Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 54 Venres, 18 de marzo de 2022 Páx. 18342

III. Outras disposicións

Axencia Galega das Industrias Culturais

RESOLUCIÓN do 8 de marzo de 2022 pola que se establecen as bases, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións a salas de artes escénicas de titularidade privada e se convocan para o ano 2022 (código de procedemento CT402D).

A Lei 4/2008, do 23 de maio, de creación da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), no artigo 3, determina que a Agadic ten por obxecto o impulso e a consolidación do tecido empresarial no sector cultural galego, cooperando na achega de factores produtivos, no fomento da oferta de bens e servizos e na asignación de ingresos suficientes e estables. O artigo 5.1 da Lei 4/2008 establece que unha das funcións da Agadic é a de promover a distribución dos produtos culturais do noso país, fomentando a creación de públicos e facilitando o acceso da cultura galega a novos mercados, e o artigo 5.2 establece que a Agadic poderá, para o logro dos seus obxectivos, conceder subvencións.

A través da Consellería de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galicia, dentro do obxectivo xenérico de promoción e fomento da cultura galega, a Agadic ten como obxectivo consolidar o tecido industrial cultural galego e convertelo nun tecido empresarial capitalizado, competitivo e innovador, fomentando a creación, a demanda e a comercialización de bens e servizos culturais de calidade, aumentando o peso relativo do sector no sistema produtivo galego.

Con esta convocatoria de axudas, a Axencia Galega das Industrias Culturais quere cumprir co establecido no artigo 5 da Lei 4/2008, «en consonancia cos seus obxectivos e fins, a Agadic exercerá as seguintes funcións:

c) Promover a distribución e comercialización dos produtos culturais dentro e fóra no noso país, fomentando a captación de públicos e facilitando o acceso da cultura galega a novos mercados internacionais.

f) Fomentar a creación, o mantemento e a utilización de infraestruturas e equipamentos por parte dos axentes culturais, en especial o impulso de centros que faciliten o acceso á cultura da cidadanía».

Por todo isto, en consonancia cos seus obxectivos inmediatos, apróbase a convocatoria pública de subvencións a salas de artes escénicas de titularidade privada para o exercicio 2021, de acordo coas seguintes bases:

Primeira. Obxecto e finalidade

1. Esta resolución, no desenvolvemento das funcións e obxectivos encomendados e previstos na Lei 4/2008, do 23 de maio, de creación da Axencia Galega das Industrias Culturais, ten por obxecto establecer e aprobar as bases reguladoras, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións establecidas pola Agadic para impulsar o desenvolvemento da programación de carácter profesional, das salas de artes escénicas de titularidade privada e así fomentar a súa estabilidade e consolidación, e aprobar a convocatoria para o ano 2022 (código de procedemento CT402D).

Segunda. Procedemento de concesión e principios de xestión

1. Estas axudas deberán cumprir as condicións de exención e os límites do artigo 3 do Regulamento (UE) 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis. O importe total das axudas de minimis concedidas por un Estado membro a unha única empresa non excederá os 200.000 euros durante calquera período de tres exercicios fiscais.

2. A percepción destas axudas é compatible con outras subvencións, axudas e ingresos ou recursos para o mesmo proxecto, procedentes de calquera outra Administración ou ente público ou privado, pero incompatibles con outras para o mesmo proxecto da Consellería de Cultura, Educación e Universidade ou calquera dos seus organismos dependentes.

No caso de percibirse outras axudas, deberase acreditar documentalmente a súa natureza e contía, así como calquera circunstancia que poida afectar substancialmente a execución das actuacións. A comunicación deberá efectuarse tan axiña como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

3. En ningún caso a suma dos importes das axudas concedidas ao abeiro desta resolución poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con subvencións, axudas, recursos ou ingresos procedentes doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais supere o 100 % do custo do evento.

4. Nos anexos da presente resolución deberase cubrir a declaración das axudas percibidas polas persoas solicitantes.

5. A xestión destas subvencións realizarase en réxime de concorrencia competitiva e de acordo cos seguintes principios:

a) Publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación.

b) Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Administración outorgante.

c) Eficiencia na asignación de efectivos e na utilización de recursos públicos.

6. A normativa aplicable a estas subvencións axustarase ao disposto na presente resolución aprobatoria das bases de subvencións a salas de artes escénicas para o ano 2021; á Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; ao Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións; á Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, así como aos preceptos básicos do Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei xeral de subvencións; á Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas; á Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais; á Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, e demais normativa de xeral aplicación.

7. Sobre estas bases poderase obter información na páxina web da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), http://www.agadic.gal, especialmente no que atinxe ás obrigas e exixencias establecidas pola Agadic en materia de programación.

8. De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Terceira. Persoas beneficiarias da subvención

1. Poderán acceder ás axudas as persoas físicas (autónomas) e xurídicas xestoras de salas de artes escénicas de titularidade privada, sempre que se dean as seguintes circunstancias:

a) A persoa solicitante deberá probar a dispoñibilidade da sala mediante copia de escritura, contrato de alugueiro ou calquera documento válido en dereito.

b) A persoa solicitante deberá estar en posesión da correspondente licenza de apertura da sala para poder desenvolver a axuda que solicita.

c) A sala deberá ter unha capacidade igual ou inferior a 150 localidades.

d) A persoa solicitante deberá acreditar que a sala para a cal solicita a axuda realizou un mínimo de 30 representacións no ano 2021.

2. Non poderán obter a condición de beneficiarias as persoas ou entidades en que concorra algunha das prohibicións establecidas nos termos previstos no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. En todo caso, as persoas solicitantes presentarán unha declaración responsable de non estar incursas en tales circunstancias, consonte o modelo establecido no anexo I desta convocatoria.

3. Non poderán obter a condición de beneficiarias as asociacións e outras entidades sen ánimo de lucro.

Cuarta. Procedemento, créditos, contías e límites

1. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase polo procedemento ordinario e en réxime de concorrencia competitiva.

2. O importe global máximo da subvención será de 150.000 euros, suma que irá con cargo á aplicación orzamentaria 10.A1.432B.770 do orzamento de gastos de Agadic, código do proxecto 2015-0003.

3. O importe previsto poderá ser incrementado ao longo do exercicio, nos supostos establecidos no artigo 31.2 da Lei de subvencións de Galicia e tras declaración previa de dispoñibilidade de crédito, logo da modificación orzamentaria que proceda e sempre antes da resolución de concesión. Se é o caso, a ampliación de crédito deberase publicar nos mesmos medios que esta convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.

4. Concederase unha dotación máxima de 60.000 euros por entidade beneficiaria co límite do 75 % do orzamento do proxecto presentado.

Quinta. Gastos subvencionables

1. Considéranse gastos subvencionables os gastos que, de forma indubidable, respondan á natureza da actividade subvencionada, realizados entre o 1 de novembro de 2021 e o 31 de outubro de 2022, tales como:

a) Remuneracións por espectáculo.

b) Gastos por servizos asociados á programación, entendendo por estes gastos de servizos técnicos e auxiliares e outros de carácter profesional necesarios para levar a cabo o obxecto da subvención.

c) Gastos en dereitos de autor.

d) Gastos de difusión en plataformas en liña ou streaming dos espectáculos realizados desde a propia sala.

e) Gastos en comunicación e publicidade.

f) Gastos en contratación de persoal vinculado ao proxecto.

g) Ata o 10 % de custos indirectos, tales como alugueiros, subministracións, gastos correntes e de servizos, gastos financeiros, de xestoría e seguros recollidos no artigo 29 da Lei 9/2007 de subvencións de Galicia.

De conformidade co punto 9 do citado artigo, os custos indirectos sempre que se imputen pola persoa beneficiaria á actividade subvencionada farase de conformidade cos principios e normas de contabilidade xeralmente admitidos e, en todo caso, na medida en que tales custos correspondan ao período en que efectivamente se realiza a actividade.

2. Non serán subvencionables os gastos relativos:

a) Aos xuros debedores das contas bancarias.

b) Ao imposto sobre o valor engadido, así como os impostos de natureza similar que sexan recuperables pola entidade.

c) A calquera outro non vinculado directamente coa actividade obxecto da subvención.

Sexta. Inicio do procedemento: solicitudes

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Sétima. Prazo de presentación das solicitudes e emenda

1. O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes desde o día seguinte ao da publicación da correspondente convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

2. Se a solicitude non estivese debidamente cuberta, non se achegase a documentación exixida ou non se reunisen os requisitos sinalados na normativa da convocatoria ou os que, con carácter xeral, se indican na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, a persoa interesada será requirida para que no prazo de 10 días hábiles, contados desde o día seguinte ao da notificación do requirimento, emende o defecto advertido, a falta detectada ou presente os documentos preceptivos, e indícase ademais que, de non o facer, se considerará que desiste na súa petición, logo de resolución que declarará esta circunstancia e que deberá ser ditada nos termos previstos na lei.

Oitava. Documentación complementaria

1. Ademais da solicitude (anexo I) as persoas interesadas nesta subvención presentarán, con carácter xeral, a seguinte documentación:

a) Ficha do proxecto de programación artística (anexo II).

b) Plan económico-financeiro (anexo III).

c) Plan de comunicación e xestión de públicos coa explicación detallada dos obxectivos, das accións previstas para a fidelización de público e as accións previstas para a formación e captación de novos públicos.

d) Escritura de propiedade, contrato de alugueiro ou outros documentos válidos en dereito, que amose a dispoñibilidade da sala por parte da persoa solicitante.

e) Licenza de apertura do espazo.

f) Contratos laborais do persoal vinculado ao proxecto.

2. Se a persoa solicitante é unha persoa xurídica, ademais da documentación requirida no punto anterior, deberá presentar:

a) Certificado do acordo de solicitude da axuda.

b) Estatutos rexistrados e escrituras de constitución inscritos no rexistro que corresponda.

c) Documentación que acredite suficientemente a representación de quen asina a solicitude.

3. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

4. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

6. No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Novena. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

– DNI ou NIE da persoa solicitante.

– DNI ou NIE da persoa representante.

– NIF da entidade solicitante.

– Certificado de estar dado de alta no imposto de actividades económicas, na epígrafe/subepígrafe que corresponda, no exercicio actual.

– Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa Axencia Estatal de Administración Tributaria.

– Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

– Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas coa Comunidade Autónoma.

– Consulta de concesións de subvencións e axudas.

– Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

– Consulta de concesións pola regra de minimis.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Décima. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencias contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Décimo primeira. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Décimo segunda. Instrución do procedemento e avaliación das solicitudes

1. A Dirección da Agadic, directamente ou a través dos seus servizos administrativos, actuará como órgano instrutor do procedemento, nos termos previstos no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e correspóndelle realizar de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos que se debe pronunciar a resolución. En particular, terá atribuídas especificamente as seguintes funcións:

a) Examinar as solicitudes e documentación presentadas.

b) Requirir das persoas solicitantes a emenda ou achega da documentación que resulte de obrigado cumprimento.

c) Formular a proposta de resolución, debidamente motivada, indicando o número de solicitudes subvencionadas e o importe económico correspondente a cada unha delas, unha vez entregado o informe por parte da Comisión de Avaliación.

2. Co fin de facilitar unha mellor avaliación das solicitudes, poderánselles pedir datos, información complementaria ou aclaratoria necesaria ás persoas interesadas, así como a persoas profesionais ou expertas na materia e a outros servizos da Consellería de Cultura, Educación e Universidade.

Sen prexuízo das facultades que teñan atribuídas outros órganos da Administración do Estado ou da Comunidade Autónoma, a Dirección da Agadic e as unidades administrativas encargadas da tramitación e seguimento do expediente respectivo poderán comprobar, en todo momento, a aplicación das subvencións concedidas para os fins programados e levarán a cabo as funcións de control, así como de avaliación e seguimento e demais actuacións que derivan destas bases. Para estes efectos, as persoas beneficiarias deberán cumprir coas obrigas de comprobación que se establezan nesta resolución e na de adxudicación da subvención. Para realizar estas funcións, poderanse utilizar cantos medios estean á disposición da Dirección da Agadic para comprobar o cumprimento dos requisitos exixidos nesta resolución e na restante normativa vixente que resulte de aplicación.

Décimo terceira. Comisión de Avaliación e criterios de valoración

1. A Comisión de Avaliación será nomeada pola persoa titular da Dirección da Agadic e estará constituída por:

a) Dúas persoas do cadro de persoal da Agadic, unha das cales asumirá a presidencia.

b) Unha persoa do cadro de persoal da Agadic, sen dereito a voto, que fará as funcións de secretario/a.

A condición de vogal da Comisión ten carácter persoal e non pode actuar por delegación nin ser substituído en ningún caso, e non poderá estar directa ou indirectamente relacionada cos expedientes obxecto de valoración.

2. Na concesión das subvencións seguirase un procedemento de concorrencia competitiva, no cal a Comisión de Avaliación emitirá un informe motivado relacionando os proxectos examinados por orde de prelación, e indicará a puntuación asignada a cada un deles, segundo os criterios de avaliación establecidos na presente convocatoria. A asignación das contías farase en proporción á puntuación recibida e ao orzamento solicitado, sen exceder os límites establecidos.

3. Os criterios xerais de valoración serán os seguintes:

a) Criterios automáticos.

Criterios automáticos

Puntos

38

1. Antigüidade da empresa como xestora da sala para a cal se solicita a axuda

Puntos

4

a) De 2 a 5 anos

 

1

b) De 6 a 10 anos

 

2

c) Máis de 11 anos

 

4

2. Capacidade da sala

Puntos

2

a) De 60 a 100 espectadores

 

1

c) Máis de 101 espectadores

 

2

3. Pertenza da sala á Rede galega de salas no ano anterior

Puntos

2

4. Número de funcións que se van realizar

Puntos

5

a) Entre 61 e 70 funcións

1

b) Entre 71 e 90 funcións

3

c) Máis de 90 funcións

5

5. Programación de compañías galegas

Puntos

7

a) Entre o 20 % e 40 % do total das compañías programadas

 

1

b) Entre o 41 % ao 60 % do total das compañías programadas

 

3

c) Máis do 61 % do total de compañías programadas

 

7

6. Número de días con actividade aberta ao público

Puntos

5

a) Entre 51 a 70 días

1

b) Entre 71 a 100 días

3

c) Máis de 101 días

 

5

7. Actividades complementarias: fomento de novos creadores, programas formativos e programas de colaboración con centros

 Puntos

3

a) Entre 3 e 5 actividades

1

b) Máis de 5 actividades

3

8. Cadro de persoal implicado no proxecto con contrato laboral no momento da solicitude

Puntos

5

a) Ata 2 persoas traballadoras

1

b) Entre 3 e 4 persoas traballadoras

3

c) Máis de 4 persoas traballadoras

5

9. Porcentaxe de subvención solicitada con respecto ao orzamento do proxecto

Puntos

5

a) Ata o 30 %

5

b) Máis do 30 % ata o 50 %

3

c) Máis do 50 % ata o 75 %

1

b) Criterios técnicos.

Criterios técnicos

Puntos

9

1. Plan de financiamento proposto

 

Ata 3 puntos

2. Plan de comunicación e xestión de públicos

 

Ata 6 puntos

a) Obxectivos do plan de comunicación

Ata 2 puntos

b) Accións previstas para a fidelización de público

Ata 2 puntos

c) Accións prevista para a formación e captación de novos públicos

Ata 2 puntos

A concesión de axudas requirirá unha puntuación mínima que, en ningún caso, pode ser inferior a 25 puntos.

Décimo cuarta. Resolución da convocatoria

1. Instruído o procedemento, o órgano instrutor, á vista do expediente da documentación requirida e unha vez entregado o informe preceptivo por parte da Comisión de Valoración, ditará a proposta de resolución indicando o número de solicitudes subvencionadas e o importe económico da subvención correspondente a cada unha delas, que elevará á Presidencia do Consello Reitor da Agadic.

2. A Presidencia do Consello Reitor da Agadic, por delegación do Consello Reitor segundo a disposición adicional do Acordo do 24 de xullo do 2012 (DOG núm. 164, do 29 de agosto), deberá ditar resolución expresa, no prazo de 15 días desde a data de elevación da proposta de resolución. A citada resolución deberase ditar e notificar no prazo máximo de cinco meses, contados desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria pública, será motivada e fará mención expresa das persoas beneficiarias, da contía da axuda (en equivalente bruto de subvención) e dunha desestimación xeneralizada do resto dos proxectos solicitados, así como os recursos que proceda interpor contra ela.

Deberá comunicarse por escrito á persoa beneficiaria o seu carácter de axuda de minimis exenta en aplicación do Regulamento (UE) nº 1407/2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis.

3. O vencemento do prazo máximo indicado sen que se notifique a resolución posibilitará que os interesados poidan entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.

4. A resolución da convocatoria porá fin á vía administrativa e contra ela poderanse interpor os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante a Presidencia do Consello Reitor da Agadic, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa.

b) Recurso contencioso-administrativo ante a sala do contencioso-administrativo dos xulgados de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa.

Décimo quinta. Notificacións de resolucións e actos administrativos

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Décimo sexta. Aceptación da axuda

1. Unha vez notificada a resolución, a entidade beneficiaria comunicará á Agadic a aceptación por escrito da subvención concedida no prazo máximo de 10 días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución de concesión. Transcorrido este prazo sen comunicarse esta aceptación ou sen producirse manifestación expresa, entenderase como tacitamente aceptada.

2. A entidade beneficiaria deberalle remitir á Agadic a memoria económica financeira adaptada á subvención concedida (só no suposto de que a subvención recibida sexa inferior á solicitada e, como máximo, pola diferenza entre ambas as cantidades. Esta documentación deberase remitir no prazo máximo de 10 días hábiles, contados desde a notificación da resolución de concesión.

Décimo sétima. Obrigas específicas das persoas beneficiarias

As persoas beneficiarias da subvención adquiren os seguintes compromisos e obrigas, de conformidade co establecido no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, sen prexuízo das demais obrigas que resulten da presente convocatoria:

a) Cumprir o obxectivo e realizar a actuación subvencionada, de conformidade co proxecto presentado ou, se é o caso, ao modificado coa autorización da Agadic.

b) Cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas no texto refundido da Lei de contratos do sector público, para o contrato menor, a persoa beneficiaria deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, prestación do servizo ou entrega do ben, salvo que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren, ou salvo que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención.

c) En canto á subcontratación observarase o disposto no artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

d) Someterse ás actuacións de comprobación, control e inspección que efectúe o órgano concedente e ás de control financeiro que lle corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, aos cales se facilitará canta información sexa requirida para este efecto, todo isto de conformidade co disposto na Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e demais normativa regulamentaria de desenvolvemento, e conservar os documentos xustificativos de aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control e de conformidade co procedemento recollido no artigo 23 e concordantes da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

e) Comunicarlle ao órgano concedente a obtención doutras subvencións, ingresos, axudas ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera das administracións públicas ou entes públicos autonómicos, nacionais ou internacionais, así como calquera outra modificación das circunstancias que no seu día foron tidas en conta para a súa concesión, e dos compromisos e obrigas asumidos polas persoas beneficiarias. Esta comunicación deberase efectuar no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

f) Facer constar na súa publicidade, incluída a realizada a través de páxinas web, ou na información que xeren en relación ao proxecto subvencionado, o financiamento dos seus proxectos pola Xunta de Galicia a través da Axencia Galega das Industrias Culturais. Os custos correspondentes á dita publicidade serán por conta da persoa beneficiaria.

Así mesmo, farase constar a marca Xacobeo 21-22, de acordo co Manual de identidade, aprobado polo Decreto 167/2018, do 28 de novembro, polo que se regula a utilización da marca Xacobeo 2021 (DOG núm. 1, do 2 de xaneiro de 2019).

g) Inscribir a programación da sala na plataforma de xestión www.galescena.gal, nos prazos establecidos pola Axencia.

h) Cumprir coas exixencias establecidas e publicadas na páxina web da Agadic en canto ao funcionamento e programación da Rede galega de salas dado que, como persoas beneficiarias destas axudas, conformarán a Rede galega de salas (RGS).

2. O incumprimento dos anteriores deberes previstos e obrigas por parte dos adxudicatarios dará lugar á exixencia das responsabilidades ou sancións previstas no título IV da indicada Lei galega 9/2007, sen prexuízo do disposto no artigo 24 destas bases.

Décimo oitava. Xustificación da subvención

1. As entidades beneficiarias terán que xustificar a totalidade do custo do proxecto a través dunha conta xustificativa que deberá incluír todos os gastos vinculados á programación e proxecto presentados, cuxo prazo de xustificación remata o día 20 de novembro de 2022.

2. Os gastos xustificados deberán responder, de maneira indubidable, á natureza da actividade subvencionada e ter correspondencia clara coas partidas do orzamento aceptadas pola Axencia Galega das Industrias Culturais na resolución de concesión da subvención ou coas modificacións, de ser o caso, autorizadas.

3. Só se considerará gasto realizado o que foi efectivamente pagado con anterioridade á finalización do período de xustificación.

4. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido ou a concorrencia dalgunha das causas de reintegro previstas no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia. Neste caso, ditarase a oportuna resolución nos termos do artigo 21.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

5. As entidades beneficiarias deberán entregar a seguinte documentación:

a) Memoria xeral da actividade realizada, segundo o orzamento presentado.

b) Balance de ingresos e gastos (anexo IV).

c) Relación completa dos gastos realizados, polo importe total do orzamento presentado dos gastos de explotación (anexo V).

d) Copias dos xustificantes dos gastos realizados e imputados á subvención.

e) Xustificantes do ingreso na Facenda pública das cantidades retidas á conta do imposto sobre a renda das persoas físicas correspondentes aos contratos formalizados, de acordo coas porcentaxes de retención legalmente establecidas, así como, se é o caso, os xustificantes de pagamento das cotas da Seguridade Social correspondentes aos ditos contratos.

f) Certificación bancaria acreditativa da realización dos pagamentos correspondentes a todos os gastos imputados á subvención concedida, sen que se admitan os pagamentos en efectivo.

g) Unha copia en formato CD, DVD ou outro sistema analóxico ou dixital, dos soportes visuais, gráficos ou sonoros (catálogos, programas, carteis, vídeos, etc.) empregados para a difusión e promoción da actividade subvencionada; esta documentación poderase achegar igualmente por vía electrónica ou telemática e para os únicos efectos da comprobación da realización da actividade.

h) Declaración de axudas: relación de subvencións, achegas ou outros recursos concedidos para o mesmo obxecto por outras administracións públicas, así como declaración das axudas concedidas en réxime de minimis durante os tres últimos exercicios (anexo VI).

Décimo novena. Pagamento

1. O pagamento da subvención realizarase unha vez recibida a documentación xustificativa e realizadas as actuacións de comprobación oportunas para verificar o cumprimento da actividade subvencionada polos órganos competentes da Axencia.

2. Procederá a minoración da subvención concedida cando o investimento realizado teña un custo inferior ao inicialmente previsto e sempre que esta minoración, debidamente xustificada pola entidade beneficiaria, non supoña unha realización deficiente da actuación subvencionada.

3. Previamente ao pagamento, as entidades beneficiarias acreditarán que se atopan ao día nas súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social e que non teñen pendente de pagamento ningunha débeda por ningún concepto coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia e non son debedores por resolución de procedencia de reintegro.

4. Para estes efectos, se a persoa beneficiaria se opón á consulta ou denega expresamente a autorización para que sexa o órgano xestor quen recade esta información, deberá achegar as ditas certificacións, de conformidade co disposto no artigo 9.2. Conforme o artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, se as actuacións de oficio realizadas polo órgano instrutor desen como resultado que a persoa beneficiaria ten débedas ou obrigas con algunha destas administracións, requiriráselle que regularice a súa situación e presente por si mesma os correspondentes certificados.

Vixésima. Pagamentos anticipados

1. As entidades beneficiarias, unha vez ditada a resolución de concesión da subvención, poderán solicitar un anticipo de ata o 50 % da subvención concedida, ao abeiro do disposto no artigo 63 do Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, sen que se supere a anualidade prevista en cada exercicio orzamentario. A concesión do anticipo realizarase mediante resolución motivada.

2. As persoas beneficiarias que reciban pagamentos anticipados, cando estes excedan a cantidade de 18.000 euros, deberán constituír unha garantía, mediante seguro de caución prestado por entidade aseguradora ou mediante aval solidario de entidade de crédito ou sociedade de garantía recíproca, que deberá cubrir o 110 % do importe do anticipo, e deberá alcanzar, como mínimo ata os dous meses seguintes á finalización do prazo de xustificación, segundo o establecido no artigo 67 do Regulamento da Lei de subvencións de Galicia.

Vixésimo primeira. Pagamentos á conta

1. As persoas beneficiarias, unha vez ditada a resolución de concesión da subvención, poderán solicitar pagamentos á conta, tal e como se recolle no artigo 62 do Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, o que poderá supoñer a realización de pagamentos fraccionados que responderán ao ritmo de execución das accións subvencionadas. A porcentaxe máxima dos pagamentos á conta non excederá o 50 % do importe da subvención concedida nin excederá a anualidade prevista en cada exercicio orzamentario.

2. As persoas beneficiarias que reciban pagamentos á conta, cando estes excedan a cantidade de 18.000 euros, deberán constituír unha garantía, mediante seguro de caución prestado por entidade aseguradora ou mediante aval solidario de entidade de crédito ou sociedade de garantía recíproca, que deberá cubrir o 110 % do importe do anticipo, e deberá alcanzar, como mínimo ata os dous meses seguintes á finalización do prazo de xustificación, segundo o establecido no artigo 67 do Regulamento da Lei de subvencións de Galicia.

Vixésimo segunda. Modificación da resolución

1. A Axencia Galega das Industrias Culturais ten a facultade de revisar as axudas concedidas e modificar a resolución de concesión no caso de alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención.

2. As persoas beneficiarias teñen a obriga de solicitar á Agadic a aceptación de calquera modificación ou alteración relevante ou significativa sobre o proxecto subvencionado. Para que tales modificacións poidan ser tidas en conta na xustificación deberán ser previamente aceptadas pola Agadic. As alteracións non autorizadas, ou non solicitadas, poderán dar lugar á minoración da subvención concedida ou á súa revogación.

3. Non se aceptarán modificacións que afecten os requisitos para poder optar ás subvencións exixidos no artigo 3 desta resolución.

4. En canto ao resto das modificacións solicitadas, a Agadic poderá acordar, de xeito motivado, a modificación da resolución de concesión, coa minoración proporcional derivada das alteracións.

Vixésimo terceira. Incumprimento, reintegro e sancións

1. O incumprimento das obrigas contidas nestas bases reguladoras, na convocatoria ou na demais normativa aplicable, así como das condicións que, de ser o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros de demora desde o momento do pagamento da subvención ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro, nos casos e termos establecidos no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como polo título V do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e en particular polo incumprimento de calquera dos requisitos e obrigas estipulados nesta convocatoria pública.

2. Para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Ás persoas beneficiarias das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Vixésimo cuarta. Réxime de recursos

A convocatoria destas axudas, as súas bases e todos cantos actos administrativos deriven dela poderán ser impugnados interpoñendo os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante o presidente do Consello Reitor da Axencia Galega das Industrias Culturais, no prazo dun mes contado a partir do seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

b) Recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da publicación da resolución, de conformidade co disposto no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Disposición derradeira. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 8 de marzo de 2022

Román Rodríguez González
Presidente do Consello Reitor da Axencia Galega
das Industrias Culturais 

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file