Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 57 Mércores, 23 de marzo de 2022 Páx. 19167

III. Outras disposicións

Consellería do Mar

ORDE do 15 de marzo de 2022 pola que se modifica a Orde do 21 de febreiro de 2022 sobre delegación de competencias en diversos órganos de dirección desta consellería e na Presidencia da entidade pública empresarial Portos de Galicia.

O 1 de marzo de 2022 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Orde do 21 de febreiro de 2022 sobre delegación de competencias en diversos órganos de dirección da Consellería do Mar e na Presidencia da entidade pública empresarial Portos de Galicia.

O artigo 5.1, en relación coas axudas e subvencións, establece que o réxime de delegación en materia de axudas e subvencións públicas no ámbito da Consellería será o que se estableza nas correspondentes ordes de convocatoria.

A entrada en vigor desta nova orde de delegación deixa fóra deste réxime de delegación unha gran parte das convocatorias de axudas e subvencións da Consellería do Mar que se tramitaron como anticipado de gasto de acordo co disposto na Orde do 11 de febreiro de 1998, da Consellería de Economía e Facenda, pola que se regula a tramitación anticipada dos expedientes de gasto. Ademais, algunhas ordes de axudas tramitadas en anos anteriores conteñen plurianualidades asociadas. A resolución destas axudas corresponde á persoa titular da Consellería e non está prevista nelas a delegación na persoa titular da dirección xeral competente segundo a materia.

Para acadar unha maior axilidade e evitar a acumulación de tarefas na persoa titular da Consellería, parece aconsellable modificar a orde de delegación de competencias neste artigo concreto, de maneira que a competencia para resolver os procedementos de axudas e subvencións que se tramiten no ámbito das súas competencias quede delegado nas persoas titulares dos centros directivos.

Por outra banda, o artigo 10.3.a) da Orde do 21 de febreiro de 2022 delega na Presidencia da entidade pública empresarial Portos de Galicia o exercicio da facultade de aprobar os plans de utilización dos espazos portuarios. A expresión correcta que debe figurar, de acordo co disposto no artigo 29.g) da Lei 6/2017, do 12 de decembro, de portos de Galicia, é delimitacións dos espazos e usos portuarios.

Por isto, facendo uso das facultades que me confiren os artigos 38, 43.3 e 44 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, do disposto na Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, e na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e demais disposicións de xeral aplicación,

DISPOÑO:

Artigo primeiro. Modificación do artigo 5

O número 1 do artigo 5 queda redactado como segue:

«1. Delégase nas persoas titulares da Secretaría Xeral Técnica e das direccións xerais a competencia para resolver os procedementos de axudas e subvencións que se tramiten no ámbito das súas competencias».

Artigo segundo. Modificación do artigo 10

A alínea a) do número 3 do artigo 10 queda redactada como segue:

«3. Deléganse na Presidencia da entidade pública empresarial Portos de Galicia:

a) A aprobación das delimitacións dos espazos e usos portuarios».

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 15 de marzo de 2022

Rosa Mª Quintana Carballo
Conselleira do Mar