Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 80 Mércores, 27 de abril de 2022 Páx. 25394

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Universidade

ORDE do 21 de abril de 2022 pola que se crea o programa de innovación educativa Polos creativos e se establece o procedemento para a participación dos centros docentes públicos dependentes desta consellería.

A Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación establece, no seu artigo 1, a promoción da investigación, a experimentación e a innovación educativa como un obxectivo básico do sistema educativo. Ademais, ao abeiro do artigo 2, sinálase que entre os seus fins está o desenvolvemento da capacidade do alumnado para regular a súa propia aprendizaxe, a confianza nas súas aptitudes e coñecementos, así como para desenvolver a creatividade, a iniciativa persoal e o espírito emprendedor.

De igual maneira, o artigo 5 da devandita lei establece a necesidade de contar cunha aprendizaxe ao longo da vida, determinando que o sistema educativo ten como principio básico propiciar a educación permanente, preparando ao alumnado para aprender por si mesmo. Isto é posible no marco dun currículo competencial baseado na Recomendación do Consello do 22 de maio de 2018 relativa ás competencias clave para a aprendizaxe permanente.

Entre as ditas competencias claves, e particularmente desde a óptica dun mundo dixitalizado e interconectado, intégranse capacidades como o pensamento crítico, a resolución de problemas, o traballo en equipo, as capacidades de comunicación e negociación, as capacidades analíticas, a creatividade e as capacidades interculturais; e que o seu desenvolvemento debe facerse mediante a aprendizaxe formal e non formal en todos os contextos.

Con este obxectivo no curso 2018/19 créase o programa de innovación educativa Espazos Maker para centros docentes públicos desta consellería. Estes espazos xogaron un papel destacado dado que permitiron traballar as áreas de Ciencias, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas (STEM polas súas siglas en inglés) de xeito integrado a través de calquera das materias do currículo, de tal xeito que se favoreza a adquisición de competencias clave e transversais necesarias no século XXI.

Este programa amosou grandes vantaxes e a necesidade de seguir avanzando no desenvolvemento das competencias clave de toda a comunidade educativa e, de xeito moi especial, no desenvolvemento da competencia dixital tanto do alumnado como do profesorado e da sociedade no seu conxunto.

Así, a Estratexia de Galicia Dixital 2030 da Xunta de Galicia e a Estratexia Educación Dixital 2030 de Galicia da Consellería de Cultura, Educación e Universidade promoven a consecución dunha cidadanía dixital plena a través do fomento e desenvolvemento dun ecosistema educativo dixital de alto rendemento e a perfección das competencias e capacidades dixitais para unha verdadeira transformación dixital, e o recentemente aprobado Plan de nova arquitectura pedagóxica recolle a decisión da Consellería de incluír nos centros educativos espazos propios para o desenvolvemento destas accións ou retos. Isto supón, en definitiva, a adaptación dos espazos educativos ás necesidades metodolóxicas presentes.

Tamén na contribución a estes obxectivos cobra especial relevancia o Plan dixital de centro. A súa implantación nos centros de Galicia vén regulada pola Resolución do 3 de setembro, da Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional, pola que se ditan instrucións para o deseño, elaboración e implementación do Plan dixital nos centros docentes sostidos con fondos públicos da Comunidade Autónoma de Galicia.

En definitiva, os Polos creativos enmárcanse integramente na planificación da Consellería e teñen como obxectivo final o desenvolvemento da competencia dixital da comunidade educativa, o uso das tecnoloxías dixitais no proceso de ensino-aprendizaxe e a transformación dos centros en organizacións educativas dixitalmente competentes.

Na súa virtude, e no uso das atribucións que me foron concedidas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación

Esta orde ten por obxecto a creación do programa de innovación educativa Polos creativos e o establecemento do procedemento para a selección dos centros participantes nel.

Será de aplicación aos centros docentes públicos dependentes da Consellería de Cultura, Educación e Universidade que imparten ensinanzas de educación primaria, educación secundaria obrigatoria e/ou bacharelato.

Artigo 2. Definición e características dos Polos creativos

1. Os Polos creativos desenvolveranse en espazos físicos creados nos centros educativos, dotados dun equipamento especializado, cun deseño modular e innovador, e organizados didacticamente para o fomento da creatividade e a formación do alumnado nun contexto de aprendizaxe competencial. Está baseado na aprendizaxe activa e manipulativa, a aprendizaxe baseada no deseño, a solución de problemas e a aprendizaxe entre iguais.

2. Estes espazos funcionarán como núcleos dinamizadores no marco da Estratexia Educación Dixital 2030, de maneira que poderán albergar actividades de tipo obradoiro tanto para o profesorado como para o alumnado e, de ser o caso, as familias, desde unha óptica de aprendizaxe conxunta e comunitaria. Así mesmo, poderán desenvolver proxectos mediante a experimentación, o prototipado e a construción. Tamén poden albergar prácticas de investigación e proxectos baseados na abordaxe de problemas reais que inclúan a innovación e fabricación a pequena escala.

Funcionarán como centro de actividades en que se traballe a intelixencia artificial e outras tecnoloxías intensivas, o procesado audiovisual e artístico, realidade virtual e impresión 3D, tecnoloxías de control computerizado e fabricación aditiva, mecanizado de diferentes materiais, electromecánica, robótica e microcontroladores, entre outras.

Serán, por tanto, espazos abertos ás comunidades locais para favorecer o desenvolvemento de competencias dixitais e científico-tecnolóxicas e artísticas do conxunto da cidadanía, polo que ofertarán actividades formativas para os diversos colectivos. En concreto, facilitará a solución conxunta de problemas coa participación de alumnado, profesorado e familias, e fomentará especialmente aquelas accións que impliquen a participación de nais e pais xunto cos seus fillos e fillas en actividades tanto de formación como de creación.

3. Os Polos creativos serán un elemento clave para a transformación dixital dos centros educativos en organizacións dixitalmente competentes nos procesos de ensino-aprendizaxe, e como tal representará unha das infraestruturas esenciais previstas no Plan dixital de centro para acadar este obxectivo.

4. Cada centro educativo, dentro da súa autonomía, pode configurar as diferentes accións vinculadas ao proxecto de Polo creativo que, en todo caso, partirán dunha reflexión sobre o contexto, as fortalezas e as posibilidades de mellora do centro, sempre coa perspectiva de contribuír ao desenvolvemento comunitario.

Artigo 3. Xestión dos Polos creativos

1. Os Polos creativos serán xestionados por un equipo dinamizador que contará cunha persoa coordinadora que desenvolverá a súa función en estreita colaboración co equipo directivo.

2. A persoa que desempeñará as funcións da coordinación do Polo creativo será a persoa coordinadora do equipo de dinamización do Plan dixital en cada centro, dentro da súa función de dinamizar o proceso de transformación dixital-dixitalización do centro educativo; así mesmo, o resto do equipo de dinamización do Plan dixital actuará como equipo dinamizador do Polo creativo.

3. Para cada curso escolar, unha vez asignado o horario de dedicación á coordinación e dinamización do Plan dixital, a dirección do centro establecerá a dedicación necesaria para a atención ao Polo creativo por parte do coordinador e do equipo de dinamización.

4. O centro promoverá, en todos os ámbitos e departamentos do centro, o uso deste espazo para desenvolver proxectos colaborativos e creativos.

Artigo 4. Destinatarios

1. Poderán presentar solicitudes para a creación de Polos creativos aqueles centros docentes públicos dependentes da Consellería de Cultura, Educación e Universidade que impartan ensinanzas de educación primaria, educación secundaria obrigatoria e/ou bacharelato.

2. Os centros de nova creación serán dotados directamente pola consellería sen necesidade de solicitude previa con base no Plan de nova arquitectura pedagóxica.

3. Excepcionalmente, poderán presentar solicitude os centros que impartan outras ensinanzas cando o proxecto se atope debidamente adaptado e acreditada a súa pertinencia e viabilidade, e as dispoñibilidades o permitan.

4. Os centros que na actualidade contan cun programa de Espazos Maker considéranse integrados nos Polos creativos. Para tal efecto, estes centros poderán presentar solicitude dun proxecto de acordo co previsto no artigo 5, para ampliar o programa xa existente e a dotación.

5. De igual xeito, aqueles centros que funcionen como referentes doutros da súa contorna no desenvolvemento de competencias clave e profesionais, como poden ser os que integran a Rede Galega de Educación Dixital, poderán ser tamén dotados de Polos creativos a criterio da Comisión de Selección, para favorecer e potenciar o seu labor de apoio e mentorado. Para tal efecto, estes centros presentarán solicitude dun proxecto de acordo co previsto no artigo 5.

Artigo 5. Solicitude e documentación

1. Todo o procedemento de solicitude realizarase a través da aplicación informática https://www.edu.xunta.gal/programaseducativos/

Previamente á presentación da solicitude dos Polos creativos, a dirección do centro deberá informar o claustro de profesorado e contar coa aprobación do consello escolar, de acordo coas súas competencias.

A persoa responsable da dirección do centro, ou persoa autorizada, será quen teña o permiso de creación e presentación da solicitude. O documento que recolla a solicitude de cada centro xerado pola aplicación informática non ten que remitirse por ningunha vía.

Nesta solicitude incluirase a seguinte información:

a) Datos do profesorado participante no programa (persoa coordinadora e equipo docente).

b) Breve descrición do proxecto que se pretende desenvolver cun horizonte temporal de 2 cursos escolares: posibles espazos que se van utilizar, proposta de organización e actividades, alumnado ao cal vai destinado, temporalización das actividades, número de profesorado implicado. Prestarase especial atención á vinculación ordinaria, sinxela e transparente dos proxectos co desenvolvemento competencial e curricular.

c) Análise DAFO: breve análise das debilidades, fortalezas, oportunidades e ameazas que o proxecto supón para o fomento das competencias clave e profesionais, nomeadamente STEM e dixitais dos diferentes colectivos da comunidade educativa (alumnado, profesorado e familias). Esta análise poderá incluír referencia á experiencia do profesorado ou do centro, ás necesidades formativas, ao posible intercambio de boas prácticas, a proxectos de internacionalización, etc.

d) Valoración de necesidades tendo en conta a dispoñibilidade de equipamento recollido no anexo desta orde.

2. Presentada a solicitude, examinarase para comprobar se reúne os requisitos exixidos. En caso contrario, requirirase o solicitante para que emende e/ou complete os datos que falten co fin de axustar a solicitude aos requirimentos da convocatoria.

Artigo 6. Apoio á concreción do proxecto

Para a redacción do proxecto os centros solicitantes poderán contar co apoio da Unidade Técnica da Xefatura Territorial correspondente. Así mesmo, os centros de formación do profesorado contarán cun Polo creativo demostrador e realizarán accións formativas de información, difusión e acompañamento. A Rede de formación permanente do profesorado poderá elaborar, no marco dos seus Polos demostradores, proxectos básicos de implementación que poidan servir de modelo e exemplo aos centros. Ademais, poderán deseñar itinerarios formativos específicos vinculados aos Polos creativos.

Artigo 7. Prazo de solicitude

O prazo de presentación de solicitudes abrirase o día seguinte ao da publicación do anuncio desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia e permanecerá aberto con carácter permanente.

Artigo 8. Dotación máxima de Polos creativos

1. O número de Polos creativos que se van crear inicialmente será dun máximo de 220.

2. Este número poderá ser obxecto de ampliación en función do número de solicitudes e as dispoñibilidades orzamentarias.

Artigo 9. Criterios de selección

1. Dentro das condicións establecidas no artigo 4, seleccionaranse os centros cos seguintes criterios:

1º. Calidade, coherencia e viabilidade do proxecto (ata 50 puntos).

2º. Presenza de docentes de diferentes disciplinas e maior porcentaxe de participación respecto ao número total de docentes do centro que imparten docencia nos niveis obxecto da convocatoria (ata 20 puntos).

3º. Participación da comunidade educativa e apertura a actividades comunitarias do proxecto para a mellora da cultura científica da contorna (ata 10 puntos).

4º. Innovación didáctica e propostas de difusión que aporta o proxecto (ata 20 puntos).

2. Serán seleccionados os centros que acaden unha puntuación mínima de 50 puntos ata esgotar o material de dotación dispoñible, por orde decrecente de puntuación.

Artigo 10. Comisión de Selección

1. A Comisión de Selección estará formada por:

– Presidencia: responsable da Secretaría Xeral Técnica ou persoa en quen delegue.

– Vogalías:

• Responsable da Subdirección Xeral de Innovación, Orientación e Recursos Humanos ou persoa en quen delegue.

• Responsable da Subdirección Xeral de Ordenación, Inspección e Avaliación do Sistema Educativo ou persoa en quen delegue.

• Responsable da Subdirección Xeral de Construcións e Equipamentos ou persoa en quen delegue.

• Dúas persoas asesoras da Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional, unha delas exercerá os labores de secretaría.

2. A Comisión de Selección reunirase por primeira vez nun prazo máximo dun mes desde a publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e, de non esgotarse o número de Polos creativos establecidos no artigo 8 ou incrementarse o seu número, volverase reunir con carácter trimestral para a selección de novos centros que teñan presentado as súas solicitudes nos meses anteriores.

3. A Comisión poderá dispoñer a constitución dunha subcomisión técnica especializada para os efectos de valorar as solicitudes dos centros docentes, que poderá rexerse polo previsto no Decreto 144/2001, do 7 de xuño, sobre indemnizacións por razón de servizo ao persoal con destino na Administración autonómica de Galicia.

Artigo 11. Resolución

1. Unha vez efectuada a selección, a Comisión elevará, a través da Secretaría Xeral Técnica, un informe-proposta á persoa titular da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, para a adxudicación dos Polos creativos mediante a correspondente resolución.

2. A resolución terá o seguinte contido:

a) Listaxe dos centros adxudicatarios dos Polos creativos.

b) Listaxe de solicitudes denegadas por non reunir ningún ou ningúns dos requisitos exixidos nesta convocatoria.

c) Listaxe de agarda.

3. A resolución de concesión publicarase no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, http://www.edu.xunta.gal/, publicación que terá todos os efectos de notificación, de conformidade co artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

4. Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, as persoas afectadas poderán interpoñer recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente o recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 12. Adaptación de espazos e dotación de material

1. Unha vez seleccionados os centros realizarase unha valoración colexiada das necesidades de adaptación de espazos e dotación de material, así como do cronograma destas accións.

2. Para tal efecto levarase a cabo unha reunión presidida pola persoa designada pola Secretaría Xeral Técnica e na que participarán:

• A persoa directora do centro ou persoa en quen delegue.

• A persoa coordinadora do Polo creativo.

• A persoa mentora da Rede Galega de Educación Dixital.

• A persoa asesora de formación do centro.

• Unha persoa da Unidade Técnica da Xefatura Provincial.

• Unha persoa designada polo Servizo de Coordinación Estratéxica e Innovación.

Tanto na determinación de necesidades de adaptación e dotación como na determinación do cronograma para a adaptación de espazos e entrega de material, terase en conta, ademais da normativa vixente en materia de construción e seguridade, a capacidade e dotación previa do centro, o proxecto presentado e a dispoñibilidade ou non doutros recursos na contorna.

Artigo 13. Avaliación do Polo creativo cada curso escolar

Con data límite do 15 de xullo de cada ano, a dirección do centro educativo coa colaboración da persoa coordinadora deberá realizar unha memoria na aplicación informática https://www.edu.xunta.gal/programaseducativos/ na que, como mínimo, se contemplen os seguintes puntos:

1. Introdución:

1º. Datos operativos:

• Equipo dinamizador (nome, apelidos e DNI), identificando na listaxe a persoa coordinadora.

• Breve contextualización dos recursos do Polo creativo e data de inicio das actividades.

2º. Proxecto realizado: determinación sucinta das actividades realizadas, relación de docentes que as coordinaron, carga horaria estimada, participantes e difusión realizada.

3º. Conclusións e propostas de mellora para o seguinte curso.

A non presentación en prazo, sen causa xustificada, da citada memoria, implicará a non certificación do profesorado participante prevista no artigo 14.

Artigo 14. Certificación do profesorado participante

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade certificará cada curso escolar, segundo a normativa vixente, como actividade de innovación educativa cunha equivalencia en 20 horas de formación permanente do profesorado, logo da avaliación positiva da memoria presentada a:

– O profesorado que forma parte do equipo de dinamización que acompañou a persoa coordinadora na posta en marcha do Polo creativo.

– O profesorado que coordinou actividades que se desenvolveron no Polo creativo.

Artigo 15. Compromisos do centro e do profesorado participante

1. Os centros seleccionados colaborarán nas accións de difusión que se organicen, así como a cesión a favor da Consellería de Cultura, Educación e Universidade dos dereitos de edición dos materiais educativos relacionados co desenvolvemento do programa no centro. Estes materiais difundiranse baixo a licenza Creative Commons que sexa BY-NC-SA que combine as propiedades «recoñecemento»-«non comercial»-«compartir igual».

2. Ademais, os centros estarán integrados na rede de centros con orientación para o desenvolvemento das accións da Estratexia Galega de Educación Dixital 2020, STEMGal.

3. O profesorado participante comprométese a participar nas formacións específicas que se determinen.

Artigo 16. Inspección educativa

Correspóndelle á Inspección Educativa supervisar o proceso de constitución e desenvolvemento do Polo creativo, así como propor medidas de mellora, realizando as actuacións que correspondan conforme o procedemento establecido.

Artigo 17. Información básica sobre protección de datos de carácter persoal

1. Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia-Consellería de Cultura, Educación e Universidade, coa finalidade de levar a cabo a tramitación administrativa que se derive da xestión deste procedemento.

2. O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa aplicable e as referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos

3. As persoas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explícita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais

4. No caso de existir diferentes referencias normativas en materia de protección de datos persoais neste procedemento, prevalecerán, en todo caso, aquelas relativas ao Regulamento (UE) 2016/679 xeral de protección de datos ou á Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento normativo

Facúltase o titular da Secretaría Xeral Técnica para ditar, dentro das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda. Vixencia

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 21 de abril de 2022

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Universidade

ANEXO

Equipamento posible para os Polos creativos
(primaria, secundaria e bacharelato)

1. Mobiliario: mesas abatibles e portátiles, cadeiras lixeiras e apilables de fácil limpeza, mesas poligonais e para traballo en grupo, tallos, cadeiras con rodas, encerado, andeis e armarios metálicos, armarios con portas e caixóns, asentos modulares e de colchoneta, gradas, bancos de traballo e carros de carga, etc.

2. Audiovisual, fotografía e RV: cámaras de fotografía e vídeo, trípodes, sistemas de gravación de audio e radio, soportes para tabletas, cromas, equipamento de iluminación, gimbals, gafas de RV, etc.

3. Electrónica e robótica: kits de electrónica básicos e avanzados para diferentes idades, robots de chan e programables, placas tipo microbit e RasberryPi, microcontroladores, sensores, actuadores, sistemas IoT, domótica, circuítos de papel, kits de simulación de teclado e rato, etc.

4. Tecnoloxía: ferramenta manual, sistemas de aspiración, placas de indución, taladros e brocas, pistolas de aire quente e de pegamento termofusible, EPIs, tesoiras, lixadoras, caladoras, etc.

5. Fabricación, construción e téxtil: plotters de corte, plastificadoras, máquinas de chapas, CNC, impresión 3D, kit de e-téxtiles ou weareables, xogos de construción de pezas encaixables (básicos, en madeira ou magnéticos), máquina de coser.

6. Informática: monitores, ordenadores, taboleiros interactivos, impresoras multifunción, tabletas, escáner 3D, etc.