Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 82 Venres, 29 de abril de 2022 Páx. 25944

III. Outras disposicións

Axencia Galega das Industrias Culturais

EXTRACTO da Resolución do 5 de abril de 2022 pola que se aproban as bases, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións ás actividades de distribución para industrias culturais, e se convocan para o ano 2022 (código de procedemento CT402C).

BDNS (Identif.): 622300.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas beneficiarias

1. Poden ser beneficiarias das distintas modalidades das subvencións, persoas físicas (autónomas) e persoas xurídicas privadas, con domicilio ou sucursal en Galicia ou nun territorio membro da Unión Europea ou asociado ao Espazo Económico Europeo, dedicadas profesionalmente á actividade de produción e distribución de espectáculos de artes escénicas ou musicais.

2. Poden ser tamén beneficiarias as agrupacións de persoas físicas ou xurídicas privadas, comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado que, aínda carecendo de personalidade xurídica, poidan levar a cabo as actividades obxecto da subvención, con domicilio ou sucursal en Galicia ou nun territorio membro da Unión Europea ou asociado ao Espazo Económico Europeo, dedicadas profesionalmente á actividade de produción e distribución de espectáculos de artes escénicas ou musicais.

Segundo. Finalidade

Fixar as bases que regularán o réxime de subvencións establecidas pola Agadic para promover a distribución exterior e interior de bens e servizos culturais producidos por empresas e/ou compañías ou grupos profesionais con sede na Comunidade Autónoma de Galicia, coa excepción das asociacións e entidades sen fins de lucro, e convocar as ditas axudas para o ano 2022.

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 5 de abril de 2022 pola que se aproban as bases, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións ás actividades de distribución para industrias culturais, e se convocan para o ano 2022 (código de procedemento CT402C).

Cuarto. Importe

O importe máximo para o financiamento das axudas incluídas nesta convocatoria é de 460.000 euros, 230.000 euros para artes escénicas (modalidades A.1, A.2, A.3 e A.4) e 230.000 euros para música (modalidades B.1, B.2 e B.3) da partida orzamentaria 2021.10.A1.432B.470.0, para o ano 2022, código de proxecto 2015-0003.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte á publicación da correspondente convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Santiago de Compostela, 5 de abril de 2022

Román Rodríguez González
Presidente do Consello Reitor da Axencia Galega
das Industrias Culturais