Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 58 Xoves, 24 de marzo de 2022 Páx. 19441

III. Outras disposicións

Axencia Galega das Industrias Culturais

EXTRACTO da Resolución do 10 de marzo de 2022 pola que se aproban as bases xerais de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, a festivais de artes escénicas e de música, e se aproba a convocatoria para o ano 2022 (código de procedemento CT213A).

BDNS (Identif.): 616168.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas beneficiarias

1. Poderán acceder a estas axudas as persoas físicas (autónomas) e xurídicas privadas e as súas agrupacións domiciliadas en Galicia ou nun territorio membro da Unión Europea, ou asociado ao Espazo Económico Europeo, que desenvolvan a súa actividade en Galicia, que leven a cabo algún dos festivais descritos no obxecto da convocatoria e cumpran as condicións e os criterios establecidos nestas bases. Para a modalidade B (festivais de artes escénicas), poderán presentarse, ademais, as entidades locais galegas.

2. As entidades locais galegas poderán presentar a súa solicitude individual ou conxuntamente, como agrupación, asociación, mancomunidade, fusión ou outra fórmula similar. Nos supostos de mancomunidades, consorcios ou áreas metropolitanas, deberá acreditarse que o servizo se presta de xeito mancomunado, metropolitano ou consorciado e que, en todo caso, non supón unha actuación illada ou independente.

3. Será requisito para a concesión de subvencións ás entidades locais que estas cumprisen o deber de remisión ao Consello de Contas das contas xerais de cada exercicio, o que deberán acreditar antes da concesión, segundo o previsto no artigo 4 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan as especialidades nas subvencións ás entidades galegas.

4. As fundacións que se acollan a esta convocatoria non poderán percibir subvencións nin axudas públicas da Agadic se non cumpren coa obriga de presentarlle as contas ao protectorado, segundo o establecido no artigo 38.3 da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

5. Non poderán obter a condición de beneficiarias as persoas ou entidades en que concorra algunha das prohibicións establecidas nos termos previstos no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. En todo caso, as persoas solicitantes presentarán unha declaración responsable de non estaren incursas en tales circunstancias, consonte o modelo establecido no anexo I desta convocatoria.

Segundo. Finalidade

Establecer e aprobar as bases reguladoras das subvencións para o apoio a festivais de artes escénicas e de música de carácter profesional celebrados en Galicia que, polas súas características, teñan un interese estratéxico para o sector, e aprobar a súa convocatoria para o ano 2022.

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 10 de marzo de 2022 pola que se aproban as bases xerais de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, a festivais de artes escénicas e de música, e se aproba a convocatoria para o ano 2022 (código de procedemento CT213A).

Cuarto. Importe

Para a concesión das subvencións destínase un crédito global de 550.000,00 euros, en función das dispoñibilidades orzamentarias existentes na Axencia Galega das Industrias Culturais, das aplicacións orzamentarias seguintes: 10.A1.432B.460.0, 60.000,00 euros; 10.A1.432B.470.0, 360.000,00 euros, e 10.A1.432B.481.0, 130.000 euros, do código de proxecto 2015-00003, en concreto:

Un total de 350.000,00 euros para a modalidade A (festivais de música) das aplicacións orzamentarias seguintes: 10.A1.432B.470.0, 253.909,09 euros, e 10.A1.432B.481.0, 96.090,91 euros.

Un total de 200.000,00 euros para a modalidade B (festivais das artes escénicas) das aplicacións orzamentarias seguintes: 10.A1.432B.460.0, 60.000,00 euros; 10.A1.432B.470.0, 106.090,91 euros, e 10.A1.432B.481.0, 33.909.09 euros.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes desde o día seguinte ao da publicación da correspondente convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último día do mes.

Santiago de Compostela, 10 de marzo de 2022

Román Rodríguez González
Presidente do Consello Reitor da
Axencia Galega das Industrias Culturais