Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 53 Xoves, 17 de marzo de 2022 Páx. 18276

VI. Anuncios

b) Administración local

Concello de Santiago de Compostela

ANUNCIO de información pública do estudo de detalle dos quinteiros 1 e 2 do Plan parcial do SUP-1 (Romero Donallo).

A Xunta de Goberno Local do Concello de Santiago de Compostela, na sesión que tivo lugar o día 7 de febreiro de 2022, adoptou o seguinte acordo:

a) Aprobar inicialmente o estudo de detalle dos quinteiros 1 e 2 do Plan parcial do SUP-1 (Romero Donallo), segundo o proxecto presentado o 2.12.2021 por Santiago Sur Galicia, S.L., asinado polo arquitecto Fernando Arteaga Ros, que afecta ás seguintes parcelas catastrais:

6867717NH3466F0000XO (quinteiro 1).

6867718NH3466F0000IO (quinteiro 2).

b) En aplicación do procedemento regulado no artigo 194.2 do Regulamento de desenvolvemento da Lei do solo de Galicia, o proxecto someterase a información pública durante o prazo dun mes, con citación persoal dos propietarios catastrais dos terreos afectados, e anuncios que para o efecto se publicarán no Diario Oficial de Galicia e nun xornal dos de maior difusión na provincia.

Durante o trámite de información pública solicitaranse os informes sectoriais preceptivos (Estradas do Estado, Patrimonio Cultural e Augas de Galicia).

A aprobación definitiva do estudo de detalle queda condicionada á previa aprobación definitiva da modificación puntual do Plan parcial do SUP-1, nos termos en que foi inicialmente aprobada o 7.12. 2021.

O acordo de aprobación inicial do estudo de detalle determina automaticamente, por aplicación do disposto nos artigos 47.2 da Lei 2/2016, do solo de Galicia, e 86.2 do seu regulamento, a suspensión do procedemento de outorgamento de licenzas de edificación e de parcelación no ámbito dos quinteiros 1 e 2.

A suspensión terá a duración máxima de dous anos, contado desde a aprobación inicial, e extinguirase en todo caso co acordo de aprobación definitiva do estudo de detalle.

A suspensión non afectará os proxectos que cumpran simultaneamente as determinación do plan parcial vixente e as do estudo de detalle inicialmente aprobado.

O que se publica co fin de que, durante o prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación deste anuncio, os interesados poidan consultar o expediente e formular as alegacións que xulguen oportunas. A documentación sometida a exposición pública estará ao dispor dos interesados no Servizo de Planeamento e Xestión Urbanística do Concello de Santiago (Pazo de Raxoi, 2º andar), de luns a venres, das 9.00 ás 14.00 horas, e na páxina web do Concello https://transparencia.santiagodecompostela.gal/E.-D-quinteiros-1_2-do-Plan-parcial-do-SUP-1.-Romero-Donallo/gl

As alegacións poderán presentarse na sede electrónica do Concello de Santiago de Compostela na epígrafe Catálogo de trámites a través do trámite «Presentación de documentación e alegacións» e da opción «Achega libre». Deberase introducir o dato 2020/00005648X no campo «Código do expediente» e incorporar o documento das alegacións.

Tamén se poderán presentar as alegacións por calquera dos outros medios relacionados no artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 18 de febreiro de 2022

O alcalde
P.D. (Decreto 4742/2019, do 17 de xuño)
Mercedes Rosón Ferreiro
Concelleira delegada de Urbanismo, Vivenda e Cidade Histórica