Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 72 Mércores, 13 de abril de 2022 Páx. 23178

III. Outras disposicións

Consellería do Mar

EXTRACTO da Orde do 4 de abril de 2022 pola que se amplía o gasto máximo autorizado da Orde do 27 de decembro de 2021 pola que se estableceron as bases reguladoras e a fixación de crédito para a concesión de axudas para proxectos ao abeiro das estratexias de desenvolvemento local participativo (EDLP), aprobadas aos grupos de acción local do sector pesqueiro para o desenvolvemento sustentable das zonas de pesca no marco do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca 2014-2020, e se convocan as correspondentes ao ano 2022, tramitada como anticipado de gasto (código de procedemento PE155A).

BDNS (Identif.): 607135.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo pode consultarse na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Beneficiarias

1.1. Poderán ser beneficiarias dos proxectos de investimento produtivo as persoas físicas ou xurídicas que cumpran os seguintes requisitos:

a) Estar empadroadas ou ter o seu domicilio social e fiscal nalgún concello do ámbito territorial do GALP correspondente.

b) Desenvolver o proxecto no mesmo ámbito territorial.

c) Cando a beneficiaria sexa unha sociedade de capital, o proxecto deberá adecuarse ao obxecto social que se recolla nos seus estatutos.

d) No caso de municipios densamente poboados en que na EDLP non computa a totalidade da poboación (só a integrante do sector pesqueiro e as súas familias), poderán ser beneficiarias:

1º. As persoas xurídicas do sector pesqueiro con domicilio social e fiscal no municipio e en cuxo obxecto social figuren actividades propias do sector pesqueiro. No caso de que a persoa xurídica desenvolva actividades noutros sectores, deberá acreditar, no momento da solicitude, que a maior parte da facturación provén do sector pesqueiro.

2º. As persoas físicas integrantes do sector pesqueiro e as súas familias (véxase a aclaración do termo «familia» na orde de bases, para estes efectos).

3º. As entidades públicas locais cuxos proxectos están dirixidos á poboación integrante do sector pesqueiro ou que presenten beneficios para o resto do territorio da zona pesqueira.

e) As beneficiarias dos proxectos produtivos limitaranse á categoría de peme (véxase o anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño), excepto as entidades públicas de carácter local.

2.1. Poderán ser beneficiarias dos proxectos de investimento non produtivo:

a) Confrarías de pescadores e as súas federacións.

b) Asociacións profesionais do sector pesqueiro e as súas federacións.

c) Entidades sen ánimo de lucro integradas só por confrarías de pescadores e/ou asociacións do sector pesqueiro.

d) Entidades públicas locais.

e) Asociacións declaradas de utilidade pública.

f) Entidades sen ánimo de lucro que teñan entre os seus obxectivos algún dos seguintes:

1º. Fomentar as actividades náuticas.

2º. Promocionar os produtos pesqueiros do territorio.

3º. Fomentar o medio mariño e costeiro.

4º. Promover o patrimonio cultural marítimo pesqueiro.

2.2. Nos municipios densamente poboados en que na EDLP non computa a totalidade da poboación, poderán ser beneficiarias as entidades indicadas nas letras a), b), c) e d) do punto anterior cuxos proxectos están dirixidos á poboación integrante do sector pesqueiro e ás súas familias, ou que presenten beneficios para o resto do territorio da zona pesqueira.

2.3. Ademais, as entidades cumprirán os seguintes requisitos:

a) Ter o seu domicilio social e fiscal no ámbito territorial do GALP correspondente.

b) Desenvolver o proxecto no mesmo ámbito territorial.

Segundo. Finalidade

O obxecto desta orde é ampliar o gasto máximo autorizado para a convocatoria de 2022, de acordo co establecido no artigo 3.3 da Orde de bases do 27 de decembro de 2021 (DOG núm. 18, do 27 de xaneiro de 2022), que establece as bases reguladoras para a concesión de axudas para proxectos ao abeiro das estratexias de desenvolvemento local participativo (EDLP), aprobadas aos grupos de acción local do sector pesqueiro para o desenvolvemento sustentable das zonas de pesca no marco do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca 2014-2020, e se convocan as correspondentes ao ano 2022.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde de bases do 27 de decembro de 2021 (DOG núm. 18, do 27 de xaneiro de 2022) que establece as bases reguladoras para a concesión de axudas para proxectos ao abeiro das estratexias de desenvolvemento local participativo (EDLP), aprobadas aos grupos de acción local do sector pesqueiro para o desenvolvemento sustentable das zonas de pesca no marco do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca 2014-2020, e se convocan as correspondentes ao ano 2022.

Cuarto. Importe

O gasto máximo autorizado para as solicitudes de axuda tramitadas durante o exercicio 2022 que se podían conceder neste acadaba o importe dun millón setenta e dous mil euros (1.072.000,00 €), repartidos nas seguintes anualidades e partidas orzamentarias:

Partida orzamentaria

2022

Total

15.03.723C.770.0

1.000.000,00

1.000.000,00

15.03.723C.780.0

72.000,00

72.000,00

Total

1.072.000,00

1.072.000,00

Logo da ampliación do crédito máximo autorizado para proxectos produtivos e non produtivos, o crédito orzamentario para as solicitudes de axuda tramitadas durante o exercicio 2022 que se poden conceder acada o importe de dous millóns setenta e dous mil euros (2.072.000,00 €), repartidos nas seguintes anualidades e partidas orzamentarias:

Partida orzamentaria

2022

Total

15.03.723C.770.0

1.200.000,00

1.200.000,00

15.03.723C.780.0

872.000,00

872.000,00

Total

2.072.000,00

2.072.000,00

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

Esta modificación non afecta o prazo establecido na referida orde para a presentación de solicitudes.

Santiago de Compostela, 4 de abril de 2022

Silvia Cortiñas Fernández
Secretaria xeral técnica da Consellería do Mar