Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 82 Venres, 29 de abril de 2022 Páx. 25903

III. Outras disposicións

Axencia Galega das Industrias Culturais

RESOLUCIÓN do 5 de abril de 2022 pola que se aproban as bases, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións ás actividades de distribución para industrias culturais, e se convocan para o ano 2022 (código de procedemento CT402C).

A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) é unha entidade de dereito público con personalidade xurídica propia, patrimonio propio e autonomía na súa xestión, que ten por obxecto o impulso e a consolidación do tecido empresarial no sector cultural galego, segundo o previsto nos artigos 3, 4 e 5 da Lei 4/2008, do 23 de maio, de creación da Axencia Galega das Industrias Culturais. A Axencia Galega das Industrias Culturais é o organismo en que a Xunta de Galicia, coa participación necesaria dos sectores culturais implicados, centraliza os programas de apoio destinados a reforzar o papel dos creadores individuais, empresas e industrias culturais privadas, dentro do obxectivo xenérico de promoción e fomento da cultura galega impulsado pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade. O obxectivo da Axencia é consolidar o tecido industrial no sector cultural galego para promover un tecido empresarial capitalizado, competitivo e innovador, fomentar a creación e potenciar a comercialización de bens e servizos culturais de calidade, favorecendo a difusión da lingua e da cultura galegas como elementos singularizadores.

Con esta convocatoria de axudas, a Axencia Galega das Industrias Culturais quere cumprir co establecido no artigo 5 da Lei 4/2008. «En consonancia cos seus obxectivos e fins, a Agadic exercerá as seguintes funcións:

...c) Promover a distribución e comercialización dos produtos culturais dentro e fóra do noso país, fomentando a captación de públicos e facilitando o acceso da cultura galega a novos mercados internacionais...

...f) Fomentar a creación, o mantemento e a utilización de infraestruturas e equipamentos por parte dos axentes culturais, en especial o impulso de centros que faciliten o acceso á cultura dos cidadáns e das cidadás...

...h) Impulsar a cooperación e o asociacionismo entre os traballadores e traballadoras e as empresas dos distintos sectores culturais, así como as medidas do sector profesional galego para aumentar a súa presenza e competitividade nos mercados culturais, en especial no apoio ás exportacións de bens e servizos culturais galegos».

Por todo isto, en consonancia cos seus obxectivos inmediatos, apróbase a convocatoria pública de subvencións á distribución de produtos culturais, para o exercicio 2022, de acordo coas seguintes

Bases

Primeira. Obxecto e réxime das axudas

1. Esta resolución, no desenvolvemento das funcións e obxectivos encomendados e previstos na Lei 4/2008, do 23 de maio, de creación da Axencia Galega das Industrias Culturais, ten por obxecto fixar as bases que regularán o réxime de subvencións establecidas pola Agadic para promover a distribución exterior e interior de bens e servizos culturais producidos por empresas e/ou compañías ou grupos profesionais con sede na Comunidade Autónoma de Galicia, coa excepción das asociacións e entidades sen fins de lucro, e convocar as ditas axudas para o ano 2022 (código de procedemento CT402C).

2. Estas axudas deberán cumprir as condicións de exención e os límites do artigo 3 do Regulamento (UE) 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis. O importe total das axudas de minimis concedidas por un Estado membro a unha única empresa non excederá de 200.000 euros durante calquera período de tres exercicios fiscais.

3. A percepción destas axudas é compatible con outras subvencións, axudas e ingresos ou recursos para o mesmo proxecto, procedentes de calquera outra Administración ou ente público ou privado, pero incompatibles con outras para o mesmo proxecto da Consellería de Cultura, Educación e Universidade ou calquera organismo dependente. No caso de percibirse outras axudas, deberase acreditar documentalmente a súa natureza e contía, así como calquera circunstancia que poida afectar substancialmente a execución das actuacións. A comunicación deberá efectuarse tan axiña como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

4. En ningún caso a suma dos importes das axudas concedidas ao abeiro desta resolución poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais supere o 100 % do custo da actividade subvencionada, segundo establece o artigo 17.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

5. Nos anexos desta resolución deberase cubrir a declaración das axudas percibidas polos solicitantes.

6. A xestión destas subvencións realizarase polo procedemento de concorrencia non competitiva polo esgotamento do crédito, de acordo cos seguintes principios:

a) Publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación.

b) Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Administración outorgante.

c) Eficiencia na asignación de efectivos e na utilización de recursos públicos.

7. As subvencións serán concedidas ata o esgotamento do crédito orzamentario, de acordo co establecido nos artigos 19.2 e 22 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, polo procedemento abreviado e por orde cronolóxica, tendo en conta a data e a hora de entrada no rexistro. A proposta de concesión formularase polo órgano instrutor, que unicamente deberá comprobar a concorrencia dos requisitos para conceder a subvención, sen que sexa necesario realizar a comparación das solicitudes presentadas.

8. De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

9. De acordo co establecido no artigo 14, letra ñ) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as persoas físicas e as entidades beneficiarias quedan informadas da existencia do Rexistro Público de Subvencións.

10. Sobre estas bases poderase obter información:

a) Na páxina web da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic):

http://www.agadic.gal

b) Nos teléfonos 881 99 60 77/881 99 60 78.

c) No enderezo electrónico agadic@xunta.gal

d) Persoalmente.

e) Na guía de procedementos e servizos administrativos no enderezo:

http://sede.xunta.gal/guia-de-procedementos-e-servizos

Así mesmo, para cuestións xerais sobre este procedemento, poderá facerse uso do teléfono de información xeral da Xunta de Galicia 012.

Segunda. Persoas beneficiarias

1. Poden ser beneficiarias das distintas modalidades das subvencións, sen prexuízo de reuniren os demais requisitos establecidos nestas bases, persoas físicas (autónomas) e persoas xurídicas privadas, con domicilio ou sucursal en Galicia ou nun territorio membro da Unión Europea ou asociado ao Espazo Económico Europeo, dedicadas profesionalmente á actividade de produción e distribución de espectáculos de artes escénicas ou musicais, segundo a modalidade a que se presenten.

2. Poden ser tamén beneficiarias, as agrupacións de persoas físicas ou xurídicas privadas, comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado que, aínda carecendo de personalidade xurídica, poidan levar a cabo as actividades obxecto da subvención, con domicilio ou sucursal en Galicia ou nun territorio membro da Unión Europea ou asociado ao Espazo Económico Europeo, dedicadas profesionalmente á actividade de produción e distribución de espectáculos de artes escénicas ou musicais, segundo a modalidade a que se presenten.

3. Non poderán ser beneficiarias desta convocatoria de subvencións:

a) As asociacións e restantes entidades sen fins de lucro.

b) As persoas ou entidades en que concorra algunha das prohibicións establecidas nos termos previstos no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. En todo caso, as persoas solicitantes declararán non estar incursas en tales circunstancias, consonte o establecido no anexo I desta convocatoria.

Terceira. Modalidades e requisitos da subvención

1. Estas bases de subvencións comprenden as modalidades que seguen:

A. Artes escénicas.

Modalidade A.1: subvencións para a distribución de espectáculos fóra de Galicia.

Poderán acollerse a esta modalidade empresas que presenten un proxecto de distribución a nivel nacional ou internacional consistente na realización dun mínimo de tres funcións e en ningún caso máis de oito no mesmo espazo.

Requisitos:

– Estar dado de alta no imposto de actividades económicas, na actividade para a que solicita a subvención.

– Ter asinado no momento da presentación da solicitude o/s contrato/s/ convite/s con contido económico, para a realización da actividade para a que se solicita subvención.

Modalidade A.2: subvencións para a representación de espectáculos en feiras e festivais fóra de Galicia.

Requisitos:

– Estar dado de alta no imposto de actividades económicas, na actividade para a que solicita a subvención.

– Ter asinado no momento da presentación da solicitude o/s contrato/s/ convite/s con contido económico, para a realización da actividade para a que se solicita subvención.

Modalidade A.3: subvencións para a asistencia a feiras e mercados de artes escénicas fóra de Galicia.

Requisitos:

– Estar dado de alta no imposto de actividades económicas, na actividade para a que solicita a subvención.

– Inscrición de asistencia ou participación á feira ou mercado obxecto da solicitude.

– Acreditar a relación de vinculación dos/das asistentes coa empresa solicitante da subvención, mediante contrato ou declaración do titular da empresa.

Modalidade A.4: subvencións para a distribución interior de espectáculos escénicos no territorio da Comunidade Autónoma.

Poderán acollerse a esta modalidade empresas que presenten un proxecto de distribución pola Comunidade Autónoma de Galicia, en espazos escénicos que non formen parte da Rede galega de teatros e auditorios, consistente na realización dun mínimo de cinco representacións, en ningún caso máis de catro representacións no mesmo espazo.

Requisitos:

– Estar dado de alta no imposto de actividades económicas, na actividade para a que solicita a subvención.

– Ter asinado no momento da presentación da solicitude o/s contrato/s con contido económico, para a realización da actividade para a que se solicita subvención.

B. Música.

Modalidade B.1: subvencións para a distribución de espectáculos musicais fóra de Galicia.

Poderán acollerse a esta modalidade empresas que presenten un proxecto de distribución a nivel nacional ou internacional consistente na realización dun mínimo de tres concertos e en ningún caso máis de oito no mesmo espazo.

Requisitos:

– Estar dado de alta no imposto de actividades económicas, na actividade para a que solicita a subvención.

– Ter asinado no momento da presentación da solicitude o/s contrato/s/ convite/s con contido económico, para a realización da actividade para a que se solicita subvención.

Modalidade B.2: subvencións para a representación de espectáculos musicais en feiras e festivais fóra de Galicia.

Requisitos:

– Estar dado de alta no imposto de actividades económicas, na actividade para a que solicita a subvención.

– Ter asinado no momento da presentación da solicitude o/s contrato/s/ convite/s con contido económico, para a realización da actividade para a que se solicita subvención.

Modalidade B.3: subvencións para a asistencia a feiras e mercados musicais fóra de Galicia.

Requisitos:

– Estar dado de alta no imposto de actividades económicas, na actividade para a que solicita a subvención.

– Inscrición de asistencia ou participación á feira ou mercado obxecto da solicitude.

– Acreditar a relación de vinculación dos/das asistentes coa empresa solicitante da subvención, mediante contrato ou declaración do titular da empresa.

2. Todas as actividades para as que se solicita subvención deben desenvolverse entre o 1 de novembro de 2021 e o 31 de outubro de 2022.

Cuarta. Procedemento créditos, contías e límites

1. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva, por esgotamento do crédito, de conformidade co disposto nos artigos 19.2 e 22 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. O importe máximo para o financiamento das axudas incluídas nesta convocatoria é de 460.000 euros, 230.000 euros para artes escénicas (modalidades A.1, A.2, A.3 e A.4) e 230.000 euros para música (modalidades B.1, B.2 e B.3) da partida orzamentaria 2021.10.A1.432B. 470.0, para o ano 2022, código de proxecto 2015-0003. Así mesmo, establécense os seguintes límites relacionados cos importes:

– A modalidade A4 disporá dun importe máximo de 80.000 euros.

– A modalidade B3 disporá dun importe mínimo de 30.000 euros.

3. A contía máxima total que poderá obter unha empresa beneficiaria no conxunto das distintas modalidades da presente convocatoria será:

25.000 € na modalidade A (Artes escénicas).

25.000 € na modalidade B (Música).

Este límite aplicarase por cada compañía/artista/grupo cando estea representado por varias entidades.

Ao estar este réxime de axudas suxeito ao réxime de minimis, deberase garantir que, de recibir o beneficiario outras axudas baixo o réxime de minimis, non se supera o límite de 200.000 euros nun período de tres exercicios fiscais.

4. Límites máximos na adxudicación:

A. Artes escénicas.

Modalidades A.1 e A.2: subvencións para a distribución de espectáculos fóra de Galicia e para a representación de espectáculos en feiras e festivais fóra de Galicia.

Importe correspondente aos gastos de desprazamento, transporte, mantenza e aloxamento do persoal artístico (músicos/actores/bailaríns/manipuladores) e técnico necesario para a distribución do espectáculo, co límite equivalente ao importe do contrato de distribución.

No caso de contratación á billeteira, o importe do contrato calcularase inicialmente, para a súa adxudicación, mediante o produto entre a porcentaxe da billeteira que percibirá a compañía, o prezo medio de entrada e o 60 % da capacidade do local. En todo caso, a contía final que se percibirá non superará a contía da billeteira efectivamente xustificada.

No suposto de actuacións en feiras subvencionaranse tamén gastos dos custos de persoal artístico e técnico (nóminas e Seguridade Social, excluídas axudas de custo) necesario para a representación, sen que estes supoñan mais do 60 % do caché. Enténdese por caché, para estes efectos, o establecido na Rede galega de teatros e auditorios para Galicia, sen necesidades técnicas.

Para solicitantes non ofertados na Rede galega de teatros e auditorios, o caché será o que eles establezan na solicitude .

– Gastos de desprazamento. Enténdese por desprazamento os gastos da viaxe de ida e volta, quedando excluídos os desprazamentos nos días intermedios na mesma cidade. No caso de representacións en distintas cidades dentro do mesmo plan de distribución, serían gastos xustificables os do día de desprazamento entre unha cidade e outra.

Enténdense incluídos nos gastos subvencionables de desprazamento os seguintes conceptos:

– Gastos de visado, no suposto de que sexa imprescindible para efectuar as representacións.

– Gastos de avión, cos seguintes máximos:

España e Portugal: 200 euros por persoa.

Resto de Europa: 300 euros por persoa.

Resto do mundo: 700 euros por persoa.

– Peaxes de autoestradas, combustibles, alugueiro de vehículos, desprazamento a aeroportos.

– Billetes de autobús e tren.

Á parte do máximo para viaxe de avión, os máximos subvencionables por persoa e viaxe son: 70 euros en España e Portugal, 90 euros no resto de Europa e 100 euros no resto do mundo.

– Gastos de transporte de materiais: os referidos ao desprazamento dos materiais precisos para o desenvolvemento da actividade. O máximo subvencionable para o transporte será de 400 euros en España e Portugal, 600 no resto de Europa, e 800 no resto do mundo. Será necesaria a presentación das correspondentes facturas, nas cales se fará referencia clara ao motivo do transporte e ao material transportado.

– Gastos de mantenza e aloxamento. Os máximos subvencionables por estes conceptos son os seguintes:

• España e Portugal:

Mantenza: un máximo de 45 euros por persoa e día.

Aloxamento: un máximo de 60 euros por persoa e día.

• Resto de Europa:

Mantenza: un máximo de 60 euros por persoa e día.

Aloxamento: un máximo de 70 euros por persoa e día.

• Resto do mundo:

Mantenza: un máximo de 60 euros por persoa e día.

Aloxamento: un máximo de 90 euros por persoa e día.

Será necesaria a presentación das correspondentes facturas dos establecementos onde se produce o gasto (hoteis, restaurantes, axencias de viaxes...), salvo no caso de que quen se despraza sexa persoal laboral contratado pola empresa, que poderá xustificarse co aboamento das axudas de custo legal ou convencionalmente permitidas nas correspondentes nóminas.

Admitiranse desviacións ata un máximo do 20 %, debidamente motivadas, entre as diferentes partidas de gasto do importe que presenta.

Para calcular a axuda teranse en conta os seguintes límites máximos:

– Días máximos que se consideran para a axuda, para os gastos de aloxamento e mantenza:

– No caso de non ser representacións consecutivas en España e Portugal: 2 días; no resto de Europa: 4 días, e no resto do mundo: 5 días.

– No caso de representacións consecutivas os días relativos ás viaxes de ida e volta, os días de representación artística e os días intermedios, cun tope dun día intermedio por data de representación artística ou concerto.

Modalidade A.3: subvencións para a asistencia a feiras e mercados de artes escénicas e fóra de Galicia.

– O correspondente aos gastos derivados da asistencia á feira, festival, incluídos os de desprazamento, transporte, aloxamento, mantenza (segundo os máximos reflectidos para as modalidades A.1 e A.2, así como os dereitos ou cotas de asistencia e inscrición (incluíndo os celebrados en liña) e alugamento de espazos de exhibición, co límite equivalente ao 60 % sobre o custo e co máximo de 2.000 euros por feira e 15.000 euros anuais por solicitante. O máximo de persoas asistentes a cada feira que se subvencionará por beneficiario será de dúas.

Non son obxecto desta modalidade de subvencións os honorarios profesionais e outros similares derivados da realización de representacións, nin os correspondentes á elaboración de materiais de difusión.

Modalidade A.4: subvencións para a distribución de espectáculos escénicos no territorio da Comunidade Autónoma.

Gastos correspondentes aos custos de persoal artístico e técnico (nóminas e Seguridade Social, excluídas axudas de custo) necesario para a representación, correspondentes á data da súa realización, ata o 100 % cos seguintes límites:

a) No suposto de que a representación teña como única contraprestación o importe das billeteiras, os máximos subvencionables son:

– Cachés ata 1.500 euros, máximo 30 % do caché.

– Ata 3.000 euros, máximo 40 % do caché.

– Máis de 3.000 euros, máximo 50 % do caché.

A contía máxima subvencionable por representación é de 2.500 euros.

En ningún caso a contía máxima de salario do persoal artístico subvencionable se entende referida aos mínimos fixados polo convenio colectivo de actores e actrices de Galicia. Para o persoal técnico, o límite subvencionable será de 200 euros por persoa e día.

Enténdese por caché, para estes efectos, o establecido na Rede galega de teatros e auditorios para Galicia, sen necesidades técnicas. Para solicitantes non ofertados na Rede galega de teatros e auditorios, o caché será o que eles establezan na solicitude.

Só se subvencionarán os contratos de actuación ou cesión subscritos con entidades de titularidade pública para espazos escénicos convencionais. Tamén están incluídos os contratos subscritos con entidades privadas, sempre que os espazos escénicos sexan públicos e xestionados polas ditas empresas privadas en virtude de contrato de xestión de servizos públicos.

As compañías só poderán ser beneficiarias desta subvención nun máximo de catro representacións por espazo.

En ningún caso serán obxecto de subvención as funcións contratadas pola Agadic, e en xeral, pola Xunta de Galicia e calquera das entidades do sector público galego, nin as que sexan consecutivas a estas no mesmo espazo.

b) No suposto de que a representación teña como contraprestación unha porcentaxe de caché, ademais dos límites establecidos no punto anterior, a contía total de tal contraprestación máis a axuda da Agadic non poderá superar o 100 % do caché.

En todo caso o límite por empresa na modalidade A.4 será de 15.000 euros, percibido na mesma proporción se os actores teñen un contrato laboral mensual como se a contratación é por bolo ou representación solta, de conformidade co establecido no convenio colectivo de actores e actrices de Galicia.

B. Música.

Modalidade B.1 e B.2: subvencións para a distribución de espectáculos musicais fóra de Galicia e para a representación de espectáculos musicais en feiras e festivais fóra de Galicia.

O importe correspondente aos gastos de desprazamento, transporte, mantenza e aloxamento do persoal artístico (músicos) e técnico necesario para a distribución do espectáculo, co límite equivalente ao importe do contrato de distribución.

No caso de contratación á billeteira, o importe do contrato calcularase, inicialmente, para a súa adxudicación, mediante o produto entre a porcentaxe da billeteira que percibirá o grupo, o prezo medio de entrada e o 60 % da capacidade do local. En todo caso, a contía final que se percibirá non superará a contía da billeteira efectivamente xustificada.

– Gastos de desprazamento. Enténdese por desprazamento os gastos da viaxe de ida e volta, quedando excluídos os desprazamentos nos días intermedios na mesma cidade. No caso de representacións en distintas cidades dentro do mesmo plan de distribución serían gastos xustificables os do día de desprazamento entre unha cidade e outra.

Enténdense incluídos nos gastos subvencionables de desprazamento os seguintes conceptos:

– Gastos de visado, no suposto de que sexa imprescindible para efectuar as representacións.

– Gastos de avión, cos seguintes máximos:

España e Portugal: 200 euros por persoa.

Resto de Europa: 300 euros por persoa.

Resto do mundo: 700 euros por persoa.

– Peaxes de autoestradas, combustibles, alugueiro de vehículos, desprazamento a aeroportos.

– Billetes de autobús e tren.

Á parte do máximo para viaxe de avión, os máximos subvencionables por persoa e viaxe son: 70 euros en España e Portugal, 90 euros no resto de Europa e 100 euros no resto do mundo.

– Gastos de transporte de materiais: gastos referentes ao desprazamento dos materiais precisos para o desenvolvemento da actividade. Será necesaria a presentación das correspondentes facturas, en que se fará referencia clara ao motivo do transporte e ao material transportado. O máximo subvencionable para o trasporte será de 400 euros en España e Portugal, 600 no resto de Europa, e 800 no resto do mundo.

– Gastos de mantenza e aloxamento. Os máximos subvencionables por estes conceptos son os seguintes:

• España e Portugal:

Mantenza: un máximo de 45 euros por persoa e día.

Aloxamento: un máximo de 60 euros por persoa e día.

• Resto de Europa:

Mantenza: un máximo de 60 euros por persoa e día.

Aloxamento: un máximo de 70 euros por persoa e día.

• Resto do mundo:

Mantenza: un máximo de 60 euros por persoa e día.

Aloxamento: un máximo de 90 euros por persoa e día.

Será necesaria a presentación das correspondentes facturas dos establecementos onde se produce o gasto (hoteis, restaurantes, axencias de viaxes..), salvo no caso de que quen se despraza sexa persoal laboral contratado pola empresa, que poderá xustificarse co aboamento das axudas de custo legal ou convencionalmente permitidas nas correspondentes nóminas.

Admitiranse desviacións ata un máximo do 20 %, debidamente motivadas, entre as diferentes partidas de gasto do importe que presenta.

Para calcular a axuda teranse en conta os seguintes límites máximos:

– Días máximos que se consideran para a axuda, para os gastos de aloxamento e mantenza:

• No caso de non ser representacións consecutivas en España e Portugal: 2 días; no resto de Europa: 4 días e resto no mundo: 5 días.

• No caso de representacións consecutivas os días relativos ás viaxes de ida e volta, os días de representación artística e os días intermedios, cun tope de un día intermedio por data de representación artística ou concerto.

Modalidade B.3: subvencións para a asistencia a feiras e mercados musicais e fóra de Galicia.

– O correspondente aos gastos derivados da asistencia á feira, festival, incluídos os de desprazamento, transporte, aloxamento, mantenza (segundo os máximos reflectidos para as modalidades A.1 e A.2, así como os dereitos ou cotas de asistencia e inscrición (incluíndo os celebrados en liña) e alugamento de espazos de exhibición, co límite equivalente ao 60 % sobre o custo e co máximo de 2.000 euros por feira e 15.000 euros anuais por solicitante. O máximo de persoas asistentes a cada feira que se subvencionará por beneficiario será de dúas.

Non son obxecto desta modalidade de subvencións os honorarios profesionais e outros similares derivados da realización de representacións, nin os correspondentes á elaboración de materiais de difusión.

5. Os importes previstos poderán ser incrementados ao longo do exercicio, nos supostos establecidos no artigo 31.2 da Lei de subvencións de Galicia, e tras declaración previa de dispoñibilidade de crédito, logo da modificación orzamentaria que proceda e sempre antes da resolución da convocatoria. Se é o caso, a ampliación de crédito deberase publicar nos mesmos medios que esta convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver. A alteración da distribución do orzamento establecido nesta convocatoria non precisará de nova convocatoria, pero si das modificacións que procedan no expediente de gasto e da publicación nos mesmos medios que a convocatoria.

6. Sen prexuízo das dotacións indicadas en cada modalidade, cando por razón de falta de solicitudes, incumprimento de requisitos para ser persoa beneficiaria non se esgotase a contía establecida nunha ou varias modalidades, a Comisión de Valoración proporalle á Dirección da Agadic o incremento da cantidade establecida en calquera das outras modalidades. No caso deste traspaso, terá prioridade a modalidade en que o desequilibrio entre a cantidade solicitada e a dotación inicial sexa maior.

Quinta. Inicio do procedemento e prazo para presentación das solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. Se a solicitude non reúne os requisitos establecidos na convocatoria, o órgano competente requirirá a persoa interesada para que a emende no prazo máximo e improrrogable de 10 días, e indicaralle que, se así non o fixese, se lle terá por desistida da súa solicitude, logo de resolución ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

3. Para estes efectos considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que fose realizada a emenda, xa que para os efectos da concesión das axudas, terase en conta a orde cronolóxica de entrada, considerándose como data de presentación válida aquela na que o expediente sexa presentado completo, coa solicitude correctamente cuberta e achegada toda a documentación exixida na presente resolución.

4. O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte á publicación da correspondente convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes. No obstante o anterior, unha vez esgotado o crédito na contía máxima fixada nestas bases, non se admitirán novas solicitudes aínda que a publicidade desta circunstancia se produza con posterioridade no a que se publicará no Diario Oficial de Galicia e no portal web da Agadic: www.agadic.gal

Sexta. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación:

a) Documentación xeral.

1.1. Certificado do acordo de solicitude da axuda ou da autorización da persoa que a asine en nome da entidade se a persoa solicitante é persoa xurídica.

1.2. Se o solicitante é unha sociedade civil, comunidade de bens ou calquera outra agrupación de persoas sen personalidade xurídica propia, nomeamento do representante ou apoderado legal único da agrupación.

1.3. Se o solicitante é unha sociedade civil, comunidade de bens ou calquera outra agrupación de persoas sen personalidade xurídica propia, compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación e importe de subvención que se lle aplicará a cada un.

1.4. Se o solicitante é unha sociedade civil, comunidade de bens ou calquera outra agrupación de persoas sen personalidade xurídica propia, compromiso de non disolución durante o tempo de duración da actividade subvencionada.

1.5. Estatutos rexistrados e escrituras de constitución inscritos no rexistro mercantil ou o que corresponda.

1.6. Documentación que acredite suficientemente a representación de quen asina a solicitude.

b) Documentación específica.

2.1. Modalidade A.1, A.2, B.1 e B.2 (subvencións para a distribución de espectáculos de artes escénicas e musicais fóra de Galicia e subvencións para a representación de espectáculos de artes escénicas e espectáculos musicais en feiras e festivais fóra de Galicia, respectivamente):

2.1.1. Ficha de distribución (anexo II).

2.1.2. Contrato de actuación ou oferta/convite con contido económico.

2.2. Modalidade A.3 e B.3 (subvencións para a asistencia a feiras e mercados de artes escénicas e musicais e fóra de Galicia).

2.2.1. Ficha de distribución (anexo II).

2.2.2. Documento de inscrición como profesional dos asistentes á feira ou mercado.

2.2.3. No seu caso, contrato ou declaración asinada polo solicitante, da relación dos asistentes coa entidade.

2.3. Modalidade A.4 (subvencións para a distribución de espectáculos escénicos no territorio da Comunidade Autónoma).

2.3.1. Ficha de contratación (anexo III).

2.3.2. Contrato de actuación.

2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos, que serán solicitados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderase solicitar novamente á persoa interesada a súa achega.

3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

4. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

6. No caso de que algún dos documentos que hai que presentar de forma electrónica superase os tamaños máximos establecidos ou tivese un formato non admitido pola sede electrónica permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

7. Sen prexuízo do disposto no parágrafo 1, a Agadic poderá requirirlle á persoa solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedementos.

Sétima. Comprobación de datos

1. Para a tramitación do procedemento destas axudas consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

– DNI ou NIE da persoa solicitante.

– DNI ou NIE da persoa representante.

– NIF da entidade solicitante.

– Certificado de estar dado de alta no imposto de actividades económicas, na epígrafe/subepígrafe que corresponda, no exercicio actual.

– Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa Axencia Estatal de Administración Tributaria.

– Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

– Certificado de estar ao día no pagamento de débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

– Consulta de concesións de subvencións e axudas.

– Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

– Consulta de concesións pola regra de minimis.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Oitava. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencias contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Novena. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Décima. Instrución do procedemento

1. Na concesión das subvencións seguirase un procedemento abreviado no cal o informe e a proposta de resolución serán efectuados nun único acto pola dirección da Axencia, elevándoos á presidencia da Agadic para a súa aprobación posterior, consonte o procedemento previsto nos artigos 19.2 e 22 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. As solicitudes de subvención examinaranse e serán outorgadas sempre que cumpran os requisitos exixidos nesa convocatoria por orde cronolóxica, tendo en conta a data de entrada no rexistro.

2. Ao tratarse dunha convocatoria aberta que dispón do crédito vixente en actos sucesivos de adxudicación, a Agadic publicará no DOG o esgotamento da partida orzamentaria asignada, así como a inadmisión de ulteriores solicitudes destinadas a participar dos subtipos de subvención indicados. Desde o momento en que se esgote o crédito orzamentario, non serán outorgadas novas subvencións a estas modalidades, sen prexuízo do cumprimento do disposto no artigo 31.4 da Lei de subvencións de Galicia.

3. A Dirección da Agadic, directamente ou a través dos seus servizos administrativos, actuará como órgano instrutor do procedemento, nos termos previstos no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e correspóndelle realizar de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos que se debe pronunciar a resolución. En particular, terá atribuídas especificamente as seguintes funcións:

1º. Examinar as solicitudes e documentación presentadas.

2º. Requirir das persoas solicitantes a emenda ou achega da documentación que resultase de obrigado cumprimento.

3º. Formular o informe-proposta de resolución, debidamente motivado.

4. Co fin de facilitar unha mellor xestión das solicitudes, poderáselles pedir información complementaria aos interesados, así como a outros servizos da Consellería de Cultura, Educación e Universidade ou aos profesionais ou expertos consultados.

En todo caso, a Dirección da Agadic poderá requirir os solicitantes para que proporcionen calquera información aclaratoria que resulte necesaria para a xestión da súa solicitude.

Sen prexuízo das facultades que teñan atribuídas outros órganos da Administración do Estado ou da Comunidade Autónoma, a Dirección da Agadic e as unidades administrativas encargadas da tramitación e o seguimento do expediente respectivo poderán comprobar, en todo momento, a aplicación das subvencións concedidas para os fins programados, e levarán a cabo as funcións de control, así como de avaliación e seguimento dos labores e demais actuacións que derivasen destas bases. Para estes efectos, os beneficiarios deberán cumprir coas obrigas de comprobación que se establezan nesta resolución e na de adxudicación da subvención. Para realizar estas funcións, poderanse utilizar cantos medios estean á disposición da Dirección da Agadic para comprobar o cumprimento dos requisitos exixidos nesta resolución e na restante normativa vixente que resulte de aplicación.

5. Instruído o procedemento, o órgano instrutor, á vista do expediente, da documentación requirida, ditará a proposta de resolución, indicando o número de solicitudes subvencionadas e o importe económico da subvención correspondente a cada unha delas que elevará á Presidencia do Consello Reitor da Agadic.

Décimo primeira. Resolución da convocatoria

1. Unha vez instruído o procedemento, o órgano instrutor, á vista do expediente e da documentación requirida, ditará as propostas de resolución das solicitudes recibidas con indicación do importe económico proposto, e irá elevando á Presidencia da Agadic cada unha delas.

2. A Presidencia do Consello Reitor da Agadic, por delegación do Consello Reitor (disposición adicional do Acordo do 24 de xullo de 2012 (DOG núm. 164, do 29 de agosto), deberá ditar resolución expresa no prazo de 15 días desde a data de elevación da proposta de resolución.

A citada resolución deberase ditar e notificar no prazo máximo de tres meses, contado desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria pública no Diario Oficial de Galicia, será motivada e fará mención expresa das persoas beneficiarias e da contía da axuda e o seu carácter de axuda de minimis en aplicación do Regulamento (UE) nº 1407/2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis.

Se transcorrese o prazo máximo para resolver sen terse ditado resolución expresa, as persoas interesadas poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

Décimo segunda. Réxime de recursos

A resolución da convocatoria porá fin á vía administrativa e contra ela poderanse interpoñer os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante a Presidencia do Consello Reitor da Agadic, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fora expresa.

b) Recurso contencioso-administrativo ante a os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fora expresa.

Décimo terceira. Protección de datos

1. Coa presentación da solicitude, a persoa solicitante autoriza o tratamento necesario dos datos persoais para a publicación das axudas percibidas, de conformidade coa normativa vixente en materia de publicidade de subvencións.

2. De acordo co establecido no artigo 14.ñ) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as persoas beneficiarias quedan informadas, cos datos consignados no modelo normalizado de solicitude, dos aspectos básicos previstos no Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento dos datos persoais e á libre circulación destes datos (RXPD) e na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.

Décimo cuarta. Notificacións de resolucións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do sistema de notificacións electrónicas de Galicia, Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento no que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Décimo quinta. Aceptación da subvención

Unha vez notificada a resolución, os beneficiarios comunicarán á Agadic a aceptación por escrito da subvención concedida no prazo máximo de 10 días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución de concesión. Transcorrido este prazo sen comunicarse esta aceptación ou sen producirse manifestación expresa, entenderase como tacitamente aceptada.

Décimo sexta. Gastos subvencionables

1. Só se admitirán como gastos subvencionables os efectivamente pagados con anterioridade ao remate final da xustificación, e que se inclúan nos indicados na cláusula terceira para cada modalidade. Non se terán en conta os pagamentos en efectivo.

2. Non serán subvencionables os gastos relativos a:

– Imposto sobre o valor engadido, así como os impostos de natureza similar que sexan recuperables pola entidade.

– Gastos de subcontratación de servizos con empresas vinculadas ou con aquelas que non teñan como obxecto social e actividade social a prestación dos servizos obxecto da subcontratación.

– Gastos de subcontratación da execución da actividade, cando excedan o 20 % do importe da subvención concedida.

– Calquera outro non vinculado directamente coa actividade obxecto de subvención.

3. Cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas na Lei 9/2017, do 8 novembro, de contratos do sector público, para o contrato menor, o beneficiario deberá solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, prestación do servizo ou entrega do ben, salvo que polas súas especiais características non existan no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren, ou salvo que o gasto se tivese realizado con anterioridade á solicitude da subvención.

Décimo sétima. Xustificación e liquidación da subvención outorgada

1. Os prazos de xustificación das presentes subvencións será dun mes, contado desde a realización da actividade, e en todo caso rematarán o 10 de novembro de 2022. No caso de que a actividade fose previa á adxudicación da axuda, o mes comezará a contar desde a notificación da concesión.

2. Os beneficiarios deberán entregar, antes de que remate o prazo, a seguinte documentación xustificativa:

2.1. Documentación xeral:

– Relación completa dos gastos realizados, polo importe total dos gastos presentados no proxecto inicial e aceptados como subvencionables pola Agadic (anexo IV).

– Copia das publicacións nas páxinas e perfís propios das redes sociais nas que se reflicta o apoio da Xunta de Galicia e do Xacobeo 21-22 á actividade beneficiaria da subvención.

– Copia dos xustificantes, dos gastos imputados á actividade obxecto da subvención, así como do seu pagamento bancario mediante extractos ou certificacións bancarias debidamente identificados, selados e asinados pola persoa beneficiaria por importe igual ou superior á subvención concedida, de conformidade co disposto no artigo 42 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións, agás na modalidade A.3, de asistencia á feira, na cal se subvenciona o 60 % do orzamento, e o beneficiario deberá xustificar o 100 % dos gastos. Non se aceptarán aquelas facturas en cuxo concepto non se estableza de maneira clara e discriminada o obxecto do ben, a obra e/ou o servizo facturado.

– Relación de subvencións, achegas ou outros recursos concedidos para o mesmo obxecto por outras administracións públicas, así como declaración das axudas concedidas en réxime de minimis durante os tres últimos exercicios (anexo V).

2.2. Modalidades A.1 e A.2 e B.1 e B.2:

– Unha memoria coa relación de concertos ou actuacións realizadas.

– Copia dos recibos acreditativos do cobramento das cantidades estipuladas.

– Folla de billeteira das funcións realizadas, con indicación do público asistente e a recadación por billeteira, ou certificación acreditativa da realización do espectáculo pola entidade organizadora.

– Copia dos xustificantes, dos gastos imputados á actividade obxecto da subvención, por importe igual ou superior á subvención concedida por cada concepto subvencionado e cos límites establecidos nas presentes bases.

Non se aceptarán aquelas facturas en cuxo concepto non se estableza de maneira clara e discriminada o obxecto do ben, a obra e/ou o servizo facturado.

2.3. Modalidade A.3 e B.3:

– Copia dos xustificantes, dos gastos imputados á actividade obxecto da subvención, por importe total dos gastos.

Non se aceptarán aquelas facturas en cuxo concepto non se estableza de maneira clara e discriminada o obxecto do ben, a obra e/ou o servizo facturado.

2.4. Modalidade A.4:

– Unha memoria coa relación de concertos ou actuación realizadas.

– Copia dos recibos acreditativos do cobramento das cantidades estipuladas.

– Folla de billeteira das funcións realizadas, con indicación do público asistente e a recadación por billeteira.

– Nóminas e documentos acreditativos das contías aboadas en concepto de Seguridade Social do persoal artístico e técnico e, se é o caso, facturas e pagamentos do persoal técnico correspondente á data da representación e xustificantes bancarios dos pagamentos.

Décimo oitava. Pagamento

1. O pagamento das axudas farase efectivo a partir da data da resolución definitiva de concesión e realizarase sempre e cando se acredite que a actividade foi executada de acordo co proxecto presentado e se xustifique correctamente o seu emprego, todo isto sen prexuízo do réxime de pagamentos anticipados.

2. A Agadic, consonte as previsións estipuladas no artigo 31.6 da Lei de subvencións de Galicia, e 63.1 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, poderá aboar como pagamento anticipado, que suporá entregas de fondos con carácter previo á xustificación, como financiamento necesario para poder levar a cabo as actuacións inherentes á subvención, de acordo coas seguintes condicións:

Cando o importe da subvención non supere os 18.000 euros, ata un 80 % da subvención concedida, e sen que se supere a anualidade prevista en cada exercicio orzamentario. Cando o importe da subvención concedida supere os 18.000 euros, ademais, un 10 % adicional sobre o importe que exceda dos 18.000 euros, e sen que se supere a anualidade prevista en cada exercicio orzamentario.

O importe restante aboarase tras a acreditación polo beneficiario do cumprimento total das obrigas establecidas nestas bases.

3. Os beneficiarios que reciban pagamentos anticipados, cando estes excedan de 18.000 euros, deberán constituír garantías de conformidade co artigo 67 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, mediante seguro de caución prestado por entidade aseguradora ou mediante aval solidario de entidade de crédito ou sociedade de garantía recíproca, que deberá cubrir o 110 % do importe do anticipo, e deberá alcanzar como mínimo ata os dous meses seguintes á finalización do prazo de xustificación.

Quedan exonerados da constitución de garantía os beneficiarios e nos casos establecidos no artigo 65.4 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Décimo novena. Obrigas específicas dos beneficiarios

1. Os beneficiarios destas axudas adquiren as obrigas que se reflicten nesta resolución e no resto da normativa de aplicación e as que se relacionan a seguir:

– Someterse ás actuacións de comprobación, control e inspección que efectúe o órgano concedente e ás de control financeiro que lle corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas ou a outros órganos da Administración estatal ou da Unión Europea, aos cales se facilitará canta información lles sexa requirida para este efecto; todo isto de conformidade co disposto na Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e demais normativa regulamentaria de desenvolvemento, e conservar os documentos xustificativos de aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control e de conformidade co procedemento recollido nos artigos 23 e concordantes da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

– Comunicarlle ao órgano concedente a obtención doutras subvencións, ingresos, axudas ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera das administracións públicas ou entes públicos autonómicos, nacionais ou internacionais, así como calquera outra modificación das circunstancias que no seu día foron tidas en conta para a súa concesión, e dos compromisos e obrigas asumidos polos beneficiarios. Esta comunicación deberase efectuar no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

– Dar a axeitada publicidade do carácter público do financiamento dos programas, actividades, investimentos ou actuacións de calquera tipo que sexan obxecto de subvención. Tanto nos actos públicos coma no material de difusión que se elabore debe facerse mención expresa da colaboración da Xunta de Galicia no desenvolvemento das actividades subvencionadas. O beneficiario comprométese a utilizar en todo o material de difusión que realice a imaxe corporativa do Xacobeo 21-22 e a da Xunta de Galicia, seguindo as normas respectivas en materia de identidade corporativa, dispoñibles na web da Xunta de Galicia.

Vixésima. Modificación da resolución

1. A Axencia Galega das Industrias Culturais ten a facultade de revisar as axudas concedidas e modificar a resolución de concesión no caso de alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención.

2. As persoas beneficiarias teñen a obriga de solicitar á Agadic a aceptación de calquera modificación ou alteración relevante ou significativa sobre o proxecto subvencionado. Para que tales modificacións poidan ser tidas en conta na xustificación deberán ser previamente aceptadas pola Agadic. As alteracións non autorizadas, ou non solicitadas, poderán dar lugar á minoración da subvención concedida ou á súa revogación.

3. Non se aceptarán modificacións que afecten os requisitos para poder optar ás subvencións exixidos na base cuarta da presente resolución.

4. En canto ao resto das modificacións solicitadas, a Agadic poderá acordar, de xeito motivado, a modificación da resolución de concesión, coa minoración proporcional derivada das alteracións.

Vixésimo primeira. Perda de dereito á subvención, reintegro e sancións

1. Producirase a perda do dereito ao cobramento da subvención no suposto de falta de xustificación do cumprimento do proxecto, das condicións impostas na resolución de concesión, das obrigas contidas nestas bases reguladoras, das obrigas contidas no artigo 33 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, ou na demais normativa aplicable, o que dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente o anticipo percibido, así como os xuros de demora correspondentes.

2. O procedemento para declarar a procedencia da perda do dereito de cobramento da subvención e para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior será o establecido no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Procederá a perda total do dereito ao cobramento da axuda concedida, sen prexuízo da incoación do oportuno expediente sancionador, nos seguintes casos:

a) Obter a subvención sen reunir as condicións requiridas.

b) Non comunicar á Agadic a obtención doutras subvencións ou axudas para o mesmo custo subvencionable.

c) Non comunicar á Agadic a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención.

d) Non xustificar ante a Agadic o cumprimento dos requisitos e condicións da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou desfrute da subvención.

e) Non permitir someterse ás actuacións de comprobación que efectúe a Agadic, así como calquera outra actuación, sexa de comprobación e control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, nomeadamente a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, achegando canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

f) Non dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario en cada caso.

g) Non acreditar estar ao día nas obrigas fiscais, coa Seguridade Social e coa Comunidade Autónoma.

4. Procederá a perda parcial do cobro da subvención o incumprimento parcial, entendendo por este sempre que se cumpran os requisitos ou condicións esenciais tomadas en conta na concesión das axudas, a Agadic poderá apreciar un incumprimento parcial e deberá resolver sobre o seu alcance, aplicando a mesma ponderación que tivese a condición incumprida na resolución de concesión e, se é o caso, establecendo a obriga de reintegro cos seguintes criterios:

– No caso de condicións referentes á contía da base subvencionable, o alcance do incumprimento determinarase proporcionalmente ao gasto deixado de practicar e, de ser o caso, deberán reintegrarse as cantidades percibidas na dita proporción e os seus xuros de demora.

– No caso de incumprimento dalgunha das obrigas específicas das persoas beneficiarias establecidas na base vixésimo segunda reducirase un 2 % por cada incumprimento o importe da subvención e, de ser o caso, deberán reintegrase as cantidades percibidas na dita proporción.

5. Para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

6. Ás persoas beneficiarias das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Vixésimo segunda. Control

1. A Axencia Galega das Industrias Culturais poderá facer as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento do obxectivo das subvencións.

2. A Axencia Galega das Industrias Culturais, polos medios que considere, poderá realizar en calquera momento ás persoas beneficiarias as visitas, comprobacións e solicitudes de aclaracións que considere necesarias para o correcto desenvolvemento das actuacións financiadas, así como para acreditar o cumprimento das medidas de publicidade de orixe dos fondos. Se se constata unha incorrecta utilización dos fondos ou desvío dos obxectivos, propoñerase o reintegro da subvención concedida.

3. Ademais do anterior, as subvencións estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercido pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia e a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Así mesmo, estarán sometidas ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

Vixésimo terceira. Normativa aplicable

1. A normativa aplicable a estas subvencións axustarase ao disposto na presente resolución pola que se aproban as bases para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, para o desenvolvemento de proxectos de programación musical en salas privadas habilitadas legalmente para organizar espectáculos musicais con público para o ano 2022; á Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; ao Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións, e supletoriamente, á Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, así como os preceptos básicos do Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei xeral de subvencións; á Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas; á Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais; á Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia; á Lei 55/2007, do 28 de decembro, do cine, e ao Real decreto 1084/2015, do 4 de decembro, que a desenvolve, modificado polo Real decreto 1090/2020, do 9 de decembro, e demais normativa de xeral aplicación.

Disposición derradeira. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor ao día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 5 de abril de 2022

Román Rodríguez González
Presidente do Consello Reitor da Axencia Galega
das Industrias Culturais 

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file