Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 48 Xoves, 10 de marzo de 2022 Páx. 16940

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Universidade

RESOLUCIÓN do 28 de febreiro de 2022, da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, pola que se incoa o procedemento para declarar ben de interese cultural a moeda denominada Sestercio de Augusto.

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade recibiu a petición da Dirección Xeral de Belas Artes do Ministerio de Cultura e Deporte para iniciar o procedemento de declaración de ben de interese cultural dunha moeda da ceca da Hispania romana (Emisións do Noroeste) denominada Sestercio de Augusto, despois de declarar a súa inexportabilidade pola Orde ministerial do 30 de decembro de 2020 polo seu especial interese para o patrimonio histórico español, tendo en conta que a moeda se atopa en Galicia. A devandita solicitude contén un informe técnico que xustifica o carácter excepcional da peza, da cal só se coñecen tres exemplares do seu tipo e ningún deles en coleccións españolas.

A Comunidade Autónoma de Galicia, ao abeiro do artigo 149.1.28 da Constitución e segundo o disposto no artigo 27 do Estatuto de autonomía, asumiu a competencia exclusiva en materia de patrimonio cultural e, en exercicio desta, apróbase a Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, en diante LPCG.

O artigo 1.2 da devandita LPCG establece que: «[...] O patrimonio cultural de Galicia está constituído polos bens mobles, inmobles ou manifestacións inmateriais que, polo seu valor artístico, histórico, arquitectónico, arqueolóxico, paleontolóxico, etnolóxico, antropolóxico, industrial, científico e técnico, documental ou bibliográfico deban ser considerados como de interese para a permanencia, recoñecemento e identidade da cultura galega a través do tempo. Así mesmo, integran o patrimonio cultural de Galicia todos aqueles bens ou manifestacións inmateriais de interese para Galicia nos que concorra algún dos valores enumerados no parágrafo anterior e que se encontren en Galicia, con independencia do lugar no que fosen creados».

O artigo 8.2 da LPCG establece que: «[...] terán a consideración de bens de interese cultural aqueles bens e manifestacións inmateriais que, polo seu carácter máis sobranceiro no ámbito da Comunidade Autónoma, sexan declarados como tales por ministerio da lei ou mediante decreto do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de patrimonio cultural, de acordo co procedemento establecido nesta lei». Máis adiante este artigo establece que os bens poden ser inmobles, mobles ou inmateriais.

O artigo 9.2 da LPCG determina que «[...] para os efectos desta lei, terán a consideración de bens mobles, ademais dos enumerados no artigo 335 do Código civil, aqueles susceptibles de ser transportados non estritamente consubstanciais coa estrutura do inmoble, calquera que sexa o seu soporte material». Ademais o artigo 11, sobre especialidades dos bens mobles, considera que estes poderán ser declarados bens de interese cultural de forma individual ou como colección.

Como consecuencia do anterior, a directora xeral de Patrimonio Cultural, exercendo as competencias establecidas no artigo 24 do Decreto 198/2020, do 20 de novembro, polo que se dispón a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, en virtude do disposto no título I da LPCG e no Decreto 430/1991, do 30 de decembro, polo que se regula a tramitación para a declaración de bens de interese cultural de Galicia e se crea o Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia e en resposta á petición motivada da Dirección Xeral de Belas Artes do Ministerio de Cultura y Deporte,

RESOLVE:

Primeiro. Incoar o procedemento para declarar ben de interese cultural a moeda da ceca da Hispania romana denominada Sestercio de Augusto conforme o descrito no anexo I desta resolución e proceder cos trámites para a súa declaración.

Segundo. Ordenar que se anote esta incoación de forma preventiva no Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia e que se lle comunique á Administración xeral do Estado para os efectos da súa anotación no Rexistro Xeral de Bens de Interese Cultural da Administración do Estado e o Inventario Xeral de Bens Mobles do Estado.

Terceiro. Aplicar de forma inmediata e provisional o réxime de protección que establece a Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, para os bens de interese cultural e para os bens mobles en particular. O expediente deberá resolverse no prazo máximo de vinte e catro (24) meses desde a data desta resolución ou producirase a súa caducidade e o remate do réxime provisional establecido.

Cuarto. Ordenar a publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial do Estado.

Quinto. Notificar esta resolución ás persoas interesadas.

Santiago de Compostela, 28 de febreiro de 2022

Mª Carmen Martínez Ínsua
Directora xeral de Patrimonio Cultural

ANEXO I

Descrición do ben

1. Denominación: Sestercio de Augusto.

2. Descrición xeral:

• Tipoloxía: moeda.

• Datación: século I a. C.

• Autor: ceca de Hispania romana (Emisións do Noroeste).

• Materia/técnica: bronce/cuñaxe.

• Medida e/ou peso: 38.07 gr.

• Natureza/condición/clase: ben material/moble/individual.

• Localización: o ben pertence a unha colección particular.

3. Datos históricos e descritivos: trátase dunha peza rara, da cal só se coñecen tres exemplares, ningún deles en coleccións españolas. Pertence á serie coñecida «do Noroeste», polo seu lugar de circulación ou «da caetra», polo escudo redondo do reverso, cuñada por Augusto, moi probablemente para facer fronte aos gastos militares das Guerras cántabras (27-19 a. C.), última fase da conquista romana da Península Ibérica. Presenta no anverso una cabeza á esquerda, detrás caduceo, diante palma; IMP AVG DIVI F externa. No reverso a caetra, ao redor dúas orlas de tachóns circulares. AE 38,07 g. Pátina verde con tons vermellos.

4. Valoración cultural: pódese dicir que esta moeda é case única, xa que só se coñecen tres exemplares: un atopado en 2005 nunha escavación arqueolóxica en Bracara Augusta (Braga-Portugal), conservada no Museu de Arqueoloxía don Diego de Sousa. Outra vendeuse nunha poxa en 1968 e 1979 e o seu paradoiro actual é descoñecido. Este exemplar foi adquirido nunha poxa en Nova York en 1999 e foi publicado en diversas monografías científicas de referencia para o estudo da moeda romana provincial en Hispania. A serie non presenta marcas de ceca nin de datación, polo que a súa data de emisión e lugar de produción non están definidas e son obxecto de investigación. Atribúese a cecas como a de Emerita (Mérida), Lucus (Lugo), ou Colonia Patricia (Córdoba) e a talleres móbiles que acompañaban o exército.

5. Réxime de protección e salvagarda: a incoación para declarar ben de interese cultural a moeda denominada Sestercio de Augusto, determinará a aplicación inmediata, aínda que provisional, do réxime de protección previsto na presente lei para os bens xa declarados, segundo o artigo 17.4 da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia (LPCG) e co que se establece na Lei 16/1985, do 25 de xuño, do patrimonio histórico español (LPHE) en materia de exportación e espolio. Este réxime implica a súa máxima protección e tutela, polo que a súa utilización quedará subordinada a que non se poñan en perigo os valores que aconsellan a súa protección. Este réxime implica:

• Autorización: as intervencións que se pretendan realizar terán que ser autorizadas pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade.

• Deber de conservación: as persoas propietarias, posuidoras ou arrendatarias e, en xeral, as titulares de dereitos reais sobre os bens están obrigadas a conservalos, mantelos e custodialos debidamente e a evitar a súa perda, destrución ou deterioración.

• Acceso: as persoas propietarias, posuidoras ou arrendatarias e, en xeral, as titulares de dereitos reais sobre os bens están obrigadas a permitir o acceso ao persoal habilitado para a función inspectora, ao persoal investigador e ao persoal técnico da Administración nas condicións legais establecidas. Este acceso poderá ser substituído para o caso de investigación polo seu depósito na institución ou entidade que sinale a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, e que non poderá superar os dous meses cada cinco anos.

• Visita pública: as persoas propietarias, posuidoras ou arrendatarias e, en xeral, titulares de dereitos reais sobre os bens, deberán permitir a visita pública nas condicións establecidas na normativa vixente, que poderá ser substituída polo depósito para a súa exposición durante un período máximo de cinco meses cada dous anos.

• Transmisión: toda pretensión de transmisión onerosa da propiedade ou de calquera dereito real de desfrute deberá ser notificada á Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, con indicación do prezo e das condicións en que se propoña realizala e a Administración poderá exercer os dereitos de tanteo ou retracto nas condicións legais establecidas.

• Expropiación: o incumprimento das obrigas de conservación será causa de interese social para a expropiación forzosa por parte da Administración competente.

• Traslado: calquera traslado deberá ser autorizado pola Dirección Xeral do Patrimonio Cultural con indicación da orixe e destino, carácter temporal ou definitivo e condicións de conservación, seguridade, transporte e, se é o caso, aseguramento, exceptuando os casos de exportación.

• Exportación: a Orde ministerial do 30 de decembro de 2020, do Ministerio de Cultura e Deporte, declarou a súa inexportabilidade nos termos recollidos no artigo 5 da LPHE.