O Consello da Xunta de Galicia, na súa xuntanza do 22 de xullo de 2021, adoptou o acordo polo que se fixan os prezos máximos de venda e renda das vivendas protexidas de protección autonómica en primeira ou posteriores transmisións. Conforme o citado acordo, os devanditos prezos máximos entraron en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, isto é, o 11 de agosto de 2021.
Á vista das dúbidas xurdidas na aplicación do acordo, cómpre modificalo para aclarar os prezos máximos de renda en segundos e ulteriores contratos de arrendamento das vivendas de protección oficial de promoción privada e de protección autonómica de plans anteriores, así como emendar o seu acordo segundo, relativo á súa aplicación.
Á vista do anterior, proponse a adopción do seguinte
ACORDO:
Primeiro. Modificar o punto 4 do acordo primeiro do Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 22 de xullo de 2021, polo que se fixan os prezos máximos de venda e renda das vivendas protexidas de protección autonómica en primeira ou posteriores transmisións, que queda redactado nos seguintes termos:
4. Prezos máximos de renda en segundos e ulteriores contratos de arrendamento das vivendas de protección oficial de promoción privada e de protección autonómica de plans anteriores.
Para calcular o prezo máximo de renda en segundos e ulteriores contratos de arrendamentos das vivendas de protección oficial de promoción privada e de protección autonómica de plans anteriores tomarase como referencia o que correspondería ás vivendas do mesmo tipo que se cualifiquen como protexidas provisionalmente na mesma zona territorial na data do arrendamento. A renda máxima inicial será a resultante de aplicarlle ao prezo de referencia establecido no parágrafo anterior as seguintes porcentaxes:
– O 3,15 %, para o caso de vivendas de promoción para venda e as destinadas a arrendamento a 25 anos, cualificadas con cargo a plans anteriores ao 2009-2012.
– O 4 %, para o caso de vivendas de promoción para venda e as destinadas a arrendamento a 25 anos cualificadas con cargo ao plan 2009-2012 e as cualificadas provisionalmente ata a entrada en vigor do presente acordo.
– O 4,5 %, para o caso de vivendas destinadas a arrendamento a 10 anos ou a 15 anos.
Para os efectos de fixar as equivalencias entre as diferentes denominacións das vivendas nos distintos plans de vivenda, observarase o establecido no número 2 da disposición adicional terceira do Decreto 402/2009, do 22 de outubro, respecto ás vivendas de protección oficial de promoción privada e de protección autonómica de plans anteriores ao 2009-2012.
Non obstante, poderán manterse os importes que se viñan percibindo con anterioridade á data de efectos do Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 22 de xullo de 2021, no suposto que da aplicación dos novos prezos ás renovacións e aos novos contratos de alugamento de vivendas resultase unha minoración destes.
Segundo. Modificar o acordo segundo do Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 22 de xullo de 2021, polo que se fixan os prezos máximos de venda e renda das vivendas protexidas de protección autonómica en primeira ou posteriores transmisións, que queda redactado nos seguintes termos:
Os prezos establecidos nos puntos 1, 2 e 3 do primeiro acordo serán de aplicación ás VPA cualificadas provisionalmente desde o 11 de agosto de 2021.
Santiago de Compostela, 19 de abril de 2022
Heriberto García Porto
Director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo