Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 53 Xoves, 17 de marzo de 2022 Páx. 17987

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

RESOLUCIÓN do 9 de marzo de 2022, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade, pola que se dá publicidade da encomenda de xestión á Empresa de Transformación Agraria, S.A., S.M.E., M.P. (Tragsa), como medio propio personificado, para a execución das obras de apuntalamento do edificio do Hospital Gil Casares en Santiago de Compostela.

De conformidade co previsto no artigo 9 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, dáse publicidade da Resolución do conselleiro de Sanidade e presidente do Servizo Galego de Saúde, do 8 de marzo de 2022, pola que se encomenda á Empresa de Transformación Agraria, S.A., S.M.E., M.P. (Tragsa), como medio propio personificado, a execución das obras de apuntalamento do edificio do Hospital Gil Casares en Santiago de Compostela.

– Actividades:

Obras urxentes na estrutura metálica dos piares de fachada, que se atopa en avanzado estado de corrosión, con perdas de sección, mesmo con ausencia de material nalgúns casos. A causa da perda de capacidade portante da estrutura e degradación continua, ao estaren os devanditos piares extradorsados en ladrillo, existe o risco de caída de cascallos debido á expansión dos perfís metálicos polos procesos de corrosión.

As actividades inclúen a realización das seguintes tarefas:

a) Creación dun perímetro de seguridade a 3 metros das fachadas para evitar a posible caída de cascallos. Este perímetro realizarase en todo o ámbito das ampliacións, dado que hai distintos puntos onde poden desprenderse fragmentos de fachada.

b) Colocación de redes de seguridade contra a caída de cascallos na entrada ao semisoto e restrinxir o tráfico da dita saída, aínda que se deberá manter operativa xa que se trata dun percorrido de evacuación.

c) Instalación dun pórtico de seguridade entre os piares 44 e 41 para xerar un paso seguro desde o patio interior en caso de emerxencia.

d) Apuntalamento do pano comprendido entre os piares 36-37-38-39-40-41 (xunto ao edificio orixinal), dado que son os piares máis afectados pola corrosión.

– Natureza e alcance da xestión encomendada: a Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico, regula a colaboración no ámbito do sector público autonómico, partindo dos principios de colaboración, cooperación e asistencia recíprocas co fin de garantir a eficacia do sector público e o uso eficiente dos recursos públicos. Así mesmo, introduce no seu artigo 8 o concepto de autoprovisión de bens e servizos dentro do propio sector público.

O artigo 10 da citada lei recolle os instrumentos e procedementos para facer efectivos os principios de cooperación, colaboración e asistencia, entre os que se atopan as encomendas de xestión, reguladas especificamente no artigo 13, que remite á Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

– Prazo de vixencia: o encargo terá unha duración dun ano a partir da súa aprobación.

Santiago de Compostela, 9 de marzo de 2022

Alberto Fuentes Losada
Secretario xeral técnico da Consellería de Sanidade