Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 77 Venres, 22 de abril de 2022 Páx. 24663

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Facenda e Administración Pública

RESOLUCIÓN do 6 de abril de 2022, da Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio da Consellería de Facenda e Administración Pública, pola que se ordena a publicación da modificación dos estatutos da sociedade mercantil pública autonómica Empresa Pública de Servizos Agrarios Galegos, S.A. (Seaga), autorizada por Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 30 de setembro de 2021.

O Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día 30 de setembro de 2021 adoptou, por proposta do conselleiro de Facenda e Administración Pública, o acordo polo que se autorizou a supresión do punto 4 do artigo 1, a creación do artigo 1.bis e a modificación dos artigos 2 e 33 dos estatutos da sociedade mercantil pública autonómica Empresa Pública de Servizos Agrarios Galegos, S.A. (Seaga).

En cumprimento do disposto nos artigos 104.3 e 105.2 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, ordénase a publicación no Diario Oficial de Galicia, como anexo a esta resolución, da nova redacción dos artigos modificados dos estatutos da Empresa Pública de Servizos Agrarios Galegos, S.A. (Seaga).

Santiago de Compostela, 6 de abril de 2022

Jorge Atán Castro
Secretario xeral técnico e do Patrimonio
da Consellería de Facenda e Administración Pública

ANEXO

Artigo 1. Denominación e normativa

1. Coa denominación Empresa Pública de Servizos Agrarios Galegos, S.A. (Seaga) constitúese unha sociedade mercantil pública autonómica das previstas no artigo 102 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, que se rexerá ademais polo Real decreto lexislativo 1/2010, do 2 de xullo, polo que se aproba o texto refundido da Lei de sociedades de capital, polos presentes estatutos e polas disposicións legais que en cada momento lle sexan aplicables.

2. A sociedade réxese polo Real decreto lexislativo 1/2010, polo que se aproba o texto refundido da Lei de sociedades de capital, polos presentes estatutos, pola Lei 16/2010, do 17 de decembro, pola lexislación de contratos do sector público, a normativa de subvencións, a lexislación de réxime financeiro e orzamentario da Comunidade Autónoma de Galicia e polas normas especiais previstas no resto da normativa aplicable.

3. Así mesmo, seralle aplicable a normativa relativa á transparencia de relacións financeiras entre as administracións públicas e as empresas públicas dependentes delas.

Artigo 1.bis. Consideración de medio propio personificado

1. A Empresa Pública de Servizos Agrarios Galegos, S.A. (Seaga) ten a consideración de medio propio personificado da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e das entidades instrumentais do sector público autonómico.

2. O réxime xurídico e administrativo aplicable aos encargos que se lle poidan conferir á empresa pública na condición de medio propio personificado é o previsto nos artigos 47 e seguintes da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; no artigo 13 da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico, e no artigo 32 da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, pola que se traspoñen ao ordenamento xurídico español as directivas do Parlamento Europeo e do Consello 2014/23/UE y 2014/24/UE, do 26 de febreiro de 2014.

3. Pola súa condición de medio propio personificado, a empresa pública non pode participar en licitacións públicas convocadas pola Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e as entidades instrumentais do sector público autonómico, sen prexuízo de que, cando non concorra ningún licitador, se lle poida encargar a execución da prestación obxecto daquelas.

4. A empresa pública publicará na Plataforma de Contratos Públicos de Galicia a súa condición de medio propio personificado da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e das entidades instrumentais do sector público autonómico, así como os sectores de actividade nos cales, dentro do obxecto social definido por estes estatutos, será apta para executar as prestacións que vaian ser obxecto de encargo.

5. O importe das prestacións parciais que a empresa pública pode contratar con terceiros para a execución dos encargos que se lle confiran na súa condición de medio propio personificado non excederá do cincuenta por cento da contía do encargo, salvo nos supostos que recolle o segundo parágrafo do artigo 32.7.b) da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público.

6. O previsto neste artigo non obsta a participación da empresa pública nos sistemas de cooperación pública horizontal aos cales se refire o artigo 31.1.b) da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, nos termos establecidos polo artigo 14 da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico, a lexislación básica de réxime xurídico do sector público e demais normativa de aplicación.

Artigo 2. Obxecto social

1. A Empresa Pública de Servizos Agrarios Galegos, S.A. (Seaga) ten por obxecto:

a) A realización de todo tipo de actuacións, obras, traballos e prestación de servizos en materias agrícolas, gandeiras, forestais, acuícolas, pesqueiras, marisqueiras, de desenvolvemento rural, de conservación e protección do medio natural e ambiental, da ordenación do territorio, así como as necesarias para o mellor uso e xestión dos recursos naturais, e para a mellora dos servizos e recursos públicos.

b) A prevención e loita contra os incendios forestais, en particular, e, en xeral, contra as pragas e enfermidades vexetais e animais.

c) Aquelas actividades, obras e servizos que requiran as intervencións de carácter urxente, estando obrigada a participar e actuar por encargo dos poderes adxudicadores, dos cales é medio propio instrumental, en tarefas de emerxencia de todo tipo, en especial as intervencións en catástrofes ambientais ou en crises ou necesidades de carácter agrario, pecuario, forestal ou marítimo. Desenvolver tarefas de prevención de riscos e emerxencias de todo tipo e a realizar actividades de formación e información pública en supostos de interese público e, en especial, para a prevención de riscos, catástrofes ou emerxencias.

d) A actividade agrícola, gandeira, animal, forestal, da pesca, do marisqueo, da acuicultura e da comercialización dos seus produtos; a administración e xestión de predios agrarios, pecuarios, montes; centros agrarios, forestais, pesqueiros, acuícolas, marisqueiros, ambientais ou de conservación da natureza, así como de espazos e de recursos naturais.

e) A promoción, investigación, desenvolvemento, innovación e adaptación de novas técnicas, equipamentos e sistemas de carácter agrario, forestal, pesqueiro e marisqueiro, ambiental, de acuicultura, de protección da natureza, para o uso sustentable dos recursos, e, en especial, a elaboración, por iniciativa propia ou por instancia de terceiros, de estudos, plans, proxectos e calquera tipo de consultoría e de asistencia técnica e formativa en materia de prevención de lumes forestais e de xestión de situacións derivadas dos incendios forestais.

f) A planificación, organización, investigación, desenvolvemento, innovación, xestión, administración e supervisión de calquera tipo de servizos gandeiros, veterinarios, de seguridade e sanidade animal e alimentaria.

g) A recolla, transporte, almacenamento, transformación, valorización, xestión e eliminación de produtos, subprodutos e residuos de orixe animal, vexetal e mineral.

h) A realización de tarefas ou actividades complementarias ou accesorias ás citadas anteriormente, estando obrigada a satisfacer as necesidades dos poderes adxudicadores dos cales é medio propio personificado na consecución dos seus obxectivos de interese público, mediante a realización, por encargo daqueles, da planificación, organización, investigación, desenvolvemento, innovación, xestión, administración e supervisión de calquera tipo de asistencias e servizos técnicos nos ámbitos sinalados anteriormente, ou mediante a adaptación e aplicación da experiencia e coñecementos desenvolvidos nos devanditos ámbitos a outros sectores da actividade administrativa.

2. Á actividade principal que constitúe o obxecto social correspóndelle na CNAE (Clasificación Nacional de Actividades Económicas) o número 0210 Silvicultura e outras actividades forestais.

3. As actuacións comprendidas no seu obxecto social poderán ser realizadas pola empresa pública, xa directamente, xa indirectamente, mesmo mediante titularidade de accións ou participacións en sociedades con obxecto idéntico ou análogo.

Artigo 33. Delegación de facultades e apoderamentos

1. O Consello de Administración, co voto favorable das dúas terceiras partes dos seus compoñentes, pode nomear de entre os seus membros unha comisión executiva ou un ou máis conselleiros delegados, nos cales delegará, sen prexuízo das limitacións establecidas na lei, todas ou aquela parte das súas facultades que crea convenientes para a mellor marcha dos asuntos sociais.

2. En ambos os dous casos previstos no punto anterior, o Consello determinará, de modo expreso, se o uso da firma social corresponde a todos os conselleiros elixidos ou a algún deles, e se é solidaria ou mancomunada esta facultade.

3. A remoción das facultades delegadas polo Consello levarase a efecto mediante o voto maioritario dos conselleiros asistentes á reunión en que tal cuestión se trate, aínda que carecerá de voto aquel a quen afecte o correspondente acordo.

4. Así mesmo, o Consello pode conferir toda clase de poderes, tanto ao director-xerente como a outras persoas, mesmo estrañas á empresa pública, coas atribucións que coide convenientes.

5. Os apoderamentos conferidos ao director-xerente para a celebración de contratos do sector público comportarán a delegación naquel das facultades como órgano de contratación para os efectos do previsto na lexislación de contratos de sector público. O director-xerente dará conta ao Consello de Administración coa periodicidade que este dispoña dos contratos celebrados en exercicio destas facultades.