunha das situacións establecidas no artigo 13.2 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, e no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Tampouco poderán ser beneficiarias destas subvencións complementarias aquelas persoas beneficiarias do Programa do bono de alugueiro social, cando a renda do seu contrato de alugamento sexa satisfeita integramente coa axuda do citado programa.

Quinto. Contía da axuda e duración

1. A contía da axuda será polo importe non subvencionado da renda mensual do contrato de alugamento da persoa beneficiaria no marco do Programa do bono de alugueiro social. No caso de que tiveran recoñecida esta axuda no anos 2020 e/ou 2021, o importe mensual da axuda complementaria para o ano 2022 será a mesma que viñeran percibindo nos anos 2020 e/ou 2021, sen prexuízo do disposto no punto seguinte.

2. En ningún caso o importe desta axuda complementaria, conxuntamente coa axuda do Programa do bono de alugueiro social poderá superar o límite máximo da renda do contrato de alugamento que figure no respectivo expediente, nin a axuda complementaria poderá exceder o importe máximo de axuda mensual previsto no artigo 6 da Orde do 18 de decembro de 2018.

3. A axuda concederase desde o mes da data da resolución de concesión da axuda ata o 31 de maio de 2022, sempre que no expediente conste o contrato de alugamento achegado pola persoa beneficiaria. No suposto de que o contrato de alugamento se achegue con posterioridade á data da resolución de concesión, a axuda recoñecerase desde o mes da data de presentación do contrato, salvo que este tivese efectos económicos posteriores, en cuxo caso se concederá a axuda desde ese mes ata o 31 de maio de 2022.

Sexto. Procedemento de concesión

1. O procedemento de concesión destas axudas iníciase de oficio mediante esta resolución.

2. A tramitación deste procedemento realizarao a Área Provincial do IGVS onde estea situada a vivenda, sen que sexa necesario que as persoas interesadas teñan que presentar ningunha solicitude.

3. Os datos necesarios para a tramitación do procedemento son os que figuran no expediente do Programa do bono de alugueiro social.

4. A resolución de concesión específica da axuda complementaria ditaraa a persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.

5. Contra a resolución poderase interpoñer recurso de alzada, ante a persoa titular da Presidencia do IGVS, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa notificación.

Sétimo. Xustificación da subvención

A subvención xustificarase mediante a presentación, dentro dos dez primeiros días naturais de cada mes, dunha declaración responsable na que a persoa beneficiaria indique que continúa residindo na vivenda alugada, a cal deberá ir dirixida á Área Provincial do IGVS onde estea situada a vivenda. Esta declaración responsable poderá presentarse por vía electrónica accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada ou en formato papel, por calquera dos medios establecidos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Oitavo. Pagamento da subvención

O pagamento da subvención complementaria será mensual e realizarase mediante transferencia bancaria na conta da persoa arrendadora que conste no expediente do bono de alugueiro social.

Noveno. Obrigas das persoas beneficiarias

Ademais das recollidas nesta resolución e no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, serán obrigas das persoas beneficiarias:

a) Presentar, dentro do prazo sinalado no ordinal sétimo, as declaracións responsables de que continúa residindo na vivenda alugada.

b) Facilitar toda a información que requira a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas ou o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

c) Permitirlle ao IGVS a realización das inspeccións ou as comprobacións que se consideren oportunas para verificar a exactitude dos datos achegados ou o destino da subvención concedida.

d) Comunicar á Área Provincial do IGVS onde estea situada a vivenda alugada calquera modificación das circunstancias determinantes do recoñecemento da subvención.

Décimo. Perda e reintegro da subvención

1. Poderán ser causa de perda e posterior reintegro da subvención, ademais dos supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, as seguintes:

a) O incumprimento das obrigas recollidas no ordinal anterior.

b) A perda e reintegro da subvención do Programa do bono de alugueiro social.

2. O incumprimento ou a falsidade nas condicións requiridas para o outorgamento da subvención comportará, ademais das sancións que poidan corresponder, o reintegro da subvención percibida, co correspondente xuro legal desde o seu pagamento, incrementado no 25 %, segundo establece o artigo 34 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, salvo que a Lei de orzamentos xerais do Estado estableza outro diferente.

3. O procedemento para declarar a procedencia da perda do dereito de cobramento da subvención e, se é o caso, para facer efectiva a devolución, será o establecido no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Décimo primeiro. Incompatibilidade

Esta subvención é incompatible con outras axudas establecidas para a mesma finalidade que se poidan conter en programas estatais ou autonómicos en materia de vivenda, salvo coas propias axudas do Programa do bono de alugueiro social.

Décimo segundo. Recursos contra esta resolución

Esta resolución pon fin á vía administrativa e contra ela poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan presentar calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Presidencia do IGVS no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no DOG, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

b) Recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG, de acordo co establecido no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Décimo terceiro. Efectos

Esta resolución producirá efectos a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia .

Santiago de Compostela, 2 de maio de 2022

Ángeles Vázquez Mejuto
Presidenta do Instituto Galego da Vivenda e Solo