Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 60 Luns, 28 de marzo de 2022 Páx. 20273

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Portos de Galicia

CÉDULA do 14 de marzo de 2022 pola que se notifica a resolución de procedemento para a declaración de abandono da embarcación Andaluz varada na explanada de depósitos do porto de Tragove (Cambados).

De conformidade co disposto nos artigos 44 e 46 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE nº 236, do 2 de outubro), notifícaselle a Ahmed Mohamed Salem Chej, mediante a publicación no Boletín Oficial del Estado, a Resolución do 12 de xaneiro de 2022, da Presidencia da entidade pública Portos de Galicia, que declara en situación de abandono a embarcación Andaluz, con folio 4ª-VILL-4-87-91, varada na explanada de depósitos do porto de Tragove (Cambados), por non ser posible a notificación no domicilio.

Así mesmo, este anuncio publicarase no Diario Oficial de Galicia, ben que a eficacia do acto notificado quedará supeditada á súa publicación no Boletín Oficial del Estado.

A resolución emítese por atoparse a embarcación varada na explanada de depósitos do porto de Tragove sen actividade nin mantemento ningún e sen aboar as taxas pendentes desde setembro de 2021, data esa en que foi trasladada á dita explanada desde o porto de Meloxo tras informar a Capitanía Marítima de Vilagarcía de Arousa sobre o alto risco de afundimento, con base no establecido no artigo 128 da Lei 6/2017, do 12 de decembro, de portos de Galicia (DOG nº 236, do 14 de decembro), e unha vez que non existe constancia da presentación de alegacións contra o acordo de iniciación do procedemento.

De acordo coa normativa que se cita, e a través dos medios previstos na Lei 5/2011, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 203, do 24 de outubro), Portos de Galicia vai proceder á venda do buque, e de resultar esta fallida, ao seu despezamento e traslado a vertedoiro autorizado.

Todos os custos de tramitación ou que xeren as actuacións que se van realizar sobre o buque en función do que resulte do exame sobre o seu estado e da súa peritación serán por conta do propietario.

A presidenta de Portos de Galicia emite esta resolución, en virtude das competencias conferidas polo artigo 12.3, alíneas a) e l), da Lei 6/2017, de portos de Galicia.

Contra a presente resolución, que pon fin á vía administrativa e é executiva, poderase interpor recurso contencioso-administrativo, nun prazo de dous meses contado desde o día seguinte ao da publicación deste anuncio, ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Santiago de Compostela que corresponda.

Santiago de Compostela, 14 de marzo de 2022

Susana Lenguas Gil
Presidenta de Portos de Galicia