Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 60 Luns, 28 de marzo de 2022 Páx. 20255

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación

RESOLUCIÓN do 4 de marzo de 2022, da Xefatura Territorial de Pontevedra, pola que se concede a autorización administrativa previa e de construción dunha instalación eléctrica no concello de Caldas de Reis (expediente IN407A 2021/281-4).

Expediente: IN407A 2021/281-4.

Promotora: UFD Distribución Electricidad, S.A.

Denominación: soterramento da LAT 66 kV Padrón-Tibo entre os apoios nº 55 e nº 63.

Concello: Caldas de Reis.

Feitos:

Primeiro. O 11 de novembro de 2021, a empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. solicitou a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción do proxecto de execución da instalación do soterramento da LAT 66 kV Padrón-Tibo entre os apoios nº 55 e nº 63.

Examinado o proxecto de execución, conclúese que consiste en soterrar un tramo da liña de alta tensión dobre circuíto de 66 kV Padrón-Tibo entre os apoios nº 55 (92011874) e nº 63 (92011760), consecuentemente desmóntase o tramo aéreo, substitúese o apoio nº 55 existente por un novo apoio tipo paso aéreo subterráneo (PAS), adecúase o apoio nº 66 existente a tipo paso aéreo subterráneo e substitúese o condutor no van desde o apoio nº 55 ata o apoio nº 54 por un LA-280. As instalacións están situadas no concello de Caldas de Reis.

Segundo. Esta xefatura territorial solicitou o preceptivo informe ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizos de interese xeral afectadas, isto é, o Concello de Caldas de Reis, Demarcación de Estradas ddo Estado, Servizo de Patrimonio Cultural, Nedgia, S.A. e Teléfonica de España, S.A.U. A empresa promotora manifestou a súa conformidade cos condicionados técnicos emitidos polo Concello de Caldas de Reis, Nedgia e Telefónica, S.A.U.

A Demarcación de Estradas do Estado e o Servizo de Patrimonio Cultural non emitiron condicionados técnicos, entendéndose en consecuencia a súa conformidade coa autorización de construción da dita infraestrutura eléctrica, conforme o disposto no artigo 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro; sen prexuízo da autorización que lle corresponda outorgar.

Consideracións legais e técnicas:

Primeira. A Xefatura Territorial de Pontevedra é competente para resolver este expediente con fundamento no Decreto 230/2020, do 23 de decembro, da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación (DOG núm. 5, do 11 de xaneiro de 2021), e no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, da Consellería de Economía, Emprego e Industria, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1 de febreiro).

Segunda. A lexislación de aplicación ao presente expediente é:

– Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

– Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

– Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

– Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

– Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

– Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

– Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresarias en Galicia (DOG núm. 203, do 25 de outubro).

Terceira. As características técnicas da instalación son as que a seguir se describen:

Soterramento dun tramo de 1679 metros de lonxitude da liña de alta tensión en dobre circuíto de 66 kV con condutor AI 630+H165 con orixe no novo apoio PAS nº 55 proxectado e final no apoio nº 63 coa consecuente desmontaxe do tramo aéreo que se soterra.

Substitución de 162 metros de lonxitude do actual condutor do tramo da liña de alta tensión en dobre circuíto de 66 kV de apoio nº 54 ata o apoio nº 55 PAS proxectado por un condutor LA-280.

As instalacións están situadas no concello de Caldas de Reis.

Conforme con todo o indicado,

RESOLVO:

Primeiro. Outorgar á empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. as autorizacións administrativas previa e de construción da instalación de distribución de enerxía eléctrica denominada soterramento da LAT 66 kV Padrón-Tibo entre os apoios nº 55 e nº 63, cuxas características se axustarán en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución, ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación e ás condicións establecidas nos condicionados dos organismos que constan no expediente.

Segundo. A empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade. En todo momento deberanse cumprir as normas e directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular, canto establece o Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

Terceiro. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da instalación autorizada.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante o vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Pontevedra, 4 de marzo de 2022

Tomás Nogueiras Nieto
Xefe territorial de Pontevedra